Inicio Blog Páxina 1754

Petición de 3 anos de cárcere para un acusado de estafar a un estaleiro en Perú

A Fiscalía pide 3 anos de cárcere e multa de 2.430 euros para un acusado de facerse pasar por un importante investidor para estafar a un estaleiro en Perú, e que será xulgado este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Segundo o escrito de acusación pública, este home tivo coñecemento de que unha empresa, con motivo da adxudicación dun contrato de construción dun barco por case 20 millóns de euros, necesitaba unha carta ou garantía de fiel cumprimento do contrato, unha especie de aval ou fianza que, neste caso, debía facerse por valor do 10 por cento do contrato e a favor do estaleiro SIMA Perú.

O acusado sabía que ese documento tiña que ser emitido por unha entidade financeira solvente e trasladado ao banco de referencia do estaleiro, polo que se fixo pasar por un importante investidor, dono de varios hoteis e outros negocios millonarios, e prestouse a conseguir ese aval para a empresa que o necesitaba.

Así, presentou a esta empresa unha copia dunha suposta carta da Banca Nazionale do Lavoro e asegurou que a recolleu en man en Italia, enviando directamente o orixinal a Perú. Todo iso resultou falso, xa que non fixera xestión algunha coa entidade financeira.

Con todo, en agosto de 2014 asinou unha escritura pública de contrato coa empresa, mediante a cal a mercantil lle pagou máis de 55.400 euros como comisión, sen que el cumprise as súas obrigacións.

Por estes feitos, a Fiscalía considérao autor dun delito de estafa de especial gravidade, e pide que sexa condenado a 3 anos de prisión e ao pago dunha multa de 2.430 euros.

Soben os pacientes covid pero baixan os novos casos na área de Vigo

Os novos contaxios de Covid-19 ascenderon con respecto ao comezo desta semana ata os 125, o que supón 22 máis, mentres que os pacientes ingresados debido a este coronavirus descenderon a 212, dous menos, e os casos activos reducíronse lixeiramente por segunda xornada consecutiva a 3.027. Tamén baixaron nun milleiro as probas PCR realizadas.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, nos que se sinala que descenden a 47 os pacientes Covid en UCI en Galicia, tres menos, e soben a 165 os que se atopan noutras unidades, un máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: A Coruña e Cee; Ourense; Ferrol e Lugo; mentres que sobe nas de Vigo, Santiago e Barbanza e Pontevedra e O Salnés. En concreto, na de Vigo seguen 12 en UCI e aumentan a 32 os ingresados noutras unidades –catro máis–.

MENOS CASOS ACTIVOS

Por segunda xornada consecutiva esta semana os casos activos de Covid-19 descenderon ata situarse nos 3.027, o que supón tres menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (127) que contaxios (125), ao que se engade un novo falecido. Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden na de Vigo (-8), que baixa dos 900 casos tras varias semanas por riba deste número.

MÁIS CONTAXIOS

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba aumentaron a 125 tras iniciar a semana con 103, o que supón 22 máis, tras situarse por encima dos 200 varios días a semana pasada. Así, aumentaron en 23 na área de Vigo.

Pola súa banda, a taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– mantense por baixo do dous por cento cun 1,7%, tras situarse nun 1,6% o día anterior. Deste xeito, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

A área de Vigo segue á cabeza de Galicia en casos activos e novos casos de covid

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron en Galicia a 188, o que supón 57 máis que a xornada anterior, e os pacientes ingresados por este coronavirus superan a barreira dos 200 e ascenden a 202 –catro máis– nunha xornada na que volveron a ascender os casos activos a 2.811, despois de reducirse lixeiramente o martes tras once días consecutivos en ascenso.

Así se desprende dos datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, recollidos por Europa Press, nos que constan 40 pacientes Covid ingresados en UCI –tres máis– e 162 noutras unidades –un máis–.

presión hospitalaria aumenta nas áreas de Ourense e Pontevedra-O Salnés, mentres que diminúe nas da Coruña-Cee e Lugo; e mantense nas de Vigo, Ferrol e Santiago-Barbanza. Na de Vigo continúan seis en críticos e 31 noutras unidades.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos, tras o lixeiro descenso rexistrado este martes pasado despois de once xornadas consecutivas de incremento paulatino volveron a subir e sitúanse en 2.811, o que supón 48 máis, ao haber máis contaxios (188) que altas (139). Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en cinco das sete: Vigo, con 26 novos casos está á cabeza. Tamén, a área de Vigo continúa á cabeza en casos activos en Galicia, con 760.

REPUNTAN OS CONTAXIOS

Polo seu lado, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba volveron a repuntar ata os 188 –o que supón 57 máis que o día anterior–, tras caer a 131 este martes despois de iniciar esta semana con 154. Galicia confirmou 179 positivos –74 máis que a xornada pasada– con probas PCR nas últimas 24 horas, dos que 68 corresponden á área de Vigo.

Mentres, a taxa de positividade ascendeu a un 2,3 por cento tras caer a un 1,6% o día anterior, despois de iniciar esta semana cun 1,2%. Así, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

SERGAS convoca a un cribado en Baiona. Serven de algo estes cribados?

0

O SERGAS comezou hoxe venres a enviar SMS para un cribado poboacional en Baiona, cunha incidencia alta menor de 250 por cada 100.000 habitantes e 19 casos detectados nos últimos sete días.

A data da convocatoria que están a recibir as 4500 persoas seleccionadas é para o próximo domingo, 28 de marzo cun horario que vai dende as 8 h ata as 22h.

Neste caso o lugar para facer a PCR será no propio municipio, no Pavillón Municipal de Baiona, onde o concello tamén pon a disposición o seu aparcadoiro municipal cunha hora de balde.

Moitas das persoas notificadas dubidan da efectividade do proceso selectivo, xa que moitas delas están situacións non compatibles con posibles casos positivos asintomáticos. Persoas en illamento sen contacto fóra do núcleo familiar ou mesmo persoas que están agora mesmo enfermas por outras doencias e que non teñen pensado acudir.

Dúbidas sobre estos procesos de cribado

Expertos en Medicina Preventiva e Epidemioloxía advertiron o pasado mes de febreiro que a eficacia dos cribados poboacionais pode estar en risco “se non se afina o suficiente” e búscanse casos asintomáticos en grupos moi concretos nos que se detectou unha alta incidencia de covid-19.

O Sergas está a levar a cabo unha estratexia extensiva de cribados, tanto en pequenos municipios con alta incidencia de COVID como así fixo nas grandes cidades, caso da Coruña, Vigo ou Santiago.

Na cidade olívica o último cribado onde se convocou a 27.000 vigueses (ademais doutras 5.400 persoas doutros municipios da área sanitaria de Vigo) a taxa de positivos foi do 0,13 % (11 casos). No caso de A Coruña a cifra de positivos arroxada foi de 14 casos para un cribado de 140.000 persoas.

Estas cifras resultan rechamantes se temos en conta que A Coruña e Vigo son as cidades máis poboadas de Galicia e, xunto con Santiago, son as áreas sanitarias con maior número de casos de covid.

A clave, os cribados “ben dirixidos”

Os expertos consultados por Europa Press sinalaron o pasado mes de febreiro que “os cribados funcionan ben se están ben dirixidos” e “é moi importante elixir ben a poboación” para “centrar o foco” e “non disparar ao aire”. A ese respecto, o preventivista e profesor Juan Gestal puxo como exemplo un cribado “nun barrio concreto, nun grupo de idade concreto” onde se detectou unha alta incidencia de covid, porque “canto máis se concrete, máis eficaz será o sistema”. Para iso, precisou, hai que “atender ao que digan os expertos e estudos epidemiolóxicos”.

Por outra banda, Gestal sinalou que, na actual situación, cunha transmisión do virus “descontrolada” e coa circulación de novas variantes, están a darse máis casos de enfermos ” sintomáticos”, que derivan en maior presión nos hospitais e centros de saúde e pode facer “menos eficiente” a procura de asintomáticos (obxectivo fundamental dos cribados). Os cribados “demasiado xenéricos”, que buscan pacientes en franxas moi amplas de idade, sen outro criterio máis que a súa adscrición a un centro de saúde, poden supoñer “malgastar os recursos”.

A cuestión é acertar no colectivo, os test de antíxenos son utilísimos cando hai incidencias moi altas en zonas e colectivos moi concretos”, abundou Juan Gestal. O portavoz da Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene, Alejandro Conde, sinalou tamén que “os cribados son máis eficaces cando se fan onde hai máis prevalencia da enfermidade” e para iso, han de terse en conta os diagnósticos xa existentes. “Hai que ter en conta que o COVID non é unha enfermidade de moi alta prevalencia, por exemplo a hipertensión, por iso hai que afinar máis a procura de casos”, engadiu, aínda que sinalou que as probas voluntarias están a facerse “en lugares onde se detectou máis incidencia”.

En calquera caso, hai que ter en conta outros factores, que poden restar eficacia aos cribados, como o feito de que a información que manexa Saúde Pública sobre a poboación é “limitada”. Por exemplo, indicou Conde, as autoridades non poden comprobar se as persoas adscritas a un centro de saúde e cun domicilio asociado á súa tarxeta sanitaria viven realmente nese municipio. A outra cara da moeda dos cribados é a taxa de positividade e é que, segundo apuntaron algúns expertos, unha da consecuencias de realizar probas PCR de forma masiva é que, aínda que a detección de positivos sexa case testemuñal, redúcese a taxa de positividade.

Baixa participación

Juan Gestal subliñou que, á marxe da formulación do modelo de cribado, “hai que concienciar” aos cidadáns para que, unha vez citados, participen nesas probas, e máis tendo en conta de que os niveis de participación nos cribados en Galicia son, salvo excepcións, inferiores ao 70 % das persoas convocadas.

Con respecto a esa baixa participación, Gestal indicou que “os cidadáns están moi cansados de como se está xestionando a pandemia” e algúns dos que foron citados, precisamente por presentar síntomas e crer que son casos positivos, eluden facerse as probas porque “non queren que os aislen, ou temen deixar de ir traballar e perder o emprego”. “En todo caso, serán minoría, a maior parte da xente que non vai é por deixamento e sobre todo hartazgo”, lamentou.

Na mesma liña, o xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra e especialista en Medicina Preventiva, Miguel Álvarez Deza, afirmou que “é conveniente que a poboación seleccionada acuda a facerse as probas”. Así, indicou que, tendo en conta a circulación da variante británica do coronavirus, que é “moito máis contaxiosa”, é “importante detectar a persoas infectadas asintomáticas que poderían ser supercontagiadores”.

Alejandro Conde, pola súa banda, lembrou que, á marxe do interese particular de cada un por saber se está ou non contaxiado de coronavirus, as persoas citadas deben actuar “responsablemente” e saber que, canta máis participación haxa nos cribados, “máis fácil será para as autoridades sanitarias facerse unha composición da situación en cada lugar”.

Tomiño recibe un millón de euros despois do Sorteo Extraordinario da ONCE

0

O Sorteo Extraordinario do 11/11 do ONCE deixou un premio dun millón de euros en Goián, no municipio pontevedrés de Tomiño.

O premio foi vendido por Roberto González Carreira, que vende toda a mañá (ata as 13,30 horas) nesa parroquia e polas tardes no Rosal.

Roberto González, que foi albanel de profesión ata os 35 anos, vende desde hai anos en Goián. Vendeu 10 cupóns dese número, catro deles nunha barbaría e o resto na rúa.

O sorteo do 11/11 deixou o seu premio maior, 11 millóns de euros, na localidade madrileña de Collado Villalba e outros 6 premios dun millón de euros ao cupón noutras tantas localidades da xeografía española.

Carmela Silva critica que o PP fale de igualdade mentres “asume” os postulados de Vox

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou este luns o seu “enfado” polo feito de que o PP “asuma” certos postulados do partido “fascista” Vox, e tachou de “vergoña” esa actitude, que fai que os ‘populares’ deixen de ser “cribles” cando falan de igualdade.

Silva fixo estas manifestacións durante un almorzo informativo en Vigo, en referencia a unha visita da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, á cidade, para informar a asociacións sobre as axudas para promover a igualdade.

O PP vén hoxe a Vigo a falar de igualdade, e habería que preguntarlles sobre o veto parental, a violencia de xénero ou sobre esas comunidades que deixaron de financiar a loita contra esa violencia”, proclamou, á vez que lembrou que, só no que vai de 2020, xa unha decena de mulleres foron asasinadas.

A ese respecto, subliñou que lle “enfada moitísimo” que haxa partidos como Vox, unha formación “fascista”, que negan a violencia machista e falan de violencia doméstica, ou que propoñen un pin parental. “Pero enfádame máis que o PP asuma esas cuestións”, engadiu, e recalcou que “os que fan iso non son cribles, porque isto vai de crerllo”.

“DOBRE MORAL”

Pola súa banda, o grupo provincial do PP, censurou a “dobre moral” da presidenta da Deputación, á que acusan de “politizar” a loita pola igualdade. “Xa está ben de etiquetar as feministas polo partido no que militen”, proclamou a portavoz ‘popular’, Pepa Pardo.

Pardo afirmou que o PP non acepta “leccións de igualdade nin de feminismo” de Silva, de quen afirmou que, mentres fai discursos en favor desa igualdade, “vota en contra” de iniciativas na Deputación para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade simplemente porque parten deste grupo político. “Esa dobre moral do PSOE xa non nos convence a ninguén”, sentenciou.

SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reuniuse este luns con entidades locais en Vigo para explicar as axudas para a promoción da igualdade, ás que a Xunta dedica este ano uns 6,5 millóns de euros. Trátase de axudas en catro programas ás que se poden acoller entidades locais de todos os concellos.

Ademais, con motivo da súa presenza ante os medios, López Abella aproveitou para expresar a “consternación” do goberno galego ante un novo crime de violencia machista, ocorrido este fin de semana en Lugo, e trasladou á familia da vítima e ao concello de Lugo o “pésame” e “agarimo” da Xunta de Galicia.

Así mesmo, púxose “a disposición” dos familiares e achegados desa muller, que foi supostamente asasinada pola súa parella no barrio das Gándaras, e subliñou que o goberno autonómico seguirá achegando “recursos” e traballando na “sensibilización” para acabar con esta violencia. “E lembrar ás mulleres que estean a sufrir algún tipo de violencia, que chamen ao 016 ou ao 900 400 273 e que, por favor, pidan axuda para pór en marcha o sistema de apoio”, engadiu.

Buscan á persoa que esqueceu un regalo de moito valor no autobús de Vigo – Baiona

Actualización 19/12/2019 – 11:41h – Localizan á propietaria do agasallo pasadas 14h do chamamento feito nas redes.

Ese é o chamamento que lanzou en redes o baionés Jose Barra, para atopar á persoa que este xoves 18 de decembro esqueceu un regalo de “valor” no autobús do ATSA con traxecto Vigo – Baiona por Baredo das 20:30h.

Por favor, se agradece difusión!!
Alguien se ha dejado olvidado un regalo en el ATSA Vigo-Baiona por Baredo (sale a las 20:30 de Vigo). Pudo ser un importante sacrificio económico para esa persona, me gustaría devolverselo🙏🏽

Jose Barra – Facebook

UGT gaña as eleccións sindicais do Concello de Vigo e relega o Sindicato Independente

A Unión General de Trabajadores (UGT) gañou este mércores as eleccións sindicais do Concello de Vigo, polo que contará con 12 dos 36 representantes do comité de persoal, mentres que o Sindicato Independente (SICO) pasou de ser a primeira forza sindical a conseguir un segundo posto con 10 delegados, Comisións Obreiras (CC.OO.) mantense con seis representantes, a CIG baixa a cinco e entran no comité o sindicato de policías municipais SPPME (2) e a CUT (1).

O censo de traballadores do Concello está dividido en tres ‘colexios’. Os funcionarios (1.034 traballadores) elixiron 23 membros do comité, dos cales oito serán de UGT, seis de SICO, tres da CIG, tres de CC.OO., dous de SPPME e un da CUT.

Pola súa banda, o persoal laboral técnico seleccionou tres membros do comité: un de SICO, un de UGT e outro de CC.OO., mentres que o persoal laboral especialista elixiu 10, dos cales tres son de SICO, tres de UGT, dous de CIG e outros dous de CC.OO.

Tras coñecerse estes resultados, Pergentino Martínez de UGT (e anterior presidente do comité) mostrou a súa “felicidade” por gañar as eleccións “a pesar de que nesta ocasión se presentaron máis forzas sindicais”. Para eles trátase dun “moi bo resultado” xa que SICO foi desde 2007 a forza maioritaria.

OBXECTIVO CUMPRIDO

Tamén o secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, valorou os resultados destas eleccións, xa que a súa organización sindical “cumpriu o principal obxectivo” que era entrar no comité de persoal “despois de tanto tempo e as dificultades” que tiveron para facelo, “xa que manobras sindicais tombaron a lista de laborais da CUT“.

“Agora que entramos podemos empezar a facer o noso traballo. Temos a intención de investigar e ver como está por dentro e implantar un discurso diferente”, indicou Castro.

Pola súa banda, Dámaso Pena, de SICO, mostrou o seu respecto cara á “decisión dos traballadores do Concello”, a pesar de que indicou que prefería que gañase a súa organización.

“Parécenos respectable, pero gustounos sacar dous delegados máis. Desde 2007 fomos a forza máis votada nos funcionarios. Quedámonos a dous delegados de diferenza con UGT”, lamentou Pena, quen asegurou que a entrada doutros sindicatos afectou ao resultado debido á “división do voto”.

UVigo ofrecerá desde setembro un posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital

A Universidade de Vigo (UVigo) ofrecerá desde setembro un posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, en virtude dun acordo de colaboración con empresas do Clúster de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Segundo recolleu a organización nun comunicado, xunto a Imatia Innovation, a firma do convenio aspira a facilitar o acceso ao sector tecnolóxico a estudantes e traballadores doutros ámbitos, como graduados en titulacións empresariais e técnicas, ademais da profesionais do TIC que busquen “explotar o potencial das empresas dixitais”.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata que se completen as prazas ofertadas e a solicitude poderase realizar a través da páxina web de Imatia.

Así, preténdese capacitar aos alumnos en competencias e ferramentas tecnolóxicas, así como en capacidades de liderado, consultoría e xestión relacionadas co desenvolvemento da actividade práctica empresarial.

En concreto, o curso comezará o próximo 30 de setembro e constarase de nove meses de duración. O alumnado poderá asistir a clases presenciais ou cursar o posgrao a distancia en horario de luns a xoves de 16,00 a 19,00 horas.

Ademais, contémplanse prácticas remuneradas en empresas galegas durante seis meses en horario de 9,00 a 14,00 horas para capacitar ao alumnado para desenvolver proxectos e solucións reais.

Ferida grave unha muller en Vigo que foi arremetida por un furgón cando cruzaba por un paso de peóns

Unha veciña de Vigo de 79 anos de idade resultou ferida grave tras ser atropelada cando cruzaba por un paso de peóns na zona de San Amaro. Segundo informaron fontes da Policía Local de Vigo, os feitos ocorreron pouco antes das 11,00 horas deste luns, cando a muller cruzaba de forma correcta por un paso de peóns.

Por motivos que se descoñecen, un furgón levouna por diante, causándolle feridas graves. A muller foi trasladada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro e, aínda que estaba consciente, presentaba un traumatismo na cabeza.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed