Inicio Blog Páxina 1707

A UVigo ofrece 20.000 euros en axudas para actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero

0

A Unidade de Igualdade vén de convocar as axudas de financiamento para a organización de actividades docentes que, por unha banda, promovan a perspectiva de xénero e que, por outra, estean enfocadas ao alumnado de calquera rama de coñecemento.

Esta iniciativa, que ten unha partida orzamentaria de 20.000 euros, xorde ao abeiro do II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo do ano 2016 e ofrece un financiamento de ata 3000 euros para os gastos derivados da organización de eventos como conferencias, xornadas, obradoiros, seminarios, ligas de debate, exposicións ou representacións teatrais, que se realicen antes do 15 de novembro.

O profesorado interesado en impulsar os valores igualitarios na aula ten ata o 12 de febreiro para presentar a solicitude xunto coa memoria do programa. Calquera persoa docente ou investigadora poderá presentarse á convocatoria, sempre e cando a idea proposta estea ligada á súa práctica na aula e contemple contidos que axuden a incorporar a transversalidade de xénero na formación do alumnado. Ao mesmo tempo, as actividades deberán mellorar as competencias profesionais e persoais do estudantado coa transmisión dos valores igualitarios.

Os gastos subvencionables serán os correspondentes á posta en marcha e desenvolvemento dos programas obxecto da convocatoria, tales como desprazamentos, conferencias e traslado de obras artísticas, entre outros. No caso de conferencias, o importe máximo que se poderá aboar será de 250 euros por relatorio individual ou mesa redonda.

As axudas á realización de iniciativas educativas que promovan a igualdade, creadas no 2016, consolídanse ano a ano grazas á implicación do profesorado. Na convocatoria do 2018, a Unidade de Igualdade concedeu 17 axudas.

As propostas desenvolvéronse ao longo de todo o ano nas diferentes escolas e facultades dos tres campus e versaron sobre temas relacionados coas diferentes ramas do coñecemento. Exemplo disto son actividades como ‘Xénero, feminismo e creación visual’, unha xornada na que se abordou a produción de ideas cunha ollada transversal e multidisciplinar para amosar as problemáticas que afronta o feminismo no eido da creación visual.

Outro exemplo foi o evento que acolleu a Facultade de Dereito de Ourense sobre o acceso da muller ás novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital e o emprendemento feminino. Por outra banda, tamén se realizaron diferentes mesas redondas nos tres campus, unha delas versou sobre a mercantilización neoliberal do corpo das mulleres ao ser usadas como ventres de alugueiro.

Os Ninguéns, contra a pobreza: “É unha vergoña que en Vigo teñamos menos de 20 traballadores sociais”

“A pobreza hai que combatela todos os días. Con todo, é importante que os días sinalados tentemos facer fincapé. Por iso este 17 de outubro reflexionamos sobre o devastador papel da pobreza na nosa cidade, pero tamén no país e no mundo, concretamente nos países en vías de desenvolvemento”, así comeza o manifesto que elaborou o colectivo Os Ninguéns co gallo do Día Internacional pola Erradicación da Pobreza.

Non esqueceron tampouco “os dramáticos conflitos bélicos que provocaron que tantas persoas sen saída tiveran que deixar atrás a súa vida enteira e os seus fogares, para buscar un refuxio que nunca chegou; non esquecemos a crueldade dos CÍES, centros de internamento de estranxeiros, que engaiolan compañeiros que só tentan lograr a súa supervivencia, aos que se lles negan os dereitos máis básicos”.

“Igualmente na nosa terra, Galicia, a pesar dos recursos institucionais, non escapamos das garras da pobreza. O certo é que si nos metemos en datos xa hai estudos e un claro consenso de mínimos, expresado na Carta Social Europea e a Rede Galega e Europea contra a Pobreza, que se basa no índice AROPE”, recordan.

Este indicador establece un mínimo de 684 euros mensuais por persoa, e 1.680 euros ao mes por fogar formado por dous adultos e dous menores: por debaixo desta cifra estarían no umbral da pobreza.

Colectivo Os Ninguéns/ Os Ninguéns

“Recordemos que unha RISGA (Renta de Integración social Galega) individual son apenas 400 euros mensuais. En Galiza, segundo os datos oficiais recollidos pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza, o Instituto Nacional de Estadística e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a finais de 2016 había 690.505 persoas en risco de pobreza, o que representa un 25,5% da poboación total da comunidade autónoma”, lamentan.

“En Vigo, según estas mesmas fontes había 61.400 persoas nesa situación, o que representa o 21% da poboación”. E pregúntanse, “A qué están esperando, as institucións que teñen competencias compartidas en política social para axendar de maneira urxente un plan para poñer solución a esta situación insoportable? ¿Por qué as empobrecidas deben deambular dunha ventá á outra nun laberinto burocrático que non cubre as súas necesidades básicas? ¿Qué se podería mellorar?”.

Propoñen que se aumenten os orzamentos e o número de profesionais multidisciplinares para baixar os actuais índices de espera e demora, posto que “é unha vergoña que en Vigo teñamos menos de 20 traballadoras sociais para unha cidade de tanta poboación, estánse a incumplir os ratios de atención dunha maneira flagrante”.

Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez

Urxen ademais a que a Renda de Integración social (RISGA) se aproxime pouco a pouco ao Salario Mínimo Interprofesional, ou polo menos se asimile ao índice AROPE antes mencionado.

“E, tendo en conta a carestía da vida e a imposibilidade de acceder a vivendas por parte de certos colectivos sensibles, é urxente a creación dun parque público de vivenda en aluguer social para toda a xente a que o precise en Vigo”, subliñan.

Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez

“Sabemos que os números son dramáticos neste senso, denunciámolo constantemente ¡e continuamos sen solucións. O albergue municipal ten prazas insuficientes e a estancia de dez días cronifica as situacións de desamparo. É urxente aumentar as camas e os prazos de pernocta para que ninguén na cidade durma na rúa contra a súa vontade”, apuntan.

Polo tanto, e en resumo, “é prioritario que as administracións se senten a traballar de maneira conxunta para elaborar un plan de emerxencia social que recolla todas estas reivindicacións e poñan fin á situación de sufrimiento de tantas veciñas da cidade”.

O Concello acusa a Asociación Veciñal de Teis de mentir en defensa da Xunta e a “antiga Zona Franca”

A Asociación Veciñal de Teis, nas últimas horas, vén de culpar tanto á Xunta de Galicia como ao Concello de Vigo do mal estado dos espazos da ETEA, pedindo unha maior cooperación entre ambas administracións.

Pola súa banda, o goberno xa respostou a estas declaracións, aclarando que “todos os espazos da ETEA competencia do Concello están atendidos e coidados. O pavillón deportivo e o campo de fútbol están arranxados e en estado óptimo; e os grandes viais e o paseo, en bo estado”.

Pola contra, “o parque infantil e os espazos interiores, competencia da Xunta de Galicia, están desatendidos”, segundo o Concello de Vigo. Polo tanto, acusan á Asociación de Veciños de mentir: “Sábeno e minten, como sempre fixeron”.

“A praia da Punta non ten area porque Costas non autorizou ao Concello a construír o espigón. A Asociación de Veciños segue mentindo, non está no barrio, está na política e intenta desculpar á Xunta de Galicia e á antiga Zona Franca”, selaron.

O servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Vigo anuncia unha folga indefinida

O Comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, convocou este martes unha rolda de prensa nas instalacións da empresa para informar sobre a falta de acordo nas negociacións do convenio colectivo, e da convocatoria dunha folga indefinida desde o 13 de xullo.

“Non estamos dispostos a perder dereitos, xa non só económicos, senón tamén sociais, que logo costa moitísimo recuperar”, subliñaron na xuntanza desta mañá, na que recoñeceron que para eles é “moi triste” ter que chegar á situación de folga “para poder acadar melloras”.

De tal xeito, pediron desculpas polas molestias que a súa loita poida causar: “É moi triste e pedimos de antemán perdón a tódolos cidadáns. Abócannos a ter que facer sempre estas medidas de presión”.

“Hai compañeiros nosos que traballan só dous días e xente que só un, levan moitos anos así e temos que mirar por esa xente, que teñen familias detrás, e ante iso non nos podemos plantar, e se temos que montar unha folga a montamos”, selaron.

Anuncio da folga/ Miguel Núñez

Acusan desde o comité de querer recortarlles máis dereitos que os perdidos durante a crise: “Non se entende como esta empresa, que acaba de recibir a concesión, intente recortar os dereitos aínda máis e provocar un retroceso económico para todo o colectivo”.

Criticaron tamén duramente a “hipocrisía” municipal: “Estes días gastouse bastantes cartos nos medios de comunicación para facer publicidade diso da vasoira de platino, que todo o mundo presume, e o primeiro en presumir é o alcalde desta cidade, como se a gañara el”.

E, se esta cidade está “limpa”, subliñaron, “é pola colaboración cidadá, cada vez máis alta, e polo traballo e a suor dos traballadores do lixo”. Aproveitaron tamén para denunciar que “se este é un servizo municipal valorado non se nota á hora das relacións laborais, con actitudes que só fan provocar que nos utilicemos unha ferramenta legal como é a folga, cando en asembleas informativas chegamos á decisión de que non había outra alternativa. O respaldo foi absoluto, co apoio das centrais sindicais de CC.00, USO e CIG”.

Denunciaron de forma máis concreta aspectos como que “queren que un traballador da fin de semana, no caso de que morra, que ese falecemento valga menos que a morte dun traballador a tempo completo, o cal resulta provocador”.

Anuncio da folga/ Miguel Núñez

As reivindicacións son económicas, e tamén sociais e laborais. Son uns 600 traballadores, divididos á metade entre os de entre semana e fin de semana. Agora mesmo computan algo máis de persoal pola necesidade de limpeza das praias no verán.

De feito, recordaron como “trala noite de San Xoán, retiráronse toneladas de lixo, e polo noso traballo parece que non pasou nada de noite, á mañá xa estaba limpo”.

En conclusión, prometen que “sairemos á rúa, como facemos sempre, e petaremos á porta do Concello, que tanto presume de 6 vasoiras seguidas, a ver se a nós non nos dá coas xestas”.

 

 

Abanca Balaídos, o novo nome do estadio municipal de Vigo

O estadio municipal de Balaídos terá un nome, cando menos, un “nome oficial”. E aparece logo do acordo entre Abanca e o Real Club Celta por un período de 10 anos que inclúe, entre outras cuestións, renomear o estadio.

Así o comunicaron o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente do Celta, Carlos Mouriño, na presentación do acordo, celebrada este luns na sede do Celta, en Vigo, onde descartaron achegar información sobre a contía pola que se subscribe o convenio.

Acerca de se o Concello de Vigo coñecía que se ía a renomeaar o estadio e deu o seu visto e prace, Mouriño dixo que “si” o falaron “en varias ocasións previamente co alcalde, e sabía que practicamente –estaba– feito”.

Neste marco, engadiu que o convenio entre o Concello e o club establece que este último pode explotar a publicidade, e “isto é parte da publicidade”. Por iso, considerou que “non haberá inconveniente ningún por parte da Alcaldía”.

Abel Caballero: “Albert Rivera pode ter as expectativas que queira, pero é a cuarta forza no Congreso”

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), alcalde de Vigo e membro da Executiva do PSOE, Abel Caballero, defendeu este luns a moción de censura presentada polo seu partido, como medio para “restablecer a normalidade democrática”, e apostou por “un goberno diferente” que “tome decisións”, entre elas, “manter a legalidade total en relación con Cataluña”. Por iso, pediu o apoio de Ciudadanos e lembroulle que, por agora, “é a cuarta forza”.

Así o manifestou Caballero, en resposta aos medios sobre a moción de censura, e sinalou que “a acción de Pedro Sánchez” con esa iniciativa busca, por unha banda “restablecer a normalidade democrática” e, por outra, “o exercicio dun parlamento que foi elixido hai só dous anos”. A ese respecto, sinalou que a cámara debe elixir “un goberno diferente” (porque é “imprescindible” apartar a Rajoy da Moncloa) que “tome decisións”.

Segundo apuntou o presidente da FEMP, “un presidente instrumental non é forma razoable de resolver isto”, aínda que admitiu que ese novo executivo debe convocar eleccións “máis ben antes que despois”, e avogou por un goberno que, entre outras decisións, “manteña a situación de legalidade total” en Cataluña. “Se hai que manter o 155, haberá que mantelo, con tódalas súas consecuencias e garantindo a unidade da nación española”, proclamou.

Caballero afirmou que “agora o Parlamento debe falar”, á vez que lembrou que o PP, nestes dous anos, “calcinou toda a súa opción política”, por iso a segunda forza, o PSOE, tomou a iniciativa.

DECISIÓN DE CIDADÁNS

Con respecto aos votos para esa moción de censura, o alcalde de Vigo reclamou o apoio de Ciudadanos, a quen instou a “decidir, non en función dos seus intereses electorais, senón en función dos intereses de España”. Así, apuntou que o partido de Albert Rivera “pode ter as expectativas que queira” pero, “de momento, é a cuarta forza” no Congreso.

“O máis razoable”, sinalou, é que Ciudadanos apoie a moción de censura para que un novo goberno “recupere a normalidade democrática”, “para manter a acción política de Estado sobre Cataluña”, para “aproveitar as inercias de recuperación” e buscar o “momento óptimo” para convocar eleccións.

Caballero lembrou que a formación laranxa acaba de apoiar ao PP para a aprobación dos orzamentos xerais. “Se se disolve o parlamento mañá (os orzamentos) quedan paralizados. Iso é bo ou malo? que di Cidadáns? Son os orzamentos que votaron”, apostilou o dirixente socialista, quen incidiu en que “este é o momento de España, un momento moi importante e agora si que hai que ter altura de miras”.

Barreras empeza a saldar a débeda de 58 millóns con financeiras e industria auxiliar polo ‘Evrima’

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras empezou a saldar a débeda por 58 millóns de euros que contraeu con entidades financeiras (43 millóns) e a industria auxiliar (15 millóns) pola construción do cruceiro ‘Evrima’.

Segundo informou a empresa, o inicio da cancelación da débeda foi posible tras desbloquear os procesos de aprobación e desembolso de fondos chegados¡ do sistema de bonificacións do ‘tax lease’ e “a aprobación para o ‘Evrima'” do Real Decreto 874/2017, polo que se regula o apoio oficial en forma de subvención ao tipo de interese dos créditos para a construción de buques.

De acordo coa compañía, os fondos do ‘tax lease’ foron liberados o pasado 13 de maio e “proceden de distintos investidores” que participaron na liña de crédito concedida para a construción do cruceiro.

Con iso, Barreras indicou que a débeda financeira contraída, “que ascendía aproximadamente a 43 millóns de euros de principal, xunto coas súas comisións e intereses asociados, foi totalmente abonada e cancelada”. “É un gran fito para HJ Barreras ao supor unha redución moi significativa dos seus pasivos financeiros”, destacou.

Doutra banda, confirmou que o Ministerio de Industria aprobou aplicar ao cruceiro o Real Decreto 874/2017, que “subvenciona a diferenza entre o tipo de interese do crédito concedido para a construción e o tipo de interese comercial de referencia (CIRR) do euro na data da concesión do crédito”.

En aras da liberación dos fondos por parte do Goberno, solicitouse un informe contable especial a auditores externos. “Os esforzos de HJ Barreras diríxense, loxicamente, a recibir os devanditos fondos o máis axiña posible”, aseverou.

Con iso, pretende “proceder co pago ás empresas auxiliares por subministracións e traballos realizados previos á homologación do Acordo Marco de Reestruturación de maio de 2020”, débeda que en total “alcanza aproximadamente os 15 millóns de euros” e cuxo pago “íntegro” prevé atender coas cantidades derivadas de devandito Real Decreto.

AGRADECEMENTOS

Neste contexto, a dirección do estaleiro trasladou o seu agradecemento á industria auxiliar pol súa “axuda, esforzo e sacrificio en relación cos problemas financeiros padecidos por HJ Barreras no avance da construción do cruceiro”.

Así mesmo, recoñeceu “o apoio incondicional” recibido por parte das asociacións industriais do sector, en concreto Aclunaga, Asime e Uninaval, así como pola súa “aposta pola viabilidade do estaleiro, na que se segue traballando intensamente e en todos os seus ámbitos”.

Atropela en Vigo a unha muller en patinete e dase a fuga

0

Un coche deuse á fuga despois de atropelar a unha muller que ía a bordo dun patinete eléctrico en Vigo. Horas máis tarde, o condutor foi localizado.

Segundo informa o 112 Galicia, ocorreu na rúa Teixugueiras sobre as 14,15 horas. A central de emerxencias tivo constancia do suceso a través de Urxencias Sanitarias-061, tras o cal alertou á Policía Local, aos bombeiros de Vigo e a Protección Civil da cidade.

A muller circulaba nun patinete eléctrico e foi sorprendida polo impacto dun coche que, posteriormente, continuou a marcha, tal e como confirman fontes do corpo local a Europa Press.

As mesmas fontes relatan que ao longo da tarde os axentes lograron atopar ao condutor, pero non procederon á súa denuncia debido a que a vítima non presentaba lesións de gravidade.

Tres traballadores feridos en accidentes laborais rexistrados en Vigo

0

Tres traballadores resultaron feridos en dous accidentes laborais rexistrados na mañá deste xoves na cidade de Vigo, segundo trasladou o CIAE 112 Galicia.

O primeiro dos incidentes tivo lugar ao fío das 09,00 horas da mañá na avenida de Samil, onde un operario dunha obra sufriu unha caída desde unha altura de catro metros mentres traballaba.

A Policía Nacional desprazouse á zona, onde comprobou que esta persoa se atopaba consciente e que se queixaba de dores nas costas e brazo. Posteriormente, o empregado foi trasladado a un centro médico por unha UVI móbil.

Case unha hora despois, ás 09,45 horas, os servizos de emerxencia mobilizáronse ata a avenida de Beiramar, onde a acumulación de gas durante o proceso de soldeo dun tubo produciu unha explosión que alcanzou a dous operarios que traballaban no estaleiro Armón, segundo detallaron fontes policiais.

Así, solicitouse a presenza de ambulancias no lugar, onde desprazáronse dúas dotacións policiais. Unha vez na zona, trasladaron a ambos os empregados á unidade de queimados do Hospital Povisa e os axentes entrevistáronse con testemuñas.

Tres detidos nun amplo operativo policial con unidades da UIP contra o tráfico de drogas en Vigo

0

A Policía Nacional despregou un amplo operativo contra o tráfico de drogas na zona de Travesía de Vigo da urbe olívica na mañá deste xoves que rematou con tres persoas detidas. Fontes policiais precisaron que a operación se enmarca na loita contra o tráfico de estupefacientes, aínda que rexeitaron achegar datos concretos ata a súa finalización.

Deste xeito, desprazáronse oito furgóns e varios axentes ata a zona dos bloques de Fenosa para levar a cabo a actuación, na que participa a Unidade de Intervención Policial (UIP). Así mesmo, as mesmas fontes indicaron que se emitiu unha autorización xudicial que permite levar a cabo entradas e rexistros na zona.

Como resultado do operativo foron detidas tres persoas. A primeira delas foi trasladada a media mañá a dependencias policiais, mentres que as outras dúas permaneceron no bloque de edificios, custodiadas por axentes, mentres se realizaban os rexistros en presenza da comisión xudicial. Os axentes sacaron dos pisos e locais inspeccionados varias bolsas cos efectos intervidos, entre eles unha arma branca tipo ‘katana’.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed