Inicio Blog Páxina 2044

A Xunta, enfadada con Caballero por non ser convidada á visita do arquitecto á estación de Urzáiz

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, denunciou que esta institución non foi convidada a acudir á visita realizada este luns por Thom Mayne á estación de ferrocarril de Urzáiz, deseñada por este arquitecto norteamericano, e cualificouno como unha “falta de respecto institucional” por parte da organización, que non identificou.

López-Chaves mostrou a súa “sorpresa” ante esta situación debido a que a construción do Centro Vialia é posible grazas a que “a Xunta o desbloqueou e fixo posible que se puidese licitar”, segundo reivindicou nunha rolda de prensa este martes na cidade olívica.

Nesta liña, incidiu en que, nun principio, “era imposible facer (ese proxecto) co plan xeral de ordenación municipal (PXOM)vixente” na cidade e resaltou que foi a Lei de medidas en materia proxectos públicos de emerxencia ou de especial importancia a que o “posibilitou”.

En concreto, durante o acto, Thom Mayne estivo acompañado polo alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o delegado de Zona Franca, David Regades; e outras autoridades. Alí, o arquitecto asegurou que a nova estación construirase a partir do seu deseño no prazo de execución de dous anos e medio (30 meses) establecido.

O Marisquiño celebra que tódolos feridos estén xa fóra de perigo e prepara un vídeo de homenaxe

O Marisquiño vén de mostrar a súa ledicia “polo feito de que todas as persoas feridas no accidente do pasado domingo 12 de agosto sexan dadas de alta, excepto dúas que se atopan fóra de perigo e farano nos próximos días. Esperamos e desexamos que todos os feridos se recuperen canto antes”.

Destacaron ademais desde a organización o apoio recibido “por parte dos seguidores do festival, os patrocinadores, a Asociación de Festivais de Galicia e riders nacionais e internacionais. Tamén damos as grazas a voluntarios anónimos que axudaron aos feridos e ao gran traballo dos equipos sanitarios, así como a todos os corpos de seguridade, Policía Nacional, Policía Portuaria, Bombeiros, Policía Local e Protección Civil”.

O Marisquiño 2017 / Miguel Núñez

Tamén agradeceron as mensaxes de solidariedade recibidos de distintas partes do mundo a través das Redes Sociais, e o apoio das tres Federacións Internacionais que conceden as competicións coas que conta o evento: a World Cup Skateboarding, a FIBA -Federación Internacional de Baloncesto- e a FMB de Dirt Jump.

“Todas elas transmitíronnos a súa confianza na organización e os seus ánimos para continuar no futuro coas probas que puntúan no ranking mundial e como plataforma de clasificación para as Olimpíadas de Xapón 2020”, engaden.

O Marisquiño 2017 / Miguel Núñez

O Marisquiño espera que a investigación xudicial, na que aseguran estar colaborando, “poida aclarar as causas do sucedido e establecer as oportunas responsabilidades”. Mañá martes 21 de agosto ás 14.00 horas presentarán “No more”, o vídeo oficial de O Marisquiño 2018, dedicado a todos os feridos, voluntarios e servizos de urxencia.

Como salvagardar os nosos animais de compañía

0

A Sociedade Protectora de Animais do Morrazo, en coordinación co Concello de Cangas
– Concellarías de Ensino, Medio Ambiente e Servizos Sociais –, vai desenvolver unha
Campaña de Concienciación Animal nos distintos centros educativos e sociais do
municipio.

Baixo o título “Tenencia responsable de Animais de Compañía” o persoal da Sociedade Protectora de Animais pretende trasladar ao mundo educativo (alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria durante os meses de maio e xuño), a escala de valores de responsabilidade e respecto ao mundo animal.

Abandono e maltrato, importancia da identificación, obriga de levar os mesmos con correa, limpeza de excrementos, adopción… serán algún dos temas a tratar nas
nomeadas charlas coloquios de carácter socio-educativo-mediambiental, que estarán
acompañadas dunha presentación e vídeo sobre o tema. O alumnado asistente ás
charlas será agasallado con bolis, chapas e diplomas da propia asociación.

O ciclo de conferencias comezará esta mesma semana, o venres día 4 de maio de
2018, no local de Centro de Rehabilitación da Asociación DOA (Edificio Xoia) para
continuar de seguido cos distintos centros educativos interesados na vindeira semana.

Solicítase aos Centros Educativos e Sociais de Cangas que estean interesados, a fin de concretar data e hora, que se poñan en contacto coa Sociedade Protectora de Animais, co teléfono de contacto 697 523 385 (Lorena).

A Xunta estuda colaborar co Concello de Mos na mellora da urbanización do barrio de San Rafael

0

A Xunta analizará a posibilidade de colaborar co Concello de Mos na execución dun novo proxecto de mellora da urbanización de San Rafael, na parroquia de Pereiras. Este foi un dos asuntos abordados entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, nunha reunión mantida esta semana para falar de actuacións relacionadas co seu departamento.

En concreto, segundo informa a Xunta, a rexedora trasladou á conselleira que a actuación proxectada en San Rafael ten como fin a reforma integral desta zona, intervindo sobre a rede viaria interior, mellorando a relación e a accesibilidade entre os edificios e actuando co mesmo obxectivo sobre os espazos de uso público.

Ao respecto, Ángeles Vázquez indicoulle que o seu departamento estudará o proxecto municipal para avaliar a posibilidade de volver colaborar técnica ou economicamente co Concello.

Ademais, analizaron a marcha das obras de humanización na contorna parroquial de San Mamede, en execución desde comezos de xullo e que avanzan “a bo ritmo”, asegura a Xunta. Esta actuación parte dun convenio asinado en 2020 no marco do plan ‘Hurbe’, polo que a Consellería se compromete a financiar un 70 por cento e o Concello, o 30 por cento restante.

A Policía Local e Garda Civil reforzarán control en zonas de lecer nocturno de Salceda

A subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra e o Concello de Salceda de Caselas acordaron o reforzo do control e a vixilancia por parte de Policía Local e Garda Civil nas zonas de lecer nocturno da localidade, tras rexistrarse importantes aglomeracións de xente os últimos fins de semana.

Así se acordou na reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade, celebrada a petición do Concello, despois de que os últimos fins de semana detectouse a presenza de numerosas persoas, tras o peche dos locais de lecer, na zona da rúa Pontevedra, causando mesmo problemas de descanso, polos ruídos, aos veciños.

Durante a reunión celebrada este xoves deseñáronse diferentes de dispositivos de coordinación e cooperación entre as forzas de seguridade para a realización de patrullas conxuntas, que velarán polo cumprimento das medidas sanitarias e as limitacións establecidas con motivo da pandemia de Covid.

Ademais destes operativos no centro urbano, a Garda Civil levará a cabo unha intensa vixilancia dos accesos á localidade mediante diferentes controis de drogas e alcol.

CRIMINALIDADE

Por outra banda, na Xunta Local de Seguridade de analizaron os datos de criminalidade de Salceda relativos ao sete primeiros meses do ano, nos que se rexistrou un descenso do 22 % no número de delitos con respecto ao mesmo período de 2019 (non se tivo en conta o ano 2020 pola situación extraordinaria de confinamento e estado de alarma).

En todo caso, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, alertou de que, a pesar da baixada xeral no número de delitos, hai unha “preocupante suba” dos chamados ‘ciberdelitos’.

Guía para entender o uso das máscaras na rúa en Galicia

A proposta que Galicia defenderá no Consello Interterritorial de Saúde é que se retire a obrigatoriedade de máscara nos espazos exteriores con carácter xeneralizado, pero haberá que poñela cando non se poida cumprir a norma de metro e medio de distancia. Isto implica que, a xente, terá que estar pendente en todo momento, de se cumpre esta distancia para poñer ou non a máscara, especialmente, nas cidades.

Tamén será necesario o seu uso en terrazas –salvo no momento do consumo– ao non poder manterse esta distancia entre persoas, pero non, por exemplo, nun paseo entre convivintes.

Na súa comparecencia, tras reunirse na pasada xornada o comité clínico, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, queixouse de que o Goberno non informase do seu plan nas comunidades, e defendeu que a proposta de Galicia é “clara” e “sólidamente construída” en base a criterios médicos, aínda que matizou que se modificará se así o esixe un real decreto do Executivo estatal.

No caso dos concellos con nivel máximo de risco (máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes) –neste momento non hai ningún en Galicia– habería que manter a máscara no exterior. E Feijóo remarcou que “será obrigatorio”, en todo caso, levala “sempre encima”. “Formará parte das nosas pertenzas obrigatorias”, sentenciou.

Do mesmo xeito que no caso dos aforamentos, a idea é que a norma entre en vigor –neste caso haberá que estar pendentes da decisión estatal, que podería modificar o plan da Xunta– desde este sábado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este mércores que Galicia dá un paso máis na desescalada fronte á pandemia cunha ampliación xeneralizada dos aforamentos en espazos e tamén para eventos. No caso do interior de bares e cafetarías manterase no 50%, pero ampliarase ata o 100% en terrazas se as mesas cumpren a norma dun metro e medio de distancia.

Tras a reunión na pasada xornada do comité clínico, Feijóo ratificou que se permitirá pedir e servir nas barras dos locais da hostalaría, aínda que non se poderá consumir nas mesmas.

Entre outras novas decisións, Feijóo tamén ratificou que a intención é que reabra o lecer nocturno desde o 1 de xullo, polo que, “por primeira vez en moitos meses” non quedará en Galicia “ningunha actividade completamente pechada”

Importante descenso de casos covid na área de Vigo

Galicia arrinca a última semana con estado de alarma en vigor debido á pandemia pola Covid-19 cun descenso dos novos contaxios a 103 e de casos activos ata os 3.030, mentres que os pacientes hospitalizados mantéñense en 214. Con todo, realizáronse 2.000 PCR menos que o día anterior.

Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste domingo, baixan a 50 os pacientes Covid ingresados en UCI –un menos– e soben a 164 os que permanecen noutras unidades –un máis–, polo que seguen un total de 214 hospitalizados.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, Vigo, Ourense e Lugo. Así, na de Vigo seguen 12 en UCI e caen a 28 os doutras unidades –un menos–.

MENOS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, tras o lixeiro incremento deste domingo, volveron a descender e sitúanse en 3.030, o que supón 76 menos, ao rexistrar máis altas (179) que contaxios (103) e non haber falecidos. As infeccións activas redúcense en seis das sete áreas sanitaras, con Vigo á cabeza (-39). Con todo, continúa á cabeza con 906 casos activos.

MENOS CONTAXIOS

Galicia confirmou, en concreto, 86 positivos por PCR nas últimas 24 horas, fronte aos 146 do día anterior. Do total, 20 son da área de Vigo. Desde o inicio da pandemia Galicia levou a cabo 2.072.214 PCR, o que supón 6.418 probas máis que as contabilizadas ata o día anterior –unhas 2.000 menos que as feitas o día pasado–.

En canto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– segue por baixo do dous por cento cun 1,6%, tras situarse nun 1,8% o día anterior. Deste xeito, continúa sen superar o 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Un condutor que se saltou o toque de queda tentou darse á fuga en Vigo ao ser interceptado pola Policía Local

0

Axentes da Policía Local de Vigo instruíron dilixencias xudiciais a un home que, despois de saltarse o toque de queda imposto pola covid-19, tratou de darse á fuga e negouse a someterse á proba de alcolemia a pesar de presentar “claros síntomas” de consumir bebidas alcólicas.

Segundo informou a Policía Local, sobre as 3:30 horas da madrugada unha dotación policial que patrullaba por Travesía de Vigo deu o alto a un vehículo que circulaba cara ao centro da cidade. No entanto, o home deuse á fuga, sendo interceptado pouco despois en colaboración cunha patrulla do Corpo Nacional de Policía.

Ao entrevistarse co home para verificar se estaba exento de cumprir o toque de queda, os efectivos decatáronse de que presentaba “claros síntomas” de atoparse baixo a influencia do alcol, aínda que o condutor negouse reiteradamente a realizar a proba.

Por todos estes feitos, o seu vehículo foi inmobilizado e o home foi denunciado por un delito contra a seguridade viaria por negarse a facer a proba de alcoholemia e tramitóuselle unha proposta de sanción por circular durante o toque de queda sen causa xustificada.

Así mesmo, pouco antes das 2:00 horas da madrugada, efectivos policiais denunciaron tamén a unha condutora de 51 anos que foi interceptada na rúa Falcoido por saltarse o horario do toque de queda e que ademais deu positivo en consumo de opiáceos e cocaína.

A UVigo lidera un proxecto internacional sobre as grandes vías de peregrinación de Europa

RurALLURE é unha mestura de termos en inglés (rural; lure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa.

Financiado con preto de 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLUREprocurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos e peregrinas que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. “Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explica o docente da UVigo, Martín López Nores, investigador principal deste proxecto.

DE ESPAÑA A ROMANÍA, PASANDO POR ITALIA E NORUEGA

RurALLURE ten a súa orixe nunha conversa mantida hai un ano entre Martín López Nores e os responsables da Fundación Uxio Novoneyra, na que se falou sobre o aproveitamento do tirón do Camiño de Santiago para derivar os peregrinos a contornas rurais próximas. Tendo en conta o atractivo económico (só o ano pasado calcúlase que se xeraron 300 millóns de euros arredor do Camiño de Santiago), a diversidade do público que realiza peregrinacións e que o impacto desta actividade queda exclusivamente limitada aos lugares por onde discorren os camiños, o proxecto traballará en “desviar” o impacto desta actividade ás zonas rurais circundantes. Así, busca “aumentar a visibilidade e accesibilidade a museos, lugares de interese patrimonial e cultural e expoñendo aos peregrinos a achados inesperados”, explica o investigador de atlanTTic.

Cunha duración de tres anos e a participación das universidades de A Coruña, Autónoma de Madrid, Bratislava, Padua, Boloña ou a Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía, o consorcio, ademais de conformar unha rede de institucións, desenvolverá unha plataforma tecnolóxica que reúna os lugares con patrimonio que rodean as grandes vías de peregrinación e institucións de interese cultural (patrimonio relixioso, etnográfico, museos, recursos naturais, etc.) poñéndoos en relación cos servizos da zona (aloxamento, restauración, transporte), coa finalidade de definir un produto turístico completo que enriqueza e amplíe a experiencia da peregrinación.

Co obxectivo de validar os resultados da investigación e o funcionamento da plataforma, o proxecto desenvolverá catro experiencias piloto, unha delas sobre o patrimonio literario no Camiño de Santiago, no que se poñerá en valor o patrimonio literario nas inmediacións dalgúns tramos do camiño como o de Pedrafita do Cebreiro a Santiago, das Médulas a Chantada e de Porto a Vilarinho, pasando po Vila do Conde en Portugal.

A partir de aí tamén se abordará o patrimonio termal nos camiños a Roma; o patrimonio etnográfico do Camiño de San Olaf (Noruega) e o patrimonio natural nas vías de peregrinación mariana a Sumuleu Ciuc (Romanía). “Esperamos que nos tres próximos anos o proxecto se deixe sentir en España, Portugal, Hungría, Eslovaquia e Noruega porque temos aí socios directamente representados no consorcio. Así mesmo tamén temos contactos preliminares con axencias de amigos do camiño e similares en países do Benelux, Irlanda, Lituania, e ao longo do próximo ano temos que falar con axentes que están a traballar en Albania, Macedonia, Grecia e na parte europea de Turquía”, detalla o investigador principal do proxecto.

UNHA INICIATIVA AXEITADA Á ERA COVID

Martín López Nores destaca tamén o valor extra que este proxecto adquire nun contexto afectado por unha pandemia como a xerada pola covid-19. «Os destinos rurais están a gañar interese por ser menos concorridos e polo tanto máis seguros, ao tempo que derivando aos peregrinos a outras zonas, desconxestiónanse os albergues», asegura o docente e investigador da UVigo.

Anpas de Vigo piden desenvolver actividades para a socialización dos nenos durante o verán

A Federación Olívica de Nais e Pais dá Escola Pública de Vigo (Foanpas) propuxo desenvolver actividades de socialización para nenos desde finais de xuño e durante o mes de xullo ante o confinamento ao que foron sometidos pola crise sanitaria.

Nun comunicado, a entidade explicou que esta iniciativa, denominada ‘Verán de lecer e socialización 2020’, levaría a cabo en centros de educación infantil e primaria de Vigo co obxectivo de facilitar a integración social deste colectivo nun ámbito coñecido.

Ademais, expuxo que o desenvolvemento desta actividade se realice entre as 8,00 e as 15,30 ou 16,00 horas para facilitar a conciliación laboral e familiar dos pais dos menores. Así, apostou por que nesa franxa horaria tamén se ofrezan servizos de comedor para as familias que o precisen por razóns socioeconómicas ou laborais.

Deste xeito, Foanpas instou ás administracións públicas con competencias neste ámbito, a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo, a contribuír neste proxecto “ilusionante” e “necesario” ao que a federación afirmou que podería achegar a súa “experiencia”.

En concreto, solicitou ao Goberno galego a cesión das instalacións de de titularidade autonómica para levar a cabo as actividades. Tamén propuxo que este programa sexa monitorado por empresas locais de lecer e psicopedagoxía ou educadores sociais contratados polo Concello de Vigo. Así, sinalou que as concellarías de Benestar Social, Deportes e Educación tamén dispoñen de “capacidade para achegar ideas e recursos”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed