Inicio Blog Páxina 1708

Detido o traballador dunha empresa de Mos por subtraer 10 computadores e un televisor

0

A Garda Civil detivo a un traballador dunha empresa de loxística e transporte, situada no municipio de Mos acusado de subtraer “unha importante cantidade de computadores portátiles e un televisor de plasma”, que estaban pendentes de distribución e repartición.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto de Mos iniciáronse cando o xerente desta empresa situada no mesmo municipio denunciou ante a Garda Civil que durante os dous últimos meses notaba a falta de mercadoría, na súa maioría ordenadores e material audiovisual, que tiña almacenada no interior da nave pendente de repartición aos seus destinatarios.

As investigacións realizadas coa colaboración da administración da empresa levaron a comprobar que o ‘modus operandi’ pasaba por non rexistrar a entrada da mercadoría nas furgonetas de repartición antes da súa distribución, indicaron as mesmas fontes.

Desta forma, o distribuidor quedaba supostamente coa mercadoría, “coa coartada de que os paquetes subtraídos aínda figuraban depositados nas dependencias do almacén”, destacou a Benemérita.

As pescudas realizadas levaron á identificación e localización deste traballador da empresa, un veciño de Vigo de 44 anos, con antecedentes policiais, de baixa médica ao ter coñecemento da denuncia que presentara o xerente da empresa.

No momento do arresto, o detido fixo entrega voluntaria dun televisor e 10 computadores portátiles que tiña almacenados no seu domicilio.

As dilixencias instruídas foron remitidas ao xulgado de Instrución de garda do Porriño, onde deberá comparecer esta persoa cando sexa citada.

En risco a vida dunha das usuarias da residencia DomusVi Barreiro de Vigo ingresada no Cunqueiro

A situación comeza a complicarse nas residencias de anciáns. Tras os dous casos detectados na residencia DomusVI Barreiro, en Vigo, hai posibilidades de haxa novos casos no futuro. Dos casos confirmados, segundo familiares consultados, unha delas “foi xa desahuciada polos médicos do Álvaro Cunqueiro”.

Con todo, hai unha boa nova, xa que o médico do centro, que permanecía illado por temor a ser contaxiado, deu negativo nas probas e se reincorporará o traballo o luns. Varios dos residentes están illados nos cuartos individuais da primeira planta, segundo os familiares, “con síntomas preocupantes”.

Nas últimas horas realizáronse 38 test a 20 traballadores e 18 residentes que estiveron en contacto cos contaxiados, pero aínda non se saben os resultados. Toda a información no Galicia Confidencial.

Salceda contará con fibra óptica no 85% do concello

Electra Alto Miño, principal empresa comercializadora de electricidade no concello de Salceda de Caselas leva dede 2017 acometendo un importante proxecto de instalación de fibra óptica cun investimento que dende o 2017 achégase xa aos 2 millóns de euros, e que permitirá levar este servizo no mes de xuño ao 85% do territorio do municipio.

Fontes municipais sinalan que o investimento por parte desta empresa lévase a cabo integramente a cargo da comercializadora, sen contar con subvencións de administracións públicas.

O servizo actual ofrece unha velocidade estándar de 100 MB simétricos, aínda que a empresa está a ofertar tamén outras condicións adaptándose ás necesidades das persoas e entidades usuarias.

Dende o concello sinalan que o proxecto de despliegue de fibra é unha moi boa nova para Salceda, sobre todo para que as zonas rurais do concello poidan ir beneficiándose da fibra, ropendo esa brecha dixital de acceso á información.

Para a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, o despliegue da fibra óptica é unha aposta clara polo rural e un aliciente para que xente opte por vivir no concello.

O alcalde asegura que a UE avala o túnel de Porta do Sol de Vigo e cre que o BNG fixo “o ridículo” en Bruxelas

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que a UE “di que está todo en regra” para que a obra do túnel de Porta do Sol obteña financiamento europeo, mentres que o BNG, que dirixiu unha pregunta á Comisión acerca desa actuación, advertiu de que este órgano “non coñece o proxecto” e só admite que o Concello “probablemente presentará” solicitude de cofinanciamento con fondos europeos.

O BNG dirixiu unha pregunta por escrito á Comisión para trasladar a “preocupación” dos veciños acerca desa obra, que prevé un investimento de máis de 15 millóns de euros, para peonalizar Porta do Sol e desviar o tráfico por un túnel subterráneo.

Na resposta á formación nacionalista, a comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, detalla que, segundo a información facilitada pola autoridade de xestión dos fondos FEDER (o Ministerio de Facenda), o Concello de Vigo “presentará probablemente unha solicitude de cofinanciamento” para parte da obra de Porta do Sol, aínda que “a día de hoxe, non se certificou gasto algún para este proxecto”.

Así mesmo, a comisaria ratifica que as estratexias EDUSI son seleccionadas pola autoridade de xestión e que as operacións no marco desas estratexias son elixidas e seguidas polas cidades. Deste xeito, no caso de Vigo, sería o Ministerio de Facenda o encargado de verificar que o proxecto, que aspira a fondos europeos, se leva a cabo respectando os criterios da normativa do FEDER.

Por outra banda, tamén constata que dita actuación foi autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e que, en canto á normativa de calidade do aire, segundo os datos trasladados polo Goberno de España, Vigo non supera os valores límite de dióxido de nitróxeno ou de partículas nocivas.

“RIDÍCULO” DO BNG

Con esta resposta na man, o rexedor asegurou que a UE “di que todo está en regra para que lle dean o financiamento” ao proxecto, e criticou o “ridículo” que, na súa opinión, fixo o BNG ao presentar “unha queixa” ante a UE polo túnel de Porta do Sol.

“Onde imos con xente así? Non entenden nada, sempre están en contra de Vigo. Desculparase o BNG por este ridículo e esta metedura de pata?”, preguntou Abel Caballero.

“CONTRADICIÓN”

Pola súa banda, o BNG alertou sobre a “contradición” entre o que di na súa resposta a comisaria europea e o que sostén o alcalde de Vigo. “É rotundamente falso que a Comisión Europea expresase o seu acordo co proxecto do túnel”, apuntou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas.

Segundo precisou o edil, o que di a Comisión é que “non lle consta que o túnel se vaia financiar con fondos FEDER”, senón que “probablemente se presentará” o proxecto e que, de feito, a día de hoxe non se certificou gasto algún respecto diso.

A ese respecto, a eurodeputada Ana Miranda sinalou que, “tal e como se desprende da resposta”, a obra do túnel de Porta do Sol “non conta con ningunha valoración, nin positiva nin negativa, posto que a Comisión non ten coñecemento do proxecto”.

A universidades de Vigo e a empresa Aldaba crean a cátedra Women, ICT & Business

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, subscribiron, xunto ao director da empresa Aldaba Servizos Profesionais, Enrique Fernández, o convenio polo que se crea a cátedra interuniversitaria Aldaba WIB: Women, ICT & Business.

A cátedra, segundo informa o reitorado coruñés, ten como finalidade facilitar a incorporación ao mundo laboral dos estudantes da Facultade de Informática da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Vigo.

Tamén busca visibilizar a participación das mulleres no mundo do TIC para agudizar o interese dos mozos polas carreiras deste tipo.

Multitude de actividades reivindicativas, folga e unha recollida de lixo no Lagares na semana mundial polo clima

A cidade olívica súmase ás máis de 2.000 convocatorias de 155 países que celebran a semana mundial polo clima a partir deste luns e que inclúe a folga internacional polo clima o 27 de setembro.

Desde este luns Vigo organiza unha serie de actividades reivindicativas que culminarán con “unha das maiores mobilizacións a favor do clima a nivel mundial” o 27 de setembro. O obxectivo desta convocatoria é “esixir a declaración, por parte das diferentes institucións, do estado de emerxencia climática e a adopción urxente de diferentes medidas para combater e contrarrestar os efectos do cambio climático”.

Así o manifestaron varias organizacións, entre as que destacan ‘Fridays for Future’ de Vigo e o Movemento Galego polo Clima, que conta co apoio de máis de 60 asociacións galegas que secundarán a iniciativa “axuntando as súas forzas”.

Desta maneira, a partir do luns haberá actividades de visibilización do problema climático, presentación de alternativas ao sistema de produción actual, actos pola soberanía alimentaria, concentración durante a mañá do 27S e a manifestación polo clima o mesmo día ás 20,00 horas desde Vía Norte.

Para finalizar, o domingo as entidades prevén realizar unha recollida de lixo no río Lagares ás 11,00 horas como broche da semana mundial polo clima.

Detido un condutor en Marín por circular nun coche roubado e sen carné

0

Axentes da Garda Civil detiveron en Marín (Pontevedra) a un veciño de Cangas, ao que sorprenderon circulando nun coche roubado e sen carné de conducir. Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a detención produciuse despois de que unha dotación da Garda Civil se decatase da presenza deste coche nas inmediacións do poboado chabolista de O Vao.

Inicialmente, non había especiais sospeitas sobre o vehículo, porque non figuraba como roubado e o seu propietario non ten antecedentes. No entanto, media hora despois formulouse denuncia pola subtracción do vehículo en Moaña. Tras recibir a alerta por ese roubo e horas despois de ver o coche preto de O Vao, unha dotación da Garda Civil volveuno a localizar circulando por Marín.

Tras interceptar o coche, os axentes detiveron ao condutor, un veciño de Cangas de 45 anos de idade, cun amplo historial delituoso. A Benemérita impútalle dous supostos delitos: a subtracción do coche, e un delito contra a seguridade viaria por circular sen carné (nunca llo sacou). O home detido quedou en liberdade tras a instrución de dilixencias, á espera de que sexa reclamado polo xulgado de Marín.

O PSOE denuncia “venda de favores” entre o PP e a presidenta da Federación Veciñal de Vigo ‘Eduardo Chao’

O secretario xeral da agrupación do PSdeG-PSOE de Vigo e deputado autonómico, Abel Losada, denunciou este luns a “venda de favores políticos” entre a presidenta da Federación Veciñal da cidade (Favec), María Pérez, e o PP.

Losada referiuse a un encontro entre representantes veciñais de Vigo e do sur da provincia e a candidata do PP ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, e que se celebra este luns na sede da Favec.

O socialista pediu aos representantes do Partido Popular que dean “unha explicación convincente” á adxudicación, por parte do Concello de Arbo (gobernado por un alcalde popular), do servizo da Casa do Maior a unha cooperativa que dirixe a presidenta da Federación Veciñal, María Pérez.

“Pedimos información no Parlamento, pero a que se nos deu foi escasa e non aclara o proceso de selección por mérito e capacidade”, sinalou Losada, quen engadiu que “ten todo o aspecto de ser un caso de corrupción“.

Segundo indicou, o PSOE constatou “a existencia de información privilexiada”, intercambiada entre o Concello de Arbo e esta cooperativa, e denunciou que se dá unha imaxe de “venda clara de favores políticos” por parte desta sociedade presidida por María Pérez, que correspondería ao PP cos seus “ataques ao Concello” olívico.

INVITACIÓN A DENUNCIAR NO XULGADO

Pola súa banda, a presidenta da Federación Veciñal negou as acusacións, e convidou a Losada a “acudir ao xulgado se considera que é un caso de corrupción”. Así mesmo, defendeu que participa en varios colectivos e plataformas “sen cobrar, non como no seu partido que, segundo dixo unha sentenza xudicial, ‘enchufan’ os seus familiares, e cobran sen ir traballar”.

Finalmente, María Pérez aclarou que o encontro deste luns con representantes veciñais foi solicitado polo PP “para escoitar as demandas do movemento veciñal de toda a área metropolitana” e recalcou que as portas da Favec están “abertas” a todos os partidos que queiran escoitar e expor as súas propostas.

Ferida unha persoa nun accidente de moto na AP-9 en Vigo

Unha persoa resultou ferida nun accidente de tráfico debido a unha caída de moto rexistrada na mañá deste xoves na AP-9 en Vigo.

Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia a Europa Press, este sinistro tivo lugar sobre as 7,50 horas no remal da AP-9 que vai á rúa Sanjurjo Badía en Vigo.

Foron mobilizados polo 112 a Policía Local, o 061, os Bombeiros de Vigo, a Garda Civil de Tráfico, e persoal de mantemento da estrada.

Continúa a parálise en Vulcano mentres a Xunta insta ao estaleiro a “demostrar a súa capacidade”

0

A Xunta de Galicia instou ao estaleiro vigués Vulcano a “demostrar a súa capacidade” para terminar o ferri que ten nas súas bancadas, despois de chegar a unha delicada situación debido ao “incumprimento dos prazos” de entrega do buque á naviera Armas.

Así o manifestou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, en declaracións aos medios durante un acto en Vigo. Segundo lembrou, “a realidade é que Vulcano non foi capaz de acabar o buque en prazo”, e agora o estaleiro ten que “constatar” cales son as súas necesidades financeiras e técnicas, e “comprometerse” a terminar o traballo.

A partir de aí, empresa e armadora deben poñerse de acordo para pactar novas condicións de entrega e, nunha reunión que se celebrará este xoves en Madrid, con presenza da dirección do estaleiro, da Xunta (a través do Igape), da naviera, do Banco Santander (propietario do ferri) e de Pymar, deberán porse sobre a mesa “as garantías técnicas e financeiras para atender ás necesidades dos traballadores de Vulcano e os da industria auxiliar” .

Os traballadores de Vulcano esixen unha solución/ Miguel Núñez

Francisco Conde asegurou que a Xunta está en “permanente” contacto cos traballadores do estaleiro e tamén pendente dos persoais das empresas provedoras de Vulcano. No entanto, aclarou, antes de anunciar nada aos empregados, “debe haber certezas” para “poder identificar as vías de solución” para un estaleiro que, se non consegue acabar este barco, estaría abocado á liquidación.

Por outra banda, os sindicatos CC.OO., UXT e CIG anunciaron a convocatoria dunha manifestación para o próximo 6 de febreiro, que sairá as 10:00 horas do estaleiro, no barrio de Teis, e percorrerá Guixar, García Barbón e Colón, para acabar na delegación territorial da Xunta de Galicia.

Os traballadores de Vulcano esixen unha solución/ Miguel Núñez

O motivo da marcha é denunciar a “situación de parálise” na execución do proxecto actual e “falta de expectativa de futuro” no estaleiro vigués, a cuxos traballadores se lles deben 5 pagas (ademais das débedas cos provedores e industria auxiliar).

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed