Xornal de Vigo consolídase xa como o gran medio online do sur de Pontevedra
Xornal de Vigo (XdV) é xa o primeiro gran xornal dixital de Vigo e a súa área metropolitana segundo a clasificación de Alexa (auditora da empresa Amazon). Unha posición que acadou en oito meses de vida e sendo, ademais, o primeiro gran medio en utilizar íntegramente o idioma galego.
Desde o seu nacemento, o pasado 1 de maio, XdV converteuse xa nun referente informativo da principal urbe de Galicia con informacións sobre actualidade política, económica, cultural, deportiva e social de todo o sur de Pontevedra e unha visión diferente a dos grandes medios de comunicación. De feito, presta especial atención a aqueles grandes problemas da cidade que outros xornais pasan por alto ou evitan publicar.
Así, a problemática sanitaria en Vigo, os problemas con Povisa ou Citröen, a pobreza social da cidade ou a polémica coas luces do Nadal foron algúns dos temas máis vistos o pasado ano en Xornal de Vigo.

Xornal de Vigo naceu asociado a Galicia Confidencial (GC), o principal medio dixital en galego e un dos máis importantes no panorama mediático dixital de Galicia, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Ambos os dous contan cun acordo para intercambiar información, publicidade e aspectos técnicos. Un acordo que tamén se fai extensivo a outros xornais locais e comarcais que tamén xa son todo un referente na provincia de Lugo como son Xornal da Mariña, Lugo Xornal e Xornal de Lemos.
Calquera persoa, entidade, asociación, partido político ou concello que queira ter voz neste xornal só ten que escribir a redaccion@xornaldevigo.gal Agardamos, como ata o de agora, a vosa participación para contar o que outros calan ou non queren contar.
O BNG de Vigo: “O desemprego está a cronificarse”
Os datos da Enquisa de Poboación Activa referidos ao terceiro trimestre do presente ano son, no referido á cidade de Vigo, “pésimos e inmensamente preocupantes”, criticou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
Segundo a estatística oficial, na cidade olívica destruíronse por volta de 2.600 postos de traballo en relación ao anterior trimestre, e son xa 9.300 empregos menos que na mesma altura do ano 2009, tal e como recollen as cifras de poboación ocupada.
Para a fronte nacionalista resulta especialmente preocupante que “só nos tres últimos tres meses se destruíran 1.000 empregos nas actividades industriais e outros 300 no sector da construción”.
En total, nos últimos nove anos, a serie histórica recolle que a industria viguesa perdeu 8.200 postos de traballo, e a construción 2.200. Neste sentido, o Bloque advirte de que a redución en 1.300 persoas paradas no último trimestre non se corresponde –tal e como recolle a propia EPA– coa creación de emprego e alerta do aumento da poboación inactiva, que engadiu 4.100 persoas só no último trimestre.
“Pode que as enquisas reflictan que hai menos xente parada, pero o importante e grave é que hai moita menos xente traballando que antes”, contrapoñen.
“Son datos dunha gravidade extrema que volven confirmar que o desemprego está a cronificarse na nosa cidade e que a desertización industrial avanza a toda velocidade, o que inviabiliza unha recuperación económica real, e seguirá a agudizar o crecente empobrecemento social”, resume Pérez Igrexas.
O candidato nacionalista reclama que o novo Goberno español “bote abaixo as reformas laborais e da negociación colectiva que só serviron para facilitar o despedimento, destruír emprego, empobrecer salarios e precarizar as condicións laborais”.
Igrexas demanda un “plan de choque” que implique a todas as administracións “para evitar que unha cidade que temos todas as condicións para volver ser un verdadeiro pulmón industrial do país acabe esmorecendo a nivel produtivo”.
“Non pode ser que as únicas opcións laborais que haxa en Vigo sexa o emprego ultraprecario e mal pago no sector servizos ou a emigración”, remachou.
Avanza o desbloqueo da comarcalización dos parques de bombeiros de Vigo e Pontevedra
A Xunta falará cos concellos de Vigo e Pontevedra para desbloquear a comarcalización dos parques de bombeiros desta provincia despois de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) mediase para tentar conseguir avances neste procedemento.
Diso informaron aos medios este venres o presidente da Fegamp, Alfredo García, e o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, despois de participar nunha mesa de coordinación das emerxencias á que asistiron distintos representantes das administracións autonómica, provincial e local.
En concreto, segundo indicou Luís Menor, este proceso avanza a un maior ritmo nas provincias da Coruña e Ourense, nas que hai acordos “firmes” coas deputacións e con concellos como o de Santiago, Ferrol ou Ourense (cuxos bombeiros prestan atención directa a outros municipios). Pola súa banda, en Lugo xa hai un acordo coa Deputación pero estase á espera de que o Consistorio do seu visto e prace.

O director xeral de Emerxencias precisou que “queda a discrepancia” coa Deputación de Pontevedra á que “non lle vale” o método que si serve para outras zonas de Galicia. “Desde a Deputación de Pontevedra insistíase en que falásemos cos concellos, nós diciamos que tiñamos que ir da man da deputación porque somos socios nos consorcios”, apuntou.
Esta situación verase “desbloqueada” despois de que, após a mediación da Fegamp este venres, a Xunta accedese a “falar primeiro cos municipios e despois coa Deputación”. “A orde dos factores non altera o produto”, sinalou Luís Menor, que destaca que a Xunta “exporá a comarcalización nos mesmos termos que noutros lugares”.
OUTROS ASUNTOS TRATADOS
Na reunión, conforme sinalou Menor, tamén se analizou o mapa de emerxencias. Así, detallou que nas provincias nas que a comarcalación “está feita”, A Coruña e Ourense, acordouse pasar a “unha segunda fase” na que as comisións provinciais de emerxencias empecen a traballar para cubrir as “zonas de sombra”.
Estas son aquelas áreas nas que o tempo de resposta dos servizos de emerxencia é superior aos 20 minutos. Para mellorar este dato, a Xunta e a Fegamp prevén ou reordenar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) ou crear outros novos.
Precisamente, outro dos puntos que saíu adiante por unanimidade no encontro foi a continuidade “definitiva” dos GES, cuxo convenio termina o 31 de decembro de 2018. Sobre este punto, o presidente da Fegamp incidiu na “importancia tomar decisións sobre as funcións” destes servizos, así como sobre o seu financiamento xa que son “imprescindibles” para a atención de emerxencias no rural.
“O importante é a coordinación, imos ter unha serie de estruturas de emerxencias, os bombeiros das cidades, os parques comarcais, os GES e todos deberían ser coordinados por un consorcio provincial e polos nunha mesma liña de traballo”, considerou Alfredo García, que avanzou que estas decisións se abordarán nunha reunión da comisión de seguimento dos GES que se reunirá “con carácter de urxencia”.
Outro punto tratado foi a coordinación na compra de material e repartición de axudas para “non solapar” gastos. Ademais, a proposta da Fegamp, os presentes analizaron a problemática que xera aos concellos a recollida de animais en situación de emerxencias. Respecto diso, acordouse que as deputacións presten aos pequenos municipios estes servizos.
Un profesor da Universidade de Vigo pide pasar do Estado autonómico ao federal
O modelo autonómico español só serviu como “antídoto do federalismo”, dun “auténtico modelo federal que recoñecese a plurinacionalidade do Estado”. É por isto, e ao fío da desafección de máis de dous millóns de cataláns cara a España, polo que o politólogo galego Álvaro Xosé López Mira pide superar xa o Estado das autonomías para inaugurar unha nova xeira federalista.
López Mira —profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo— defende a articulación dun novo modelo de Estado baixo o paraugas dunha nova Constitución federal, no que haxa unha verdadeira cámara de representación territorial con potestades desa índole, no que cada Estado federado teña capacidade de intervención nos asuntos europeos que lle afecten, no que exista un Tribunal Constitucional de designación equitativa entre os órganos federados e os federais — seguindo o precedente alemán de Karlsruhe—, onde existan principios de federalismo fiscal acompañando os de autonomía e suficiencia financeira, e no que se federalice un poder xudicial que agora o profesor considera “absolutamente centralizado”.
“As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas”, expón o profesor galego.
Estas son vellas demandas de López Mira que agora recupera nun contexto, o actual, no que o debate sobre a reforma da Constitución española de 1978 está máis vivo ca nunca polos acontecementos dos últimos anos en Cataluña, que levaron a un referendo de independencia lexítimo, pero sen validez legal, e a unha simbólica declaración de independencia.
No seu diagnóstico do Estado autonómico, o profesor da UVigo observa que “as competencias da maioría das Comunidades Autónomas son numerosas en canto executivas, pero sumamente avaras no verdadeiro decision-making e moi desvirtuadas por técnicas normativas en mans do poder central, nada acordes con calquera modelo federalista”. Nesa liña, engade: “As técnicas lexislativas invasivas restan poder real de decisión ás Comunidades Autónomas, deixándolles só as competencias de execución coma se fosen organismos de mera descentralización administrativa, nunca política. Tendencias centrípetas que non lograron senón acentuar as centrífugas”.
López Mira sinala a fallida descentralización do Estado autonómico español, pois “a descentralización implica a existencia dun goberno central, que pode repartir funcións ou áreas segundo considere oportuno”. Por iso, contrapón os sistemas descentralizados, como o español, nos que “a difusión do poder é materia de graza, non de dereito, e na práctica, antes ou despois é considerada como tal”, cos sistemas federais clásicos —pon coma exemplos Canadá, Estados Unidos e Suíza—, baseados nun “sistema non centralizado” no que, aínda que existe un Executivo central ou nacional, “este non controla todas as liñas de comunicación política e de toma de decisións”, matiza o profesor.
O politólogo da UVigo considera que o modelo autonómico español “consolidou unha descentralización política pouco sincera”.
É dicir: “nestes países [federais], as provincias, estados, ou cantóns, non son criaturas do goberno federal, senón que reciben o poder directamente do pobo. Son estruturalmente inmunes ás interferencias federais”. De xeito que “a non centralización vén representada mediante unha matriz de gobernos (non unha pirámide máis ou menos jerarquizada)” na que ningún centro de poder é superior ou inferior aos outros.
Por isto, precisamente, considera que o modelo autonómico español de 1978 “consolidou unha descentralización política pouco sincera”, pois “resulta difícil atopar algunha parcela competencial, é dicir, de poder político no que non se atopa como última instancia decisoria un órgano central do Estado ou dunha UE que renunciou, de facto, ao principio de subsidiariedade”.
CRISE CATALÁ
Anticipándose a aqueles que reivindican a globalización como un novo marco humano no que non terían cabida novas nacións ou Estados emancipados, López Mira argúe para o caso español que “a reivindicación diferencialista de determinados territorios en España non constitúe unha anomalía nos tempos da globalización, nin tampouco unha reminiscencia da descolonización”. Ao contrario, considera que “a mundialización xerou a eclosión de identidades locais sempre latentes tanto en zonas dominadas por conflitos violentos (desde os distintos Kurdistanes ata o Tíbet), como noutras de consolidadas democracias (Canadá, Reino Unido ou Bélxica)”.
A isto habería que engadir unha realidade sociolóxica empiricamente demostrada: o desapego que cada vez máis cidadáns mostran cara a España, ou cando menos cara o seu modelo territorial, especialmente en Cataluña. Así, o politólogo galego recupera os datos aportados polo Observatorio Político Autonómico de 2008 —dous anos antes da sentenza do Tribunal Constitucional que mutilou o Estatuto de Autonomía de Cataluña—, cando “un 11,6% de cataláns se consideran unicamente membros da súa Comunidade (32,7% no País Vasco), 19% máis catalán que español (17,1% en Andalucía ou 22,8% en Galicia) e un 47,3% tiñan sentimento de pertenza compartido Cataluña/España”. Unha realidade que foi mudando até hoxe, cando máis de dous millóns de cataláns expresaron nunhas urnas —en outubro de 2017— que se queren separar de España.
“Simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala”, di sobre o caso catalán.
“O cambio sociopolítico foi de tal magnitude como vertixinosos os propios acontecementos políticos (desaparición de partidos de goberno, drásticos cambios no sistema de partidos, múltiples convocatorias electorais ), pasando dos datos sinalados a, aproximadamente, a metade da cidadanía catalá apostando, a través de vías democráticas, por unha república independente de España”, repasa o profesor.
Por esta contrastada realidade sociopolítica é precisamente polo que considera que “simplificar unha cuestión política deste calado co desprezo cara ao que se considera diferente non a vai solucionar aínda que si pode empeorala, nunha sorte de inconsciente unitarismo separatista”.
López Mira recorda na súa análise que o proceso independentista de Cataluña xerminou nunha sentenza do Tribunal Constitucional, “instado por estreitas políticas partidistas de curto prazo, que desconsideraron o feito de que fose votado afirmativamente, alén as instancias parlamentarias, polo pobo catalán”.
O profesor da UVigo non dubida que “coa reforma do Estatuto catalán se rompeu o pacto constitucional que requiría do concurso de dúas vontades políticas, a autonómica e a estatal manifestada polo órgano representante da soberanía española e reforzadas, ademais, pola vontade plebiscitaria dos interesados: o pobo catalán. Nada máis, pero nada menos”.
“Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado”, expón López Mira.
Máis gruesas son as súas palabras a continuación: “O día que un órgano do Estado, se queremos tecnocrático e co seu prestixio en dúbida pero non politicamente neutral, o Tribunal Constitucional irrompeu como elefante en cacharrería no núcleo de pactos políticos con elevadísimos niveis de consenso, violentou, sen dúbida, o traballo de ourivaría do pacto constitucional en materia territorial e, ademais, contra o mesmo suxeito político, Cataluña, co que inaugurou a súa senda interpretativa do Estado autonómico, nunca profederal”.
Para López Mira, estes feitos poñen cuestión o modelo autonómico. Pero o sistema político que se deu España en 1978 entra tamén en discusión por detalles máis pequenos pero non menos importantes. Así, o profesor lembra, por exemplo, que “a Axencia Tributaria enviou Inspectores de Traballo, escoltados pola Garda Civil, para inspeccionar as axudas entre os veciños do rural galego á hora de recoller a colleita de patacas, de uva ou o millo e a herba para o silo, colaboración comunal cun carácter ancestral nun territorio no que boa parte das propiedades son, precisamente, de mancomunidade xermánica e reguladas por un Dereito civil propio con raíces históricas milenarias”, describe o politólogo, que subliña que “o Goberno autonómico se limitou a esbozar unha tímida protesta por estes feitos”.
“Se a articulación territorial non se resolve e o intervencionismo estatal é extremo, non pode ser senón fantasía, inxenuidade ou falacia alardear de modelo político-territorial descentralizado, unha especie de devolution trampa e, moitísimo menos como sostén parte da doutrina, federal”, sentenza López Mira.
MEDIOS DE COMUNICACIÓN E LINGUA
O profesor da UVigo observa tamén que existe en España unha “cultura política maioritaria” que “se resiste ferreamente a entender que as minoritarias queiran buscar un lugar ao sol, polo que opta por estratexias, ora defensivas ora agresivas pero, desde logo, carentes do máis mínimo espírito federal”.
Aí sinala directamente aos “medios de comunicación maioritarios (televisións, radios ou prensa) radicados na capital do Estado [Madrid]”, nos que hai unha “práctica unanimidade” contra as aspiracións soberanistas das periferias. Estes medios, di López Mira, “marcan a axenda mediática da maioría do país e a súa agresividade cos diferencialismos do que eles consideran o estándar da cultura política española”.
Neste diagnóstico da España autonómica centralista, o politólogo galego apunta á situación que viven as linguas cooficiais nos seus territorios nun Estadio no que “se combate o deber de coñecelas” e no que, “a diferenza dos Estados federais plurilingües, gran parte da sociedade e as elites españolas non as consideran con respecto como unha gran riqueza cultural, senón como un pernicioso elemento desintegrador, exclusivo de nacionalistas periféricos”.
O máis laborioso cara unha España federal será “forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigo”, advirte o experto.
CONSTRUÍR O ESTADO FEDERAL
Nun país no que, segundo López Mira, dominan os “incendiarios”, recoñece que “non é doado chegar a un punto de encontro medianamente racional”. Con todo, si está convencido de que “un federalismo sincero podería ser un punto de partida” para substituír o Estado autonómico, o cal “buscou ser antifederal, antídoto máis que fármaco”, critica o profesor.
Pero como se articularían neste contexto Comunidades Autónomas que non pretenden ser unha nación política distinta da española? Ou como encaixaría unha xefatura de Estado monárquica cunha construción política federal? Estas son algunhas das preguntas que xorden na análise de López Mira.
O profesor non dá a resposta, pero si indica o camiño: “Construcións políticas moito máis arduas vivimos na nosa época; falemos por exemplo da Unión Europea e, aínda que rengueante nos seus procesos de adaptación aos cambios sociais, económicos e políticos máis recentes, non cabe dubidar do seu éxito a pesar da súa singularidade creativa”.
O máis custoso no percorrido cara unha España federal será “forxar unha cultura política fundamentada no respecto á diferenza e os diferentes que non por iso son ilotas, estranxeiros, estraños e, por tanto, potenciais inimigos que, ademais, persisten nunha irracionalidade de pensamento que non merece debate senón mera descualificación por parte das elites intelectuais, os desfachatados intelectuais parafraseando a Sánchez-Cuenca, que establecen a verdade oficial ou dogma prexuicioso do single-mindedness“, advirte o politólogo.
Esta nova achega de López Mira ao debate sobre o modelo de Estado para España vén de publicarse na Revista de Derecho Político, que edita a UNED, co título ‘El modelo autonómico español como antídoto del federalismo’.
O TSXG ratifica a condena a 6 anos de cárcere a un avó da Guarda por abusar sexualmente da súa neta
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación e ratifica a sentenza ditada pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, que condenou a un avó a unha pena de seis anos de prisión por abusar sexualmente da súa neta cando esta tiña oito anos de idade.
Tamén se lle impuña ao acusado a pena de prohibición de achegarse á súa neta, ao lugar no que resida ou culaquier outro lugar frecuentado por ela nunha distancia de 300 metros, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio durante nove anos.
Igualmente impúñaselle a pena de liberdade vixiada por tempo de 10 anos e a de inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuido que leve contacto regular e directo con menores de idade durante 11 anos. Finalmente, condenaba ao acusado a indemnizar á menor na cantidade de 6.000 euros.
Segundo recolle a sentenza, “desde que a menor tiña oito anos ou estaba próxima a cumprilos, quedaba ao seu coidado no seu propio domicilio, situado na Guarda, e con ánimo libidinoso, tocáballe as súas partes íntimas, subíalle a camiseta e dáballe bicos na boca, ás veces coa introdución da lingua”.
A vítima non contou o que sucedía até o 23 de abril de 2016, despois de que o procesado achegáseselle cando se atopaba xogando no xardín “e empezou a tocala e a darlle bicos na boca, introducíndolle a lingua”, á vez que manoseaba as súas partes máis íntimas “causándolle dor, ao tocarlle forte” e, subíndolle a camiseta, “tocoulle tamén os peitos”.
Ese día, a menor contoulle todo aos seus pais e “desde entón mantívose lonxe do procesado”.
DESESTIMADO O RECURSO
O TSXG desestima o recurso e confirma a condena. Entre outros argumentos, esgrime que os testemuños ouvidos “reforzan indiciariamente o testemuño da menor en grao suficiente como para implementar a súa veracidade”.
Engade que os informes técnicos “son unívocos e claros sobre todos os aspectos controvertidos e tamén corroboran a versión da menor”. Tamén considera que “a superioridade non pode ser máis clara” e que se aproveitou a situación para “amparar uns abusos dificilmente comprensibles e de gravidade manifesta”.
Piden oito anos para o acusado de tentar matar o amante da súa parella en Vigo
Un home, acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa, por acoitelar o amante da súa parella, enfrontarase a unha petición de 8 anos de cárcere, no xuízo que se celebrará este xoves e este venres na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade de Vigo.
Segundo o escrito de acusación pública, os feitos polos que será xulgado producíronse en xuño de 2020, cando o procesado apareceu de forma sorpresiva na casa dos pais da súa noiva de madrugada, e sorprendeuna mantendo relacións sexuais con outro home.
AGRESIÓN
Entón, o acusado dirixiuse cara ao amante da súa prometida e, armado cun obxecto punzante “tipo coitelo”, causoulle lesións nunha coxa. A vítima non coñecía o seu agresor nin tampouco a relación que mantiña coa moza e así llo transmitiu, a pesar do cal, o acusado volveu arremeter contra el, cravándolle o obxecto no tórax e os brazos, mentres lle gritaba: “Voute matar, fillo de puta”.
O home logrou fuxir, semiespido, saltando o enreixado de peche da vivenda e, unha vez na rúa, escondeuse a uns metros dun coche aparcado, en cuxo interior había unha persoa. O home achegouse agachado ao vehículo, e lanzou ao seu interior o seu teléfono, á vez que pedía á persoa que estaba dentro que pedise axuda.
Mentres tanto, o presunto agresor entrou no domicilio onde vivía a súa noiva e colleu dous coitelos. Armado con eles saíu en busca do home, que tratou de fuxir arrastrando a perna e sangrando polas feridas. O atacante só se detido cando un coche se interpuxo entre ambos. A continuación, deuse a volta, tirou os coitelos nun colector, e dirixiuse á vivenda dos seus pais, que estaba preto de alí.
DELITO E PENAS
Por estes feitos, a Fiscalía acúsao dun delito de homicidio en grao de tentativa, e pide que sexa condenado a unha pena de 8 anos de cárcere. Tamén reclama que se lle impoña a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 500 metros do prexudicado durante 9 anos, e que o indemnice en 9.000 euros.
Ademais, en caso de sentenza condenatoria, o ministerio público solicita que se dea traslado ao Xulgado do Penal 3 de Vigo, xa que o acusado foi condenado anteriormente por un delito de roubo con violencia e intimidación, e a pena de ingreso en prisión fora suspendida en outubro de 2018 coa condición de que non delinquise durante dous anos.
Suspenden o xuízo contra o ancián “raiacoches”, incapacitado xudicialmente
O xuízo contra José Antonio V. V., coñecido como o ancián “raiacoches” de Vigo, que estaba previsto para este xoves na sala do Penal 3 da cidade olívica, foi suspendido, tendo en conta que o acusado foi incapacitado xudicialmente.
Este home estaba acusado dun delito continuado de danos, por raiar máis dunha ducia de coches e inutilizar con escarvadentes fechaduras, tanto de vehículos como de edificios. Aínda que a Fiscalía pedía que indemnizase en máis de 10.300 euros aos prexudicados, reclamaba a súa absolución desde o punto de vista penal, xa que lle aplica a eximente de alteración psíquica polos seus problemas mentais.
En todo caso, a vista quedou suspendida, xa que o Xulgado de Primeira Instancia 5 de Vigo, especializado en Familia, ditou recentemente sentencia que ratifica a súa incapacidade, por tanto é inimputable. Nese caso, tramitouse unha curatela, é dicir, designóuselle un curador (antiga figura do titor legal), que está pendente de aceptar este cargo.
ANTECEDENTES
O xuízo suspendido este xoves non é a única causa penal na que este octoxenario estivo implicado. Así, ten numerosos antecedentes policiais por causar danos en vehículos estacionados nas zonas de O Calvario e A Dobrada, en Vigo.
Foi detido en varias ocasións e levado ante os tribunais pero, tras pagar as multas correspondentes, o home volvía a reincidir no seu comportamento.
A Policía chegou a atribuírlle danos en máis de 1.000 vehículos, xa que estivo ‘a actuar’ por esas zonas durante anos e os veciños chegaron a colocar carteis por esas rúas coa súa foto, alertando de que raiaba as carrozarías e introducía escarvadentes nas fechaduras.
Tras numerosas identificacións por parte dos axentes e comparecencias nos xulgados, a petición da Fiscalía e do xulgado foi sometido a unha avaliación e, tras ser inicialmente ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro, acabou sendo trasladado a un centro xeriátrico.
J.A.V.V. estivo inmerso en varias causas por eses danos. En xuño de 2019 xa foi absolto noutro procedemento por este delito no Xulgado do Penal 1, ao aplicárselle a eximente de alteración psíquica pola súa deterioración (aínda que se acordou o seu ingreso nun centro para que reciba a atención adecuada); do mesmo xeito, en febreiro deste ano foi arquivada unha causa que tiña aberta no Xulgado do Penal 2, polo que xa non chegou a xuízo.
O BNG presentará iniciativas en apoio á actividade naval de Vulcano
O BNG presentará diversas iniciativas no Congreso, o Parlamento galego e o Concello de Vigo para pedir o apoio do PP e o PSOE para “asegurar a continuidade da actividade de construción e reparación naval” nas antiga Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique) e apoiar que “é indispensable que siga a actividade naval” neste estaleiro.
Así se pronunciaron a deputada do Bloque, Carmela González, e o concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, tras manter un encontro co comité de empresa da antiga Vulcano en relación á sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición que avala a extinción da concesión deses terreos.
Trátase dunha situación ante a que os traballadores reclamaron “un compromiso real” dos distintos partidos políticos. Neste contexto, lembraron que a directiva do estaleiro anunciou que estudaba 37 propostas de construcións e reparacións por un total de 240 millóns, aínda que, “por esta indecisión sobre a concesión”, dous posibles contratos xa “caeron”.
Pérez Igrexas considerou que a situación “é resultado de dous factores”, por unha banda unha “ofensiva deliberada, descarnada, por parte do PP na persoa de Enrique López Veiga”; e doutra banda pola “complicidade do Goberno español, do Partido Socialista e Unidas Podemos, a través da súa participación coa Avogacía do Estado”.
Neste marco, indicou que o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, presentou no Congreso dos Deputados un paquete de medidas polo que insta o Goberno español “a que tome todas as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade e o emprego ligado ao sector naval”.
Pola súa banda, Carmela González manifestou que o Bloque vai levar varias iniciativas ao Parlamento de Galicia “para que o PP e o PSOE se sitúen e aclaren cal é o futuro que queren para Vulcano”. “Non pode ser que esteamos por evasivas, que non nos situemos e isto siga avanzando e o sector naval desapareza da Ría” de Vigo, selou.
ÁMBITO MUNICIPAL
Segundo remarcou Pérez Igrexas, a sentenza “o único que recoñece é a potestade da Autoridade Portuaria de poder resolver a concesión, pero non a dá por finalizada”. “Por tanto, vai facer falta dun procedemento que vai ir a votación no Consello de Administración“, apuntou, insistindo en que o BNG rexeita “de plano a posibilidade que abría o presidente do Porto de que nas instalacións de Vulcano se poida despregar ningún uso que non sexa naval”.
Neste ámbito, indicou que o BNG vai dirixirse ao alcalde vigués, Abel Caballero, que ten representación no Consello de Administración do Porto, para instarlle a que os representantes institucionais do Concello de Vigo e outras institucións públicas en “rexeiten de maneira clara calquera posibilidade de resolución da actual concesión” no dito Consello.
Todo iso, continuou, “mentres non exista garantía expresa e firme de que unha eventual nova concesión desta parcela vai estar ligada si ou si á actividade naval“. Neste sentido, insistiu en que estes representantes públicos “non poden ser cómplices dunha operación escura que o que quere é converter un estaleiro emblemático nunha terminal de colectores”.
VISIÓN DOS TRABALLADORES
Os portavoces dos traballadores do estaleiro, en concreto o expresidente e o exsecretario do comité de empresa, Nicolás Sangabriel e Francisco Guizán, respectivamente, agradeceron o apoio do BNG e reclamaron a outros partidos políticos que apoien o proxecto iniciado polos novos donos da antiga Vulcano, Mariña Meridional.
Nesta liña, lamentaron que dos 37 proxectos que a empresa está en proceso de negociación, “dúas caeron”. Tratábase de proxectos de reparación de barcos de grandes dimensións –uno de 100 metros e outro de 70 metros–, cos que poderían ter “entre 5 e 6 meses de traballo, tranquilamente”.
Ante todo iso, pediron aplicar “o sentido común”, de forma que se manteña o proxecto naval no estaleiro, xa que se trata de “un proxecto con futuro”. “Que non se deixe caer este estaleiro que chegou a ter máis de 1.000 traballadores directos, mentres que unha terminal de colectores pode ter entre 30 e 50”, reclamaron.
