Inicio Blog Páxina 1757

O persoal dos Puntos de Atención Continuada acusa o SERGAS de falla de persoal e explotación

0

Trala noticia dunha persoa falecida o 4 de agosto no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada, os traballadores dos PAC de Galicia escribiron unha carta ao SERGAS na que reiteran a súa crítica á falla de persoal e medios.

Defenden que esta morte se produciu “no contexto da falta de cobertura do reforzo de sábado de tarde e ante a ausencia do único equipo que desenvolvía o traballo nesa tarde por acudir a unha urxencia fóra do centro”. Consideran que están traballando con recursos mínimos.

“Tras meses denunciando esta situación atopamonos que, no verán, onde a carga
asistencial e a poboación aumenta, o persoal co que estamos a traballar é inferior ao do resto do ano”, lembran.

E, todo isto, “malia a que nos limitaron o tempo de disfrute de vacacións e permisos, que denegaron reducions de xornada por motivo de conciliación e que aumentaron a xornada obrigando a facer quendas de traballo a maiores ao persoal do PAC. A solución ven sendo unha vez mais a sobrecarga e recorte de dereitos nun persoal extenuado e que xa non pode mais”.

“Unha vez mais, o SERGAS bota balóns fora como se cousa do azar se tratase (…) A falta de persoal non se solventa sobreexplotando sempre aos mesmos, pasa por
formar aos sanitarios suficientes que cubran as xubilacións que se van xenerando e se
van xenerar, pasa por ofertar prazas suficientes en oposicións que aseguren esta
cobertura, pasa por ter ao persoal eventual cuns dereitos mínimos para evitar a fuga
en busca de poder ter unhas condicións dignas”, selaron.

O Baixo Miño festexa o traballo da AD Tomiño co deporte base

0

Co fin de celebrar os últimos logros da AD Tomiño e o traballo realizado polo deporte base durante toda a tempada, o Concello ofreceu esta semana unha recepción oficial aos equipos que forman a asociación: Infantís, Xuvenís, Fútbol 7 feminino…

Hai uns días a AD Tomiño, remataba as copas disputadas facéndose coa vitoria o equipo xuvenil e resultando sub-campión o equipo infantil. O Fútbol 7 feminino pola súa parte, fíxose co primeiro posto da liga na súa categoría.

Nas redes sociais, a directiva amosaba a súa satisfacción do gran traballo feito durante a tempada. E a Concellería de Deportes de Tomiño quixo tamén, dar os parabéns a todos os integrantes da asociación, destacando a súa labor polo deporte de base.

As Gándaras de Budiño, “rebosantes de vida” ou un dos puntos negros do Camiño portugués?

As lagoas e balseiros das Gándaras de Budiño foron declarados Lugar de Importancia Comunitaria pola Red Natura 2000, creada para a conservación dos hábitats naturais de fauna e flora.

Só un 12% do territorio galego ten esta consideración, e dende EU-SON do Porriño (Esquerda Unida) defenden que “este espazo natural, en vez de merecer a máxima protección e conservación por parte das autoridades e institucións, está esquecido e abandonado pola Xunta e o Goberno Municipal, e vén sufrindo continuas agresións ambientais”.

Denuncian como “as administracións pechan os ollos e incumpren a obriga de facer cumprir a normativa medioambiental en vigor. Non esquezamos, porque eso parece, que administrativamente pertencen ao Concello do Porriño. O espazo cada vez vese máis reducido e rodeado pola expansión dos polígonos que cada vez o encaixan nun reduto mínimo”.

Deste xeito, defenden dende EU-SON que este espazo natural pasou de ser “unha xoia natural rebosante de vida”, lamentan, a ser sometido a un deterioro constante hai tan só 20 anos”. E, polo tanto, enumeran:

  • “Alto índice de contaminación das augas estancadas, debido a materias procedentes do polígono limítrofe e das canteiras“.

  • “Sendeiros sin sinalizar;un centro de interpretación no que se gastaron moitos cartos e que se deixou morrer sen chegar a usar; residuos por todos lados; uns observatorios abandonados e que hoxe cumpren calquera función menos a de observar aves; sin vixiancia, control, mantemento e cuns arredores que nada teñen que ver cun espazo ecolóxico da importancia deste”.

  • “Ningúnha difusión da súa importancia nin difusión do seu interese para os e as pelegríns que pasan moi preto cando fan o Camiño portugués”. De feito, o consideran “un pesadelo para os e as pelegríns”, e “un dos puntos “feos” ou “negros” do Camiño”.

Según os/as expertos/as o futuro non é esperanzador, pero aínda perviven aí decenas de especies de flora e fauna, polo cal o Grupo Municipal de EU-SON, somete á consideración do Pleno a aprobación dos seguintes acordos:

  • “Darlle ao espazo das lagoas e balseiros das Gándaras de Budiño protección ambiental máxima e comprometéndose á súa conservación e a difusión do seu interese ambiental”.

  • “Mellorar o contorno deste espazo que ademais é paso do Camiño portugués. Traballar ás Gándaras en conxunto co Polígono, corrixindo os erros no posible e facendo da entrada no Porriño un paseo fermoso e agradable para os e as camiñantes, ademais de para todos e todas os que vixitan este espazo natural e os Polígonos Industriais”.

Arquivada a causa por supostas irregularidades no centro tecnoloxico vigués Gradiant

O xulgado de instrución número 1 de Vigo ditou auto de sobresemento e arquivo das dilixencias abertas pola suposta comisión de irregularidades no centro tecnolóxico Gradiant, relacionadas cunha posible fraude na xestión de subvencións.

No marco desta instrución xudicial prestaron declaración como investigados o exdirector da Axencia Galega de Innovación Tecnolóxica, Manuel Varela; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e responsable da empresa InfoJC, Jorge Cebreiros; o xerente de Gradiant, F.J., e os empresarios J.L.F.C. (de Televés) e J.L.R.C. (da consultora Balidea).

As dilixencias iniciáronse por mor da denuncia de quen fora director de Gradiant até mediados de 2015, D.V.C. Segundo a devandita denuncia, cometéronse irregularidades na xustificación dos gastos por horas de traballo en determinados proxectos desenvolvidos por empresas en cooperación con Gradiant. No caso das subvencións que financiaban ditos proxectos, a denuncia alertaba de que se pagaban traballos que non se executaban realmente, ou mesmo que se percibían subvencións para accións que non levaban a cabo.

“NON HAI INFRACCIÓN PENAL”

No seu auto de sobresemento, o maxistrado sinala que, a pesar de que os rexistros evidencian que se dedicaban menos horas de traballo que as determinadas nos proxectos, a aplicación na que rexistraba esta información non era precisa. Así mesmo, recolle que o concepto ‘horas de traballo’ era un “mero criterio orientativo para realización de cada proxecto e carece de valor transcendente para xustificar as subvencións”.

Todo iso unido ao feito de que non existe resolución algunha pola que se declare o incumprimento das condicións que determinaron a concesión das axudas, levou ao xuíz a sinalar que “non consta debidamente acreditada a comisión de infracción penal algunha” e a decretar o sobresemento e arquivo das actuacións.

Detectado un gromo de 37 positivos no CAPD de Redondela

0

O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela rexistra entre os seus usuarios 37 positivos, segundo informou a Consellería de Sanidade, o que eleva a 51 os contaxios nestes centros.

Ademais, cifra en 77 as infeccións en residencias de maiores, un menos que na xornada anterior tras o negativo dun usuario da residencia Bodía Magnolio de Vigo.

Así as cousas, tal e como informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, dos 77 casos activos en residencias de maiores un total de 28 corresponden á residencia García Irmáns de Betanzos, onde se rexistra o maior número, seguida da residencia Val de Monterrei, neste municipio, con 24.

Outros dous son na residencia Santo Estebo de Perlío (Fene); seis na vivenda comunitaria de Alfoz; sete na residencia de maiores de Ribadeo; un na de Candrexa de Queixa; cinco na residencia Soremay, en Pontevedra; tres na de Santa Marta de Vigo e un en Domusvi, desta cidade tamén.

Por outra banda, elévanse os positivos en residencias de discapacidade tras os detectados no CAPD de Redondela. Así, sitúanse en 51 os usuarios contaxiados: 14 no Fogar e Clínica de San Rafael, en Vigo, e os 37 do centro de Redondela.

Stellantis xa produce preseries de seis novos modelos 100% eléctricos

A planta coa que conta Stellantis en Vigo produce preseries de seis novos modelos de vehículos 100% eléctricos das marcas Peugeot, Citroën e Opel cuxo lanzamento comercial terá lugar no outono.

Así o avanzou nunha presentación celebrada este mércores en Vigo o director de Comunicación de Stellantis na Península Ibérica, José Antonio León, que concretou que se atopan en fases de preseries os Peugeot e-Partner e eRifter, os Citroën ë-Berlingo e ë-Berlingo VAN e os Opel Combo-e Life e Combo-e Cargo, cuxos lanzamentos comerciais se producirán despois do verán. Ata o momento fabricábanse as versións destes modelos en gasolina e diésel.

José Antonio León explicou que estas furgonetas contan cunha autonomía de ata 280 quilómetros, unha tecnoloxía que permite alcanzar unha potencia de 136 CV e unha capacidade de recarga de ata o 80% en media hora con supercargadores. En concreto, estes modelos sumaranse ao Peugeot e-2008, o Citroën e-C4 e o Opel Corsa-e, que se producen na actualidade nos centros de Vigo, Madrid e Zaragoza, respectivamente.

O director do centro de Stellantis en Vigo, Ignacio Bueno, avanzou que o lanzamento comercial dos novos modelos, cuxa denominación industrial é e-K9, terá lugar no outono e que estes se producirán no sistema 2 da planta de Balaídos.

Ademais, previu que se alcance un potencial de produción de 224 vehículos eléctricos por día en novembro de 2021. Bueno sinalou tamén que a aposta pola fabricación de novos modelos levará a realización dunha modificación no taller de baterías que permitirá ensamblar 20 por hora.

FABRICACIÓN EN REINO UNIDO

Preguntado pola futura fabricación no Reino Unido das furgonetas eléctricas creadas en Vigo, Ignacio Bueno indicou que esta medida se enmarca nunha estratexia industrial que busca dar resposta a “un incremento da demanda” existente. No entanto, descartou que iso vaia a influír na produción no centro da urbe olívica.

A este respecto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que “comprende” que o grupo “produza en varios lugares” dado o seu tamaño e insistiu en que o “compromiso” adquirido polo mesmo co Goberno galego, relacionado con aspectos formativos e a creación dun taller de baterías no centro de Vigo, cumpriuse.

Adicionalmente, Feijóo destacou o papel referente do centro de Balaídos no sector e constatou que se trata de “un dos motores económicos da comunidade”. Neste sentido, recalcou que a fabricación en Galicia dunha nova xeración de vehículos evidencia a capacidade da planta para dar unha resposta a un aumento da demanda en clave de sustentabilidade. Así, puxo en valor a competitividade e a capacidade innovadora e tecnolóxica da cadea de valor.

Tras reivindicar o compromiso do Goberno galego co sector e os seus novos retos, insistiu na oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation co proxecto AutoAncora, impulsado por Stellantis co Clúster e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (Ceaga e CTAG).

Así mesmo, o presidente galego recalcou a importancia de contar cunha subestación eléctrica en Balaídos, que lembrou que foi aprobada “hai anos”. Así, confiou en que “volva á planificación” de Rede Eléctrica Española, xa que, pola contra, advertiu que se produciría “unha discriminación inxusta”.

O Goberno anuncia unha rebaixa da AP-9 do 20% para vehículos pesados

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, anunciou este xoves que os vehículos pesados disporán dunha rebaixa dun 20% sobre as tarifas actuais na peaxe da AP-9, desconto que se aplicará tanto á viaxe de ida como ao de volta e sen ningún requisito de número de traxectos, recurrencia e dispositivos a bordo.

Ábalos fixo este anuncio durante a inauguración das obras de restauración da escalinata do Obradoiro e rejería na Catedral de Santiago de Compostela, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros.

Na súa intervención, o ministro precisou que esa rebaixa para vehículos pesados será financiada con cargo ao orzamento do Ministerio para a AP-9 e representará un aforro para o sector de polo menos 6 millóns de euros anuais. Os descontos para os vehículos pesados eran os que faltaban por concretar tendo en conta que, tras a reunión mantida en abril entre o ministro e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coñecéronse os descontos dos que se beneficiarán os vehículos lixeiros.

Así, entre outros, o traxecto de volta, se se fai no mesmo día que a ida, será gratuíto para os turismos con dispositivo electrónico a bordo. Ademais, os usuarios que fagan máis de 20 viaxes ao mes pagarán un 20% menos na ida. A iso súmase que, a partir de xullo, circular entre Vigo e Redondela será gratis. Tamén se aplicará unha bonificación do 50 por cento a todos os usuarios, sexan ou non frecuentes, do tramo entre Vigo e Tui.

DESCONTOS PARA XULLO

Preguntado sobre cando entrarán en vigor estes descontos, o ministro lembrou que se comprometeu no seu encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a poder ter as rebaixas en vigor en xullo. “Eu dei instrucións a todo o equipo para que traballe con ese obxectivo e, en calquera caso, que se poidan aplicase a partir de xullo”, sostivo o titular de Transportes, que recoñeceu que “a tramitación administrativa ten os seus procesos” e “é complexo”.

O comité de persoal do Concello de Vigo di que “a loita segue en pé” trala marcha de Espinosa

O comité de persoal do Concello de Vigo recibiu con escepticismo o anuncio do alcalde sobre a retirada de atribucións en materia de Recursos Humanos a Elena Espinosa, e advertiu de que “a loita segue en pé” para demandar unha mellor xestión nesta área e para esixir que se free o “desmantelamento” dos servizos públicos municipais, á vez que sinalaron que o nomeamento de Patricia Rodríguez Calviño como nova edila de Persoal non é máis que “un cambio de cromos”.

Así o trasladou o vicepresidente do comité, Enrique Alonso, quen advertiu de que “non deben cambiar as caras, senón as políticas” e lembrou que todos os concelleiros de Persoal dos últimos anos “seguiron a mesma liña”.

“Nós o que facemos é denunciar o caos da xestión do Persoal e o desmantelamento dos servizos públicos municipais. A nosa loita segue en pé“, advertiu, e criticou que o comité leva desde finais do ano pasado esperando ser recibido polo alcalde.

Enrique Alonso sinalou que esperan poder reunirse con Patricia Rodríguez proximamente e “aí verase a súa actitude”. “Esperamos que se normalice a situación porque, nos últimos tempos, xa non pedimos nin sequera pedimos melloras, senón que se cumpra a lei”, aseverou.

REACCIÓNS DA OPOSICIÓN

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, afirmou este venres que “o alcalde desautorizou a Elena Espinosa, que non podía seguir sendo concelleira de Persoal, despois da sentenza sobre enchufes e nomeamentos a dedo“. “Houbo máis sentenzas, foi un auténtico caos a súa xestión desde que tomou posesión (…) por fin o alcalde fixo o correcto”, sinalou.

Segundo incidiu, “agora o que fai falta é que haxa un cambio de rumbo” nese departamento municipal e que, “por fin, se tomen as decisións de acordo á lei”.

O portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, tachou de “ridículo” que o alcalde pretenda “vestir” como unha remodelación do goberno o que é “un cesamento encuberto dunha moi mala concelleira de Persoal”.

Rubén Pérez lamentou a “incapacidade manifesta” de Espinosa para resolver de forma “democrática” as cuestións de persoal no Concello, e así se evidencia nas resolucións xudiciais. “Esperamos que a nova concelleira non teña o mesmo talante (…) e que non tente ningunear a un comité de empresa que se sentiu moitas veces humillado nas mesas negociadoras”, resolveu.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, valorou a “substitución” de Espinosa, aínda que sexa “tarde” e cualificouno como un “acerto” dada a súa xestión, que “a confirmou como un verdadeiro obstáculo” para resolver os problemas. “Non só non propiciaba solucións, senón que se converteu en parte importante do problema, bloqueando calquera posibilidade de negociación”, apuntou, e reclamou “un cambio de talante”.

Atendidas catro persoas por inhalación de fume no incendio dun taller en vigo

0

Efectivos de Bombeiros apagaron un incendio declarado nun vehículo estacionado no interior dunha nave de Vigo. Como resultado, catro persoas tiveron que ser atendidas por inhalación de fume e producíronse danos valorados en 800.000 euros. Segundo informou a Policía Local da cidade olívica, sobre as 14:00 horas deste mércores recibiuse un aviso por un incendio nun vehículo aparcado nun taller situado dentro dunha nave da avenida Ricardo Mella.

Ata o lugar desprazáronse varias unidades policiais, así como dúas dotacións de Bombeiros de Balaídos, que comezaron os labores de extinción das chamas. Ademais, acudiron dúas ambulancias, que asistiron a catro empregados do taller por unha leve intoxicación por fume.

O xerente do establecemento trasladou aos axentes que o lume se orixinou na zona do taller, concretamente nun turismo no que estaba a traballar un operario. Así, produciuse unha pequena explosión tras a que se desencadearon as chamas. O traballador, xunto con outro compañeiro, tratou de apagar o lume cun extintor pero non foi capaz debido ao denso fume concentrado, polo que se procedeu a evacuar a nave.

No taller había nese momento un total de 10 vehículos, dos que catro –de alta gama– se viron afectados o lume. En total, nunha primeira estimación valoráronse os danos nuns 800.000 euros.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed