Dende o grupo parlamentario Marea de Vigo defenden que “non é aceptable que Audasa siga ‘sangrando’ á cidadanía con peaxes, dea un servizo absolutamente deficitario e que non exista ningún retorno ás arcas públicas.” Polo tanto, o próximo mércores día 27 presentarán unha moción ao respecto no Concello de Vigo, coa que esperan que a concesionaria pague o IBI íntegro.
Deste xeito, subliñan que “a AP-9 é a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas nunha lei aprobada en 1972, en pleno franquismo, en materia de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión”.
“Trala última prórroga feita na época do goberno de Aznar, a concesión estendíase ata o máximo permitido, 75 anos, consagrando deste xeito o que hoxe é unha realidade: a día de hoxe segue a gozar do mesmo nivel de redución no pago do IBI que a lexislación franquista lle estableceu no seu día”, engaden.
Por outra banda, e segundo se reflicte na moción da Marea de Vigo, “un de cada dous euros que as galegas e os galegos pagamos nas peaxes da AP-9 é beneficio antes de impostos, e un de cada tres euros é beneficio neto para a empresa concesionaria.”
Marea de Vigo considera esta situación insostible, e, na mesma liña, non comparte o criterio anunciado polo novo Ministerio de Fomento en canto á liberalización das peaxes soamente ás autoestradas cuxa concesión remata entre este ano e 2021, senón que considera que deben ser incluídas outras como a AP-9, “cuxas inversións están absolutamente amortizadas”, aínda que a súa concesión remate despois do 2021.
Nos acordos da moción, o grupo municipal da Marea de Vigo pedirá que se aprobe instar ao Goberno do Estado a realizar as accións oportunas que permitan aos concellos por onde transcorre a AP-9 reclamar o pago íntegro do IBI por parte de Audasa, e ao propio Concello de Vigo, a elaboración dos informes económicos e xurídicos pertinentes cara a levar a cabo dita reclamación.
“En Vigo a cuestión do IBI está en debate permanente, e para o goberno local a cuestión do tramo da AP–9 que pasa por Vigodebería considerarse cos mesmos criterios que o fixo con respecto ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Ningunha delas debería ter exención no pago do IBI, repercutindo estes cartos nas contas do Concello de Vigo en lugar de nas empresas privadas que xestionan ambas infraestruturas” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.