InicioMovementos SociaisElefantes de Papel, CAP 9: Cambiando a perspectiva do que realmente importa

Elefantes de Papel, CAP 9: Cambiando a perspectiva do que realmente importa

PUBLICADO O

Os Elefantes de Papel achéganse xa á final da súa viaxe. É o noveno día de María e Berto na illa grega de Lesbos, onde se atopan os campos de refuxiados de Pipka e Moria, e tiveron que enfrontarse ás primeiras despedidas. Ao final da crónica, o índice de capítulos.

“Hoxe toco decir adeus. As actividades cos cativos de Pikpa descansan durante a fin de semana e o domingo tócanos coller o avión de volta”, lamentaron este venres os nosos elefantiños.

No seu último día de traballo, o mar, que segue moi picado, “converteuse en aliado, ofrecendo unhas enormes olas coas que non pararon de xogar, saltar e divertirse”, destacan con ledicia. Mustafa, Alí ou “Mari Pili” quedarán para sempre nas súas lembranzas como un agasallo da vida.

O segundo grupo do Proxecto Auga, que vén do campo de Moria, está composto por adolescentes. “Falando con algúns deles cóntannos as duras condicións de Moria. Soñan con conseguir o pasaporte e empezar de cero. Os ollos énchenselles de bágoas. Ningún deles pasa dos dezasete anos e moitos chegaron a Lesbos sós, deixando atrás pais, nais, irmáns e un fogar”, lamentan.

Son nenos que, “por idade”, “xa perderon o atrevemento inconsciente dos pequenos, e os que non saben nadar aférranse aos monitores como á vida, ou deciden saír da auga cando o medo lles pode. Os que quedan dentro deixan por un intre a obriga de converterse en adultos e gozan das olas como os rapaces que son”.

Clases de guitarra no Welcome Home / Elefantes de Papel

“Non hai persoa na terra que, con esas idades, merezan pasar polo que eles están pasando, e aínda así, sorrín e agradecen cun “my friend” o tempo que pasamos con eles. Somos nós os que deberiamos agradecerlles a lección de humanidade que cada día nos mostran”, recoñecen Berto e mais María.

Deron unha das súas últimas voltas pola zona: “Estivemos de novo no Mosaik Support Center. Queriamos coñecer a tenda que recicla os chalecos salvavidas e os transforma en bolsos, moedeiros, cintos… As vendas teñen unha finalidade solidaria e os obxectos resultantes son preciosos, así que non nos puidemos resistir e picamos”.

Obxectos mercados no Mossaik Support Center. / Elefantes de Papel

E seguían os adeus: “Pasamos tamén pola Movil Kitchen de Julio pero xa non estaba. Aproveitamos para despedírmonos de Mar, Andoni e os catro estudantes de medicina (rectificamos; na crónica anterior dixemos dous) que están de voluntarios na cociña. Ningún deles quere marchar. Esta experiencia engancha e che cambia a perspectiva do que realmente importa”. 

Comeron no Welcome Home, o espazo xestionado por Nikos e Katherina que ofrece cincuenta comidas diarias de balde para os “refuxiados”, e onde xa se senten como na casa. Hoxe tiñan clases de guitarra e ioga, e están creando unha biblioteca. É un gusto para eles ver traballar xente de tantas razas, etnias e culturas en harmonía.

Tenda-obradoiro no Mossaik Support Center / Elefantes de Papel

Pero despiden esta crónica con certa preocupación, pendentes dunha sentenza xudicial que ditaminaría o peche do campo de Pikpa, onde sobreviven aquelas persoas en situación de maior vulnerabilidade.

“Desexamos que a xustiza faga honor ao seu nome, que os xuíces que diten sentenza coñezan de primeira man o bo funcionamento do mesmo, a indefensión e desamparo das persoas que viven nel. Gústanos soñar en voz alta“, selaron.

ÍNDICE

CAP 0: Entrevista a María e Alberto antes da viaxe

CAP 1: Curando aos nenos o trauma do mar

CAP 2:  “O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescriptible”

CAP 3: “Refuxiados é un eufemismo, esta xente non ten refuxio”

CAP 4: “Unha broma macabra”

CAP 5: “A importancia de sentirse realizado”

CAP 6: “A Policía entrou pola noite no campo repartindo paus e gases lacrimóxenos”

CAP 7: “O vergoñento cemiterio dos Sen Nome, da illa que non podía absorber máis cadáveres”

CAP 8: “Nunca perdas o brillo que ilumina a túa mirada”

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...