Inicio Blog Páxina 1748

(Vídeo) Abel Caballero: “Feijóo sempre di que non a Vigo… Estase a rir de Vigo”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “falsear” os datos de relativos ao investimento realizado por parte do Goberno galego na cidade e lamentou que “dixese que non” aos requirimentos que lle realizou a través dunha carta para restablecer o diálogo entre ambas as administracións tras ser reelixido como rexedor olívico. “Sempre di non a Vigo”, asegurou.

Así se pronunciou, a preguntas dos xornalistas, en relación á resposta de Feijóo á súa carta, feita pública esta semana, e na que este cifraba o investimento do Executivo galego en Vigo en máis de mil millóns de euros durante a última década. O presidente da Xunta, ademais, criticou a “permanente confrontación” levada a cabo polo goberno local olívico.

A este respecto, Abel Caballero reprobou que Feijóo asegurase que “xa investiu máis do que debería” en Vigo tras “dicir que non destinará fondos” a ningunha das actuacións nas que o rexedor puxo o foco na carta remitida. Así, acusou ao presidente autonómico de “rirse” da cidade na súa resposta e reprobou a súa “desvergoña política”.

Ante esta situación, advertiu de que o tratamento da Administración autonómica á maior galega é “peor” que antes das últimas eleccións municipais, cuxo resultado –o PSOE obtivo 20 dos 27 concelleiros e o PP pasou de sete a catro–asegurou que supuxo unha resposta da cidadanía á Xunta.

Deste xeito, volveu a criticar que o Goberno galego non retirase a candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao recoñecemento de Patrimonio da Humanidade da Unesco –o Concello olívico avoga pola presentación en solitario das Illas Cíes–.

Tamén reprobou de novo que a Xunta “promova” o tráfico aéreo no aeroporto de Lavacolla e non no de Peinador –afirmación que o Executivo autonómico desmentiu en varias ocasións– e que solicitase a suspensión da área metropolitana de Vigo.

Nesta liña, acusou tamén á Administración autonómica de “non crear chan industrial” na urbe, ademais de “non apoiar” economicamente a celebración de concertos na mesma. Tamén reclamou a Feijóo que a Xunta destine fondos ao estadio de fútbol de Balaídos e as pistas de atletismo, así como aos centros de día e de atención a drogodependentes da cidade olívica, entre outras actuacións.

HUMANIZACIÓN DA AVENIDA DE MADRID

Por outra banda, o alcalde de Vigo avanzou que a firma do convenio que permitirá iniciar os trámites para acometer a humanización da avenida de Madrid será inminente e lembrou que se atrasou debido a que solicitou un incremento da contía destinada a este fin.

Así, puxo en valor que o Goberno central investirá 3,5 millóns de euros máis dos previstos nesta actuación, o que suporá un montante final “superior aos 8,5 millóns de euros”.

Recuperando a poboación de salmóns no río Deva

A Consellería de Medio Ambiente procedeu a soltar 6.000 exemplares de cría de salmón no río Deva, un antigo coto desta especie, para favorecer a repoboación deste animal acuático na área do Baixo Miño.

En concreto, o departamento autonómico explicou nun comunicado que os salmóns se soltaron na parte “internacional” desa bacía, que se comprende na fronteira entre España e Portugal.

Lembran que este programa de reprodución artificial permitiu soltar máis de 90.000 crías de salmón na área do Baixo Miño desde 2017, aínda que o Goberno autonómico indicou que se trata da “primeira vez” que se realiza este tipo de repoboación na parte portuguesa de bacía do Miño.

O proceso desta actuación consiste en que os exemplares son criados nunha piscifactoría a través dun proceso de reprodución artificial. Por iso, o lote de salmóns estaba formado por exemplares capturados no momento no que volvían ao río para reproducirse despois de regresar de augas do Mar do Norte e de Groenlandia.

O BNG de Vigo propón a creación dunha nova regulación de participación cidadá

O candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, propuxo a creación dunha nova regulación de participación cidadá para que “non sexa unha opción” non atender as demandas de veciños e colectivos sociais.

O cabeza de lista nacionalista detallou que promoverá a creación de consellos veciñais e indicou que mellorará o funcionamento dos consellos sectoriais co obxectivo de que, a través deles, a cidadanía participe no deseño das políticas”, así como na súa avaliación e execución.

Ademais, pediu o voto para un proxecto que presenta “en positivo” para a urbe, así como co obxectivo de evitar que unha nova maioría absoluta do PSOE permita a esta formación gobernala “de costas á cidadanía” dun modo “autoritario”.

Así, asegurou que o BNG é a única formación que representa unha “alternativa real e centrada nos veciños” de Vigo.

Xabier P. Igrexas volveu insistir na necesidade de converter a Vigo nunha “cidade de iguais” destinada ao pobo e no “motor” de Galicia.

Os empregados de Vulcano aceptan cobrar agora dúas das pagas debidas e as outras tres ao rematar o barco

0

Os traballadores do estaleiro vigués Vulcano decidiron aceptar a proposta da empresa en virtude da cal lles abonaría dúas do cinco nóminas que lles deben e regularizaría o pago desde febreiro. Mentres, o tres pagos restantes efectuaríanse unha vez que se terminase o buque.

Segundo detallou Comisións Obreiras (CC.OO.) nun comunicado, o comité de empresa, composto por representantes deste sindicato, Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Confederación Intersindical Galega (CIG), trasladou a proposta aos traballadores do estaleiro, que o aceptaron por 47 votos a favor, fronte a 12 en contra, 11 abstencións e un voto nulo.

Ante esta situación, CC.OO. reclamou a Vulcano o pago das dúas nóminas comprometidas aos empregados “canto antes” co obxectivo de “empezar xa a traballar” no ferri, propiedade do Banco Santander, para poder entregalo á naviera Armas.

Neste sentido, destacou que, “a pesar da situación límite” na que se atopan, os empregados do estaleiro demostraron a súa “implicación” no proxecto, así como a súa “vontade” de finalizar a construción do ferri ‘Vila de Teror’.

O persoal de Vulcano manifestouse a semana pasada en Vigo para pór de relevo a situación na que se atopa. Ademais, buscábase instar á empresa a chegar a un acordo cos seus provedores da industria auxiliar para que Santander e a naviera permitisen que se executase a finalización do barco e se puidera acceder ao financiamento necesario para iso.

Feijóo e Casado viaxan a Vigo para falar da “unidade de España”, un tema que “preocupa” aos veciños

0

Os líderes nacional e galego do PP, Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, serán os protagonistas da próxima cita de #forosvigo, que organiza o partido na cidade olívica. Alí falarán sobre unha cuestión “que preocupa aos vigueses e aos españois”, como é “a unidade de España”.

Así o confirmou este martes a presidenta local do PP, Elena Muñoz, quen lembrou que este é o segundo encontro desa iniciativa impulsada polos ‘populares’ vigueses, un proxecto inaugurado o pasado 30 de xaneiro coa charla ofrecida por Adolfo Suárez Illana sobre os 40 anos da Constitución.

Segundo sinalou Muñoz, este encontro (que terá lugar o xoves ás 18.45 horas na sede do Real Club Celta en Príncipe) versará sobre unha cuestión que “preocupa” aos españois, “como se viu na manifestación do domingo en Madrid”.

Marea de Vigo defende que o suposto desbloqueo das obras do AVE a Madrid é “unha farsa” do PSOE

O grupo municipal Marea de Vigo denunciou este xoves que é “rotundamente falso” que o Goberno contemple nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) os compromisos adquiridos coa cidade, dos que presumiu o alcalde, Abel Caballero, que anunciou o “desbloqueo” de proxectos como a AVE directo a Madrid, a Biblioteca do Estado ou a rexeneración de Samil.

Así o trasladou en rolda de prensa o concelleiro Xosé Lois Jácome, quen recordou a “axenda apretadísima” do rexedor chea de reunións con ministros e ministras, que incluso se diría que preside el o Consello de Ministros”.

O edil de Marea tamén se referiu ás manifestacións do alcalde proclamando que se acabou o abandono” e o “bloqueo” de proxectos para Vigo. “é rotundamente falso, practicamente nin un só dos anuncios feitos polo alcalde está nos PGE”, puntualizou.

Entre os exemplos que puxo, está a rexeneración da praia de Samil, a Biblioteca do Estado, ou a conversión en vía urbana do tramo de AP-9 entre Teis e o centro da cidade, proxectos para os que o Goberno reserva nos PGE “cero euros”.

Por outra banda, tamén criticou as partidas consignadas para actuacións como a recuperación da muralla do Castro (100.000 euros dun total de 830.000 previstos para este proxecto) ou para “o terceiro estudo ambiental” da AVE directo a Madrid.

“Menos titulares e máis feitos, a realidade plasmada nos Orzamentos Xerais do Estado é que ningún compromiso se vai a cumprir proximamente”, sentenciou Jácome.

Concentración do sector do conxelado no Ifevi: “Hai máis ETTs que contratos directos”

Non remata Conxemar 2018, Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados celebrada en Vigo, sen polémica e reivindicacións. Así, ás 10 da mañá deste xoves 4 de outubro concentrárose nas portas do Ifevi traballadores do sector do conxelado convocados pola CIG.

 

O motivo da mobilización: “Como se está levando a negociación do convenio colectivo, un convenio terrible, nefasto, que nos últimos anos só tivo dúas subas do 0,3%. A patronal acostumouse á man de obra barata”.

Un sector moi feminizado, cun 80% de mulleres segundo o comité, e moi potente a nivel empresarial, “pero hai tanta ETT ou máis que traballadores contratados no cadro de persoal da propia empresa”.

Protesta en Conxemar/ CIG

Sindicatos e traballadores esixen melloras tanxibles nos salarios e nas condicións de traballo, en caso contrario, aseguran que irán á folga.

Inauguradas as novas instalacións da escola de deseño Aula D

Cunha traxectoria de máis de 30 anos impartindo clases de deseño, a escola Aula D comeza unha nova etapa co traslado das súas instalacións ó emblemático edificio Asefal, na rúa Elduayen.

Dende os seus inicios no estudo do deseñador Pedro Román e a directora de arte Marta Villar, e coa incorporación posterior do tamén deseñador Manuel Barreiro Chao, a escola foi sufrindo diferentes transformacións para dar cabida ó alumnado que nestes anos pasou polas súas aulas –máis de 1.000 alumnos– para formarse como profesionais nos ciclos formativos de grao superior de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores.

Segundo o seu director, Xerardo Pérez Medrano, “con este traslado a escola continúa a súa labor formativa, aportando ademáis un novo espazo aberto que contribúa a dinamizar á actividade cultural que se desenvolve no Casco Vello”.

Este venres tivo lugar o acto de inauguración das novas instalacións, contando coa presenza do alcalde, Abel Caballero, así como de diferentes representantes doutras institucións, empresas e persoeiros da cidade.

Os axentes ambientais e forestais de Galicia, en folga indefinida, manifestaranse en Vigo o día 22

O comité de Folga (CIG e UGT) dos Axentes Ambientais e Forestais de Galicia, en paro indefinido dende o pasado 1 de agosto para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo, convocou unha manifestación na defensa do patrimonio natural galego este mércores 22 desde a Praza dos Cabalos de Vigo, ás 19:00 horas.

Con esta marcha, que rematará a carón da estatua de Xulio Verne, na rúa As Avenidas, os traballadores públicos queren reivindicar tamén a labor de defensa e custodia dos nosos valores naturais que desenvolven no seu día a día, e reclamar uns servizos públicos de calidade, así como a dignificación e profesionalización dos axentes medioambientais e dos traballadores forestais.

Dende o colectivo de axentes ambientais e forestais fixeron un chamamento a organizacións ecoloxistas, comunidades de montes, entidades na defensa do medio natural e ao conxunto da cidadanía a participar na mobilización para reivindicar “un rural e un monte vivos, porque o noso medio ambiente pide axuda”.

No seu manifesto, denuncian que “a Xunta de Galicia, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao patrimonio natural deste País. Os distintos gobernos do PP na Xunta de Galicia nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso político alá polo ano 1992, nin está sendo quen agora de revisar, aprobar e por en práctica un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galicia”.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez.

“Asemade, o acontecido o pasado 15 de outubro, como consecuencia dos aterradores lumes que asolaron parte do País, ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar ó goberno da Xunta de Galicia. A combinación dun alarmante abandono do rural, escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario onde xa non soamente son os bens de carácter forestal / ambiental os que corren perigo, é a mesma cidadanía deste País a que de facto corre perigo”, subliñan.

A súa denuncia defende que “o actual goberno da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais, despreza aos empregados públicos deste sector, negándolle sistemáticamente unha adecuada formación, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer, dun xeito adecuado, un servizo público de calidade
á cidadanía deste país”.

Os Axentes Forestais, funcionarios públicos da Xunta de Galicia, teñen asiganadas por diversas lexislacións de carácter autonómico e estatal as funcións de policía e custodia do medio natural, o control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas de carácter continental, a xestión e ordenación dos recursos forestais e a concienciación en materia ambiental e da prevención e loita contra os incendios forestais.

Nesta última faceta, unha das súas funcións é a de exercer a función de Director Técnico da Extinción dos  incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo toda a amalgama de medios das diferentes Administracións, entidades públicas e privadas que participan nas labores de extinción dun incendio forestal en Galicia.

fume lume incendios
Un paisano camiña cara o incendio do monte rodeado por un fume denso/ Miguel Nuñez

“Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que conleva un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel
europeo”, subliñan os axentes forestais.

En folga indefinida dende o día 1 de agosto, están a exercela cuns servizos “mínimos abusivos e denunciados perante a Administración de Xustiza polas organizacións sindicais convocantes, xa que para o departamento de Medio Rural están tódolos integrantes do colectivo designados para cumprir servizos mínimos, sendo así conculcado o exercicio dun dereito fundamental”.

A orixe do problema, engaden, é que “os Axentes Forestais son “os do monte” e para o actual goberno o monte nunca foi unha prioridade. O actual goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía.

LISTA DE ACUSACIÓNS DOS AXENTES FORESTAIS Á XUNTA

• Nunca puxo en marcha o plan forestal nin nunca apuntou e apostou por unha política forestal clara e decidida de valorización do monte, do medio rural e do medio natural no seu conxunto.

• Non é un bo exemplo de xestión dos montes públicos e dos conveniados con Comunidades de Montes.

• Non axuda á dinamización das Comunidades de Montes menos desenvolvidas.

• Non promove a concentración e a xestión conxunta dos minifundios da propiedade privada forestal.

Unha rapaza mira como avanza o lume durante a noite/ Miguel Núñez

• Non actúa de oficio no establecemento de medidas de prevención contra os incendios forestais para a protección dos núcleos de poboación.

• Fomenta a economía do lume mantendo no dispositivo de extinción unha amalgama de medios pertencentes a diferentes entidades públicas e privadas en vez de dependencia única do Sevizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.

• Enrócase en non asumir a necesidade imperiosa de establecer novas estratexias, así como a preparación e interactuación, de todos os operativos de emerxencias nos grandes e altamente perigosos incendios forestais.

• Perda absoluta de rumbo naquelas políticas de conservación e custodia dos recursos naturais así como da biodiversidade dos nosos ecosistemas máis senlleiros.

 

Denuncian a talla de árbores na zona verde do Rego Fondón en Redondela

A asociación ecoloxista Arco Iris denunciou unha talla de árbores, que está “expresamente prohibida”, na zona verde do Rego Fondón, na parroquia de Chapela do municipio de Redondela.

Así o explicaron os ecoloxistas nun comunicado no que aseguran que esta acción, comezada a primeiros de xuño e finalizada hai pouco, “está a afectar a especies autóctonas” e arrasou unha superficie aproximada de 4.000 metros cadrados.

Deste xeito, o colectivo informa que presentou unha denuncia ante as “autoridades pertinentes” que, con todo, insisten en que o propietario da parcela afectada dispón de todos os permisos legais, unha versión da que difiren desde Arco Iris.

OUTRA TALLA

Ademais, avisou que “nos próximos días” se prevé outra talla nunha parcela de 5.000 metros e que provocará un “estropicio” que “aínda se está a tempo de evitar”.

Nesta liña, os ecoloxistas esixiron ao Concello de Redondela e á Consellería de Medio Rural que paralicen a actuación, xa que só “responde a intereses especulativos” e “trocearía” unha masa de monte de “gran interese botánico e faunístico” con risco de que se produza “unha lenta e progresiva desaparición”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed