Inicio Blog Páxina 2043

A Policía investiga a un veciño de Vigo por simular un atropelo en Ponteareas

0

A Policia Local de Ponteareas investiga a un veciño de Vigo que intenta simular que foi atropelado. Os feitos aconteceron o pasado 4 de agosto, cando os axentes acudiron a avenida Castelao comisionados por unha chamada por un suposto atropelo dun peón.

Unha vez no lugar, e logo de entrevistarse co suposto atropelado, os axentes xa observaron moitas incoherencias no relato dos feitos. Este peón foi trasladado ao centro médico, onde a súa versión dos feitos ao facultativo do servizo de urxencias tamén foi contraditoria, polo que foi dado de alta.

Segundo a Policía Local, posteriormente este peón se autolesionou nunha caída nos arredores do centro de saúde e foi trasladado ao centro hospitalario Povisa.

Por parte dos axentes continuose coa investigación dos feitos con declaración de diversas testemuñas e condutores, das que se conclúe que este peón simulaba ser atropelado por vehículos parados, poñéndose diante e tirándose ao chan, supostamente para percibir algún beneficio do seguro do vehiculo, considerándose unha estafa.

Todos estes feitos foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Ponteareas.

Marea de Vigo: “Un de cada tres euros das peaxes da AP-9 é beneficio neto para Audasa”

Dende o grupo parlamentario Marea de Vigo defenden que “non é aceptable que Audasa siga ‘sangrando’ á cidadanía con peaxes, dea un servizo absolutamente deficitario e que non exista ningún retorno ás arcas públicas.” Polo tanto, o próximo mércores día 27 presentarán unha moción ao respecto no Concello de Vigo, coa que esperan que a concesionaria pague o IBI íntegro.

Deste xeito, subliñan que “a AP-9 é a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas nunha lei aprobada en 1972, en pleno franquismo, en materia de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión”.

“Trala última prórroga feita na época do goberno de Aznar, a concesión estendíase ata o máximo permitido, 75 anos, consagrando deste xeito o que hoxe é unha realidade: a día de hoxe segue a gozar do mesmo nivel de redución no pago do IBI que a lexislación franquista lle estableceu no seu día”, engaden.

Domaio Protesta.
Rubén Pérez (Marea de vigo), nas protestas de Rande / Miguel Núñez

Por outra banda, e segundo se reflicte na moción da Marea de Vigo, “un de cada dous euros que as galegas e os galegos pagamos nas peaxes da AP-9 é beneficio antes de impostos, e un de cada tres euros é beneficio neto para a empresa concesionaria.”

Marea de Vigo considera esta situación insostible, e, na mesma liña, non comparte o criterio anunciado polo novo Ministerio de Fomento en canto á liberalización das peaxes soamente ás autoestradas cuxa concesión remata entre este ano e 2021, senón que considera que deben ser incluídas outras como a AP-9, “cuxas inversións están absolutamente amortizadas”, aínda que a súa concesión remate despois do 2021.

Nos acordos da moción, o grupo municipal da Marea de Vigo pedirá que se aprobe instar ao Goberno do Estado a realizar as accións oportunas que permitan aos concellos por onde transcorre a AP-9 reclamar o pago íntegro do IBI por parte de Audasa, e ao propio Concello de Vigo, a elaboración dos informes económicos e xurídicos pertinentes cara a levar a cabo dita reclamación.

“En Vigo a cuestión do IBI está en debate permanente, e para o goberno local a cuestión do tramo da AP–9 que pasa por Vigodebería considerarse cos mesmos criterios que o fixo con respecto ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Ningunha delas debería ter exención no pago do IBI, repercutindo estes cartos nas contas do Concello de Vigo en lugar de nas empresas privadas que xestionan ambas infraestruturas” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.

EU acusa ao PP e ao Cunqueiro de organizar campañas de prensa e “purgas” de persoal para lavar a imaxe do Hospital

     O Grupo Municipal de EU-SON vén de solicitar ao Concello de O Porriño que “exprese o súa solidariedade ao persoal  TCAEs; o apoio ás súas reivindicacións e a defensa da Sanidade Pública; ademais de deixar patente o rexeitamento ás coaccións exercidas pola  Dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro contra estas traballadoras”.

   “O Goberno Autonómico de Feijoo en Galicia, foi o que impulsou a privatización máis profunda e de máis alcance do Estado. A gran posta en escena do modelo de colaboración Público-Privada foi a construción e xestión do hospital de Vigo (Álvaro Cunqueiro) cun sobrecusto do centro, que pasou de 450 a 1750 millóns, asumido polo erario público sen que isto carrease melloras, xa que rebaixaron o número de camas, os quirófanos, ou a superficie de Urxencias e os sevizos de radioloxía”, defenden.

 Ademais, consideran “preocupantes” as “derivacións masivas aos hospitais privados, que sempre son xustificadas como alivio ás crecentes listas de espera, unhas listas que non cesan de incrementarse debido á paulatina redución de persoal sanitario na Sanidade Pública”.

Alvaro Cumqueiro
Pasillos no interior do Cunqueiro/ Miguel Nuñez

“Este binomio público-privado ensaiado polo Partido Popular para o Hospital Álvaro  Cunqueiro foi altamente contestado na área sanitaria de Vigo con manifestacións históricas pola alta participación da cidadanía. Para contrarrestar esta alarma social, a administración autonómica utilizou todos os resortes para vender unha imaxe de normalidade para este macro centro hospitalario, desde campañas de prensa ata  purgas do persoal médico máis contestatario“, engaden.

Pero este “relato de normalidade”, engaden, “non calou de todo entre unha cidadanía moi sensible a calquera noticia que deixase patente a excepcionalidade deste hospital que foi un fervedoiro de mobilizacións desde o seu recente posta en funcionamento e case todas elas para denunciar como a dirección política privilexia aos xestores privados en detrimento de o público”.

O último conflito están a protagonizalo as TCAEs, auxiliares de enfermaría, “que fartas de ser as mulas de carga viron como a súa demanda de incrementar o persoal, foi respondida pola Dirección do hospital cun non, e a continuación co aumento das tarefas diarias asumindo cargas de traballo que claramente correspondían á empresa privada concesionaria da xerencia do hospital”, subliñan.

Auxiliares enfermaría
Auxiliares de enfermaría pechadas no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo / Miguel Núñez

O detonante das mobilizacións foi a orde ás TCAEs de asumir a tarefa de trasladar as bolsas de roupa sucia dos pacientes, “cando as auxiliares de enfermería xa están desbordadas ao ser obrigadas a desempeñar labores tamén impropios como a de camareiras”.

“Por suposto, non faltou a aplicación da consabida receita de apertura masiva de            expedientes disciplinarios nun van intento de desarticular as mobilizacións e do uso das forzas policiais para invisibilizar as protestas retirando pancartas e carteis da fachada do hospital”, conclúen.

O Goberno galego segue apostando polo sistema de incineración de Sogama

 A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama),  continuará co modelo de incineración. Por iso, acaba de licitar por un importe de 24.308.100 euros máis IVE o servizo de operación e mantemento da súa rede de plantas de transferencia, conformada por 20 instalacións distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego para dar servizo aos municipios limítrofes.

Este acordo, estipulado inicialmente para un período de 3 anos, poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de 5, cunha posible prórroga excepcional doutro ano máis.

O obxectivo último deste concurso, segundo a Xunta, “é que Sogama siga prestando, en igualdade de condicións e no marco dos principios de equidade e solidariedade, un servizo de calidade aos concellos adheridos ao seu modelo, evitando desta forma que as distancias que, nalgúns casos, poida haber entre estes e o seu centro de tratamento de Cerceda (A Coruña) representen algún tipo de limitación”.

Planta de Sogama en Cerceda
Planta de Sogama en Cerceda

A empresa pública defende o seu sistema porque, di, apostou no seu momento por poñer en marcha unha rede de plantas de transferencia “para solucionar a dificultade loxística que supoñía a elevada dispersión da poboación galega”.

Así, cre que todos os municipios da comunidade, con independencia das súas características e situación xeográfica, poden ter as mesmas prestacións e non ver incrementados os custos derivados da necesidade de percorrer nalgúns casos longas distancias para dar un correcto tratamento aos seus refugallos.

O labor das plantas de transferencia é precisamente o de trasvasar os residuos urbanos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (40-43 metros cúbicos) aptos para seren transportados, por tren ou estrada, a longas distancias e nas mellores condicións de seguridade, hixiénicas e ambientais.

“Polo tanto, neste tipo de instalacións non hai almacenamento, manipulación ou tratamento de refugallos, contando, aínda así, coas medidas de protección ambiental máis exixentes”, defende a Xunta.

Sogama lembra que as súas plantas atópanse situadas en polígonos industriais e están conformadas por unha nave pechada que impide a emisión de ruídos cara ao exterior da instalación, equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga, “o que evita a emisión de po e cheiros, e sistemas de depuración de augas”.

A primeira planta de transferencia en poñerse en funcionamento foi a de Vigo (Guixar), no ano 1995, incorporándose progresivamente as 19 restantes á infraestrutura industrial de Sogama: Corcubión, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Rúa, na provincia de Ourense.

Sí, non é cousa túa. Caeu a rede de WhatsApp, Instagram e Facebook a nivel mundial

0

Pese a que a compañía non notificou nada de momento, o certo é que a web de Downdetector rexistrou xa máis de 22858 notificacións de caída en apenas 15 minutos.

A caída afecta aos servizos de Facebook, WhatsApp e Instagram.

Suspendido en Vigo un xuízo por agresión sexual a unha nena de 6 anos ao non comparecer o acusado

O xuízo previsto para este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, contra un home acusado de agredir sexualmente a unha nena de 6 anos, quedou suspendido pola incomparecencia do procesado, segundo confirmaron fontes xudiciais.

O acusado enfróntase a 6 anos de prisión por agarrar polo pescozo á menor para bicala na boca e tentar facerlle tocamentos.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron o 17 de abril de 2019, cando a nena, de 6 anos, entrou no portal do seu edificio acompañada do seu irmán, de 8 anos. O acusado observou isto e, guiado polo seu ánimo libidinoso, meteuse no portal detrás dos menores.

A continuación, relata o Fiscal, agarrou fortemente á pequena polo pescozo, bicouna na boca e meteulle a man por baixo da roupa para tocarlle as súas partes íntimas, pero non o logrou porque a parella da nai dos nenos, que viña camiñando detrás deles, entrou no portal e impediullo.

Por estes feitos, o ministerio público acúsao dun delito de agresión sexual a menor e dun delito leve de lesións, xa que a pequena sufriu erosións no pescozo e escápula, e arañazos no queixo.

O acusado padece un trastorno de personalidade con trazos psicóticos, cun trastorno de control de impulsos e comportamento impulsivo, polo que a Fiscalía pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de trastorno psíquico.

Tendo isto en conta, reclama para o acusado unha pena de 6 anos de prisión e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa nena por un tempo de 7 anos. Ademais, pide que pague unha multa de 810 euros e que indemnice á menor en 3.250 euros polas lesións e do dano moral.

A Xunta destaca os avances que permitirá a unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil de Vigo

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor este mércores os avances que permitirá a futura unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil que se porá en marcha no Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O titular de Sanidade deu resposta este mércores na Cámara galega a unha pregunta sobre este asunto formulada pola deputada do BNG Alexandra Fernández, quen preguntou á Xunta se porá en marcha nesta cidade unha unidade de desorde alimentaria e asegurou que a existencia dunha soa unidade en toda Galicia, a situada en Santiago, sobre esta problemática é “insuficiente”.

Na súa resposta, o conselleiro lembrou que, hai unha semana, o Sergas publicou a licitación do proxecto desta unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 70.000 euros.

Segundo apuntou, unha vez que se conte co proxecto, licitarase a execución das obras, que están incluídas dentro da partida de 2,7 millóns de euros que os orzamentos da Xunta prevén este ano para as reformas previstas no hospital de Vigo.

O conselleiro detallou que esta nova unidade, de máis de 600 metros cadrados, estará atendida por dous psiquiatras, un psicólogo, un terapeuta ocupacional, un celador, e un amplo equipo de enfermaría especializada en saúde mental.

En fronte, a parlamentaria nacionalista, advertiu de que as desordes alimenticias non só afectan a nenos e adolescentes, polo que avisou de que deste xeito só se atenderá a “parte” das persoas que padecen estes problemas.

O Cunqueiro terá unha unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil de referencia para o sur de Galicia

Os microplásticos, o principal problema da ría de Vigo

0

O proxecto Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT) xa conta con avances destacados, segundo Fernando Martín, do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da UVigo.

A iniciativa, que botou a andar en decembro de 2019, ten como obxectivo buscar ferramentas innovadoras para a monitoraxe da orixe, do percorrido e do destino do lixo mariño a través de imaxes de satélites e drones co fin de controlar e frear a chegada destes residuos aos ecosistemas mariños.

A AMEAZA GLOBAL DOS PLÁSTICOS

O lixo mariño e, en particular, os residuos plásticos supoñen unha seria ameaza global para os ecosistemas, tanto pola gran cantidade que chega aos mares e océanos como pola súa composición, xa que poden tardar ata 1000 anos en biodegradarse.

De feito, a maior parte do lixo que se rexistra e recolle nos areais son microplásticos, o que dificulta en gran medida a súa recollida debido ao seu tamaño.

PROXECTO CENTRADO NAS RÍAS DE VIGO E PONTEVEDRA

O proxecto, financiado polo programa Pleamar 2019 da Fundación Biodiversidade, céntrase nas rías de Vigo e Pontevedra, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

“Ás costas galegas chegan refugallos mariños, principalmente plásticos, impulsados polas fortes correntes oceánicas”, explican os investigadores. “Estes restos provocan graves impactos nos ecosistemas mariños, na saúde humana e perdas importantes nunha economía como a galega que vive do mar”, continúan.

Así, a través de Bewats trátase de “buscar solucións a esta problemática e establecer estratexias de limpeza máis eficientes utilizando novas fontes de información”, defenden dende o grupo investigador.

Ferida unha octoxenaria tras caer por un terraplén en Redondela

Efectivos de emerxencias rescataron en noite deste mércores a unha muller de 82 anos que caera por un desnivel cando camiñaba por un paseo de madeira na Portela, no municipio de Redondela (Pontevedra).

Segundo informou o 112 Galicia, este incidente ocorreu minutos antes das 21,00 horas cando unha persoa chamou ao servizo de emerxencias para pedir asistencia urxente para unha muller que caera por un terraplén próximo ao mar.

Por iso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Baixo Miño e Vigo para efectuar o rescate da muller, atrapada pola maleza e nunha posición moi inestable, relataron as mesmas fontes.

Así mesmo, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos axentes da Policía Local e Nacional que, finalmente, lograron sacar á muller do terraplén para que recibise asistencia médica.

Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico que atendeu á muller G.P.G., de 82 anos de idade, que recibiu a alta voluntaria no punto, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias..

O aeroporto de Vigo segue perdendo pasaxeiros fronte ao aumento da Coruña e Santiago

Os usuarios dos aeroportos galegos aumentaron un 5,81% durante o pasado mes de febreiro, en comparación cun ano antes, ata os 346.458 viaxeiros.

Así o pon de manifesto os datos publicados este venres por Aena, segundo os cales os aeroportos de Santiago e A Coruña experimentaron un crecemento na cifra de viaxeiros no segundo mes do ano, mentres que Vigo sufriu unha diminución. Os aeródromos galegos gañaron, en cifra global, algo máis de 19.000 usuarios.

En concreto, 175.669 persoas pasaron en febreiro polo Aeroporto de Santiago, un 6,3% máis que hai un ano; e 104.964 fixérono polo da Coruña, que experimentou un aumento do 15,4%. No caso de Vigo, a cifra de pasaxeiros diminuíu un 7,6%, ata os 65.825 usuarios.

Do mesmo xeito, o aeroporto da Coruña operou 1.397 voos, un 6,5% máis, e o de Santiago 1.380, un incremento do 1,5%. O aeroporto de Vigo operou 835 voos, un 3,7% menos que hai un ano.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed