Inicio Blog Páxina 1611

Suso Hidalgo, de Elepé: “En Vigo hai máis músicos que xente en Citroën traballando”

Para Suso Hidalgo, que comezou escoitando música de pequeno na radio e agora é o dono da tenda de discos máis antiga de Vigo, Elepé, non é un desafío ter un establecemento coma o seu, senón calquera negocio que non sexan os portais de venda por Internet: “Eses quedan con todo, é un monopolio, só lles falta vender gasolina e pouca cousa máis. É Internet… e que non paguen impostos”.

Suso considera ás plataformas en rede coma a competencia máis desleal posible: “A fiscalización que ten a venta online é cero. As importacións chegan de fóra á Comunidade Europea, e a maioría non pasan pola aduana nin pagan o IVE. Compras un produto estranxeiro e en realidade deberías pagar o 21%, pero chegan sen impostos”.

O cal compara co seu caso, dentro da legalidade: “Nós, por exemplo, compramos a maioría da música en Holanda, logo declaro aquí e pago o IVE. E así debería ser con todas as operacións de importación. Co mal que va o país, e están desaproveitándose grandes sumas de diñeiro, que non virían mal para axudar un pouco coa caixa das pensións, por exemplo. Cada vez é maior o tráfico”.

É tallante. Nunca comprou nada nesas webs, nin pensa facelo, asegura, pero baixouse unha aplicación e o primeiro anuncio que viu foi dunha bicicleta con motor, logo pintura de labios, pestanas postizas que compra a xente online…

foto de tenda lp.tenda de discos © miguel nuñez
Chega un cliente / Miguel Núñez

“E todo iso debería ter ese prezo marcado, máis o 21 por cento. Pero a aduana non ten estrutura para facerlle a documentación a tantas pezas, estancaríanse. Chega un contedor de China e pasa enteiro, despois xa o repartirán. A quen non lle gustaría vender sen IVE. Eu vendería todo un 21% máis barato. Porque o disco non ten IVE cultural, nunca o tivo. Que o teñan os libros, ou móntase un lío co cine, e os discos sempre sofreron o IVE máximo, pero ninguén reivindica por eles”, lamenta.

Suso considera que a piratería “xa da igual”, coma un problema superado: “Porque agora non fai falla nin descargar, en You Tube hai discos enteiros cargados alí coma se foran un vídeo, porque en realidade é un formato para vídeo”.Entón, cabería preguntarse quen vai a Elepé: “Aquí veñen os de toda a vida, os que teñen afección, é coma o fútbol, gústalle a todo o mundo pero socios hai poucos”.

Cando comezou a rexurdir o vinilo no 2004 mellorou moito a situación da tenda, e para el foi a mellor época, ata o 2008: “Con moitos menos discos gañaba máis que agora, que teño que ter de todo, porque o vinilo está moi ben, pero obrígache a facer unha inversión moi grande, todo duplicado, e os vinilos son máis caros”.

Suso considérase parte dunha especie “que adáptase ao medio”:  “Levamos tanto tempo fodidos que temos xa unha capa protectora, a nosa capacidade de asimilar desgracias está a outro nivel. Pregúntanme como me vai e contesto que igual de mal que sempre (ri), non pasa nada. Este negocio tivo a súa época dourada nos 90, co boom do CD, e gañouse diñeiro, pero en realidade nunca nos deixaron estar a tope. Cando pensabas que tiñas algo que era só para tendas, enseguida o metían nos supermercados, tiraban os prezos… Despois a descarga, logo a venta online…. Sempre hai alguén que  trata de asfixiarnos. Hai que ter algo de sorte e traballar moito”.

Lp. Tenda de discos © Miguel Nuñez
Discos Elepé: Juliana e Suso Hidalgo posan co último álbum dos vigueses The Soul Jacket / Miguel Núñez

Venden un número similar de vinilos e cedés, estes últimos resultan máis asumibles para os mozos que comezan a coleccionar música e queren ter algo propio.

Elepé fai 39 anos o 5 de maio, cando abriu era a única tenda de Vigo só de discos, as demais tiñan libros ou mesmo neveiras: “Eu entrei cando levaba un ano aberta, pero xa traiamos tradición de antes, os pais de Conchi (unha das fundadoras) tiñan un establecemento chamado Discos Giráldez, ao lado do Pilar, e o seu avó xa tivera outra tenda de discos e aparatos. Sempre metidos nesta historia”.

Este é un negocio bonito, pero se non controlas moito podes “meterte nun marrón”, recoñece Suso: “Porque ademais as discográficas non facilitan a labor. Tes que pagar ao contado. Fas un pedido a unha multinacional potente para ter stock e xa son 10.000 euros sen decatarte. Nós agora vendemos películas tamén, hai quen vende cómics… Hai que comprender o que dá de si a cidade, que non é xigantesca, pero ten mérito porque hai máis tendas en Vigo e arredores que en Valencia por exemplo. Hai afección”.

Julio defende que Vigo é “unha fortuna”, polo seu número de músicos por metro cadrado: “Hai máis músicos que xente en Citroën traballando”.

O centro AIMEN, do Porriño, participa nunha investigación científica internacional con microrobots

0

Investigadores do centro tecnolóxico AIMEN participaron no desenvolvemento da primeira aplicación de intelixencia artificial para o control de microrobots que navegan a través dun fluído, un traballo que se publicou na revista Science Robotics.

A investigación demostra como un robot do tamaño dunha micra (aproximadamente unha centésima do diámetro dun cabelo humano) é capaz de desenvolver, mediante técnicas de aprendizaxe por reforzo, as estratexias óptimas de navegación para alcanzar un obxectivo, compartir información con outros robots para acelerar o proceso de aprendizaxe ou desenvolver a velocidade óptima para a supervivencia nunha contorna, de forma similar a como o fan os microorganismos na natureza.

Os principais desafíos deste traballo eran o deseño do robot e do mecanismo de propulsión, así como a capacidade do sistema de control para adaptarse a un medio con tanta incerteza como un fluído para un obxecto microscópico.

Esta primeira demostración experimental desenvolveuse en colaboración coa Universidade de Leipzig e a Universidade de Charles de Praga, dentro dun dos programas prioritarios de financiamento para a investigación científica do goberno alemán (DFG).

O estudo abre a porta a multitude de investigacións futuras tanto no deseño de micro e nanorobots, como no desenvolvemento de técnicas específicas de intelixencia artificial para o seu control e comportamento autónomo a escala micrométrica, que poderán ter gran impacto a escala macroscópica.

O control de obxectos microscópicos mediante o uso de intelixencia artificial podería empregarse no desenvolvemento de materiais intelixentes con potenciais aplicacións en distintos ámbitos industriais, como o enerxético, o biotecnológico ou, mesmo, na construción.

A aplicación permitiría controlar as propiedades dun material, a inxección de fármacos de forma precisa ou o desenvolvemento de ferramentas autónomas para microcirugía de precisión.

Vigo mantén 11 ingresados en UCI con covid, á cabeza de Galicia

Galicia chega ao ecuador desta semana cun lixeiro aumento dos novos contaxios de Covid-19 a 128 –doce máis que a xornada anterior– e un alivio na presión hospitalaria cun descenso a 162 dos ingresados –14 menos–, mentres que os casos activos reducíronse a 2.744.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, aínda que aumentaron a 38 os pacientes Covid en UCI en Galicia –un máis– reducíronse a 124 os que permanecen noutras unidades –15 menos–. Na de Vigo aínda que soben a 11 os pacientes Covid en UCI –un máis– redúcense a 33 os doutras unidades –sete menos–.

MENOS CASOS ACTIVOS

Os casos activos de Covid volveron descender tras o lixeiro incremento da xornada anterior despois de cinco consecutivas en descenso e sitúanse en 2.744, que implican 61 menos, ao haber máis altas (185) que contaxios (128), aos que se engaden catro falecementos. Por áreas sanitarias as infeccións activas deste coronavirus redúcense en seis, entre elas a de Vigo, que descende en 26 ata 817, aínda á cabeza de Galicia.

MÁIS CONTAXIOS

En canto aos novos contaxios de Covid-19 incrementáronse de novo ata os 128 en Galicia, tras iniciar esta semana con 107 e rexistrar 116 este martes, o que supón unha ducia de infeccións máis. Na de Vigo rexistráronse 11, por detrás das cifras de Coruña e Santiago. A taxa de positividade no conxunto de Galicia elévase ata o 3’5%, aínda por dentro do limiar aconsellado pola OMS.

Mantense o ritmo de adopcións internacionais en 2010

0

A pandemia do coronavirus e os dous estados de alarma non fixeron variar a cifra total de adopcións internacionais rexistradas en Galicia en todo o ano 2020, que se situaron en 21, mesma cifra do 2019.

Segundo explica a Xunta, isto débese a que os procesos de información, valoración e integracións efectivas en liñas xerais “mantivéronse durante o último ano atendendo sempre aos protocolos sanitarios“.

Das 21 preasignacións de menores de todo o 2020, a provincia da Coruña acumulou 14. Seguíronlle Pontevedra, con cinco, e Ourense, con dous. Na provincia de Lugo non se produciu ningunha. Os países de orixe das nenas e nenos foron Bulgaria, China, Colombia, Filipinas, Hungría e Vietnam.

En canto á cifra de solicitudes, si se viu reducida ao pasar de 47 en 2019 a 31 durante todo o 2020. A provincia na que se rexistrou un maior número volveu ser A Coruña, con 16; seguida de Pontevedra, con oito; Lugo, con cinco; e dous na provincia de Ourense.

O que si se viu interrompido polo primeiro estado de alarma foi o proceso polo que atravesan as familias antes da adopción –unha sesión informativa e tres formativas–, aínda que durante o segundo semestre do ano retomouse “con normalidade e atendendo ao protocolo de actuación”, subliña a Xunta.

O mesmo ocorreu coas valoracións de idoneidade que se realizan mediante encontros presenciais cos técnicos de adopción. Pola súa banda, as integracións efectivas dos menores nas familias víronse condicionadas pola situación concreta da pandemia en cada país de orixe e a súa normativa.

Sindicatos do metal denuncian que a patronal “teima en establecer recortes”

Os sindicatos do metal da provincia de Pontevedra advertiron este martes de que se a patronal mantén a súa proposta de “recortes” no convenio para 2020-2021, que consideran “de transición”, reclamarán reiniciar as negociacións e, en lugar de buscar acordo para puntos concretos, buscarán “un convenio normalizado” e negociado na súa integridade.

Así se pronunciaron os axentes sociais despois de que a reunión que mantiveron este martes ambas as partes acabase sen chegar a un consenso debido a que a patronal “teima en establecer recortes”.

As organizacións sindicais, CC.OO., CIG e UGT, manteñen que ao tratar as negociacións de alcanzar un convenio de transición non se lle debe “dar moitas voltas ás condicións”. “Demos alternativas, pero queren recortes, así que imos a por un convenio ao uso e recuperamos as peticións que deixaramos polo camiño”, insistiron.

En concreto, o portavoz de Comisións Obreiras, Celso Carneiro, indicou que estes puntos son a redución de xornada, regularización do calendario laboral, subrogación, licenzas e gardas, o desenvolvemento por completo o plan de igualdade e o protocolo de acoso, e o desenvolvemento dos grupos profesionais e categorías.

Neste sentido, lembrou que para o convenio de transición conseguiron “unificar as peticións dos tres sindicatos”, o que garantiría “a estabilidade e a paz social”, ante o que chamou á patronal a “reflexionar”. “Un convenio de transición non pode levar a recortes, e se non se está en disposición de entender iso, imos a un convenio ao uso”, remarcou.

NOVA NEGOCIACIÓN E MOBILIZACIÓNS

Da mesma forma pronunciouse Xulio Fernández, da CIG, que considerou que a posición da patronal demostra que os empresarios “se negan a un convenio de transición”, polo que os sindicatos irán “a por un convenio normalizado”.

“Entendemos que volvemos ao comezo agás que a patronal volva entrar en razón e lle sirva un convenio de transición, senón empezariamos unha nova negociación e, se se enquista, empezariamos a mobilizarnos”, avisou Fernández, que indicou que a próxima reunión do metal celebrarase o venres 19.

Pola súa banda, UGT lamentou que a patronal se manteña “inflexible” nalgunhas das súas propostas, como a de deixar de pagar mensualmente a indemnización de fin de contrato, e de manterse inamovible sobre a presenza de ETT nas empresas.

Este sindicato constatou que “a día de hoxe non se dan as circunstancias para negociar o convenio como habitualmente”, polo que sinalou que os axentes sociais expuxeron prorrogar o convenio en vigor, “actualizando os salarios” de 2020 e 2021, e así “facilitar unha negociación completa en 2022, cunha maior visión do escenario produtivo”, unha proposta que “tampouco foi aceptada pola patronal”.

A este respecto, UGT criticou que a patronal “non quere apostar pola negociación” e prefire dilatar o proceso o máis posible, “coa escusa do COVID-19”.

“SORPRESA” DA PATRONAL POLO “XIRO” DOS SINDICATOS

Pola súa banda, o secretario xeral de Asime e portavoz da patronal, Enrique Mallón, trasladou que a estratexia dos sindicatos este martes “sorprendeu” aos empresarios, que confiaban en alcanzar un acordo definitivo este martes, e atopouse cun “xiro inesperado” da parte social.

Segundo indicou Mallón, os sindicatos puxeron sobre a mesa a posibilidade de “incrementar o ámbito de negociación, introducindo neste momento final numerosos artigos para negociar”.

“Seguimos confiando no acordo, pero nun acordo razoable, tendo en conta a realidade empresarial e industrial, que atravesa un momento complexo de perda de emprego e facturación en case todas as actividades do sector”, sinalou o secretario xeral de Asime.

Así, a patronal esixiu que se contemple a modificación do artigo relativo á contratación de indefinidos, co pago da indemnización ao final do contrato, e asegurou que ofrece unha “mellora salarial relevante”, que podería alcanzar “un 2 % na súa totalidade” para os dous anos de convenio.

O Sergas continuará con Vigo e Lugo como “hospitais de apoio” para toda Galicia antes que recorrer aos de campaña

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) non prevé “de momento” despregar hospitais de campaña para atender a enfermos de covid-19, xa que continuará cos complexos de Vigo e Lugo como “hospitais de apoio” para o resto de áreas sanitarias.

Na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico deste luns, na que anunciou medidas máis duras para loitar contra a pandemia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que a “estratexia” por agora é “rotar” os pacientes pola rede de centros públicos.

“Temos hospitais, desde o punto de vista sanitario, cun nivel aceptable tanto de ocupación de UCI como de camas covid”, asegurou o máximo mandatario autonómico, quen por iso dixo que cos centros de Vigo e Lugo pódese “beneficiar a aqueles que teñan un nivel de saturación maior”.

Neste sentido, Feijóo insistiu en que “de momento” non hai previsto despregar hospitais de campaña, pero si recoñeceu que, como “caso último”, o Sergas xa ten “perfectamente medido” como facelo. “Sobre todo na Coruña e, secundariamente, en Santiago”.

Folga en decembro en Vitrasa contra a modificación da xornada de traballo

0

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria que presta en Vigo o servizo de bus urbano, rexistrou a convocatoria dunha folga para días alternos do mes de decembro, en protesta polo incumprimento do convenio colectivo ao entender que a empresa modificou unilateralemente as xornadas e condicións de traballo do persoal.

Así o confirmou o sindicato CIG, que ostenta a presidencia do Comité en Vitrasa, e que explicou que a medida foi acordada nunha reunión do órgano de representación dos traballadores, e que deberá ser ratificada nunha asemblea que se celebrará este sábado.

Segundo o escrito dirixido á Consellería de Emprego e Igualdade, a folga terá lugar durante once días do mes de decembro (os días 1, 3, 9, 11, 14, 16, 18, 21, 23, 28 e 30) e desenvolverase con paros parciais de dúas horas: de 7,30 a 9,30 horas, de 13,00 a 15,00 horas, e de 19,00 a 21,00 horas.

O sindicato denunciou que a empresa está “a converter xornadas continuas en xornadas partidas”, modificando así unilateralmente as condicións de traballo.

Deteñen a un home en Vigo que tentou arrebatarlle a arma un policía

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño de Pontevedra, P.A.N., de 34 anos de idade, como presunto autor dun delito de atentado e resistencia a axentes da autoridade, tras agredir a un funcionario e tratar de arrebatarlle a arma. Os feitos ocorreron, segundo informou a Policía Local, na madrugada deste xoves, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a un establecemento hostaleiro da rúa Joaquín Loriga, onde dous homes estaban a molestar aos clientes e ao dono do local.

Ao chegar, os axentes observaron a dous homes increpando ao dono do establecemento, que informou os policías de que esas dúas persoas estaban a insultar e molestando a outros clientes, incumprindo as medidas de distanciamento. Ademais, un deles negábase a pór a máscara, aínda a pesar de que non estaba sentado, senón que se estaba movendo por todo o local.

Cando os funcionarios os requiriron para que se identificasen, os dous homes reaccionaron de forma hostil, negáronse a dar explicacións e limitáronse a insultar ao dono do local e á súa muller, á vez que se negaron a achegar a súa documentación. Os axentes informáronlles de que serían trasladados a dependencias policiais para ser filiados e, nese momento, un dos homes abalanzouse sobre un axente, golpeándoo, e tratando de arrebatarlle a arma sen éxito. O home foi reducido e, a pesar de opor gran resistencia, foi detido.

A Xunta levanta as restricións sanitarias ao Rosal e á Guarda

0

A Consellería de Sanidade decidiu desde este sábado levantar as medidas especiais no municipio coruñés de Arteixo e nos da Guarda e O Rosal, debido á baixada das taxas de transmisión a tres e sete días.

No relativo a Arteixo, localidade que permanecía con restricións xa desde o 8 de agosto, o correspondente informe da Dirección Xeral de Saúde Pública destaca que a investigación do brote e o “descenso” das taxas acumuladas a 14 días permite que non haxa “inconveniente en suspender as restricións” no municipio.

No entanto, a pesar dos bos datos que anota todo a área da Coruña, o mesmo informe aínda considera “conveniente” manter as medidas en varios barrios da capital provincial “ata verificar que o descenso de casos e taxas está consolidado”.

No caso da Guarda e O Rosal, Sanidade decidiu levantar as limitacións despois dunha semana en vigor ao constatar a “boa” evolución destes municipios, posto que no últimos tres días tan só identificouse “un único caso” en cada un deles.

De feito, o informe de Saúde Pública sobre a comarca de Baixo Miño avala o “descenso” da incidencia acumulada da COVID-19 nos últimos tres e sete días e sitúa por baixo dun o número reprodutivo instantáneo, polo que cada positivo infecta a menos doutra persoa.

Detido tras golpear á súa exparella e pelexar cun home que tentou defendela

Un home de 39 anos, iniciais E.P.L.L., foi detido en Vigo tras golpear na cabeza á súa expareja e pelexar con outro home que tentou defendela. Segundo detallaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar este martes sobre as 00,42 horas, cando os axentes foron informados dun suposto episodio de violencia de xénero ocorrido na rúa Santa Cristina.

Tras desprazarse á zona, os policías atoparon á muller acompañada dun home nun local. A agridida explicou que foraincrepada e golpeada na cabeza pola súa exparella, con quen ten dous fillos. Mentres, o home que acompañaba á muller saíu na súa defensa, o que derivou nunha pelexa co agresor. A versión da muller foi corroborada polo acompañante.

Este segundo home mostrou aos axentes as mangas da súa camisa rotas e o sangue que presentaba na cara e os brazos. A muller, pola súa banda, manifestou que sufría dor na cabeza como consecuencia do golpe da súa exparella, que resultou detido por un presunto delito de violencia de xénero.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed