InicioCulturaO Hío rende unha homenaxe cinematográfica á industria conserveira coa proxección de...

O Hío rende unha homenaxe cinematográfica á industria conserveira coa proxección de ‘Matria’ e ‘Massó no recordo’

Álvaro Gago, director de 'Matria', sobre as mulleres: "Comúns a todas, son os adxectivos determinada, apaixoada, xenerosa".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O vindeiro venres 28 de decembro ás nove da noite, na Casa da Unión, regresa o programa Cinema no Hío cun pase de curtametraxes. ‘Matria’ e ‘Massó no recordo’ conforman unha sesión adicada a dous filmes “que comparten xénese na industria conserveira e que dialogan á perfección”, subliñan os organizadores do evento.

Dous filmes ben diferentes en produción, formato e distribución, pero que se achegan á realidade dende un mesmo lugar: a sensibilidade polo que nos rodea. Matria ven de ser nomeada finalista aos Premios Goya na categoría de curtametraxe de ficción despois dun paso longo e cheo de éxitos por numerosos festivais de todo o mundo.

IndieLisboa, Seminci de Valladolid, Alcine, os premios Mestre Mateo ou o prestixioso Sundance Film Festival son algúns dos festivais onde triunfou o filme de Álvaro Gago, quen xa foi entrevistado por Xornal de Vigo.

A súa obra explica a historia de Ramona. Ramona vive co seu marido, con quen apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que lle une á súa filla e a súa neta.

Matria/ Álvaro Gago

 

“Levo rodeado de mulleres extraordinarias dende que nacín”, recoñece Gago nas notas do director: “Comúns a todas, son os adxectivos: determinada, apaixoada, xenerosa. Mulleres sinxelas con vidas complexas, o que impide que se mostren transparentes. Mulleres sensíbeis que diante das dificultades do seu entorno vital, teñen a necesidade de protexerse e esconderse. Son, polo tanto, dende un punto de vista cinematográfico, persoaxes moi interesantes. Persoaxes complexas, con moitos matices, incómodas na relación coa súa cortorna e de díficil acceso emocional”.

Así, “Matria é un filme sobre unha heroina cotidiana defectuosa. Non quixen retratala dende un punto de vista panexírico. Sempre cos pés na terra, a miña intención foi a de documentar a súa realidade baixo a ilusión da ficción. Unha realidade tráxica que non ten un aparente final no filme, pois Matria é unha traxedia continua grabada con lume na cotianidade e na rutina”.

“A pesar de todo, a intención era a de rematar coa sensación de que hai espazo para a posibilidade e a ilusión. Está soa, o contexto non é favorable, pero non perde a esperanza, que reside na súa determinación e dignidade, e no amor que lle une á sua familia. Matria, se pretende algo, é ser un filme humanista, e non hai humanidade sen esperanza. A dignidade dálla, en gran medida, o traballo. O filme pretende profundizar na noción do traballo como fonte de honorabilidade e glorificación. Todas estas heroínas son moi traballadoras. A súa dedicación e esforzo traen consigo valores como a honestidade, a ambición, a humildade ou a empatía“, subliña.

“O traballo tamén é o causante de que Ramona leve un ritmo de vida intenso. Non se pode permitir parar. Non ten tempo para pensar demasiado. Estamos ante un torrente de enerxía e emocións, e así busquei que se sentise no filme. As narrativas mais atraíntes veñen dadas polo interés que suscitan as persoaxes. É imposible contar unha boa historia sen persoaxes e situacións críbeis e suxestivas. Aquí, o material cru existía e non estaba moi explorado. Sentía que facer este filme era a miña responsabilidade“; recorda.

“Sentía que era o meu deber darlle voz a estas mulleres silenciadas que soportan, calan e tiran para diante, pero que tamén necesitan sentirse coidadas e queridas. O local é o que nos nutre. E do local ao universal, sen deixar indiferente: das alegrías e penas de Ramona ás alegrías e penas de todas as mulleres”, reflexiona: “Un traballo sobre un material existente para unha mirada honesta dun cine comprometido socialmente. Ramona trata dunha morea de cousas, pero por riba de todo, trata de persoas”.

Matria/ Álvaro Gago

Pola súa banda, Massó no recordo é o filme froito do programa Cinema en Curso no CEIP A Rúa de Cangas do ano 2013-2014. Esta iniciativa que naceu en Catalunya no 2005 e que actualmente tamén se desenvolve en Galicia, Euskadi, Madrid, Argentina, Chile e Alemaña, propicia o descubrimento por parte de nenos e mozos do cinema entendido como arte e cultura.

Deste xeito e acompañados por un cineasta, o marinense Ángel Santos (“Dos fragmentos/Eva” e “Las altas presiones”) no seu caso, experimentan e reflexionan co cinema no seu entorno. Massó no recordo recorre a historia da fábrica de conservas e factoría Massó de Cangas que abriu no 1941.

Chegaron a traballar 500 persoas que proviñan de toda a comarca: na pesca do atún, baleas e cachalotes, nos procesos de conserva e envasado. No 1985 pechou e dende entón o espazo quedou abandonado.

Case 30 anos máis tarde, os nenos e nenas de 11-12 anos do pobo recuperan a memoria do lugar, a épica alegre e triste dos oficios e as vivencias a través do diálogo cos seus avós e outras antigas traballadoras.

Da man da Asociación Cultural O Furatoxo torna Cinema no Hío buscando ser unha fiestra aberta a ese cinema galego que é moi complicado que chegue aos nosos fogares e ás pantallas afastadas dos grandes núcleos urbanos. Ademais, coa presenza do profesorado e do alumnado do CEIP A Rúa para presentar Massó no recordo achégase o cinema á xente dun xeito máis persoal. O público poderá descubrir como foi ese período de aprendizaxe, que descubriron os rapaces durante o proceso de creación e como se achegaron e valoraron aos seus devanceiros.

Pola súa banda, a AC O Furatoxo nace no ano 2013 formada por mozas e mozos do Hío coa intención de dinamizar a parroquia. Dende a súa creación veñen apostando pola organización de actividades para todos os públicos. Aínda que a celebración da Festa da Queimada supón o maior esforzo organizativo anual, durante o resto do ano tamén programan talleres para nenas e nenos na Escola Vella do Hio ou o Concurso de Cantos de Taberna co gallo de Santo Andrés do Hio.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...

Atascos na A-55 en ambos os sentidos á altura de Mos ao rexistrarse dous accidentes sen feridos

A A-55 volveu a rexistrar longos atascos na mañá deste venres en ambos os...