Temporal / © Miguel Núñez
1 de 15
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, a número un da candidatura ao Congreso pola provincia, Ana Pastor, a candidata ao Congreso Ana Cristina Pérez, o candidato ao Senado, Salvador González Solla, e o candidato do PP á alcaldía de Tui, José Ángel Fernández, visitaron este xoves o ‘Mercado dos Xoves’ do municipio de Tui.
Os políticos do PP aproveitaron este paseo para visitar a recentemente inaugurada sede de campaña do PP de Tui, onde felicitaron aos voluntarios e integrantes da agrupación local polo labor que están a desempeñar de face as eleccións do 28 de abril.
Alfonso Rueda aproveitou a visita para destacar a “forza” do PP en Tui, no Baixo Miño e en toda a provincia, así como o traballo “incansable” que está a facer a estrutura do partido de cara a estas eleccións.
“Non paramos en Semana Santa, senón que seguimos coas pilas moi cargadas. Antes estivemos en Bueu con moitos veciños, agora tivemos unha gran acollida en Tui, e ese é o noso obxectivo, chegar ao maior número de xente posible para facerlles chegar as propostas do PP, e transmitirlles a garantía de que somos o único valor seguro nas próximas eleccións”, engadiu.
A candidata de Ciudadanos ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Beatriz Piñeiro, afirmou que non se integrou ao exconselleiro popular Javier Guerra nas listas do partido laranxa en Galicia para as próximas eleccións xerais do 28 de abril porque “non houbo entendendimiento entre ambas as partes”.
Preguntada este mércores en Vigo no marco dun acto, Beatriz Piñeiro confirmou que tiveron lugar “unha serie de reunións” entre a formación laranxa e o exconselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
No entanto, a candidata Cs ao Congreso pola provincia de Pontevedra sinalou que debe ser Javier Guerra a persoa que detalle as razóns que motivaron que non se integrou na lista electoral da formación laranxa para os comicios xerais.
Este Nadal, Vigo está a romper tódolos récords. A falta de datos oficiais da cabalgata deste sábado, as sensacións son as dun espectacular cheo nunca antes visto nun evento desta tipoloxía. Miles de nenos, nenas e por suposto tamén adultos acudiron a centro de Vigo para saudar aos Reis Magos e recibir caramelos.
Pero, por suposto, o principal Rei Mago da noite foi Abel Caballero, vitoreado pola multitude en todo momento, sempre como o maior símbolo da festa, pese a todo o folclore dela. Nin dragóns nin nada, o protagonista foi sempre el.
Ás seis da tarde comezaron a marchar as vistosas carrozas, que ateigaron Vigo de luz e cor.
Por suposto, antes da cabalgata houbo o discurso de rigor, no que o rexedor vigués invitou aos reis a quedar en Vigo, do fermosa que é a cidade, e así aforran a viaxe para o ano que vén.
E aínda queda Nadal para rato na cidade. Mañá abriranse os agasallos e ata o día 13 non se apagarán as luces, noutro ‘show’ multitudinario.
O servizo de estudos do Consorcio da Zona Franca, ARDÁN, no curso da gala polo seu 25 aniversario que se celebra no auditorio Afundación en Vigo, premia esta noite a 25 empresas “que destacaron pola obtención de indicadores de boas prácticas empresariais”, subliñan.
Durante o acto, ARDÁN recoñecerá a 18 empresas que obtiveron este ano entre catro e cinco indicadores “ARDÁN de boas prácticas empresariais”, e destacará a outras 7 empresas das catro provincias galegas “que durante estes últimos 25 anos achegaron a Galicia máis emprego e riqueza”.
“ARDÁN é unha ferramenta ao servizo da sociedade galega. Analizamos o tecido empresarial para axudar a melloralo. A perspectiva de 25 anos de estudo das empresas con sede en Galicia constata a relevancia que ten o efecto sede social polo que vemos que as empresas que teñen os seus centros de decisión en Galicia son as que crean máis emprego, máis riqueza e atraen máis talento que o resto do tecido económico de Galicia”, subliña David Regades, delegado do Estado no CZFV.
“Estas 25 mellores empresas galegas, tanto polas súas boas prácticas como por xeración de emprego na Comunidade, son as que multiplicaron por 10 a riqueza achegada á Comunidade nos últimos 25 anos”, sinalan desde a Zona Franca.
Segundo os datos analizados polo equipo de expertos de ARDÁN, 25 compañías con sede social en Galicia achegaron 65.319 millóns de euros ao PIB galego nos últimos 25 anos, cun crecemento da súa xeración de riqueza do 899%, cinco veces máis que o crecemento total da economía galega.
As 25 compañías detectadas polo servizo de estudos do Consorcio da Zona Franca de Vigo ( CZFV) tamén multiplicaron por tres o seu número de empregados, ata alcanzar os 57.000 empregados directos.
A xeración de emprego das 25 empresas seleccionadas é 19 veces maior ao da creación de emprego total en Galicia entre 1993 e 2018.O traballo de análise de datos, enquisas e estudos de competitividade de máis de 30.000 empresas con sede en Galicia está dirixido por ARDÁN, con metodoloxías elaboradas por grupos de investigación da Universidade de Vigo e coordinadas pola Cátedra ARDÁN.
ARDÁN elabora 10 indicadores de boas prácticas empresariais (os indicadores ARDÁN) que analizan ás empresas que máis emprego ou riqueza xeran, ás máis globais, mellor xestionadas, de rápido crecemento, alto rendemento, ás de maior igualdade de xénero ou ás que aplican economía circular nos seus procesos de fabricación. En 2018 o 7% das máis de 30.000 empresas galegas analizadas obtiveron algún Indicador ARDÁN e 18 empresas (o 0,07%) lograron 4 ó 5 indicadores.
As que seguen son as compañías premiadas por indicadores de boas prácticas: Actega Artística (empresa química con sede no Porriño), Aludec (Compoñentes do automóvil, con sede en Vigo), Aucosa (produción de fariñas e aceites de peixe para o sector alimentario, Vigo), Boxleo TIC( TIC, sede na Coruña), Cardiolife (produción de equipos e tecnoloxía médica de última xeración, Vigo), Egasa Ferrol ( Luckia, especializada no desenvolvemento e implantación de xogos de azar), Egatel (Empresa de alta tecnoloxía e soliciones informáticas con sede en Ourense), Euro CKP (granito, Tui), Garaysa, Irmáns Galdo, HTG (Porriño), Marine Instruments (Nigrán), Niso Rodríguez Taboada, Nodosa, Otamar, Redegal, RS Motor Power Solutions eTarlogic Security.
O servizo de estudos ARDÁN detectou e seleccionou ás 7 empresas con sede en Galicia que de maior xeración de riqueza e creación de emprego durante os últimos 25 anos. Elas son a Construtora San José, Coren, Finsa, Fillos de Rivera, Inditex, Lactalis e PSA.
O gabinete de comunicación de Povisa vén de enviar aos medios de comunicación un comunicado no que avanza que a dirección do centro sanitario mantivo unha reunión cos responsables da concellería de Sanidade e do SERGAS co obxectivo de atopar unha solución ao conflito que estalou este venres co anuncio da entrada en preconcurso de acredores.
No devandito comunicado, Povisa incide en que está a atravesar unha “complexa situación financeira”, pese a que pertence a un holding empresarial que vén de duplicar en 2017 os seus beneficios, a falta de coñecer os datos de 2018.
Ademais, acusan o SERGAS como único culpable: “A complexa situación financeira na que se atopa o hospital, derivada das perdas xeradas polo concerto co SERGAS, en vigor desde 2014″, que contou con varios ascensos e actualizacións, en contraste co convenio laboral, “conxelado” desde 2010.
Por último, e o máis importante, non deixaron clara a situación dos traballadores, as súas nóminas nin tan sequera o futuro do centro: “Confíase en que as negociacións alcancen unha solución que despexe o futuro do hospital e, por extensión, o dos seus 1.500 traballadores”, selaron.
Na reunión, o Sergas demandoulle ao centro hospitalario unha ampliación de documentación sobre a situación financeira na que basean a convocatoria do preconcurso, e instounos a garantir o pago das nóminas ao persoal do centro.
A Administración sanitaria asegura que desde que se asinou o concerto ven cumprindo, e así o seguirá facendo puntualmente, coas liquidacións mensuais que prevé o concerto para unha poboación máxima de 139.000 habitantes.
O concerto prevé un pago capitativo de 540 € por habitante a percibir por Povisa, de acordo coas prestacións que inclúe a súa carteira sanitaria para os pacientes que optan por recibir atención nese centro sanitario.
“En ningún caso, as circunstancias financeiras de Povisa poden ser atribuídas ao concerto actualmente en vigor”, defenden desde a administración.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), dirixiu un estudo para indagar nas primeiras pegadas do Antropoceno, unha nova era xeolóxica, en Galicia.
A investigación realizouse a partir da análise de sedimentos de tres rías galegas -Ares, Betanzos e Cedeira- e os resultados, que se comezaron a presentar en revistas científicas do JCI como Estuarine, Coastal and Shelf Science, relevan que estas primeiras pegadas datan nos tres casos de mediados do século XX.
En 2016, o Antropoceno foi proposto como unha nova era na cal o ser humano se converteu nun factor global que afecta a todos os ecosistemas. “Os sedimentos nas zonas internas de ríalas galegas gardan memoria do que acontece nas súas cuncas e conteñen información de cando os procesos naturais se mesturan cos xerados pola actividade humana”, explica Ricardo Prego, profesor de investigación no CSIC e
xefe do Grupo de Biogeoquímica Mariña do IIM.
Neste contexto, o citado grupo de investigación do CSIC deseñou un estudo pioneiro
para coñecer o estado das rías galegas, co fin último de avaliar e observar se os signos da pegada do Antropoceno estaban presentes en sedimentos galegos e desde cando.
O estudo contou coa colaboración de persoal de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo -Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental-, un do Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera, do Laboratorio de Radiacións Ionizantes (Universidade de Salamanca) e outro do Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Medioambiental (Universidade de Oporto).
A metodoloxía empregada para levar a cabo o estudo incluíu recollida de mostras de sedimentos en zonas con baixas poboacións e baixas taxas de industrialización nas rías de Ares, Betanzos e Cedeira para a súa posterior análise nos laboratorios do IIM (Vigo).
“As zonas internas das rías, onde a influencia fluvial é maior, son idóneas para buscar pegadas antropoxénicas e dispoñer así dun rexistro histórico do que ocorreu durante o último século. Poderíase dicir que os seus sedimentos teñen memoria, sempre que non sexan removidos, do impacto humano na contorna”, explica Ricardo Prego.
Engade ademais que a partir de mediados do século XX “moitos estuarios mariños en todo o planeta son afectados polo aumento de poboación e industria”. Os investigadores interpretan que na ría de Ares o principal impacto antropoxénico xorde coa construción dos embalses no río Eume,e só as partículas máis finas chegan á ría, pero o fluxo de metais duplícase; na de Betanzos obsérvase o impacto da construción da ponte do Pedrido, o aumento do trafico rodado e unha crecente urbanización, sendo o resultado unha taxa de sedimentación multiplicada por catro; e na Cedeira mostra a transición dunha cunca agrícola a madeireira pola maior chegada de materia orgánica a ría.
O estudo dos tres casos serviu para confirmar que a era do Antropoceno, a espera
de ser formalmente definida, tería o seu reflexo en Galicia, datado nos sedimentos mariños de mediados do século XX, coincidindo co desenvolvemento posterior á Guerra Civil española.
Varias ducias de veciños e veciñas de Redondela asitiron ao acto de inauguración da
exposición “A Criminalización do Pensamento”, no seu momento secuestrada polo goberno de Javier Bas.
Dende o Coleitivo Republicano agradeceron as diversas mostras de apoio, pero
especialmente destacaron “a valentía da organización nacionalista por accederen a
expoñer a selección de fotografías de temáticas reivindicativa e social”.
Por parte do BNG, o seu concelleiro, Xoán Carlos González salientou “como obriga
democrática que a xente puidera ver e contemplar os contidos desta exposición, que
únicamente se refiren a feitos reais e constatabeis”.
Aludíu á necesidade de “non terlle medo a defender as ideas, e expresalas por vías democráticas”. Responsabilizou ao alcalde de Redondela, Javier Bas, “por teren iniciado esta situación, inédita en Redondela, de censurar unha exposición”.
Pola súa banda o parlamentario Luís Bará, considerou que o acto en si xa representaba
unha anomalía democrática. Recordou o simbolismo que supuxo “ter rachado a fotografía
do rei, no Parlamento Galego, como mostra de que o propio Tribunal Europeo de Dereitos
Humáns, consideraba esta acción como un exercico da liberdade de expresión”.
Pola súa banda, a secretería provincial da Unión Federal da Policía criticou esta exposición, posto que consideran que fomenta o odio contra eles, e non descartan comunicalo á oficina nacional de loita contra os delitos de odio da Dirección Xeral da Policía se as pezas finais da mostra constitúen unha incitación a este.
Os comentarios dalgunhas das persoas que puideron visitar a mostra, “foi de
incredulidade, e estupor posto que consideraron maioritariamente, que as fotografías
seleccionadas cinguíanse a feitos reais”. Esta exposición manterase durante as vindeiras dúas semanas no local do Bloque Nacionalista Galego en Redondela, en horario de 19 a 21h.
A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, suspendeu o xuízo previsto para os días 15 e 16 de maio contra o funcionario do Concello de Vigo, F.J.G.O., e o xerente da empresa Imesapi, R.C.A., ao confirmarse que non poderá presentarse un dos avogados.
En concreto, este letrado ten unha citación para comparecer nun xulgado situado noutro punto da xeografía española, polo que a Audiencia Provincial acordou aprazar a vista oral e volver sinalala “seguindo a orde correspondente da axenda xudicial”.
Os dous homes son acusados pola Fiscalía polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental. Así, o Ministerio público considera que este funcionario, xefe do departamento de Participación Cidadá, “ideou un plan” para dar traballo a V.F.B., “muller moi afín a un membro do goberno local”.
Sostén, desta forma, que F.J.G.O. requiriu a Imesapi para que empregase a esta persona, a pesar de que esta empresa (concesionaria dos servizos de atención e conserjería nos centros cívicos municipais) non necesitaba máis persoal.
Para que Imesapi pagase o salario a esta persona, “ambos os acusados idearon un plan” polo que a empresa facturaba ao Concello diversas cantidades a través do “uso fraudulento” do procedemento de contratos menores, para a realización dunhas enquisas de calidade.
Segundo a Fiscalía, esas enquisas foron realizadas, aínda que non pola empresa, a pesar do cal, Imesapi elaborou as facturas de forma “mendaz” e cobrounas. Este procedemento iniciouse por mor dunha denuncia do colectivo Xuntos por Galicia.
PENAS
A acusación pública considera, por estes feitos, que F.J.G.O. incorreu nos delitos de prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil. Polo primeiro deles, pide que sexa condenado a 10 anos de inhabilitación; polo segundo, reclama unha pena de 5 anos de cárcere e 20 anos de inhabilitación absoluta; e pola falsidade documental, pide a condena de tres anos de prisión e multa de 10.800 euros.
Ademais, entende que R.C.A., é cooperador necesario nos delitos de malversación e falsidade, e pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e inhabilitación absoluta durante 20 anos polo delito de malversación; e tres anos de prisión e 10.800 euros de multa polo delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos os acusados indemnicen ao Concello en 108.147,22 euros, polo custo das enquisas facturadas.
INSTRUCIÓN E ARQUIVO
Durante a instrución desta causa, foron investigados tanto os dous acusados como a propia V.F.B.; o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez; os interventores municipais L.G.A. e J.R.G.C.; e un apoderado de Imesapi, J.A.M.B.
O xulgado decretou o arquivo desta causa, primeiro con respecto aos interventores e, posteriormente, con respecto á cuñada de Silva, ao concelleiro e ao apoderado da concesionaria.
En referencia ao edil de Participación Cidadá, a maxistrada sinalou que non resultaba acreditado que tivese coñecemento dos feitos supostamente delituosos. Do mesmo xeito, decretou o sobresemento con respecto ao apoderado de Imesapi, porque este non tiña poder de decisión sobre as contratacións de persoal na empresa.
En canto á cuñada de Carmela Silva, a titular do xulgado de instrución número 7 de Vigo decretou o arquivo da causa pola prescrición do suposto delito polo que era investigada (tráfico de influencias). No entanto, no seu auto, a xuíza indicaba que “resulta indiciariamente acreditado” que V.F.B. pediu emprego a F.J.G.O. “prevaléndose da súa relación de parentesco” coa concelleira Silva.
O Concello de Vigo elaborará un estudo para desenvolver un plan estratéxico que permita detectar situacións de vulnerabilidade en persoas maiores que residen soas na cidade e coñecer as súas necesidades. Así o avanzou este venres en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, que detallou que a xunta de goberno aprobou destinar 85.000 euros á elaboración de “un mapa da soidade” de persoas maiores na cidade.
O Concello impulsará un plan para detectar situacións de vulnerabilidade en maiores que residen sós en Vigo
Neste sentido, detallou que o Concello elaborará o Plan estratéxico de atención ás persoas maiores de Vigo, que representará o primeiro destas características a nivel autonómico. Deste xeito, analizarase a situación socioeconómica deste colectivo, ademais da súa saúde e as súas condicións de vida.
Para iso, entrevistarase a case 4.000 persoas co obxectivo de coñecer o volume das que residen soas e detectar posibles situacións de vulnerabilidade. Tamén se buscan unha detección precoz de problemas e o establecemento dunha asistencia inmediata mediante servizos e programas municipais como a teleasistencia, os coidadores de barrio e as prestacións económicas, entre outras.
O rexedor olívico indicou que a través do plan poderanse desenvolver programas de envellecemento activo que favorecerán a relación social dos maiores, así como accións de intervención temperá de servizos sociais fronte a situacións de vulnerabilidade social, económica ou de saúde.
De acordo con datos recollidos o pasado mes de agosto no padrón municipal, un total de 69.954 vigueses contan con máis de 65 anos, o que representa un 23,45% da poboación da cidade. Ademais, o 59,2% destas persoas son mulleres. Así mesmo, un total de 193 persoas residentes na cidade superan os 100 anos e 101 delas viven soas.