Inicio Blog Páxina 1869

As mellores fotografías da praia de Samil

Da man do noso fotoxornalista Miguel Núñez, Xornal de Vigo despide o ano cunha selección de fotografías da máis famosa praia viguesa, Samil. Na imaxe de portada, o azul do mar e o do ceo dividen por partes iguais o horizonte, e en primeiro plano unha muller africana coida dun bebé. Nesta segunda, unha brétema profunda cubre o lugar mentres cae a noite e un ciclista cruza paseniño o litoral.

entre lusco e fusco, Samil /Miguel Nuñez

Aquí, un canciño parece querer escapar dunha posta de sol, coma se do apocalipse se tratara. E se non regresa?

Samil de inverno
Can solto por Samil /Miguel Nuñez

Pois si que regresou a claridade, cunha curiosa imaxe que semella atemporal, ou doutro mundo. Unha muller pasea polo aparcadoiro de Samil coas Cíes ao fondo.

Aparcadoiro de Samil/ Miguel Núñez

E, por último, dous bañistas observan ao fotógrafo coma un extraterrestre.

Na Praia
Domingo en Samil /Miguel Nuñez

Dinosetos e unicornios

Penso que faría felices a moitos vigueses que o dinoseto voase e cada quen poidese levalo amarrado por un cordeliño para que lle presentase os seus respetos ó noso Sireno de Leiro. Unha conversa amigable entre un seto e un sireno. Penso que ao noso alcalde encantaríalle ser o primeiro vigués que facilita un diálogo de tanta altura. Penso que somos como nenos. E aínda cremos nos unicornios / Miguel Núñez

Soben os novos casos na área de Vigo

Galicia rexistrou nas últimas horas 567 novos contaxios por covid, 165 máis que os novos casos notificados hai un día, e que ascenden, ademais, en todas as áreas. Con todo, o resto de indicadores melloran; baixan as infeccións activas (258 menos que na xornada anterior), a presión hospitalaria (23 ingresados menos) e a taxa de positividad, que queda no 9,19%.

Segundo os datos feitos públicos este mércores pola Consellería de Sanidade (con información solicitada ata as 18,00 horas do martes), nas últimas 24 horas confirmáronse na comunidade 567 contaxios novos, a maior parte deles rexistrados nas áreas sanitarias de Lugo, A Coruña e Vigo.

Así, na de Vigo houbo 115 novos casos. Con todo, baixan os contaxios activos en 102, para situarse en 2.180.

PRESIÓN HOSPITALARIA

Os datos publicados por Sanidade reflicten unha redución da presión hospitalaria, tanto en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) como en unidades de hospitalización convencional. Así, notificáronse 55 pacientes con covid ingresados en coidados críticos (tres menos) e 222 pacientes en ‘planta’ (20 menos).

Por áreas, o maior número de pacientes graves atópase no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con 18 casos en UCI (un menos). Na área de Vigo mantéñense 10 pacientes en UCI, pero descenden os ingresados en planta, 11 menos, co que quedan con 49.

“Os partos en auga non están asociados a un aumento de resultados adversos para a nai nin para o neonato”, segundo un estudo

Na tese de doutoramento da especialista en obstetricia e xinecoloxía Susana Iglesias, ‘Nacemento baixo a auga. Estudo retrospectivo en hospital de baixa intervención’, a enfermeira decidiu afondar na cuestión dos partos baixo a auga na que levou a cabo un estudo observacional de 1191 nacementos no Hospital Comarcal do Salnés.

Neste estudo concluíu que “os partos en auga non están asociados a un aumento significativo de resultados adversos nin para a nai nin para o neonato”. Segundo a doutora, “nos embarazos de baixo risco, a inmersión en auga quente durante a dilatación considérase unha opción eficaz como método de alivio de dor. En cambio, o nacemento en auga conta con menos evidencia científica e discútese a súa seguridade”. 

A idea de pór en marcha esta investigación, explica a súa autora, xurdiu tendo en conta que as “sociedades científicas de obstetras, xinecólogos e  xinecólogas, matronas e enfermeiros e enfermeiras de numerosos países, defenden que o parto en auga debe ser unha opción dispoñible para as embarazadas de baixo risco xunto con información actualizada dos seus posibles beneficios e riscos”.

Por outra banda, denuncia que “algúns hospitais que contan con bañeira obstétrica prohibiron o seu uso durante a dilatación e/ou o parto, limitando o dereito da muller a tomar unha decisión informada sobre este tema”.

Por isto, Susana Iglesias conclúe que “parece que a prohibición do uso da inmersión durante a dilatación e/ou parto non se basea en ciencia, senón en prexuízos“.

Por fin a Xunta actuará para evitar as inundacións no río Lagares que recoñece como perigosas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará un total de 6,8 millóns de euros a seis actuacións de protección prioritarias incluídas en Plan de xestión do risco de inundacións para o río Lagares, no Concello de Vigo.

En concreto, trátase da mellora do espazo fluvial e da drenaxe do río no cruzamento coa avenida Severino Cobas, na Rega do Folón no cruzamento coa estrada Camposancos e na Avenida de Madrid; a optimización do espazo fluvial ao seu paso polo polígono do Caramuxo; e áreas de inundación controladas, en Sárdoma e en Lavadores.

Diso informou a titular do departamento autonómico, Ethel Vázquez, que explicou que este mesmo martes a Xunta remitiu ao Consistorio vigués este plan así como un protocolo para avanzar conxuntamente neste seis acciones. A proposta sinala que o Executivo autonómico financia as obras mentres que o Concello deberá pór a disposición os terreos.

Segundo detallou a conselleira, proponse executar nunha primeira fase 5 destas obras, pospondo a actuación de Lavadores á avaliación do funcionamento da área de inundación de Sárdoma.

Ethel Vázquez e a responsable de Planificación Hidrolóxica de Augas de Galicia, Belén Quinteiro, debullaron este martes en rolda de prensa os detalles do plan, que inclúe medidas de prevención das inundacións, protección e recuperación da conca do río.

Na comparecencia, a conselleira explicou que se identificaron “riscos potenciais importantes” a consecuencia de que é unha conca “moi urbana, encaixada en zonas urbanizadas e industrializadas”. “Por iso o plan inclúe medidas específicas tanto paliativas como preventivas, para executar polas diferentes administracións que temos competencias”, indicou.

SISTEMA DE ALERTA TEMPERÁ

Segundo detallou Belén Quinteiro, entre as medidas, tamén se inclúe a implantación dun sistema de alerta temperá que permitirá prever episodios de inundacións con tres días de antelación.

Pola súa banda, Ethel Vázquez precisou que, nestas accións concretas que permitirán xestionar tanto “antes, durante como despois” das inundacións, inclúense actuacións para eliminar a presión do río e para asegurar a correcta circulación da auga.

Ademais, engadiu que a Xunta destinará 48.500 euros a accións preventivas, a maior parte a financiar por Augas de Galicia. Tamén reservará 27.500 euros para medidas de conservación da canle –no tramo interurbano corresponde á Xunta mentres que no tramo urbano é competencia do Concello–.

NOVES CONCAS PRIORITARIAS

Todo iso nunha rolda de prensa na que a conselleira explicou que a Xunta traballa na realización de plans específicos pare facer fronte ao risco de inundacións en nove concas fluviais prioritarias polo seu nivel de risco.

Trátase, ademais do río Lagares, do Umia en Caldas de Reis e Portas; o río Ulla e o Sar, ao seu paso por Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o río Anllóns, en Carballo; o río Campeda, en Vimianzo; os cursos do río Fontecova e do arroio Trasposta, en Viveiro; así como dos Bahíña e Groba, en Baiona.

A UVigo someterá a probas PCR a máis de 300 alumnos que estiveron en contacto con compañeiros positivos

O reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa avanzou que se iniciará “de modo inmediato” a realización das probas PCR semanais previstas entre os alumnos e que levarán a cabo durante todo o curso.

Preguntado tras unha rolda de prensa telemática, Reigosa explicou que este xoves “saíron da Rectoría 300 ou 400 probas PCR” que se farán a alumnos por se nas súas clases houbese persoas positivas nesta patoloxía, aínda que asegurou que os datos dos que se dispón son “tranquilizadores”.

Ademais, o reitor detallou que o curso se desenvolve “moi ben” e apuntou que “só uns poucos alumnos” e dous traballadores da universidade están contaxiados. Así, precisou que a maior incidencia de casos detectouse no campus de Ourense, pero insistiu en que se trata de “datos tranquilizadores” dado o baixo volume de positivos.

Tamén lembrou que, tras o inicio de curso, someteuse a test de detección de COVID-19 ao persoal e que todas as probas arroxaron resultados negativos. En todo caso, Manuel Reigosa insistiu en que o Campus Remoto está preparado para albergar clases telemáticas por “se é necesario pechar un curso completo” debido á incidencia de casos.

Así mesmo, sinalou que a universidade dispón dun sistema de control de acceso ás aulas que tamén permite coñecer o tempo no que cada persoa permaneceu nas mesmas. Deste xeito, o reitor da UVigo resaltou que, se se detecta algún caso de coronavirus, pódese “pór a rede de alerta interna a funcionar” para identificar as persoas que estiveron en contacto cun positivo.

O Concello de Vigo cuestiona a distribución de recursos por parte da Xunta

O Concello de Vigo cuestionou a distribución de recursos de prevención para evitar contaxios de traballadores por coronavirus realizada pola Xunta, que deu prioridade aos municipios de menor tamaño. Mentres, o Goberno galego avanzou que esta semana se enviarán 15.492 máscaras, 30.000 luvas e 546 traxes á cidade.

En concreto, a Xunta avanzou que esta semana se repartirán máis de 45.700 unidades de material de protección en Vigo, unha actuación que se enmarca nunha dotación que se fará efectiva nas sete cidades galegas. Ademais, lembrou que xa se entregaron efectos similares no 98 por cento dos municipios galegos, así como que estes novos envíos permitirán chegar á totalidade dos mesmos.

A este respecto, sinalou que se priorizou a dotación de material aos municipios pequenos ao entender que contan con menos recursos. Así, incidiu en que se “acordaron coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)” os criterios de acordo cos que se realizou a repartición e que teñen en conta a poboación e o número de casos positivos e traballadores das localidades beneficiarias.

Mediante declaracións remitidas aos medios, o concelleiro de Participación Cidadá da cidade olívica, Abel Losada, asegurou que a Fegamp trasladou ao goberno local vigués que “non se tomou un acordo” en relación á priorización da dotación de material segundo o tamaño das localidades.

Por este motivo, acusou ao Executivo autonómico de “escudarse” nesta entidade para non asumir as súas “responsabilidades” de xestión e esixiu unha redistribución de fondos procedentes do Goberno que satisfaga as “necesidades” dos concellos.

PETICIÓN DE “INFORMACIÓN”

Adicionalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou “información” sobre a situación da cidade en relación ao número de contaxios por COVID-19 e a dispoñibilidade de recursos ao Executivo galego para “apoialo na súa tarefa sanitaria” cos efectivos dos que dispón a cidade.

Nesta liña, solicitou que se detalle a situación da situación DomusVi de Barreiro, onde se contabilizaron cinco falecidos con coronavirus, así como múltiples contaxiados entre os seus usuarios e traballadores.

Ademais, o alcalde lamentou non obter unha resposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á carta remitida o pasado 25 de marzo na que lle ofrecía a “cooperación” municipal.

Preguntado telematicamente sobre o feito de que o Goberno galego abrise a porta a utilizar o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) como hospital de campaña, Abel Caballero sinalou que el mesmo suxerira esta posibilidade ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a subdelegada do Executivo central en Pontevedra, Maica Larriba.

O saneamento da parroquia de Teis levará un investimento dun millón de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo este mércores unha reunión con representantes da Asociación de Veciños da parroquia viguesa de Teis, aos que lles trasladou que a Xunta está a ultimar a redacción do proxecto de mellora do saneamento neste barrio co fin de contratar o próximo ano estas obras, que suporán un investimento dun millón de euros.

Así, nun encontro no que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, Vázquez subliñou que nos Orzamentos do Goberno galego de 2020 xa se reserva unha partida de 250.000 euros para avanzar neste proxecto hidráulico.

Segundo a titular de Infraestruturas, o sistema de saneamento de Teis, conformado por unha rede de colectores e varios bombeos que finalizan na depuradora, presenta “deficiencias”. Nese sentido, un estudo previo detectou problemas de infiltracións, que provocan “unha sobrecarga continua na rede”.

“A pesar de ser unha competencia municipal, xa que o abastecemento, o saneamento e a depuración son competencia exclusiva municipal, quixémonos implicar ao ver, nun estudo previo que se fixo en Augas de Galicia, esas deficiencias importantísimas como consecuencia de grandes infiltracións de augas de río e augas brancas na rede de colectores”, explicou a conselleira en declaracións aos medios.

DÚAS ZONAS

Por todo iso, a Xunta centrará a súa acción en dúas zonas específicas. Unha delas será na baixada a ríos, onde actualmente hai rede separativa pero na que se filtra auga do río Paraixal, polo que se construirá unha nova rede de pluviais e mellorarase a rede de fecais.

A segunda zona correspóndese co colector do río Paraixal, construído en paralelo ao leito do río e, en ocasións, baixo o mesmo. Debido ás infiltracións, é necesario un novo colector, de material plástico, para reducilas.

Pola súa banda, na reunión os veciños de Teis solicitaron a Vázquez a reforma “integral” da Avenida de Galicia, de titularidade autonómica, para “reforzar a seguridade viaria”. Así, lembraron nun comunicado que nesta vía a Xunta xa realizou unha primeira fase na avenida de Vigo en Chapela, no ano 2017, “pero quedou pendente a actuación no barrio de Teis”.

Tres menores de idade feridos nun accidente de circulación en Cangas

Catro persoas, tres delas menores de idade, resultaron feridas nun accidente de circulación rexistrado en Cangas no mediodía deste mércores.

Segundo informa o CIAE 112 Galicia, ao redor das 13,00 horas, o coche no que viaxaban os feridos saíu da vía cando circulaba pola Avenida de Lugo á altura dun campo de fútbol.

O turismo acabou impactando contra un transformador da luz, o que provocou que a zona permanecese sen electricidade ata o momento no que técnicos da empresa restableceron o servizo.

Os feridos foron trasladados a un centro hospitalario polos profesionais de Urxencias Sanitarias 061 desprazados ao lugar, ao que tamén acudiron axentes da Policía Local e membros de Protección Civil.

Adxudicados os traballos de revisión e adaptación dun proxecto de saneamento de Ponteareas

0

A Xunta adxudicou os traballos de revisión e adaptación do proxecto de saneamento de Ribadetea, en Ponteareas (Pontevedra), ao plan director municipal e ás obras proxectadas e executadas no municipio.

Segundo recolleu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nun comunicado, o orzamento das obras, adxudicadas á empresa Serye Ingenieros S.L., ascende a 14.000 euros.

En concreto, este contrato enmárcase na revisión e actualización do proxecto de saneamento da parroquia de Ribadetea, unha actuación supeditada á mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

A Xunta remarcou que este proxecto foi redactado por Augas de Galicia e criticou que o feito de que a Confederación Hidrográfica negásese a autorizar as obras ata que se executase a ampliación da EDAR atrasouno.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed