Inicio Blog Páxina 1709

Vídeo: Concentración en Vigo contra o mantemento da liberdade provisional dos membros da Manada

“Fóra machistas das institucións”, “Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia”, “Contra o patriarcado, feminismo organizado”, “Se é machista non é xustiza, “Ningunha agresión sen resposta”. Foron algúns dos lemas que se escoitaron este venres 4 de xaneiro en Vigo ás portas do museo Marco de arte contemporáneo.

Foi unha concentración organizada polo grupo ‘Feminismo Unitario Vigo’ para protestar ás oito da tarde contra a decisión xudicial de manter en liberade provisional aos membros da ‘Manada’, ese grupo de amigos denunciados por varias agresións sexuais, a máis famosa delas a acontecida en Pamplona en 2016.

Manifestación contra A Manada/ Miguel Núñez

De feito, as concentracións en repulsa das decisións dos xuíces estar a ser constantes na evolución deste lento proceso, e sucedéronse de novo en toda España. O asunto, que xera moita indignación cidadá e abriu intensos debates xurídicos e sociais, está moi lonxe de cerrarse.

O Festival de Cans apoia ao rural coa entrega de material escolar para os rapaces da aldea

0

O Festival de cine de Cans fixo entrega esta semana de vales de material escolar para as 25 rapazas e rapaces da aldea que colaboraron na pasada edición da organización do festival. Cada vale ten un valor de 25 euros que poderán canxear por material escolar na cadea de papelerías Carlin, empresa que apoia unha parte desta iniciativa.

É o terceiro ano que Cans desenvolve esta iniciativa, tratando que o festival sexa unha plataforma que poida colaborar na doazón de material de educación para estas nenas e nenos.

Quince destes rapaces teñen entre 8 e 14 anos e o seu traballo consiste en guiar e orientar nos camiños a todo o público que ven ao Festival de Cans. O resto destes rapaces teñen entre 15 e 17 anos e desenvolveron labores de axudantes de produción en diversos departamentos do festival. Estes rapaces de maior idade van cumprir xa nalgúns casos dez anos como colaboradores, desde que entraran na organización sendo nenos.

O Festival de Cans segue unha fórmula organizativa onde os nenos máis pequenos van sendo coordinados por outros maiores, e estes á súa vez son tutelados por persoas adultas, coñecedoras da dinámica do festival.

Deste xeito vanse rotando en cada edición para coñecer un por un os departamentos do festival, coa esperanza de que eles sexan os que asuman a organización no futuro.

Ademais, o festival convida e estimula a estes rapaces para que asistan ás proxecións, aos obradoiros que organiza o festival, e adquiran tamén os seus primeiros coñecementos audiovisuais.

Coordinados pola veciña de Cans Rosa Bernárdez, a intención do festival é estimular a participación destes nenos, dun xeito didáctico e educativo, para que se identifiquen co festival e adquiran valores como a igualdade, a solidariedade, a conservación do patrimonio histórico e natural ou o traballo en equipo.

Algunhas e algúns destes rapaces tamén participan en cada edición no xurado dos veciños, para darlles a oportunidade de visionar todas as curtametraxes a concurso e aportar a súa propia opinión, cun grupo de persoas de maior idade coas que o festival promove unha relación de respecto interxeracional.

As aeroliñas que operan en Peinador cargan contra AENA: “Non podemos cumprir cos pasaxeiros”

A Asociación de Compañías Españolas de Transporte Aéreo (ACETA) e a Asociación de Liñas Aéreas (ALA) emitiron un comunicado no que lamentan que as obras do ILS do aeroporto vigués de Peinador están a ocasionar problemas que lles impiden operar as súas programacións con normalidade e “cumprir os compromisos” cos seus pasaxeiros.

As aeroliñas denunciaron o “gran número de incidentes” que están “a soportar” desde que AENA desconectou o pasado 7 de maio ese sistema de axuda á navegación para substituílo por outro (máis dun centenar de voos desviados ou cancelados, e miles de viaxeiros afectados).

A pesar de que recoñecen o “esforzo” de AENA por axilizar os traballos e ter o cambio terminado uns días antes do previsto, as compañías quixeron puntualizar que o funcionamento das instalacións aeroportuarias e as obras que se realizan “dependen directa e exclusivamente de AENA”, polo que a xestión “non só está fóra do control das aerolíneas, senón que, ademais, afecta de cheo ás obrigacións das compañías aéreas”, que se ven “impedidas” para cumprir as súas previsións.

“A pesar de ser causas externas á nosa xestión, tentamos paliar en todo o posible os inconvenientes que sofren os nosos clientes, pero debemos insistir en que non temos ningunha capacidade de xestión nas incidencias que se producen no aeroporto de Vigo“, remarcaron.

O VI Certame de Corais “Vila de Arbo” sáldase coa vitoria do Coro Gaos da Coruña

O Concello de Arbo, en apoio á cultura musical polifónica coral, organizou o VI Certame de corais “Vila de Arbo” que tivo lugar o pasado domingo día 13 de Maio do 2018 en horario de tarde no Auditorio Segundo Gil Davila de Arbo.

Un total de seis foron ás corais participantes do Certame, sendo a gañadora do premio Fecoga á mellor interpretación da obra obrigada “Volta Axina” e do primeiro premio o Coro Gaos de A Coruña.

O público / Concello de Arbo

A Coral Polifonica Baiona A Real acadaba o terceiro premio e o Coro de Cámara de Música Viva (O Carballiño, Ourense) o segundo. Durante o acto tivo lugar a actuación da pianista Andrea González.

O alcalde de Arbo quixo agradecer “a todas as Corais participantes, aos visitantes que se achegaron a Arbo para asistir ao acto, así como a Fecoga, a Fundación Segundo Gil Davila e outras entidades colaboradoras e a Coral Polifonica de Arbo pola axuda prestada e a ilusión que mostraron na realización de este evento”.

Ponte Caldelas acaba de rexistrar 30 terremotos en menos de 12 horas

A provincia de Pontevedra rexistrou 32 terremotos entre a tarde do martes e a madrugada deste mércores, 30 deles no municipio de Ponte Caldelas, cunha intensidade máxima de 3,1 graos na escala de Richter. De tódolos xeitos, o Instituto Xeográfico Nacional considera que “a probabilidade” de que haxa un sismo “grande” na zona é “bastante baixa”.

Segundo os datos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), entre as 18:36 horas do martes 15 de maio e as 5:51 horas deste mércores rexistráronse 32 sismos de entre 3,1 e 1,5 graos na escala de Richter.

Fontes do Instituto Xeográfico Nacional explicaron a Europa Press que “a natureza é así” e recalcaron que nesa zona da provincia de Pontevedra “non hai ningunha falla coñecida”.

Por iso, o IGN enmarcou esta “serie de terremotos” dentro do normal e as mesmas fontes consultadas incidiron en que “a probabilidade” de que haxa un sismo “grande” é “bastante baixa”, pero non se pode “descartar ao 100%”.

Só un foi SENTIDO POLA POBOACIÓN

Neste sentido, as mesmas fontes do IGN resaltaron que da trintena de sismos rexistrados en doce horas, “só un foi sentido pola poboación”, o rexistrado ás 20:01 horas do martes a 11 quilómetros de profundidade en Ponte Caldelas, con 3,1 graos na escala de Richter.

“Esta serie sísmica non sabemos onde vai”, admitiron as mesmas fontes, que lembraron que noutras zonas de Galicia, como en Porto do Son (A Coruña), rexistráronse en ocasións anteriores series similares á de Ponte Caldelas.

“É un pouco para estar alerta”, abundaron, para insistir en que “non é preocupante”. “Estaremos atentos e vixiarémolo”, aseguraron.

Abel Caballero non aclara se subirá o IBI a vivendas baleiras coa nova lei do aluguer

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, celebrou este mércores o anuncio dunha nova lei de vivenda para facilitar os alugueres “accesibles”, aínda que eludiu aclarar se se aplicará a recarga no IBI para as vivendas baleiras na cidade.

Sobre esa posible suba do IBI, Caballero afirmou que “o importante” é que se adopten medidas para que haxa alugueres accesibles e, nese sentido, sinalou que as medidas anunciadas polo Goberno “van na boa dirección”. “Non podemos ter alugueres a prezos astronómicos porque unha parte moi importante da sociedade non pode pagalos”, afirmou.

Segundo engadiu, existen grandes propietarios, maioritariamente empresas, que dispoñen dun número elevado de vivendas e que se dedican a “especular”. “Se hai un proceso especulativo de grandes empresas, hai que actuar”, sentenciou.

Por outra banda, saudou “con moito agrado” o bono novo anunciado polo Executivo para dar axudas a mozos para pagar os alugueres, á vez que tamén destacou a importancia de que os plans urbanísticos municipais teñan “un nivel importante de vivenda con algunha protección”. “En Vigo xa estamos nesa dirección”, engadiu.

Con respecto ás actuacións concretas que terán que levar a cabo os concellos para executar as medidas da nova lei, Abel Caballero evitou pronunciarse, e explicou que quere coñecer a norma “en detalle” e analizar “a letra pequena” antes de “fixar unha posición”.

MAREA DE VIGO

Pola súa banda, o grupo municipal Marea de Vigo pediu ao alcalde de Vigo “que non siga a senda de Almeida” en Madrid e se poña á fronte da defensa da “vivenda digna” con prezos alcanzables. Así, reclamou ao rexedor “un compromiso real”, que vaia “máis aló de declaracións de intencións”.

Para o portavoz de Marea, Rubén Pérez, sería “inasumible” que o alcalde de Vigo “remase contra” a nova lei de vivenda no aspecto que máis incumbe aos concellos, como é a recarga no IBI (ata o 150 %) das vivendas baleiras, que estima nunhas 10.000 na cidade.

De feito, Marea de Vigo xa solicitara anteriormente a revisión de taxas e prezos públicos do Concello para gravar con subas do IBI esas vivendas desocupadas, especialmente as que son propiedade de entidades de crédito ou fondos.

Aprazado de novo o xuízo contra os propietarios dunha discoteca de Baiona por ruídos

0

O xuízo contra os propietarios da discoteca Vila Rosa, situada en Baiona, por ruídos xerados pola actividade do local e previsto para este luns e este martes no Xulgado do Penal 3 de Vigo foi aprazado de novo. Así o confirmaron a Europa Press fontes xudiciais, que detallaron que a vista se pospuxo ata os próximos días 7 e 8 de febreiro de 2022 debido á personación dun novo avogado.

O xuízo fora previsto inicialmente para o pasado mes de abril, pero suspendeuse ata xullo debido a que unha das partes non recibira documentación solicitada. Con todo, a data da vista modificouse de novo antes dese mes e o seu inicio sinalouse para este luns, cando se aprazou de novo.

O Ministerio Fiscal sostén que “polo menos desde 2014” esta discoteca xeraba ruídos que excedían os límites legais e que, a pesar de interporse numerosas denuncias, mantivo a súa actividade. Así, pide de 4 anos de cárcere e unha multa de 84.000 euros para un empresario e o seu fillo, propietarios do local, por un delito contra o medio ambiente e un delito de lesións dados os ruídos xerados pola actividade e os prexuízos causados a un matrimonio que vivía nas inmediacións.

Así mesmo, a Fiscalía reclama que os procesados indemnicen a cada un dos prexudicados en 39.000 euros, así como que lles paguen os gastos médicos nos que incorreron neses catro anos. Tamén solicita a súa inhabilitación para exercer no ámbito da hostalaría durante catro anos.

Adicionalmente, pide que a sociedade creada polo empresario e o seu fillo e á que pertence o local abone unha multa de 360.000 euros e sexa pechada de modo definitivo.

A cidade deportiva do Celta segue acumulando denuncias por “prevaricación”

Novo episodio na polémica da cidade deportiva que o Celta de Vigo está a erixir no concello de Mos. Meses atrás a Comunidade de Montes do Tameiga levou ante a fiscalía as supostas “ilegalidades” da construción, que, segundo destacan, podería ter comezado a súa construción excedendo as licencias municipais concedidas e sobre chan non urbanizable.

Esta primeira denuncia da CMM veu seguida pola Asocicación veciñal da Portela –tamén no Tameiga–, que incidiu novamente cunha petición á Fiscalía para que abrira dilixencias “por delitos de prevaricación administrativa e contra a ordenación do territorio”.

Agora é Ecoloxistas en Acción quen vén de alertar ao ao Comisariado da XV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo que a cidade deportiva do Celta foi denunciada “por estar proxectada sobre solo rústico de especial protección forestal” e, “unha vez máis, pola evidente separación entre o construído e a licencia municipal outorgada”.

A alerta de Ecoloxistas en Acción vén de chegar despois de que a Bienal gabase o proxecto arquitectónico do Celta, que chegou mesmo a ser finalista do Certame. Por esta razón, A asociación ecoloxista lembrou a este Comisariado que as instalacións en cuestión teñen xa “varias denuncias”.

Tal e como subliñan, a fiscalía de Vigo incoou expediente xa ante as denuncia de “ilegalidade” destas obras por parte da Asociación Veciñal A Portela. A Comunidade de Montes de Tameiga tamén interpuxo querela por prevaricación pola concesión das licenzas. E, finalmente, foi Ecoloxistas en Acción o derradeiro en denunciar estas instalacións ante a Axencia galega pola protección da legalidade  urbanística.

“Estes galardóns premian unha arquitectura respectuosa  e amable co ambiente e sen embargo a construción da Cidade Deportiva do Celta supón a deforestación de varias  hectáreas de bosque dos montes comunais da parroquia de Pereiras en Mos e a destrución ou afección de diversos pozos e mananciais dos que se abastecen de auga unhas 5.600 persoas mancomunadas nas Traídas de Augas afectadas” denuncia Catalina Coya, membro de Ecoloxistas en Acción e secretaria da Asociación vecial A Portela de Tameiga. Polo tanto, piden que o proxecto sexa expulsado do certame en atención ás denuncias ata o momento formuladas.

Temor a un “Brexit duro” na patronal conserveira

O secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, confiou en que o primeiro ministro británico, Boris Johnson, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que se reunirán este mércores, “saiban chegar a un acordo” esta semana que permita “desactivar o Brexit duro comercial”.

Preguntado tras unha rolda de prensa telemática, Juan Vieites recalcou que as “incertezas” afectan de “maneira negativa” ao comercio, polo que mostrou a súa esperanza de que “se non é o plan A (o acordo), o plan B” que se articule entre en vigor o 1 de xaneiro. Ademais, apuntou que o Parlamento Europeo deberá dar o visto e prace na súa última sesión deste ano.

En todo caso, o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca advertiu de que “un Brexit duro sería malo para ambas as partes”, polo que considerou que Reino Unido e a UE “estarán na mesma páxina nalgúns asuntos chave” e incidiu na importancia de que este asunto “se poida concluír esta semana”.

Nesta liña, remarcou que o rumbo das negociacións, que se atopan “nas súas horas decisivas, “será clave para o futuro das relacións entre a UE e Reino Unido”. Deste xeito, alertou de que, se non se alcanza este acordo comercial, o británico “sería como un país terceiro” en relación ás exportacións e importacións de mercadorías.

NEGOCIACIÓNS

Precisamente, Bruxelas subliñou que as negociacións poderían continuar se o acordo non chega a tempo para que poida entrar en vigor o próximo 1 de xaneiro, cando se consolide a ruptura entre Reino Unido e a Unión Europea, aínda que iso non impediría as consecuencias inmediatas dun Brexit sen acordo.

Así as cousas Juan Vieites apuntou que, tras xaneiro, a situación poderíase concretar “en tres estadios”, “en marzo, abril e xullo, en función do previsto”. Ademais, valorou que Reino Unido “dese un paso” ao eliminar as cláusulas da Lei de Mercado Interior que violaban o acordo do Brexit e que deseñou para esquivar o cumprimento de varias disposicións do Tratado de Retirada que afectaban á fronteira no Úlster.

PLAN DE ACCIÓN

Por outra banda, a patronal conserveira, Anfaco-Cecopesca, puxo en marcha un plan de acción dunha estratexia de valor compartido aliñada coa Axenda 2030 e que busca potenciar a sustentabilidade da entidade e o sector e a innovación do mesmo con apoio da Consellería do Mar.

O secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, explicou que a iniciativa foi promovida pola entidade e empresas do sector e que se desenvolverá ata 2030 co obxectivo de “reforzar a apropiación do valor compartido da industria conserveira”.

A Xunta informa agora de sete falecidos por Covid na residencia de Mos que morreron en novembro

0

A Consellería de Sanidade informou da morte de sete persoas pola Covid-19 na Residencia Doral de Mos. Unha confirmación que chega semanas despois de producirse os falecementos, que tiveron lugar na segunda quincena de novembro.

A xustificación da Xunta é que se comunican agora “logo de validarse que faleceran por covid-19“. Entre os mortos están tres homes de 92, 98 e 94 anos e catro mulleres de 98, 91, 85 e 93 anos.

A Xunta tamén informou da morte doutra persoa por covid nas últimas horas na Área Hospitalaria de Vigo. Trátase dun homede 86 anos. En total, e sumando os falecidos da Residencia Doral, en total o número de mortos este luns ascendeu a 16 persoas.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed