Inicio Blog Páxina 19

Falece unha muller ao saír da vía e envorcar co seu vehículo en Vigo

Unha muller faleceu na madrugada deste venres ao saírse da vía e envorcar co seu vehículo mentres circulaba pola VG-20 de Vigo, ao seu paso pola parroquia de Beade. Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 03.05 horas e foi un particular o que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, indicando que acababa de chocar cun coche envorcado na vía no punto quilométrico 11,5 da VG-20.

Pouco despois, outros alertantes contactaron con emerxencias advertindo da gravidade do accidente, xa que o turismo presentaba importantes danos. Por iso, deuse aviso ao 061, aos Bombeiros de Vigo, á Guaria Civil de Tráfico e á Policía Local.

Unha vez no punto, os equipos de emerxencias confirmaron que no sinistro víronse implicados dous vehículos. Nun primeiro momento, produciuse unha saída de vía na que unha muller perdeu a vida e, posteriormente, outro coche impactou contra o turismo desta, resultando ferida leve outra persoa.

Homenaxe a Agatha Christie con ‘Misterio no Pazo’, unha peza de teatro divulgativo e inmersivo

0

No ano no que se cumpre medio século da morte da escritora de misterio máis lida da historia e aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, en colaboración coa actriz e directora teatral Cristina Collazo, realizou unha adaptación científico-divulgativa da novela Un cadáver na biblioteca, de Agatha Christie.

O museo municipal Quiñones de León de Vigo foi escenario os días 4 e 5 de marzo da representación de Misterio no pazo, na que o alumnado participante terá un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, no papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, o estudantado de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo terá que realizar diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.

Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumirán os papeis de Marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño serán o persoal do servizo. O elenco complétase coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro é obra de Marcos Paino.

Dous días, catro centros e 200 investigadoras

A actividade levarase a cabo os días 4 e 5 de marzo en horario de 10.00 h a 13.00 horas e polo pazo pasarán arredor de 200 estudantes de 1º da ESO, divididos en dous grupos por día. Nesta ocasión, os centros convidados serán o IES Álvaro Cunqueiro, o IES Alexandre Bóveda, o CPR Jesuitinas Miralba e o IES Carlos Casares. A iniciativa foi presentada pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Internacionais da UVigo, Monica Valderrama; a directora teatral Cristina Collazo; a investigadora do CIM Paloma Morán; e o edil delegado de Cultura do Concello de Vigo, Gorka Gómez. 

Monica Valderrama, sinalou que Misterio no pazo busca tender pontes entre o coñecemento xerado na universidade e a cidadanía, especialmente a máis nova, facendo que o estudantado “investigue, experimente e aprenda facendo”. Pola súa banda, Cristina Collazo destacou que “o reto foi converter esa historia nunha experiencia inmersiva con base científica, na que o alumnado non é espectador, senón parte activa da investigación”, posto que “as probas científicas intégranse na propia dramaturxia e fan avanzar a acción”. 

A investigadora Paloma Morán, do Centro de Investigación Mariña (CIM), explicou que “participamos varios científicos da UVigo e imos facer experimentos reais adaptados á rapazada co obxectivo de resolver un misterio”, a través de diferentes probas que permitirán ao estudantado descubrir quen é o asasino ou asasina. Morán, que participará na representación xunto cos investigadores André Vidal e Víctor Martínez, salientou que o importante “non é só o resultado final, senón o proceso: formular hipóteses, recoller datos, interpretar evidencias e contrastar conclusións. Iso é o método científico”. 

Mentres, o concelleiro Gorka Gómez salientou o pracer de acoller esta obra no pazo Quiñones de León, “un espazo municipal que o Concello está a poñer en valor no ano do centenario da súa doazón á cidade”. 

Do laboratorio ao escenario

Para a adaptación das probas creouse un equipo multidisciplinar integrado por diversos grupos de investigación da UVigo, cuxos integrantes, ademais de encargarse do contido científico da obra, asumirán tamén o papel de intérpretes. O estudantado, dividido en grupos, deberá colaborar co cadro investigador na resolución do caso a través de diferentes probas científicas.

A primeira das probas céntrase na recollida de mostras de ADN, de pegadas e na análise toxicolóxica, nunha actividade deseñada polo grupo de Xenética Evolutiva e Conservación da Biodiversidade. Outra das probas será a de Palinoloxía, coordinada por Celestino Quintela e Nerea Cazás, integrantes do grupo de Análise de Concas Sedimentarias do CIM. A través da recollida e estudo de restos de pole presentes na roupa das persoas sospeitosas, o equipo poderá detectar posibles incursións da natureza na escena do crime e achegar novas pistas que permitan identificar a persoa responsable. A terceira proba xirará arredor do idiolecto e estará dirixida por Guillermo Blanco, do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración. Co apoio das rapazas e rapaces, analizaranse as distintas formas de falar das persoas implicadas para tratar de achegar luz sobre a autoría do crime.

Coas conclusións extraídas dos distintos experimentos e coa colaboración da señorita Marple, as persoas participantes deberán reconstruír os feitos e descubrir quen foi o responsable do asasinato de Ruby Keene.

Descubrindo a Agatha Christie: contexto, curiosidades e legado literario

O alumnado participante tamén recibiu unha pequena charla sobre a vida e obra da escritora británica Agatha Christie, contextualizando o período histórico no que desenvolveu a súa produción literaria e afondando nalgunhas das súas obras máis emblemáticas e nas personaxes que a converteron na gran dama do misterio, como Hercule Poirot ou Miss Marple.

Nesta actividade participan membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), que forman parte do grupo de investigación TALES (Translation, Accessibility, Literature, and Screen) e do grupo de innovación docente GTICH da Universidade de Vigo. En concreto, intervirán Helena Cortés, Ana Fernández, Jesús Meiriño, Lourdes Lorenzo, Ana Pereira e Beatriz Rodríguez, especialistas en Literatura Infantil e Xuvenil e na súa tradución nos ámbitos lingüísticos inglés e alemán. Esta acción forma parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e coa colaboración do museo municipal Quiñones de León do Concello de Vigo.
 

O “boneco-conselleiro” Caamaño súmase ao peche dos médicos no Olimpia Valencia de Vigo

Médicos encerrados no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo elaboraron un boneco que representa ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para así “negociar con el, porque é a única forma”. En declaracións a Europa Press, o médico Nino Barreiro critica que “aínda” non teñen “ningunha noticia sobre unha convocatoria” ao sindicato O’Mega por parte da consellería.

Gómez Caamaño sinalou este mércores que a Xunta volvería convocar ” proximamente” tanto a O’Mega como ao sindicato CIG para “tentar chegar a un acordo” e resolver “o máis axiña posible” as folgas que afectan á Atención Primaria e que se suman aos paros en especializada a raíz do Estatuto Marco.

 

Stellantis suspende a produción de furgonetas toda a fin de semana

Stellantis suspendeu a produción de furgonetas desde este venres ata o domingo, segundo informou a dirección da empresa ao comité. Así o explicou en declaracións a Europa Press o portavoz da CUT, Aclamación Mariño, quen sinalou que a paralización deste venres foi comunicada o mércores e que este xoves se ampliou tamén ao resto da fin de semana. Segundo trasladou a empresa, a actividade retomarase na quenda de noite do domingo, recuperando así o ritmo habitual de produción.

FALTA DE INFORMACIÓN SOBRE AS CAUSAS

En canto aos motivos desta decisión, desde o comité critican que “a información brilla pola súa ausencia”, sen que a dirección aclarase oficialmente as razóns da suspensión. Con todo, desde a representación sindical apuntan a que podería deberse a axustes na regulación da produción ou á falta de compoñentes, dous factores habituais no sector da automoción nos últimos anos.

UN NOVO PARÓN NUN SECTOR TENSIONADO

A paralización temporal da actividade volve evidenciar a inestabilidade na cadea de subministración e na planificación industrial, nun contexto no que as fábricas deben adaptarse a cambios constantes na demanda e na dispoñibilidade de materiais.

O PP de Vigo aperta a Caballero pola ampliación de Balaídos para o Mundial 2030

A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, urxiu ao alcalde, Abel Caballero, a encargar o proxecto construtivo para ampliar a bancada de tribuna do estadio de Balaídos, unha actuación clave para que a cidade poida ser sede do Mundial 2030. A dirixente popular cualificou de “alarmante” que este proxecto aínda non estea contratado e reclamou ao goberno local un cronograma completo das obras necesarias para cumprir cos requisitos internacionais.

Neste sentido, tamén lamentou que “tampouco se aprobou aínda” o proxecto para a recolocación dos colectores de saneamento, outra das intervencións pendentes no estadio. Pola súa banda, Abel Caballero recoñeceu este mércores que a ampliación da bancada conta polo momento cun anteproxecto, pero insistiu en que o proxecto definitivo “hai que contratalo”, cun custo que podería alcanzar o millón de euros.

Ademais, o rexedor subliñou que tanto a redacción do proxecto como a execución das obras deben ser cofinanciadas entre o Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación, unha fórmula que considera imprescindible. A falta de avances concretos mantén aberto o debate político sobre a capacidade de Vigo para cumprir os prazos e requisitos necesarios para formar parte do Mundial 2030.

Caballero sobre o fondo para atraer aerolíneas da Xunta”: O que necesitamos non é publicidade, son voos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou este mércores á Xunta a aclarar “que tipo de axuda” propón levar adiante co fondo para estimular as rutas aéreas, xa que, dixo, o investimento en promoción en destino “non vale para nada” e o necesario son “contratos publicitarios coas compañías” que fomenten a súa implantación.

“Que publicidade necesitamos en Barcelona?”, preguntouse o rexedor, aducindo que “en Barcelona todo o mundo coñece Vigo e sabe o que somos Vigo”. “O que necesitamos en Barcelona non é publicidade, son voos“, engadiu.

En contraposición, o alcalde sinalou que o necesario son “os contratos publicitarios coas compañías”, para que estas “voen” a Galicia. “As compañías poñen voos se lles dás contratos de publicidade”, dixo, para difundir de forma directa o destino nos seus avións, mails e revistas. Por iso, Abel Caballero reclamou á Xunta que “o aclare”. “Se é iso, estamos de acordo. Se non é iso, e témome que non é iso, pois o imos a facer Vigo sós”, resolveu.

Sanitarios de Vigo rebélanse contra un plan “imposto” de vacacións: denuncian recortes e falta de persoal

Un grupo de traballadores e traballadoras da área sanitaria de Vigo concentrouse este mércores ás portas do hospital Álvaro Cunqueiro para amosar o seu rexeitamento ao plan de vacacións e permisos para 2026, que consideran “imposto” e “restritivo”. A Xunta de Persoal denunciou que a xerencia aprobou as instrucións de maneira unilateral, sen negociación previa, e advertiu de que “seguen sen tomarse medidas organizativas” para resolver a precariedade e a falta de persoal en distintas categorías.

“NON HAI MÁIS CONTRATACIÓNS E FALTAN SUBSTITUCIÓNS”

Segundo os representantes dos traballadores, o argumento oficial de que o plan busca garantir a contratación “non se sostén na práctica”. Denuncian que moitas ausencias non se están a cubrir, a pesar de existir listas de persoal dispoñible, o que agrava a carga de traballo e deteriora as condicións laborais.

CRÍTICAS Á FALTA DE NEGOCIACIÓN

A Xunta de Persoal tamén lamenta que, “un ano máis”, as súas alegacións non foron nin debatidas nin tidas en conta, o que consideran unha vulneración do dereito á negociación colectiva. Entre as propostas ignoradas destacan:

  • Eliminar restricións nas vacacións en determinadas categorías

  • Permitir a xestión individualizada de permisos por vía telemática con resposta por escrito

  • Flexibilizar permisos sen soldo e reducións de xornada en períodos de inactividade escolar

  • Garantir permisos de formación e asistencia a congresos, tamén en Nadal

  • Priorizar ás familias monoparentais na elección de vacacións

  • Asegurar medidas reais de conciliación laboral

SATSE LEVA O CONFLITO A OURENSE

O malestar non se limita a Vigo. O sindicato de Enfermaría SATSE presentou unha impugnación formal contra o plan de vacacións na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Segundo denuncian, as novas normas:

  • “Recortan dereitos” e “penalizan a conciliación”

  • Discriminan ao persoal temporal

  • Establecen límites como un máximo do 33 % de ausencias por conciliación

  • Obrigan a modificar quendas e a gozar vacacións fóra do período ordinario

Ademais, critican prazos “desproporcionados”, como ter que solicitar as vacacións de Nadal antes do 31 de marzo, e a prohibición de unir días de libre disposición ao período vacacional.

UN CONFLITO ABERTO NO SISTEMA SANITARIO

Tanto en Vigo como en Ourense, os sindicatos coinciden nunha denuncia central: a falta de diálogo por parte das xerencias sanitarias. Por iso, reclaman a anulación dos puntos máis restritivos e unha revisión do modelo que garanta:

  • A conciliación da vida laboral e persoal

  • A igualdade entre persoal fixo e temporal

  • O respecto aos acordos laborais vixentes

Un novo foco de tensión nun sistema sanitario que segue marcado pola escaseza de persoal e a presión asistencial.

Xunta e Deputación de Pontevedra presentarán en abril o proxecto de execución do Teatro Fraga

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra presentarán en abril o proxecto de execución do Teatro Cinema Fraga de Vigo, realizado polo equipo do arquitecto César Portela, polo que a partir de aí iniciarase o trámite para licitar as obras antes de verán. Así o anunciaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente do ente provincial, Luís López, antes de participar nunha das visitas organizadas por ambas as administracións para coñecer este espazo.

“Cumprimos coa palabra dada de recuperar este inmoble emblemático para todos os vigueses e galegos e tamén estamos a cumprir cos trámites e prazos para transformalo nun espazo cultural de primeiro nivel e epicentro cultural do noroeste peninsular“, subliñaron, segundo recolle o Goberno galego nun comunicado. López Campos confirmou que xa está presentada a redacción do proxecto básico das obras, realizado polo equipo de César Portela, a quen se lle encargou a recuperación do Teatro por ser o propietario intelectual da intervención orixinal levada a cabo cando o edificio pertencía a Abanca.

“Está a ultimarse o proxecto de execución, que se prevé presentar en abril”, engadiu o conselleiro, explicando que a partir de aí poderá licitarse a obra no primeiro semestre e que se resolva “antes de que termine o ano ou a principios do que vén”. Pola súa banda, Luís López fixo fincapé no “acerto” de recuperar o Teatro Cinema Fraga polo “entusiasmo” e a “gran acollida” que está a ter por parte da cidadanía, cun “gran éxito” das visitas guiadas, que xa sumaron case 1.800 persoas interesadas.

Abel Caballero traslada o seu apoio aos médicos pechados no CIS Olimpia Valencia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este mércores no Concello a unha representación do grupo de médicos que se encerrou no CIS Olimpia Valencia, a quen trasladou o seu apoio porque “están a defender aos seus pacientes” e tamén “á cidade”. “Son uns valentes”, proclamou o rexedor tras o encontro, subliñando que os facultativos, que están en folga en Atención Primaria desde o pasado 2 de marzo, “teñen toda a razón”. “O que piden é de sentido común e de gran importancia”, sinalou Caballero, en alusión á reclamación de poder ter máis tempo de atención por paciente, reforzo de persoal e mellores condicións no seu traballo.

“Iso é defender a cidade, e a Xunta nin sequera se quere reunir con eles”, sinalou o alcalde, que lembrou que esta folga está a ter para os médicos “un gran custo económico” e tamén “emocional”. Por iso, urxiu á Consellería de Sanidade que os reciba “inmediatamente” e atenda ás súas peticións, e denunciou que a administración autonómica “quere ir ao choque” e, nesa confrontación cos médicos, “as vítimas” son os profesionais e os seus pacientes.

IRSE A CASA “COA CONCIENCIA TRANQUILA”

Pola súa banda, os médicos que se entrevistaron co alcalde reiteraron as súas demandas: polo menos 10 minutos para cada paciente, un máximo de 30 pacientes citados ao día, ou medidas para absorber as urxencias que xurdan de 8 a 3 da tarde. “E que os médicos de Atención Primaria podamos ter un pouco de calidade e de saúde mental, porque non podemos irnos á nosa casa todos os días pensando que atendemos mal á xente, que se nos pasaron cousas, que nos puidemos equivocar. Queremos poder irnos á casa coa conciencia tranquila”, subliñaron.

Doutra banda, confirmaron que manteñen o peche, xa que non se concretou ningunha reunión con responsables do Sergas para negociar. Este mércores ás 19:00 horas manifestaranse no centro de Vigo, desde o Museo Marco ata a dirección provincial do Sergas, polo que pediron o apoio cidadán. “Esta folga non é a nivel profesional. A sanidade é de todos e todos queremos unha sanidade pública boa”, proclamaron os profesionais sanitarios.

Deep Purple actuará en Castrelos o 2 de xullo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que a banda británica de rock Deep Purple actuará o 2 de xullo no auditorio de Castrelos. Un concerto que se enmarca dentro das festas da cidade que organiza o Concello.

“Unha gran banda británica de rock, millóns de discos e seguidores”, subliñou o rexedor, apuntando que será un “conciertazo”.

Deep Purple únese a outros artistas xa confirmados polo rexedor, como Chayanne, que chegará o 30 de xullo; The Corrs, o 11 de agosto; Viva Suecia, o 14, e Iván Ferreiro, o 15.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed