Inicio Blog Páxina 20

A UVigo levará a ciencia á rúa cunha cita rápida entre investigadores e un foro sobre os incendios

A Universidade de Vigo quere sacar a ciencia dos laboratorios e levala á rúa cunha nova edición do seu plan de divulgación, que chega con dúas propostas destacadas: un “speed dating” científico para conectar investigadores e público e un “divulgathon” centrado nos incendios forestais. A sexta edición de “Ciencia de ida e volta” desenvolverase durante nove meses, entre outubro de 2026 e xuño de 2027, cun orzamento superior aos 100.000 euros, dos que 30.000 proceden da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), co financiamento da FECYT e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o programa combinará actividades xa consolidadas con novas iniciativas para achegar a investigación á sociedade.

A CIENCIA EN CITAS RÁPIDAS

Unha das principais novidades será un “speed dating” científico no que investigadores de distintas áreas presentarán os seus proxectos ao público. As persoas asistentes poderán escoller tanto a investigación coa que máis conecten, o chamado “match científico”, como a persoa investigadora que mellor consiga captar a súa atención, o “match divulgativo”. A iniciativa pretende poñer a proba a capacidade do persoal investigador para explicar o seu traballo de forma clara, atractiva e comprensible, máis alá dos círculos académicos. 

A outra gran aposta será o “divulgathon Lume e Vida“, un foro de debate arredor dos incendios forestais que se celebrará coincidindo co Día Internacional da Terra. A proposta reunirá persoas afectadas polos lumes, como veciños, brigadistas e colectivos locais, con especialistas da UVigo en ecoloxía, enxeñaría forestal, socioloxía e comunicación.

O obxectivo será compartir experiencias e coñecementos sobre a prevención dos incendios e a recuperación dos ecosistemas, conectando a investigación universitaria coa realidade das comunidades afectadas. A programación incluirá tamén intercambios científicos con alumnado de secundaria, roteiros polos cinco laboratorios vivos do proxecto europeo LivingSoiLL, centrado na saúde dos solos, e un paseo arqueolóxico polas illas Ons, con visitas ás escavacións do Grupo de Estudos Arqueolóxicos e Antropolóxicos (GEAAT) da universidade.

CINBIO TNT b
Experimentos que científicos da UVigo amosan a estudantes / Uvigo

FORMACIÓN PARA COMUNICAR MELLOR A CIENCIA

As actividades arrancarán o 28 de outubro coa formación en liña “Comunica a túa ciencia”, estruturada en cinco módulos de dúas horas para mellorar as competencias de comunicación científica. As sesións poderán seguirse en modalidade síncrona ou asíncrona e estarán abertas tanto á comunidade universitaria como ao público externo.

A primeira sesión, “Comunicar para conectar: mensaxe, corpo e voz”, abordará a construción da mensaxe, o uso de recursos narrativos e a adaptación dos contidos a distintos públicos. Tamén traballará a expresión corporal, a presenza escénica e as técnicas vocais. A formación correrá a cargo de Lara Capeáns, profesional da comunicación audiovisual con experiencia na realización e edición de videoclips e documentais premiados internacionalmente.

Cada sesión contará con 90 prazas e a inscrición realizarase a través dos formularios habilitados na Secretaría en liña da universidade, que se irán abrindo progresivamente.

MÁIS CIENCIA EN GALEGO E MENOS ESTEREOTIPOS

O Día da Ciencia en Galego, que se conmemora o 4 de novembro, volverá ter protagonismo no programa. A terceira edición desta iniciativa dentro do plan incluirá un novo volume da “Escolma de termos” científicos, con vocabulario das matemáticas, a astronomía e a botánica. A publicación dá continuidade ao traballo iniciado en 2024 para ampliar e consolidar a terminoloxía científico-técnica en galego, tanto na universidade como nos centros educativos.

A programación tamén incorporará actividades polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, coas xornadas “Elas Fan CienTec” e “Rachando Estereotipos”. Ademais, retomarase o “Minicionario de Xustiza Social”, un proxecto iniciado en 2024 coa colaboración de investigadores da Facultade de Educación e Traballo Social, para actualizar os seus contidos e adaptalos a novas perspectivas e datos.

Entre as novidades figura tamén a dixitalización dos catálogos das seis edicións de “Quero ser investigadora”, xunto cos materiais didácticos complementarios e as versións en lectura fácil e audiolibro. O programa reservará espazo para actividades interxeracionais, con obradoiros de estimulación física e cognitiva destinados tanto a alumnado de educación infantil como a persoas maiores usuarias de residencias e centros de día, arredor do Día Mundial da Saúde.

En maio está prevista a feira-exposición “A ciencia que vén”, con obradoiros e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo. A programación pecharase en xuño co programa “Embaixadoras e embaixadores da Ciencia e do Coñecemento”, que contará coa colaboración do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM). A iniciativa busca, en definitiva, reforzar os vínculos entre universidade e sociedade cunha combinación de formación, participación cidadá e divulgación, e levar o coñecemento científico a públicos diversos en distintos puntos do país.

Caballero insiste en que Concello e Zona Franca fan máis vivenda en Vigo que a programada pola Xunta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este mércores a visita realizada polo presidente da Xunta a Navia, onde o Goberno galego ten 927 vivendas en construción (dun total de 1.600 previstas), e asegurou que o Concello e a Zona Franca xuntos fan máis vivenda na cidade ca a proxectada pola Xunta para os próximos tres anos.

Nun audio remitido aos medios, o rexedor olívico arremeteu contra Rueda por facer unha visita “prohibida” tras a convocatoria electoral e por ir a Vigo “a mentir”. Así, sinalou que “todo o mundo sabe” que o Goberno galego non construíu “nin unha vivenda” nos últimos 18 anos para destinala ao alugueiro a prezo taxado. “Agora están facendo vivendas en Navia e o 60% págao o Goberno central, págao Pedro Sánchez”, proclamou, e engadiu que os pisos anunciados nos PIA de Ramón Nieto e o Ofimático non estarán rematados “ata 2040” e que a Xunta dará prioridade á iniciativa privada, “ralentizando” as vivendas de promoción pública.

Caballero incidiu en que o Goberno bipartito presidido por Touriño construíu 450 vivendas en Navia para alugueiro social (das que 35 se cederon ao Concello). “A política é iso, non vir en campaña electoral a repetir unha visita que xa fixeron 80 veces ás mesmas vivendas e ocultar que o 60% o paga o Goberno de España”, subliñou.

Ademais, acusou o Executivo autonómico de rexeitar o plan de vivenda estatal dotado con 7.000 millóns de euros e de impedir que os fondos fosen transferidos directamente ao Concello. Segundo Abel Caballero, o Concello e a Zona Franca promoven máis vivenda, entre as rehabilitacións e as que “se están facendo en programación”, que “as que vai facer a Xunta nos próximos 3 anos”. “Máis nós. Fixemos moito máis do que fixo a Xunta. Rueda sempre, co PP, contra Vigo”, sentenciou.

O Laxeiro máis abstracto chega a Vigo nunha mostra con máis de 30 obras

0

A sede da Fundación Laxeiro en Vigo acolle desde este mércores e ata o 6 de decembro a exposición “O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro”, unha selección de máis de 30 pinturas, debuxos e gravados nos que o artista utilizou recursos expresivos propios da abstracción.

Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luís Seoane e Laxeiro foron autores que, dunha maneira ou doutra, se achegaron aos códigos da abstracción, pero ningún deles cun obxectivo programático de militancia estética, senón como unha deriva natural da procura da súa evolución individual. A abstracción na pintura de Laxeiro progresa, polo menos, a través de catro camiños diferentes, que esta exposición pretende mostrar.

Así, na mostra poderán verse catro debuxos realizados en follas de caderno en 1950, un ano antes da súa partida a Buenos Aires. A partir dese momento, pódese rastrexar a evolución desta primeira conexión coa abstracción noutras obras, tamén sobre papel, pero de maior tamaño, datadas xa nos primeiros anos oitenta. Esta continuidade temporal tan dilatada deixa constancia da importancia desta liña de traballo, a medio camiño entre a abstracción e o surrealismo, no pensamento de Laxeiro.

Esta tendencia xeométrica persiste ao longo de toda a súa traxectoria, con variacións significativas relacionadas cos intereses narrativos e plásticos do pintor en cada etapa da súa dilatada carreira. Así, é evidente o interese do artista polas achegas do cubismo e doutras escolas da pintura xeométrica.

Navia terá os primeiros 84 novos pisos públicos a comezos de 2027

A Xunta de Galicia prevé ter rematadas as primeiras 84 vivendas da nova Navia nos primeiros meses de 2027, segundo confirmou este mércores o presidente galego, Alfonso Rueda, que visitou as obras neste barrio vigués, onde hai 927 pisos de promoción pública autonómica en marcha, dun total de 1.600 proxectados. O presidente galego, que visitou os edificios en construción xunto coa conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo en valor a aposta do Goberno autonómico por construír vivenda protexida na maior cidade de Galicia, que, xunto coa Coruña, é onde a Xunta fai “o maior esforzo”.

No caso de Navia, onde se proxectan 1.600 vivendas públicas cun investimento de 260 millóns de euros, xa hai 927 pisos en construción, en paralelo coa urbanización, a construción de viarios e a instalación de servizos. Segundo indicou Rueda, 84 das vivendas estarán rematadas “nos primeiros meses” de 2027. Así mesmo, Rueda sinalou que nos orzamentos galegos de 2027 haberá unha partida de 96 millóns de euros para “seguir construíndo” en Vigo. Neste sentido, lembrou que, ademais das promocións de Navia, a Xunta proxecta outras 3.400 vivendas en dous ámbitos da cidade olívica: o Ofimático e Ramón Nieto.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego reivindicou as políticas de vivenda do seu Goberno e apostou tamén por outras medidas, á marxe da construción de vivenda nova —incluídas fórmulas de colaboración público-privada—, como a mobilización de vivenda baleira, aínda que dando “seguridade xurídica aos propietarios”. Finalmente, Rueda lembrou que a Xunta acaba de aprobar unha nova liña de sete millóns de euros en axudas para que os concellos “se animen” tamén a construír vivenda pública, e engadiu que “o Goberno central tamén pode facer moitas cousas”.

Pola súa banda, a conselleira María Martínez Allegue puxo en valor a “folla de ruta ben clara” da Xunta para cumprir o seu compromiso coa vivenda pública e aproveitou esta visita a Navia para lanzar unha mensaxe ao alcalde, Abel Caballero, aínda que sen nomealo: “Quen diga que non estamos construíndo vivenda de promoción pública en Vigo, mente”.

Xunta insiste en que Vigo terá abastecemento de agua ata final de ano

A Xunta de Galicia quixo enviar unha mensaxe de “tranquilidade” á veciñanza de Vigo da súa área metropolitana, insistindo en que o abastecemento de auga está “garantido”, con recursos suficientes ata finais de ano nun escenario sen precipitacións nin restricións adicionais.

Así o trasladou o Goberno galego aos medios de comunicación despois de que nas últimas horas o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, volvese dar a voz de alarma e pedise ao Executivo autonómico que reducise o caudal ecolóxico en Eiras, que se atopa ao 42% da súa capacidade.

“Segundo os últimos datos que manexa Augas de Galicia, o ritmo de descenso das reservas moderouse nas últimas semanas e, de manterse esta evolución, o encoro tería recursos suficientes para chegar a finais de ano mesmo nun escenario sen precipitacións nin restricións adicionais”, indicou a Xunta.

A Administración galega quixo aclarar, tras a petición do rexedor, que a adaptación dos caudais ecolóxicos non é unha medida ordinaria nin automática, senón “excepcional” en caso de escenarios de seca prolongada e baixo uns criterios técnicos. “Hoxe por hoxe, esas circunstancias non se dan no sistema de abastecemento de Vigo, polo que non estamos ante un escenario que xustifique a adopción desta medida”, sentenciou, lembrándolles aos concellos que poden tomar medidas, dentro das súas competencias, para reducir o consumo de auga.

O Nadal de Vigo xa ten o seu selo de Correos

Correos emite este mércores o selo “Cidades do Nadal. Vigo”, que se pon en circulación dentro da serie “Nadal 2026”, que inclúe emisións relacionadas con costumes, simbolismo e patrimonio: desde beléns ata escenas de cidades de Nadal, pasando por tradicións ancestrais.

Segundo trasladou a entidade, Vigo e as súas luces son as protagonistas do novo selo, cun valor de Tarifa A — válido para envíos nacionais — e unha tiraxe ilimitada. A emisión pode adquirirse nas oficinas de Correos, a través de Correos Market, contactando co Servizo Filatélico en atcliente.filatelia@correos.com, ou chamando ao 915 197 197.

O selo amosa unha das estampas de Nadal máis emblemáticas de Vigo: a Porta do Sol iluminada e, no centro, a gran árbore de Nadal.

Vigo calcula en 107 millóns o investimento necesario para ser sede do Mundial e que Xunta e Deputación aporten dous terzos

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que será preciso investir máis de 107,5 millóns de euros para que a cidade poida acoller partidos do Mundial de Fútbol 2030, polo que insistiu en pedir á Xunta e á Deputación de Pontevedra financiamento para que chegue a facerse realidade.

Nun audio gravado e remitido aos medios de comunicación, o rexedor volveu falar da súa idea de solicitar que a administración autonómica e a provincial sufraguen dous terzos destes 107 millóns, mentres que o Concello pagaría o terzo restante.

Por iso, enviou un borrador do convenio a tres bandas que propón para que o asinen Xunta e Deputación, deixando fóra o Goberno, malia que desde o PP solicitaron varias veces que tamén entrase o Executivo central na ecuación. Todo isto para acometer todas as obras necesarias que marca a FIFA para poder ser sede. Entre elas, unha nova reforma da bancada de Tribuna, inaugurada hai apenas 10 anos. Nela gastaríanse máis de 86,7 millóns de euros.

O resto do diñeiro iría destinado a distintas actuacións como campos de adestramento ou gastos de organización, entre outros moitos requisitos que marca a FIFA para poder acoller algún partido do Mundial 2030.

Caballero: “A sanidade de Vigo vive a situación máis calamitosa da historia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu denunciar este martes a “situación calamitosa” da sanidade pública na cidade, e advertiu de que isto “ten que ter unha resposta”. Así o explicou en declaracións remitidas aos medios tras manter unha reunión con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública.

O rexedor vigués denunciou o “imparable aumento” das listas de espera, tanto para intervencións cirúrxicas como para consultas especializadas e para a realización de probas diagnósticas, con datos “peores” ca durante a pandemia da Covid. “E para xustificar esta xestión, a Xunta fala da folga de médicos e de todo, menos do que ten que facer. Non pon medios para atender a xente, leva o persoal a unha tensión e unha presión insoportables”, criticou.

Así mesmo, lembrou o peche de centros de saúde e de servizos de pediatría, para trasladar os pacientes ao novo CIS Olimpia Valencia, un centro novo que “xa está saturado”. Para o alcalde, a sanidade en Vigo vive “a situación máis calamitosa da historia“. “Isto ten que ter unha resposta, e haraa”, sentenciou.

Acepta dous anos de prisión por encerrar cunha cadea e maltratar ao fillo adolescente da súa parella en Vigo

Unha muller aceptou dous anos de cárcere por encerrar no seu cuarto cunha cadea e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo. Na vista de conformidade celebrada na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, recoñeceu os feitos e chegou a un acordo coas partes polos delitos de detención ilegal e maltrato familiar. O acordo inclúe 60 días de traballos en beneficio da comunidade, unha orde de afastamento de 200 metros respecto da vítima durante catro anos, a prohibición de ter armas durante dous anos e nove meses e o pagamento das costas procesuais. Ademais, a muller aboou 3.500 euros de responsabilidade civil, destinados ao mozo, polo que se lle aplicou a atenuante de reparación do dano.

A suspensión do ingreso en prisión queda condicionada a que non volva delinquir nos vindeiros cinco anos e non se achegue nin se comunique coa vítima durante ese período. A Fiscalía solicitaba inicialmente penas que sumaban seis anos e dez meses de cárcere. Segundo recollía o escrito de acusación, a muller conviviu co pai do rapaz entre decembro de 2023 e xuño de 2025 nun domicilio de Vigo. O menor tiña 15 anos cando comezou a convivencia e quedaba ao seu coidado durante as ausencias prolongadas do pai por motivos laborais.

Neses períodos, obrigábao a permanecer encerrado no dormitorio e pechaba a porta cunha cadea. Os enc erros podían durar varias horas pola tarde durante o curso escolar ou prolongarse toda a xornada nas vacacións. Só lle permitía saír para comer e ir ao baño. Para privar o adolescente de liberdade e autonomía, a muller retiroulle as chaves da casa, o teléfono móbil, o DNI e as tarxetas sanitaria e bancaria. Tamén lle impedía visitar a súa avoa, que vivía no mesmo edificio, ou os seus tíos, que residían nun inmoble próximo. A Fiscalía describía, ademais, un trato despectivo continuado, con insultos como “hijo de puta”, “subnormal” e “gilipollas”, ameazas de mallarlle e de “reventarlle” os dentes, así como zarandeos e golpes na caluga.

O 19 de xuño de 2025, durante unha discusión na cociña, a acusada golpeou o rapaz coa porta da neveira no brazo esquerdo e, a continuación, agarrouno polos brazos e zarandeouno. Como consecuencia desta agresión, o menor sufriu unha ferida abrasiva no antebrazo, un hematoma e unha síndrome ansiosa reactiva. Ao día seguinte, volveuno encerrar no cuarto coa cadea e marchou da vivenda, que tamén deixou pechada con chave. O adolescente pasou 45 minutos tentando saír, ata que finalmente a cadea cedeu. Unha vez fóra do dormitorio, atopou un xogo de chaves e conseguiu abandonar a casa. Acudiu ao domicilio dos seus avós, onde pasou a residir de maneira habitual.

Stellantis Vigo habilita 29 mesas para as eleccións sindicais: estes son os horarios por quendas

A factoría viguesa de Stellantis habilitará ata 29 mesas electorais para facilitar a participación do seu persoal nas eleccións sindicais deste venres 16 e sábado 17 de outubro. Segundo informou a Mesa Electoral Central da empresa, os horarios de votación adaptaranse ás distintas quendas de traballo.

O persoal das quendas de mañá, tarde e central poderá votar o venres 16 entre as 10.00 e as 19.00 horas. Para as persoas da quenda de noite, a votación abrirase ás 22.00 horas do venres e prolongarase ata as 02.30 horas do sábado 17. Pola súa banda, o persoal da quenda de fin de semana votará o sábado entre as 08.00 e as 12.00 horas. Nas mesas estarán dispoñibles papeletas e sobres de todas as candidaturas. Serán de cor sepia para o Colexio de Técnicos e Administrativos e de cor branca para o Colexio de Especialistas e Non Cualificados.

A Mesa Electoral Central lembra que non se poderá riscar ningún nome da papeleta para que o voto sexa válido. As persoas votantes poderán acreditar a súa identidade mediante o DNI, o carné de empresa ou o permiso de conducir. O persoal en situación de baixa poderá votar nas mesas correspondentes aos seus talleres ou servizos, a calquera hora dentro do horario establecido para a quenda á que pertenza.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed