O Xornal de Vigo entrevista a Álvaro Gago, director da curtametraxe Matria, unha obra que defende a labor que levan facendo as mulleres galegas durante tantas xeracións sen acadar recoñecemento social. O éxito da cinta está visibilizando un dos grandes problemas que existe na sociedade galega. Gago suliña, tamén, que quere gravar outra curta en Vigo.
P- Esperaba o éxito desta película, a máis premiada da historia do Festival de Cans do Porriño, e conseguindo éxitos noutros moitos concursos de todo o mundo?
R- Non, eu nunca fago as películas agardando un premio, ou un éxito a ningún nivel, simplemente que a vexa a xente, porque esa idea iría en detrimento da calidade. Hai que concentrarse noutras cousas.
P- Entende e utiliza o formato curto simplemente como un medio camiño cara á longametraxe, tendo en conta o caro que é producir un filme, ou defende a capacidade específica das curtas para transmitir?
R- Eu son defensor da curtametraxe como formato en si mesmo, non como trampolín. Un formato que conta unha historia nun espazo máis curto de tempo, sintetizando o momento dramático. Eu leo novelas e contos do mesmo xeito, non son irmáns menores.
P- Pero, a nivel social, si que se percibe a curta como algo inferior, non?
R- A día de hoxe, o problema é que as curtas non teñen mercado, polo que case é obrigatorio dar o salto á longa. Quizais as curtas sexan parte do futuro, pola velocidade destes tempos, pero non podemos sabelo aínda. A mi, en todo caso, gústame explorar as maneiras diferentes de contar que teñen ambas.
Pero si que é certo que ás curtas non se lles dá a importancia que teñen, pénsase nelas como exercicios para “practicar”, con menos risco a nivel económico. Hai que recoñecer en todo caso que as curtas permiten amosar certa valentía engadida, obviamente. Pero o que diminúe a súa importancia é que non chegan, non que non teñan capacidades. Unha boa historia pode cativar de igual maneira en vinte minutos ou dúas horas.
P- Cales son os seus plans para o futuro?
R- Estou pensando nunha longametraxe para chegar máis aló coa mesma protagonista, expandir o seu universo. Hai moito en Matria que quedou por fóra. Pero antes vou rodar unha curta en decembro. Penso que sempre volverei ao formato curto, de cando en vez. Este ten pensado durar algo menos que Matria, en torno a 15 minutos. E sendo tan curto se contara máis fastidiaría á audiencia unha parte da experiencia, así que, polo momento, tan só confirmo que se rodará na cidade de Vigo.
P- En Matria aparece en primeiro plano a reivindicación da forza das mulleres que na sombra fan todo polos seus. Hai tamén unha crítica á situación do emprego no noso país?
R- Está claro que esa crítica existe na cinta, polas condicións laborais ás que é sometida a protagonista, pero o que non estou facendo é sinalar ás conserveiras, o sector específico é algo que veu pola protagonista, que traballou nas conserveiras moito tempo.
Podería ser calquera outro, posto que son demasiados nos que se viven condicións de traballo complicadas. Ao expoñer Matria en Lalín, viñeron a ver a proxección traballadoras do téxtil, e contáronme a súa situación…
En todo caso, a crítica principal de Matria está en que temos que poñer máis o foco en persoas que normalmente non teñen o crédito. Por iso, neste caso, escollei falar de mulleres coma Ramona (protagonista absoluta), contar historias que non saen nos xornais pero ocorren todos os días.
P- Coma no caso de Lalín que comentou antes, supoño que o máis emocionante é escoitar ás persoas que ao levar unha vida semellante a ela vense reflectidas en Ramona.
R- É emocionante e moi triste, tantas persoas vivindo así, inhibidas, xente ocultada que ao fin acadan un mínimo recoñecemento na pantalla. Eu non vivín persoalmente situacións de explotación, polo que o meu papel é facer un exercicio de empatía e poñerme na súa pel.
P- É Matria unha curta autobiográfica?
R- Sí, nun 99%, porque son experiencias vividas no pasado pola persoa que as interpreta, Francisca Iglesias (premio á mellor interpretación feminina no Festival de Cans). Ademais, téndese no audiovisual a buscar un ton interpretativo que para min está por riba de como nos desenvolvemos na realidade.
E Ramona exprésase tal e como o faría unha persoa de Arousa, non emprega ningún tipo de “sobregramatismo”. Ademais, coa cámara tentei de non manipular demasiado ao lector, que algo sempre manipulas, polas elipses ou os cortes, pero de maneira máis sutil.
Subliño de novo que a protagonista non é actriz, é unha amiga miña que chegou a coidar un dos meus avós, que está a todo, é xenerosa co seu tempo e con todo o mundo. Algunhas veces vémola facer as cousas polos demais por vontade propia, noutras porque é o que ten que facer, botar a casa ás costas.
Algo que a moitas mulleres parece como se lles viñera dado, sen poder cuestionalo, viviron sempre así e así foron educadas, e continúan de maneira automática. Pero Francisca viviu unha transformación positiva, e nós tamén, ao somerxernos nesta obra.
P- Como poden facer para ver Matria os que aínda non a descubriron?
R- Ademais de nos festivais, xa está dispoñible en Movistar +, que está a adquirir curtas, o cal non deixa de ser interesante. En aberto non estará ata que terminen os festivais, a finais de ano, porque unha vez que a abres ao público non podes proxectala neles. No futuro espero que Matria estea en mais canles, como poden ser Amazon Prime.