Inicio Blog Páxina 1755

O Consorcio da Zona Franca fomenta a internacionalización de vinte empresas de Vigo

O Consorcio da Zona Franca de Vigo (Pontevedra) seleccionou ás 20 empresas que formarán parte do ‘ViaExterior III’, unha iniciativa deseñada para “promover, acelerar e aumentar” a probabilidade de éxito no proceso de internacionalización das pemes galegas que, nesta edición, pertencen aos sectores de TIC, enxeñaría, biotecnoloxía, industrial ou agroalimentario.

Diso informou o Consorcio a través dun comunicado, no que sinalou que de 50 inscricións, só foron seleccionadas 20. Todas as pemes que participan contan xa con algunha experiencia en internacionalización ou exportaron nalgunha ocasión.

Ademais, a entidade fixo fincapé nos propósitos do evento. “Diferentes tamaños e diferentes niveis de internacionalización, pero un mesmo propósito: acelerar a súa saída ao exterior no tempo de duración do programa”, indicou.

Nesta edición ‘ViaExterior’ pretende “reducir os tempos e aumentar as posibilidades de éxito” en referencia ao proceso de universalización. Para iso, un equipo de expertos ofrecerá asesoramento “personalizado” ás empresas.

Inspección de Traballo require ao Sergas que avalíe riscos psicosociais dos médicos da EOXI de Vigo

A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social requiriu á EOXI de Vigo que elabore, nun prazo de tres meses, a Avaliación de Riscos Psicosociais de médicos de familia e pediatras de todos os centros de saúde da área sanitaria, segundo trasladou nun comunicado o sindicato médico CESM.

A partir desa avaliación, a EOXI debe efectuar unha planificación preventiva e adoptar as medidas necesarias en materia de seguridade e saúde laboral. Este requirimento prodúcese por mor dun escrito presentado por CESM Galicia na Inspección o pasado de mes de abril, no que denunciaba o incumprimento, por parte da EOXI, en materia de prevención de riscos laborais, xa que non se realizou a correspondente avaliación de riscos psicosociais entre todos a facultativos da área sanitaria.

Segundo CESM, “a inhumana carga de traballo que padecen os médicos de familias e os pediatras dos centros de saúde da área de Vigo foi o detonante” que os levou a denunciar a situación na Inspección de Traballo.

Así, apuntou o sindicato, os facultativos teñen que atender “ata 50 pacientes diarios, nuns tempos de dedicación claramente insuficientes”, o que provoca “graves situacións de tensións nos profesionais”.

Esta “tensión” pode “degenerar en doenzas tanto físicas como psíquicas que non teñen a obrigación de soportar”, xa que a lexislación vixente establece o dereito dos traballadores a unha protección eficaz en materia de saúde laboral.

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, o Sergas, en relación con este requirimento da Inspección de Traballo, aclarou que a EOXI de Vigo “xa ten realizadas e presentadas” dúas avaliacións de riscos psicosociais nas categorías de médicos de familia e pediatra de dous centros de saúde do Concello de Vigo.

Así mesmo, tras precisar que non recibiu ningunha comunicación de incumprimento por parte da Inspección, sinalou que, con data 12 de agosto, recibiuse un novo requirimento no que se solicita a avaliación do resto de centros de saúde da área nun prazo de 3 meses.

Esta petición trasladouse á Unidade de Prevención de Riscos Laborais “coa finalidade de que teñan en conta na súa programación de actividade a inclusión destas novas avaliacións de riscos”. “En función dos resultados, tomaranse as medidas oportunas, de ser o caso”, incidiron fontes sanitarias. Finalmente, o Sergas recalcou que manterá a súa colaboración coa Inspección de Traballo e lembrou que, ata a data, non recibiu ningunha sanción. Así mesmo, fixo fincapé no “esforzo de xestión” da xerencia da EOXI para mellorar a atención primaria.

Moisés da Presa, aquel vigués nado nas Travesas que loitou pola dignidade de Galiza desde Bos Aires

Moisés da Presa Esmerode naceu na cidade de Vigo o 11 de maio de 1904. Moisés era das Travesas, un barrio que por aqueles anos estaba nas aforas da cidade, camiño ás praias de Samil. En 1920, cando tiña 15 anos, os seus pais deciden emigrar a Bos Aires e tras os case 25 días que durou a travesía foi parar a un convento da capital do Prata.

Bos Aires era unha cidade con intensa vida política e cultural. As ideas socialistas e anarquistas estaban moi de moda. Era unha época na que a revolución rusa conmovera os alicerces do vello réxime capitalista.

Os cafés da Rúa Corriente ou a Avenida de Maio albergaban as tertulias literarias máis prestixiosas do momento. As Grupos literarios “Florida” ou “Boedo” eran as máis coñecidas daquel entón que reunían a figuras como Borges, Raúl González Tuñón, Leopoldo Marechal, Álvaro Yunque, Leonidas Barleta, Roberto Arlt, etc.

Namentras que no outro Grupo, un pouco distinto ao anterior, que tiñan como lugar de xuntanza na cafetería “La Armonía” se reunían os mozos galegos que tiñan inclinacións literarias ou políticas.

Alí, entre lembranzas, copas de coñac e moita nostalxia, íase nucleando un grupo de intelectuais, e entre eles estaban Eduardo Blanco Amor, Ramón Suárez Picallo, Abraira e o recén chegado Moisés Da Presa.

O xornalista Denís Conles, quen coñeceu con fondura ao noso biografiado, relátanos: “Por aquela época formárase nun café da Avenida de Mayo unha peña de galegos – a maioría xente moza- avencelledos polo ideal dunha Galiza ceibe e democrática. Alí eran lidos e discutidos apaixoadamente os clásicos galegos, as obras dos novos autores, o periódico A Nosa Terra, a revísta Nós… A fala galega convertíase, nos beizos da mocedade, nunha arma nobre e baril para loitar pola dinificación dunha colectividade asoballada por un deprimente complexo de inferioridade. A este grupo incorporóuse Moisés da Presa cando aínda non tiña vinte anos. Foi asín un dos fundadores, no 1925, da inesquencibel Sociedade Nazionalista Galega “Pondal”, que en xaneiro do ano seguinte comenzóu a publicar o seu combativo periódico A Fouce.”

A Sociedade Nazionalista Galega Pondal fundárona, entre outros, Vicente Barros, Francisco Lamas Barreiro, Lino Pérez, Manuel Oliveira, Antón Zapata García e Moisés da Presa, logo sumaríanse Bieito Fernández, Ricardo Flores, Bernardo Souto, etc.

A nova sociedade “Pondal” estaba influenciada pola recentemente fundada Irmandade da Fala da Coruña. Na súa revísta “A Fouce” escribían desde Galiza figuras como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e López Cuevillas. A ideoloxía dos “pondalianos”, como popularmente se lles chamaban, era o arredismo. Esta posición tamén a asumía unha organización semellante creada en Cuba polo independentista Fuco Gómez. Este influiu desde A Habana no pensamento radical dos nacionalistas galegos radicados no Río da Prata. Ambas organizacións dedicáronse a loitar para dignificar ao pobo galego, cando este era ridiculizado.

Bieito Cupeiro gustaba de contar unha das tantas anécdotas da Pondal: “Os fenianos” da “Pondal estaban en todas”. Mesmo botando abaixo de xeito definitivo unha obra teatral onde se poidera lixar o bon nome de Galiza e do seu pobo, como lle aconteceu á coñecida artista da escea nacional Olinda Bozán, cando representaba nun teatro porteño a obra dun dos máis consagrados autores do teatro arxentino, Alberto Vararezza, `Doña Quijota de Orense´. Neste caso os pondaliáns armaron tal rebundio que houbo que suspender a función e a obra non poido ser reposta nunca máis en ningunha saa, pola resonancia que tal feito chegou acadar na imprensa e na opinión culta da capital, que se puxeron de parte dos galegos por entender que de tal xeito non se volverian a verter tais aldraxes contra ningunha das comunidades residentes”. Un dos participantes daquel famoso suceso Ricardo Flores agrega á historia: “Cando nos enteramos que se estreaba unha obra que ridiculizaba aos galegos, xuntámonos un grupo da Pondal e fomos para o teatro. Ao comezar a obra os actores de forma chistosa empregaban palabras como `jato, jaliña´ e comezamos a berrar `Abajo!…. abajo!…. abajo!…´ foi tal o estrondo que realizamos que baixaron el telón. A actriz desconsolada polos berros dicía que na súa vida pasara unha situación igual. O escandalo foi tal que a policía detivo a varios dos nacionalistas, entre elos a Moisés da Presa”. Segundo o propio Flores, a policía cando interrogou a da Presa preguntoulle cal foi o motivo polo cal organizaron aquel tumulto e este contestou: “Señor comisário, eu son de Vigo unha cidade da Galiza; e se vostede se atopara, como arxentino que é, no Teatro García Barbón de Vigo, onde se representase unha obra ridiculizando aos arxentinos…aplaudiria?”. Esta resposta de da Presa significou a posta en liberdade de todos os “revoltosos” da Pondal.”

Nos anos trinta a Pondal adhírese á Federación de Sociedades Galegas, mais o amor durou moi pouco tempo e son expulsados da mesma.

En 1936 comézase a profundizar as correntes internas dentro da asociación, por unha banda Vicente Barros intenta fusionarse co grupo galeguista que dirixe Prada. Preto de 15 afiliados desta corrente danse de baixa e pásanse ao sector autonomista do Partido Galeguista. En 1939 Oliveira e Carril intentan reconducir á Pondal, mais a entidade está nunha crise fonda, chegando en poucos meses á autodisolución. O historiador Nuñez Seixas sinala no seu libro “O Galeguismo en America”: “Algúns dos membros da mesma, porén, como Barros ou M. Da Presa, chegarán a un acordo co grupo comunista galego para reeditar A Fouce como órgao do P.C. galego na arxentina, o que tamén contribíu á fin do nacionalismo purista e intransixente defendido dende 1926 polos pondaliáns, moitos dos cáles – coma o mesmo da Presa, Oliveira, e algún máis – militarán nos anos 40, tras duhna primeira etapa de disconformidade, nas riolas do nacionalismo federalista liderado polos esilados, en primer termo Castelao”.
Moisés da Presa tivo unha activa participación nas distintas entidades da emigración entre elas participou na Intersocietaria, Irmandade Galega, Centro Ourensano e foi membro do Consello de Galiza. Tamén exerceu un intenso labor xornalístico en Fouce, A Nosa Terra, Opinión Gallega, Vieiros (México) e no Boletín do Consello de Galiza. O seu labor xornalístico en A Nosa Terra, editada en Bos Aires, foi moi prolífero asinando numerosos artigos na sección Revoldaina co seudónimo de Lourenzo Fragoso.

Na área literaria escribiu o libro “Chuvia e outras narracións” na editorial “Nós” de Bos Aires, en 1972. Segundo Alberto Vilanova deixou inédita unha novela “Historia dunha saudade”. Sobre a súa narrativa di Denís Conles “Da Presa ten un estilo sobrio, sinxelo, direito. Non hai verbas de máis. A narración é axil, precisa. O diálogo, utilizado maxistralmente, abonda para situar con esaititude ambentes e psicoloxías. Cando quer ubicar un persoaxe nun ambente físico determinado, arránxase con duas pinceladas. En canto ao tempo, é curioso ouservar que os contos de temas galegos abranguen épocas diferentes, incluso a da Galiza aitual”.

A última etapa de Moisés da Presa ocupouna na Irmandade Galega, organización esta que fundara Castelao á súa chegada a Bos Aires.

Da Presa despois de varias décadas sen volver a Galiza logra visitar a súa tierra xunto a súa esposa Xenoveva en 1951, retornando novamente en 1966. Na súa estancia en Vigo contacta cos galeguistas que se nucleaban arredor da editorial Galaxia.

O actual presidente da Confederación Intersindical Galega (CIG) Manuel Mera, quen comezou a súa actividade política na emigración como discípulo de da Presa, relátanos algúns aspectos do noso biografiado: “Cando me incorporei á Irmandade Galega de Bos Aires, foi con da Presa con quen tiven maior vínculo. Por aqueles anos eu era un mozo e da Presa e os demais membros da Irmandade eran persoas moi maiores. Lembro que da Presa lle gustaba contarme todas as accións que realizaron na época da Pondal. Tamén lembro que me contaba cando intentou organizar un partido comunista autenticamente galego. Da Presa xunto a Fuco Gómez, Ramón Suárez Picallo, Luís Soto e Pepe Velo foron os nacionalistas da emigración que mellor expuxeron o nacionalismo de esquerdas”.

Moisés da Presa faleceu en Bos Aires o 4 de xaneiro de 1981, con el desaparecía toda unha xeración de loitadores pola dignidade de Galiza.

Aspas, o salvador

0

A marabilla do fútbol. Como as cousas cambian nun intre, pequenos detalles que deixan o mundo cabeza abaixo. E ese que apareceu desta vez para cambiar as tornas foi Iago Aspas, quen parecía relegado a un papel aínda máis secundario trala chegada de Fernando Hierro e co bo rendemento de Diego Costa.

Pero, de súpeto, a situación mudou radicalmente. Para el e para todo o combinado español. Foi un gol decisivo (e fermoso, de tacón) do moañés o que permitiu a España puntuar e clasificarse como primeira de grupo, polo que se medirá á anfitrioa do torneo, Rusia.

UN PARTIDO DIFÍCIL

Nin os máis pesimistas esperaban tanto sufrimento. Porque o certo é que Marrocos chegaba á cita con cero puntos, xa eliminada e xogándose nada máis que a honra. Pois non escatimaron esforzos, pelexando cada balón.

E por dúas veces estiveron por diante no marcador, esixindo a España dar o mellor de si mesma para sacar o punto. E gañaba Portugal o outro partido do grupo B. Pero un penalti cando o encontro estaba a piques de rematar, mais o tanto do arqueiro celeste, intercambiaron á ultima hora as primeiras posicións do grupo, polo que serán finalmente os lusos os que deban superar á poderosa Uruguai.

Amosou Marrocos entrega e sacrificio, así como un chisco de sorte, ao materializar case todas das poucas ocasións que tiveron, pero tamén demostraron ser un equipo atético, con xogadores altos e rápidos que tamén sabían elaborar bo fútbol cando non entregaban a España o balón.

Tivemos a posesión en ámbalas partes do encontro, pero as nosas combinacións eran moitas veces previsibles, e a muralla defensiva marroquí soportaba as xogadas de ataque sen moito apuro, exceptuando certo perigo cando era Isco o protagonista.

Selección española/ RFEF

Quedaba pouco máis dun cuarto de hora cando Aspas ingresou na cancha. Parecía pouco tempo para demostrar gran cousa, máis cando nos primeiros minutos fartouse a correr pero pese á súa vontade non tocaba balón.

Entón deu o aviso, participando en dúas grandes internadas do equipo español que puñeron de novo as cartas sobre a mesa, por se facía falta. O que a icona celeste pode aportar: electricidade e xogo en equipo.

Pero o mellor ocorreu algo despois, cando deu o gol do empate. Ao comezo non foi tal e tardou uns minutos en celebralo, por un suposto fóra de xogo que a análise do VAR negou, aínda con algunha dúbida dos comentaristas polo axustado da xogada.

Entón o partido, que ata o momento fora un bonito encontro, con esa paixón e entrega que poden atoparse nun derbi ou nun Clásico, ademais desinteresadas pola parte marroquí, converteuse nunha sucesión de escaramuzas entre varios xogadores.

Por fortuna, o árbitro deu o asubío final, e agora os deberes son para Fernando Hierro, para que analice, dentro da ledicia de ter pasado á seguinte fase, o feito de que unha selección que non se xogaba nada nos puxera contra as cordas.

Pero así é o fútbol, así é un dos mundiais máis axustados que se recordan. Mañá a Arxentina de Messi xógase pasar á seguinte fase.

A madeira queimada acumúlase sen que ninguén a recolla

A Asociación Forestal de Galicia trasladou a preocupación das comunidades de montes poloatraso na curta da madeira queimada nos lumes do pasado mes de outubro, e reclamou a posta en marcha con fondos públicos dun plan para recuperar as masas forestais afectadas de Galicia.

Nun comunicado, este colectivo insistiu en que, pasados máis de catro meses desde os incendios, “unha parte importante da madeira queimada continúa nos montes“, sendo un “problema especialmente significativo” nos montes con convenio coa Xunta, nos que as poxas se están convocando “con atraso”.

Tal e como sinalou, os atrasos nas curtas “están depreciando a madeira de valor comercial”, o que repercute en perdas para os propietarios; e ademais hai saturación de madeira no mercado, polo que parte dos lotes que se poxan están a quedar desertos.

Ademais, advertiu do risco que supón non sacar a madeira en localidades como As Neves e Salvaterra, que ao estar dentro da zona demarcada pola praga do nematodo do piñeiro deben retirar antes do 1 de abril de cada ano todas as árbores susceptibles de albergar este insecto para evitar novos focos da praga.

Efecto dos incendios de outubro 2017 nos montes de Coruxo / Miguel Núñez

En canto á madeira sen valor comercial –maioritariamente plantacións de poucos anos–, a asociación apuntou que a Xunta convocou no outono axudas para retirala, “pero por agora non aprobou as solicitudes presentadas, polo que esa madeira continúa no monte”; e ademais segue pendente que a Administración concrete o seu compromiso de asumir a trituración desa madeira.

Pola súa banda, A Xunta negou “ningún tipo de atraso” na curta da madeira queimada en outubro e di que poxou o 100%.

Ponteareas liquida duas sentenzas de intereses de demora por importe de 365.000 euros

0

O Concelleiro de Facenda de Ponteareas, Francisco Alonso, ven de dar conta do pago
de dúas sentenzas xudiciais do ano 2014, dictadas polo Contencioso-Administrativo
n.º2 de Pontevedra por intereses de demora que sumaron un total de 365.869,79
euros. 

Alonso destaca que con este pago, o Concello de Ponteareas aboou dende 2015 un
total de 9,5 millóns de euros de débedas atrasadas que foran impagadas polos
distintos gobernos do Partido Popular: “esta cifra supón un total de 4.135 euros por
habitante destinados ao pago de multitude de débedas atrasadas, diñeiro que non
puidemos destinar a investimento en obras e servizos básicos para a cidadanía”.

O concelleiro engade que as dúas sentenzas, por mala xestión do PP, foron dictadas a
favor da empresa que ten o contrato de limpeza viaria e recollida do lixo dende 2007,
FCC, por incumprimentos nos prazos de pagos deste gasto corrente.

O procedemento de reclamación foi iniciado pola empresa pola demora do goberno de González Solla á hora de atender unha serie de facturas do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria.

Como o goberno local non atendeu as reclamacións previas, FCC interpuxo
recursos contenciosos administrativos contra o Concello de Ponteareas. Estes
recursos deron lugar a dúas sentenzas favorables.

Esta sentenza puido cumprirse neste momento, sen agardar pola aprobación
dos orzamentos para 2018 por contar nos orzamento prorrogados cunha
partida económica destinada ao pago de sentenzas xudiciais que xa fora
utilizada en 2016 e 2017 para o pago doutras sentenzas por débedas
impagadas.

“Estamos recuperando a confianza dos particulares e proveedores no Concello pois
con antecedentes coma este a confianza estaba completamente rota, ademais a
cidadanía perdeu este diñeiro, é decir, os incumprimentos dos pagos polos anteriores gobernos non nos saíu gratis, mais ben todo o contrario”, declarou o concelleiro de
Facenda.

O ADN revela a identidade das baleas que se cazaban na Galicia medieval

Eubalaena glacialis, as baleas francas do Atlántico norte —tamén coñecidas como a balea dos vascos— foron o obxectivo principal da caza de baleas entre os séculos XIII e XVIII en Galicia e todo o mar Cantábrico.

Esta é a principal conclusión dun estudo molecular realizado por científicos do CIIMAR (Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidade do Porto), do Centro de Xeoxenética no Museo de Historia Natural de Dinamarca, do Consello Internacional para a Exploración do Mar (Copenhague, Dinamarca) e da CEMMA – Coordinadora para o Estudo dos Mamiferos Mariños (Nigrán, Galicia). Os investigadores identificaron, ademais, un novo haplotipo histórico de balea cincenta.

Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollida no proxecto ‘Galicia no lombo da balea’ / CEMMA.

Durante milenios, as baleas foron usadas como recurso, inicialmente dun xeito oportunista, mediante o aproveitamento de animais varados nas praias e, posteriormente, mediante caza activa como recurso alimenticio (consumo de carne), enerxético (uso da graxa como combustible) ou funcional (utensilios de óso, barbas, tendóns, etc).

Os vascos, de Iparralde e Hegoalde, foron pioneiros na caza comercial de baleas primeiro no Cantábrico (s. XI) e despois en toda a costa atlántica Ibérica, así como nos territorios transoceánicos de Terranova e Labrador (s. XIII a XVI).

Considérase que a balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), ou balea vasca, foi a principal especie obxectivo das flotas baleeiras neses séculos, aínda que outras especies de baleas poderían ser tamén obxectivos ocasionais.

ESTUDO XENÉTICO

No ano 2014, a CEMMA puxo en marcha o proxecto ‘Galicia no lombo da balea’, financiado polo GALP-7 Ría de Vigo-A Guarda, que incluía un estudo baseado na búsqueda e recollida de mostras de ósos de baleas procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), para identificar as principais especies obxectivo no Cantábrico.

Mostra de óso de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Un buceador mergullado na procura das pezas / CEMMA

Un total de 527 mostras de ósos de baleas foron localizadas e recollidas en museos, coleccións privadas e nas campañas de mostraxe subacuática, labor coordinada por Jose Antonio Martínez Cedeira, biólogo, mergullador e presidente da CEMMA, durante a primavera e verán de 2014.

Dese universo mostral foi seleccionado un subconxunto de 72 mostras, representativas de todos os portos mostrexados, para proceder a un estudo xenético que desvelase que especies foron o principal obxecto da caza na época da caza antiga. Probablemente, algúns deses ósos, procedentes de baleas mortas hai máis de 400 anos, foron depositados baixo o mar. Aínda así, foi obtido o ADN de case todos eles.

Mostras de ósos de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Tratamento dos xacementos / CEMMA.

A extracción de ADN e análise xenético foi realizado por Alba Rey e Paula Campos, do CIIMAR, Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, Universidade do Porto; e o Centro de Xeoxenética no Museo de Historia Natural de Dinamarca, da Universidade de Copenhague, unha institución especializada en estudos xenéticos a partir de mostras potencialmente degradadas, como estas de orixe arqueolóxico, e que son particularmente delicadas.

Ademais, contouse coa contribución neste traballo dos especialistas en mamíferos mariños Ruth Fernández e Alfredo López.

TRES ESPECIES DIFERENTES

O resultado permitiu obter ADN do 97,2% das mostras e identificar tres especies diferentes: 68 mostras de balea franca do Atlántico Norte (Eubalaena glacialis), unha mostra de balea cincenta (Eschrichtius robustus), e outra de balea xibarte (Megaptera novaeangliae).

Dentro da balea franca identificáronse nove haplotipos diferentes da rexión de control do ADN mitocondrial. Baseado en haplotipos e localización xeográfica, o número mínimo ofrece un resultado 27 exemplares de balea franca, mais, cando se corrixe polo tipo de óso, o número aumentou 48 individuos de balea franca, ademais dos exemplares de balea cincenta e xibarte

Este estudo aporta novas secuencias de ADN mitocondrial dos 48 individuos únicos de balea franca do Atlántico Norte. Ademais, a secuencia de balea cincenta obtida constitúe un novo haplotipo, en comparación con outras secuencias publicadas desta especie de baleas. Esta nova información xenética esta a disposición de futuros estudos científico en bases de datos de libre acceso.

Os resultados confirman que a balea franca do Atlántico Norte foi a principal especie obxectivo nas costas Ibéricas, suxerindo que a caza directa podería ter desempeñado un papel importante na extinción da especie.

Mostras de ósos de balea procedentes da caza antiga (época medieval e moderna, entre os séculos XIII-XVIII), recollidas no proxecto 'Galicia no lombo da balea'
Unha nova descuberta / CEMMA

O estudo realizado confirma o potencial deste tipo de material e a necesidade de levar a cabo novas campañas de mostraxe arqueolóxica subacuática, ademais de continuar analizando o material de coleccións para caracterizar xeneticamente as baleas cazadas tanto na época da caza antiga (s. XIII-XVIII) como na época da caza contemporánea (s. XX), no último período baleeiro en Galicia.

Tamén remarca o potencial deste material para inferir a diversidade xenética previa ao inicio da caza baleeira nestas poboacións.

O estudo, titulado ‘The genetic history of whaling in the Cantabrian Sea during the 13th–18th centuries: Were North Atlantic right whales (Eubalaena glacialis) the main target species?’, publícase no Journal of Archaeological Science: Report.

AGRADECEMENTOS

Os investigadores da CEMMA agradecen a súa colaboración ao Museo Massó (Bueu), Museo da Natureza SGHN (Ferrol), Museo Provincian do Mar (San Cibrao), Museo Marítimo de Asturias (Luanco), Museo Acuario Centro de Experimentación Pesquera de Asturias (Gijón), a Asociación Mariña Patrimonio e coleccionistas privados que permitiron recoller mostras das súas coleccións, ao CAS Costa Lugo, Estación de Bioloxía Mariña da Graña-Universidade Santiago de Compostela, ADEGA e voluntariado da CEMMA por participar nas campañas de mostraxe subacuática, e ao Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro-GALP Vigo-A Guarda que financiou o traballo de localización e recollida de mostras.

 

Cando a normalización do galego vén na bolsa do pan

“E se o pan é galego, en que lingua vai falar?”. O concello de Redondela vén de lanzar unha campaña a prol do etiquetado en lingua galega dos produtos do país. A iniciativa, que parte do departamento de Normalización Lingüística en colaboración da Asociación de Empresarios de Redondela, está dirixido fundamentalmente ao sector das panadarías e os mercados do pan.

“A presenza do galego nos produtos comerciais non é só un acto de responsabilidade coa nosa lingua senón que é un elemento identificativo que atrae a atención do consumidor”, explican dende o consistorio, que fan fincapé nos valores de proximidade e confianza aparellados a esta escolla lingüística.

“Imaxina que na man temos dous perfumes, un etiquetado en alemán e outro en francés, cal sería a priori a opción a escoller? Se tiveramos diante unha pizzeria con rótulos en sueco e outra en italiano, cal sería a priori a opción a escoller?”, inquiren, antes de apuntar: “pois o mesmo sucede se diante nosa temos que escoller entre produtos de horta e mar que estean en galego ou estean noutro idioma; e así na rotulación dos comercios, na publicidade, no etiquetado…”.

A campaña, apuntan dende a organización repartirá carteis e bolsas cos establecementos colaboradores. Un dos formatos das bolsas é para o pan e por iso as panadarías teñen un protagonismo nesta campaña. “Ao igual que o pan é un alimento que non pode faltar nunha mesa galega á hora de xantar e ao igual que miramos porque sexa un bo pan que ofreza sabor, o mesmo temos que pensar co idioma galego como esa marca que reforce a imaxe de calidade e proximidade do produto. Non é o pan chegado a quilómetros de nós con masas conxeladas; non é o pan industrial das grandes áreas comerciais; trátase de que sexa o noso pan galego. E se o pan é galego, en que lingua vai falar?”, inciden.

A iniciativa, titulada Nós Galego 365 pretende simbolizar o paralelismo entre o consumo diario de pan co uso diario da lingua galega e destacar a “singularidade” que a etiquetaxe en galego lle outorga aos produtos da nosa terra como distintivo único e diferenciador dende a súa orixe. Para así sacar o galego dese uso litúrxico no que ás veces se cae coincidindo con efemérides e conmemoracións.

Investigan unha estafa de 1,5 millóns de préstamos falsos no Condado

0

A Garda Civil investiga penalmente a dous veciños da comarca do Condado como presuntos autores dunha estafa de preto dun millón e medio de euros, a través de préstamos que supostamente solicitaban a nome dos clientes dun concesionario que rexentaban os dous investigados.

Segundo informou a Benemérita nun comunicado, as investigacións, realizadas no marco da operación ‘Autocon’, iniciáronse a principios de 2021 cando dous veciños da citada comarca denunciaron en Ponteareas que recibiran varios requirimentos bancarios pola falta de pagamento de cotas non abonadas, relacionadas cuns préstamos que non solicitaran.

Así, as pescudas determinaron que os préstamos foran supostamente solicitados a través dunha empresa de compravenda de vehículos de segunda man localizada no Condado, para financiar a compra doutros vehículos, utilizando os datos persoais dos denunciantes, “sen o seu coñecemento nin autorización”.

Ao ter sospeitas a Garda Civil de que podería haber máis persoas afectadas, as investigacións continuaron e concluíuse que, durante os últimos catro anos, os dous xerentes da mencionada empresa de compravenda contrataran de forma fraudulenta un total de 119 préstamos persoais en diferente entidades bancarias, a nome de antigos clientes e sen o seu coñecemento, por un importe de 1.450.936 euros.

Para conseguilo, os presuntos autores presentaban nas entidades bancarias documentación falsa coa que solicitaban préstamos para a compra de vehículos a nome de clientes. “As vítimas non notaban nada ata que as entidades reclamaban as cotas non abonadas de estas financiaciónss”, sinalou a Garda Civil.

Aos dous responsables investígaselles agora por delitos de estafa e falsidade documental. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 3 de Ponteareas, onde deberán comparecer lospresuntos autores cando sexan citados.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed