Inicio Blog Páxina 1870

Elena Múñoz abandona a política activa tras a derrota do 26M

A líder do PP de Vigo, Elena Muñoz, abandona a política activa. Nunha xuntanza da dirección do PP vigués, a aínda líder do partido, anunciou que deixará a súa acta de edil e tamén a presidencia do PP vigués.

A súa decisión prodúcese logo da colosal derrota do PP de Vigo que quedou con tan só catro edís nas eleccións do pasado domingo. Unha derrota histórica deste partido na cidade.

Elena Muñoz, conselleira na Xunta, foi a aposta de Alberto Núñez Feijóo hai catro anos para tentar arrebatarlle a alcaldía a Abel Caballero. Pero nos comicios de 2015 baixou case a metade dos votos, pasando de 13 a 7 concelleiros. Nos comicios do 26M o descenso aínda foi maior, pasando de 7 a 4.

“Considérome unha privilexiada por ter a oportunidade de traballar por Vigo, pero en política, se non se cumpren os obxectivos, hai que tomar decisións“, sentenciou Elena Muñoz tras a xunta local celebrada este sábado na sede do partido na cidade olívica. Para Muñoz, “chegou o momento de facerse ao carón”, polo que sinalou que o partido “ten os seus mecanismos para afrontar estas situacións; a xestora é unha das posibilidades”.

Así mesmo, e preguntada pola próxima portavocía municipal, Elena Muñoz indicou que a elección do novo portavoz será unha “cuestión de equipo, como sempre se toman as decisións importantes neste partido”.

RESULTADO

Elena Muñoz aproveitou a rolda de prensa para agradecer ao seu equipo, aos seus compañeiros de grupo e de partido e aos membros da lista popular das últimas eleccións “todo o traballo que fixeron por Vigo, aínda que os resultados non acompañasen”. “Utilizando un símil futbolístico, ás veces, o resultado non acompaña ao esforzo ou ao xogo despregado”, engadiu.

“Deséxolle todo o mellor a quen veña, porque estou convencida de que o mellor para o PP é o mellor para Vigo. Hoxe, máis que nunca, é necesario un Partido Popular forte capaz de contraporse ao actual goberno municipal”, incidiu Elena Muñoz, quen sinalou que aínda non tomou ningunha decisión sobre o seu futuro, aínda que admitiu que non recollerá a acta de concelleira e transmitiulles aos seus compañeiros de partido que “estará para o que a necesiten, para seguir sumando”.

Con todo, subliñou a necesidade de “facer unha profunda reflexión” sobre as causas dos “malos resultados”. “Evidentemente hai moitos motivos. Agora toca esa análise profunda”, sinalou.

RESPONSABILIDADE E COHERENCIA

“Sen ningunha dúbida, tamén toca que quen encabezou esa candidatura (falando de si mesma en terceira persoa) tome decisións desde a responsabilidade, coherencia e normalidade democrática. Os políticos e partidos debémonos aos resultados, cando son bos hai que celebralos, cando son malos asúmense”, apostilou a ata agora líder do PP vigués.

Muñoz concluíu subliñando que, da mesma maneira que hai que saber perder, hai que saber gañar, polo que pediu ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, (aínda que sen nomear o seu nome) que “saiba administrar ese apoio tan maioritario en beneficio de todos os vigueses”. “En democracia, hai que aceptar a opinión do discrepante e respectar á oposición”, sentenciou Elena Muñoz.

 

Adxudicada a segunda parte das obras de mellora da PO-400 ao seu paso por Crecente (Pontevedra)

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a segunda fase das obras de mellora do firme na vía PO-400 ao seu paso por Crecente (Pontevedra).

Segundo recolleu a Xunta nun comunicado, estimouse un prazo de execución de dous meses para os traballos, aos que se destinará un importe de 48.000 euros.

As obras foron adxudicadas á empresa OCA (Obras, Camiños e Asfaltos S.A.) e permitirán acondicionar parte da vía que discorre entre Salvaterra do Miño e Filgueira. En concreto, mellorarase a conexión co núcleo de O Freixo, un tramo de 600 metros de lonxitude que facilita o acceso a vivendas, leiras e outras estradas.

Deste xeito, tras actuar sobre as fochancas existentes na vía, estenderase unha nova capa de asfalto e limparanse as cunetas. Así, búscase mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios da estrada.

Manifestación de Anpas e veciños de Vigo denunciando a “saturación” do servizo de Pediatría da área sanitaria

Anpas e veciños manifestáronse este venres polas rúas de Vigo para demandar un aumento do persoal de pediatras nesta área sanitaria e denunciar a “saturación” deste servizo.

Así o detallou a representante da Asociación Veciñal Novo Vigo, integrada na plataforma convocante, Ana María Martínez, que sinalou que a carencia de profesionais vese agravada polo feito de que estes opten por outras áreas sanitarias ou pola sanidade privada, onde lles ofrecen unhas mellores condicións laborais.

Nesta liña, sinalou que as altas cotas de pacientes que se adxudican a cada facultativo e a falta de cobertura das vacacións ocasionan que a saturación do servizo se incremente.

En concreto, a plataforma convocante, Pediatras para todos, está integrada pola federación de Anpas de Cangas, a Federación de Anpas de Centros Públicos de Ensino dás comarcas Condado-Paradanta e Louriña (Fanpo), a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), a Asociación de Anpas de Valmiñor (Favalmi), Teta e Coliño, Rede Cría e a Asociación Veciñal Novo Vigo.

Pola súa banda, a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo apuntou que se solicitou ao Ministerio de Sanidade o incremento de tres prazas de Médico Interno Residente (MIR) para o servizo de Pediatría co obxectivo de pasar de catro a sete na convocatoria de 2020.

Ademais, lembrou que nesta área sanitaria aténdese ao maior número de poboación infantil galega, un total de 72.115 nenos de 0 a 14 anos, o que leva un “gran volume” de actividade.

Así mesmo, a xerencia da EOXI resaltou que, en Galicia, cóntase cunha taxa de cobertura pediátrica “próxima ao 90 por cento” e que a falta de especialistas en situación de desemprego dificulta a cobertura das ausencias dos médicos titulares.

O PP de Vigo acusa a Caballero de facer unha política aeroportuaria de “ocorrencias”

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo reclamou este luns un “xiro” na política aeroportuaria local, para que dea resposta a “demandas e necesidades” e non a “ocorrencias” que se traducen en “fracasos”.

Así o manifestou en rolda de prensa a portavoz ‘popular’ e candidata á Alcaldía, Elena Muñoz, quen prometeu que, se é alcaldesa, fará unha política “a medio e longo prazo” nese ámbito, “contando co sector turístico, comercial e empresarial”, e “coordinada” co resto de aeroportos galegos.

Nese sentido, Muñoz sinalou a importancia de “apostar por rutas necesarias“, como os voos a Madrid e Barcelona, que son os máis demandados desde Peinador, e prometeu “traer” a Vigo unha compañía ‘low-cost’ para operar unha conexión con Londres.

A ese respecto, a líder do PP vigués incidiu en que deben aumentarse as frecuencias e abaratar os actuais prezos dos voos a Madrid e Barcelona, así como implantar unha conexión coa capital británica “os 365 días do ano”.

A Xunta lávase as mans na decisión do IES de Mos de prohibir o Entroido

0

A Consellería de Educación quixo evitar entrar na polémica sobre a polémica circular do IES de Mos de ameazar con sancións aos estudantes que este venres vaian disfrazados ás aulas. Unha situación que provocou o rexeitamento por parte de nais e estudantes.

Á noticia, que adianto este xoves Xornal de Vigo, non quixo reaccionar a Xunta alegando que “é unha cuestión interna do centro”. Con todo, a dirección do centro negouse a explicar os motivos desta polémica circular tras poñerse en contacto con eles este medio.

A dirección celebrou na noite deste xoves unha xuntanza coa Anpa na que explicou que os motivos para prohibir esta celebración teñen que ver coas desordes e o vandalismo que tiveron lugar na anterior festa organizada polo centro, durante o Nadal, na que se produciron algúns destrozos.

Por iso, e ante o silencio do estudantado e para evitar que tamén no Entroido tiveran lugar altercados ou destrozos, a dirección decidiu clausurar todo tipo de festas. Unha medida que rexeitaron moitos pais e estudantes que denunciaron nas redes sociais, e tamén en declaracións a Xornal de Vigo, que non poden pagar “xustos por pecadores” con medidas que semellan “da época de Franco”.

A Xunta quere que haxa unha nova edición do Marisquiño en Vigo

0

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, comprometeu este mércores o investimento da Xunta necesaria para garantir que continúe a celebración do festival O Marisquiño en Vigo.

Tras reunirse co director do festival, Joako Ezpeleta, o conselleiro asegurou que a Xunta fixo unha proposta “xenerosa”, porque cre “importante” que “se manteña en Vigo” esta cita. Por iso, realizouse “unha oferta que cumpre coas expectativas que reclama a organización”.

Aínda que non quixo revelar cifras, o conselleiro explica que o apoio deste ano “algo mellora” o do ano anterior, no que a Xunta destinou uns 50.000 euros. Serán “dous terzos” pola vía directa e o outro terzo por patrocinio. “Queremos que O Marisquiño deste ano se celebre, por parte da Xunta non vai quedar”, aclara Román Rodríguez.

Todo iso, despois do accidente do ano pasado que deixou centenares de feridos tras o derrubamento dun tramo do paseo nunha das dársenas do porto de Vigo. O obxectivo é que “poida celebrarse sen ningún tipo de contratempo e do que se fale realmente de O Marisquiño é do deporte urbano e da cultura urbana”.

O conselleiro define este encontro mantido en Santiago como “unha reconciliación”, despois de que a finais do ano pasado a organización mostrase a súa insatisfacción co respaldo do Goberno galego á celebración do evento en 2019.

AGORA DEBERÁ DECIDIR A ORGANIZACIÓN

A organización ten previsto tomar a decisión na tarde deste mércores sobre se leva adiante a edición deste ano do festival. O conselleiro de Cultura di que o seu “desexo é que se celebre”. “Ao final o que terá que tomar a decisión última é o organizador”, agrega.

Sobre a localización física do evento, o conselleiro di descoñecer onde levará a cabo no caso de que se celebre, xa que iso “non incumbe” á Xunta e prevé que, de ter luz verde, sexa en época estival.

Tui dá novos pasos na Feira Internacional de Turismo para incorporarse á Red de Juderías e á Ruta da Camelia

0

O Concello de Tui estará mañá mércores presente en FITUR, a Feira Internacional de Turismo, que se celebrará en Madrid do 23 ao 27 deste mes, representado polo alcalde e responsable de Turismo, Carlos Vázquez Padín.

O rexedor tudense acudirá ás 12h ao stand de Turgalicia á presentación dos novos folletos dos conxuntos monumentais galegos, entre os que se atopa o de Tui. Posteriormente visitará o posto da Red de Juderías de España, co obxectivo de ir traballando ante a posibilidade de que Tui se poida incorporar a este grupo.

Carlos Vázquez Padín aproveitará a súa visita a esta cita internacional de Turismo para visitar outros stand e poder así tomar nota de distintas iniciativas que se poidan extrapolar ao turismo local para promocionar a cidade e os seus atractivos.

Explica o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, que é a primeira vez que se está a facer unha política integral de turismo enfocada a promover o potencial turístico do municipio. Nese senso apuntaba á redacción dun Plan Director de Turismo que está en marcha, a candidatura para entrar a formar para da Red de Juderías de España, e o obxectivo de que o municipio se poida incorporar á Ruta da Camelia, entre outros.

CIG reclama unha “aposta decidida” da Xunta pola automoción para evitar o posible “deserto industrial”

Delegados da CIG concentráronse este martes ante a entrada principal da planta do grupo Stellantis en Vigo, encabezados polo secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, e polo secretario nacional da Federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, para denunciar a “precariedade” dos ERTE na automoción e a “deslocalización”, e para reclamar unha “aposta decidida” da Xunta por este sector.

Segundo lembrou Xoan Xosé Bouzas, a automoción galega atópase nunha situación de “incerteza” polas consecuencias da pandemia e da chamada crise dos ‘microchips’, que está a xerar problemas de abastecemento de compoñentes.

Neste escenario, lembrou, o grupo Stellantis recorreu a aplicar “un ERTE á carta”, que incide na “precariedade” do persoal e que arrastrou a outros miles de traballadores da industria auxiliar.

Por iso, a CIG reclamou implicación da administración autonómica para favorecer que as plantas de compoñentes estean en Galicia, e que a industria non teña que depender de provedores estranxeiros. Así mesmo, pediron que a Xunta faga investimentos pensando “no futuro” para garantir a provisión, por exemplo, de baterías para coches eléctricos.

“Se non hai unha solución a tempo, coa deslocalización, perderanse miles de empregos, e isto pódese converter nun deserto industrial, como está a pasar no Norte de Galicia“, advertiu o secretario nacional da Federación de Industria da CIG.

RESPOSTA DE STELLANTIS

Pola súa banda, fontes da planta viguesa de Stellantis responderon a estas protestas apuntando que “os desafíos e os problemas deben abordarse con compromiso e responsabilidade”, unha visión que comparte “a maioría da representación social” na fábrica, que apoiou os ERTE para afrontar a actual situación.

Segundo incidiu, este enfoque “protexe” a competitividade da fábrica e a súa “posición de liderado” no sector da automoción europeo, mentres que “a falta de vontade construtiva dos convocantes desta protesta non é un bo exemplo a seguir”, e “outros sectores industriais en Vigo padecen hoxe as consecuencias deste tipo de sindicalismo”.

O Porto de Vigo, contra o túnel en Beiramar que quere Caballero

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, advertiu este venres de que a construción dun túnel na Avenida de Beiramar, como reclama o goberno local encabezado por Abel Caballero, complicaría os tráficos de acceso e saída á terminal e iría “contra a actividade de moitas empresas”.

Vázquez Almuíña lembrou que esa avenida está en terreo portuario e que a planificación urbanística do organismo non contempla esa obra de soterramento do tráfico.

Respecto diso, sinalou que “habería que facer un estudo moi sólido para saber como se resolverían os tráficos” e “a infografía” que mostra o alcalde sobre como quedaría a transformación “non expón nada diso”.

Vázquez Almuíña incidiu na importancia das empresas e sectores que operan no porto, que fan os seus transportes, tanto de pesca como de, por exemplo, pezas de gran tamaño, por ese viario. “E todo isto habería que casalo cun túnel que debería permitir unhas mobilidades moi complicadas“, engadiu.

Segundo o presidente do porto, o túnel “como idea, vai contra a actividade de moitas empresas” e “xa houbo informes desfavorables”. Ademais, apostilou, “calquera proxecto como este, que afecta a unha actividade sensible, ten que falarse co sector” e, tal e como asegurou, este sector xa transmitiu que o soterramento do tráfico “é incompatible” coa súa actividade.

“O túnel de Beiramar non é unha prioridade do Porto e pode supor un golpe mortal a esta actividade”, sentenciou Vázquez Almuíña.

Ferido un home nunha colisión en Mos e unha muller nunha saída de vía en Redondela

Un home resultou ferido nunha colisión rexistrada na mañá deste venres no municipio fe Mos e unha muller nunha saída de vía ocorrida en Redondela.

Segundo informou o 112 Galicia, en Mos unha colisión entre dous turismos saldouse cun home ferido. O choque produciuse na A-55, á altura do punto quilométrico 9, en torno ás 7,30 horas deste venres.

Ao lugar desprazouse unha ambulancia de soporte vital básico para asistir ao home D.M.M., de 40 anos, que foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

SAÍDA DE VÍA

Por outra banda, unha muller resultou ferida despois de saírse da vía co seu vehículo e precipitarse por un terraplén. O accidente tivo lugar ás 5,30 horas deste venres cando unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar o suceso.

De acordo co seu relato, a condutora do turismo atopábase liberada e accesible, pero necesitaba asistencia sanitaria ao saír da vía á altura do número 30 da estrada do Coto, no en Redondela.

Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico para atender á muller S.M.G., de 29 anos, que foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro, sinalaron fontes sanitarias.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed