InicioCulturaSuso Hidalgo, de Elepé: "En Vigo hai máis músicos que xente en...

Suso Hidalgo, de Elepé: “En Vigo hai máis músicos que xente en Citroën traballando”

Entrevistamos aos responsables das principais tendas de música de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Para Suso Hidalgo, que comezou escoitando música de pequeno na radio e agora é o dono da tenda de discos máis antiga de Vigo, Elepé, non é un desafío ter un establecemento coma o seu, senón calquera negocio que non sexan os portais de venda por Internet: “Eses quedan con todo, é un monopolio, só lles falta vender gasolina e pouca cousa máis. É Internet… e que non paguen impostos”.

Suso considera ás plataformas en rede coma a competencia máis desleal posible: “A fiscalización que ten a venta online é cero. As importacións chegan de fóra á Comunidade Europea, e a maioría non pasan pola aduana nin pagan o IVE. Compras un produto estranxeiro e en realidade deberías pagar o 21%, pero chegan sen impostos”.

O cal compara co seu caso, dentro da legalidade: “Nós, por exemplo, compramos a maioría da música en Holanda, logo declaro aquí e pago o IVE. E así debería ser con todas as operacións de importación. Co mal que va o país, e están desaproveitándose grandes sumas de diñeiro, que non virían mal para axudar un pouco coa caixa das pensións, por exemplo. Cada vez é maior o tráfico”.

É tallante. Nunca comprou nada nesas webs, nin pensa facelo, asegura, pero baixouse unha aplicación e o primeiro anuncio que viu foi dunha bicicleta con motor, logo pintura de labios, pestanas postizas que compra a xente online…

foto de tenda lp.tenda de discos © miguel nuñez
Chega un cliente / Miguel Núñez

“E todo iso debería ter ese prezo marcado, máis o 21 por cento. Pero a aduana non ten estrutura para facerlle a documentación a tantas pezas, estancaríanse. Chega un contedor de China e pasa enteiro, despois xa o repartirán. A quen non lle gustaría vender sen IVE. Eu vendería todo un 21% máis barato. Porque o disco non ten IVE cultural, nunca o tivo. Que o teñan os libros, ou móntase un lío co cine, e os discos sempre sofreron o IVE máximo, pero ninguén reivindica por eles”, lamenta.

Suso considera que a piratería “xa da igual”, coma un problema superado: “Porque agora non fai falla nin descargar, en You Tube hai discos enteiros cargados alí coma se foran un vídeo, porque en realidade é un formato para vídeo”.Entón, cabería preguntarse quen vai a Elepé: “Aquí veñen os de toda a vida, os que teñen afección, é coma o fútbol, gústalle a todo o mundo pero socios hai poucos”.

Cando comezou a rexurdir o vinilo no 2004 mellorou moito a situación da tenda, e para el foi a mellor época, ata o 2008: “Con moitos menos discos gañaba máis que agora, que teño que ter de todo, porque o vinilo está moi ben, pero obrígache a facer unha inversión moi grande, todo duplicado, e os vinilos son máis caros”.

Suso considérase parte dunha especie “que adáptase ao medio”:  “Levamos tanto tempo fodidos que temos xa unha capa protectora, a nosa capacidade de asimilar desgracias está a outro nivel. Pregúntanme como me vai e contesto que igual de mal que sempre (ri), non pasa nada. Este negocio tivo a súa época dourada nos 90, co boom do CD, e gañouse diñeiro, pero en realidade nunca nos deixaron estar a tope. Cando pensabas que tiñas algo que era só para tendas, enseguida o metían nos supermercados, tiraban os prezos… Despois a descarga, logo a venta online…. Sempre hai alguén que  trata de asfixiarnos. Hai que ter algo de sorte e traballar moito”.

Lp. Tenda de discos © Miguel Nuñez
Discos Elepé: Juliana e Suso Hidalgo posan co último álbum dos vigueses The Soul Jacket / Miguel Núñez

Venden un número similar de vinilos e cedés, estes últimos resultan máis asumibles para os mozos que comezan a coleccionar música e queren ter algo propio.

Elepé fai 39 anos o 5 de maio, cando abriu era a única tenda de Vigo só de discos, as demais tiñan libros ou mesmo neveiras: “Eu entrei cando levaba un ano aberta, pero xa traiamos tradición de antes, os pais de Conchi (unha das fundadoras) tiñan un establecemento chamado Discos Giráldez, ao lado do Pilar, e o seu avó xa tivera outra tenda de discos e aparatos. Sempre metidos nesta historia”.

Este é un negocio bonito, pero se non controlas moito podes “meterte nun marrón”, recoñece Suso: “Porque ademais as discográficas non facilitan a labor. Tes que pagar ao contado. Fas un pedido a unha multinacional potente para ter stock e xa son 10.000 euros sen decatarte. Nós agora vendemos películas tamén, hai quen vende cómics… Hai que comprender o que dá de si a cidade, que non é xigantesca, pero ten mérito porque hai máis tendas en Vigo e arredores que en Valencia por exemplo. Hai afección”.

Julio defende que Vigo é “unha fortuna”, polo seu número de músicos por metro cadrado: “Hai máis músicos que xente en Citroën traballando”.

ÚLTIMAS

Rueda, preparado para negociar con Caballero

O desbloqueo da urbanización da ETEA, a reforma das pistas de Balaídos, ou a...

A concelleira de Urbanismo afea a “actitude” da Xunta a catro días da reunión de Rueda e Caballero

O goberno municipal de Vigo afeou este venres "o fondo e as formas" das declaracións da...

O PP de Vigo esixe a Caballero que garanta a seguridade en San Xoán ante a previsión de falta de bombeiros

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu este venres ao alcalde, Abel Caballero,...

Falece un mozo en Vigo tras ter un accidente cunha carretilla elevadora

Un mozo de 24 anos de idade faleceu este xoves en Vigo tras sufrir...