O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou este venres que, nas últimas horas, se produciron “dous actos de acoso” contra o grupo de persoas acampadas na Alameda de Vigo, e esixiu “respecto” para este colectivo, cuxa conduta é “pacífica e irreprochable”, ao tempo que advertiu de que a Policía actuará no caso de que se repitan eses actos. En declaracións remitidas aos medios, Losada explicou que, arredor das 5.00 horas da pasada madrugada, dous homes e unha muller lanzaron petardos contra as persoas acampadas, e que sobre as 7.00 horas un home “os ameazou aos berros brandindo un pau”. “Nos días pasados houbo outros dous incidentes semellantes”, sinalou.
“Quero subliñar que no tempo que levamos de acampadas pola vivenda, primeiro en Pontevedra e despois en Vigo, non recibín ningún parte policial sobre comportamentos inapropiados das persoas acampadas, polo que a súa conduta é, no que a min respecta, absolutamente pacífica e irreprochable”, subliñou o subdelegado. Ao respecto, apuntou que as persoas acampadas “están exercendo o seu dereito de reunión e reivindicando un dereito previsto na Constitución”. Así mesmo, confirmou que cumpriron co requisito de comunicación previa á Subdelegación do Goberno. Por iso, esixiu “respecto” para estas persoas e advertiu de que, se algunha persoa “se achega para molestar, hostigar ou con ánimo de agredir” e é identificada pola Policía Nacional, “actuarase sen titubeos”, ben no ámbito da sanción administrativa ou no ámbito penal, “en función da gravidade dos feitos”.
