Inicio Blog Páxina 1595

O 70% dos membros da UVigo quere mellorar os seus coñecementos en igualdade

O estudo titulado ‘Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo‘ concluíu que “ao redor do 70% dos membros da comunidade universitaria quere mellorar os seus coñecementos en materia de igualdade”.

Así o manifestou este luns Laura Seara, da consultora Rede Talento, durante o acto de presentación do estudo que contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez.

Co obxectivo de atender esta demanda de formación, a Universidade de Vigo anunciou a posta en marcha, a partir do 1 de abril, dun itinerario virtual de formación en xénero aberto ao alumnado, persoal docente e investigador.

O itinerario virtual está conformado por oito cursos elaborados por expertas da Universidade de Vigo, segundo explicou Águeda Gómez. Concretamente, consta dun módulo básico de 40 horas e cursos especializados de 120 horas nos que se abordarán diferentes temáticas que van desde a normativa ata o acoso sexual.

Ademais, co obxectivo de “potenciar” a participación e involucración do alumnado, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo indicou que a realización de ditos cursos será recoñecida con créditos ECTS para o alumnado e como formación para o persoal docente e investigador.

Neste contexto, o reitor da Universidade de Vigo recalcou a importancia de “contribuír a unha sociedade máis xusta desde o punto de vista formativo pero tamén desde o campo da investigación”. Ademais, subliñou que “unha sociedade máis xusta non pode senón ser feminista”.

CONCLUSIÓNS

A investigación, encargada pola Unidade de Igualdade á Consultora Rede Talento e financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi realizada en base a 375 entrevistas presenciais realizadas nos tres campus da Universidade de Vigo e en once das súas escolas ou facultades.

O traballo foi exposto por Laura Seara como un estudo “divulgativo”, ademais dunha “ferramenta para a elaboración de investigacións e plans no campo da igualdade”. Neste sentido, Seara afirmou que “se detecta aínda un contexto masculinizado con brechas de xénero palpables na comunidade universitaria” e presentou o estudo como “unha aproximación a esas brechas”.

Entre os aspectos positivos, respecto da valoración da situación das mulleres en institucións e organizacións, o documento recolle a Universidade de Vigo como “a institución mellor valorada respecto de igualdade, conxuntamente coas asociacións estudantís”. Mentres, presenta como as peor valoradas pola comunidade universitaria os clubs deportivos, o Ibex 35 e as forzas e corpos de seguridade.

Con todo, en canto á violencia de xénero, o documento sinala a existencia dun “preocupante descoñecemento sobre a definición deste concepto”. A pesar deste dato, o texto engade que “se observa un positivo rexeitamento de falsos tópicos erroneamente relacionados coa violencia de xénero respecto da dependencia económica das vítimas ou ao baixo nivel formativo”.

O documento tamén recolle como “practicamente a metade da poboación universitaria foi vítima de tocamentos no cu nalgún espazo público (rúa, zonas de lecer) ao longo da súa vida e un 60% sufriu acoso verbal na rúa”. De feito, o acoso verbal nas rúas ou os comentarios sobre o físico son “unha temática preocupante para o 90% das mulleres”.

Ademais, a investigación tamén solicitou ás persoas enquisadas que indicasen o posto de traballo que aspiran a desenvolver nun futuro e a súa preferencia. En base ás respostas, concluíuse que “a comunidade universitaria aspira a exercer a súa profesión con estabilidade pero sen responsabilidades”.

Abel Caballero di que foi Feijóo o que ordeou ao PP vigués marchar do Pleno dos Vigueses Distinguidos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, atribuíu a unha esixencia de Feijóo o abandono do Pleno dos Vigueses Distinguidos por parte do grupo municipal do PP, e afirmou que a saída dos concelleiros populares debeuse a que o seu líder desde Santiago non quería que apoiasen o recoñecemento aos profesionais da Sanidade Pública.

No pleno extraordinario deste venres aprobouse a designación dos Vigueses Distinguidos de 2019 (varios centros educativos; o pintor Diego Giráldez; Radio Taxi; o director da Coral Casablanca, Óscar Villar; tres entidades veciñais e culturais; e os ex xefes de Atención Primaria da área sanitaria), ademais da Medalla da Cidade, para o Consorcio da Zona Franca.

Para Caballero, o PP marchou do pleno “porque llelo esixiu o señor Feijóo”, xa que estaban ante a tesitura de “ter que apoiar aos profesionais da sanidade e aos xefes dimisionarios que defenden a sanidade”. “Feijóo prohibiulles terminantemente que apoiasen a estes profesionais como un templo”, denunciou o rexedor olívico, quen precisou que o recoñecemento de Vigueses Distinguidos é “para todos os profesionais sanitarios”, aínda que “se simboliza nos que dimitiron”.

Abel Caballero preguntouse “que pretendía o PP” e ironizou sobre o feito de que quizá os ‘populares’ preferisen que se premiou “ao conselleiro de Sanidade”, ou “que viñese Feijóo” a recoller a distinción.

Segundo o alcalde, o que o PP fai nos plenos de Vigo “é unha vergoña política” porque, no seu “concepto especial da democracia”, “se non están de acordo con algo, levántanse e vanse”. “Isto convértese nun hábito antidemocrático, e todo por obedecer a Feijóo”, sentenciou.

Así mesmo, recalcou que a “dependencia política” do PP vigués con respecto a Santiago é “total” porque “se non, non van nas listas”, por iso están “sempre ao lado de Santiago, e nunca de Vigo”.

O Concello de Vigo respóndelle a Feijóo: “O que pasa é que ten medo dos seus contratos co amigo narcotraficante”

A guerra entre a Xunta e o Concello de Vigo é “total”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificaba este xoves ao alcalde vigués coma “personaxe” e “ridículo” e este venres foi o portavoz do goberno local, Carlos López Font, quen lle respondeu. “Feijóo entrou en pánico”, dixo.

“Foi pedirlle explicacións dos contratos co seu amigo o narcotraficante e púxose máis nervioso que nunca. Insulta ao alcalde de Vigo”, dixo. “Pode seguir insultando, pero o que queremos é que explique, e iso é o que o pon moi nervioso”, indicou Font sobre a posibilidade de que o concello abra unha investigación sobre as amistades de Feijóo con Marcial Dorado. Ademais, criticou ao presidente da Xunta por non estar cos vigueses a noite do accidente do Marisquiño. “E iso é algo que nunca lle perdoarán os vigueses”, sentenciou.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou sentirse “gravemente insultado” por Feijóo, “que ten esta forma de dirimir os seus propios conflitos”. “Nunca contestei os insultos e non os vou a contestar agora”, rematou.

Foxe tras chocar contra un muro en Vigo baixo os efectos do alcol

Unha muller de 32 anos domiciliada en Vigo, A.G.A., foi denunciada por fuxir tras impactar contra o muro dunha vivenda mentres conducía baixo efectos do alcol na cidade olívica. Os feitos tiveron lugar este xoves sobre as 10,00 horas, cando a sala de comunicacións do 02 foi alertada dun turismo chocara contra o muro dunha vivenda na Estrada de Bembrive, segundo detallaron fontes policiais.

Así, os axentes comprobaron que a condutora abandonara o lugar apresuradamente deixando o vehículo no punto da colisión e localizaron o seu domicilio mediante as bases de datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Unha vez no lugar, identificaron á muller e observaron que presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas, polo que lle realizaron as probas, que arroxaron resultados 0’57 e 0’56 mg/l de alcol por aire expirado, o que non excede o límite penal establecido. Por iso, instruíronse dilixencias e denunciouse a esta persoa por abandonar o punto do accidente sen facilitar os seus datos.

COLISIÓN CONTRA UN VEHÍCULO ESTACIONADO

Por outra banda, os policías tiveron constancia de que, sobre as 00,55 horas deste venres, outro vehículo deuse á fuga tras chocar contra un turismo estacionado na rúa Chano Piñeiro. Unha testemuña facilitou os datos do condutor e estableceuse un operativo de procura composto por varias unidades policiais que permitiu localizar o vehículo na confluencia da rúa Rosalía de Castro coa rotonda de Miragaia.

Deste xeito, identificouse o condutor, un home de 61 anos domiciliado en Vigo, J.G.N.P., ao que se realizaron as probas de alcoholemia debido aos síntomas de consumo que presentaba. Así, obtívose un resultado positivo de 0,66 e 0,59 mg/l de alcol por aire expirado, o que non excede o límite penal establecido, polo que se instruíron dilixencias e denunciouse a esta persoa por abandonar o lugar do accidente sen trasladar os seus datos.

Banco Caixa Geral: 25 millóns de euros de beneficio en 2017, falta de transparencia e dous EREs

Traballadores do Banco Caixa Geral iniciaron as mobilizacións cunha concentración celebrada este martes en Vigo, cun obxectivo dobre: reclamar información e transparencia no proceso de venda do banco e esixir o mantemento dos 538 postos de traballo que conserva a entidade nas súas 110 oficinas en España. Os traballadores non descartan a folga.

Varias decenas de empregados do banco convocados polos sindicatos CIG e UGT concentráronse fronte a sede do Banco Caixa Geral en Policarpo Sanz, no centro de Vigo, onde cantaron consignas como “non á venda do Banco Caixa Geral”, “emprego si, EREs non”, e “Figueroa, trampón, pareces un Borbón”.

Segundo o secretario da sección sindical da CIG neste banco, Xabier Fernández Davila, a mediados de xaneiro a dirección da empresa comunicoulles que a matriz, Caixa Geral de Depósitos, decidiu vender Banco Caixa Geral após a “imposición de Bruxelas” deste condicionante para “darlle financiamento”.

Un momento da concentración / CIG

“Somos un banco que nos últimos catro anos deu beneficios. O último (2017) foron 25,4 millóns de euros”, asegurou, referendando que, por tanto, a venda non se pode xustificar en que o Banco Caixa Xeral sexa deficitario.

En todo caso, explicou que, após coñecerse a decisión da venda, o conselleiro delegado do banco, Manuel López Figueroa, fixo “a promesa de que informaría de forma pormenorizada do proceso de venda” aos traballadores; pero, a pesar das peticións dos sindicatos de reunirse a estes efectos, só tiveron novidades a través dos medios de comunicación.

TRANSPARENCIA

Neste sentido, comentou que tamén pediron información á Caixa Geral de Depósitos, pero remitiulles á comisión executiva de España, que á súa vez di que non ten información. Por iso, insisten en reclamar transparencia neste proceso de venda e que se manteñan os 538 postos de traballo do banco, dos que uns 150 están en Madrid, 140 en Galicia e 135 en Estremadura.

En concreto, solicitan coñecer o caderno de venda, no que constan os condicionantes do proceso de venda, para saber se venden o banco enteiro, por partes, se manteñen aos traballadores, en que condicións, e se pechan oficinas. “Pero non o facilitan”, lamentou.

A pesar de todo, manifestou que a entidade financeira “segue crecendo, a clientela non está afectada” por esta situación, e os traballadores de Banco Caixa Geral continúan coa súa actividade laboral “con normalidade” aínda que con “incerteza sobre o seu futuro”.

UNIDADE SINDICAL

Ante todo isto, o portavoz avanzou que, após a concentración deste martes en Vigo (a primeira que realizan), convocarán outras mobilizacións tanto en Madrid como en Estremadura para tentar forzar a negociación. No caso de Vigo, aclarou que Comisións Obreiras “preferiu non asistir a esta” protesta pero “posiblemente vaian ás outras”.

En este mesmo sentido, recalcou que prevé que CC.OO. acuda ás próximas mobilizacións, xa que entre o tres sindicatos hai “boas relacións” e, en todo caso, “continúa a unión sindical” e esta é “inalterable”.

 Levan soportados dous EREs, o último en 2013, reducindo as oficinas de 209 ao número actual de 110, e o cadro de persoal de 1160 a 538 traballadores/as a día de hoxe, cunha idade media de 45,12 anos e unha antigüidade media de 18,20 anos.

Respiro da Covid na área de Vigo tras máis de dúas semanas cunha alta incidencia

Galicia arrinca a primeira semana de agosto cun descenso dos novos contaxios de Covid-19 a 939, polo que se sitúan por baixo do milleiro por primeira vez tras 13 días, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus increméntanse a 328 –unha ducia máis– e a taxa de positividade repunta a un 14,9%. Os casos activos descenden a 18.807.

Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros de ata as 18,00 horas do domingo, recollidos por Europa Press, a presión hospitalaria sobe en todas, salvo na de Vigo, onde baixan a dous os pacientes Covid en UCI –un menos– e soben a 47 os doutras unidades –un máis–.

BAIXAN OS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid-19, tras o lixeiro incremento da xornada anterior e o descenso do sábado, baixan a 18.807, que supoñen 157 menos, ao haber máis altas (1.093) que contaxios (939), ao que se engaden tres falecementos.

Con respecto a hai unha semana, hai 1.509 infeccións activas máis que as 17.298 rexistradas o luns 26 de xullo, tras máis dun mes en ascenso continuo ata este pasado sábado. Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en Vigo (-107), aínda que se mantén á cabeza de casos en Galicia con 4.577.

MENOS DE MIL CONTAXIOS

A primeira semana de agosto arrinca con menos de mil novos contaxios de Covid-19, tras situarse por encima desa cifra desde o martes 20 de xullo, ao descender a 939, que supoñen 361 menos que os 1.300 do primeiro día deste mes.

En Galicia foron confirmados 905 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día dos cales, 129, corresponden á area de Vigo.

Iolanda Zúñiga, escritora viguesa: “Hai temas que os autores non tocan por medo á represalia do público”

Iolanda Zúñiga vén de presentar oficialmente a súa novela “Natura”, pola editorial Galaxia. Un gran momento para entrevistala desde Xornal de Vigo, pese a que a obra xa saíra en decembro: “O alento da literatura non ten que ver coa rapidez, é algo de longo percorrido”, resume.

“A cousa está fatal, sobre todo para o libro en galego”, lamenta. Segundo a Asociación Galega de Editoras, só o 4% dos galegos escolle libros escritos nesta lingua. “O galego está en perigo de extinción”, advirte a escritora viguesa.

Vivir da escrita semella misión imposible: “Os únicos que poden sacar algo son os que van sumando de conferencias, artigos de prensa, recitais, charlas… pero de vender libros o dubido. Ou iso ou gañan premios, que normalmente favorecen a determinadas temáticas”.

“Estase caendo no didactismo na arte en xeral, poñer o politicamente correcto por riba da arte, hai temas que os autores non tocan por medo á represalia do público. Pero entón, que facemos con Bukowski, con Siniestro Total, e tantos outros, que foron totalmente incorrectos?”, reflexiona.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

En 2010 gañou o premio Xerais pola novela ‘Periferia’, cunha historia centrada nos suburbios brasileiros: “Defendo que é miña mellor obra, incluso coa frustración de saber que non a vou superar. Era un tema que me fascinaba, nun lugar que sempre quixen coñecer, déronse unhas condicións que dificilmente se repetirán. Ademais, falaba moito da música brasileira, tan presente desde a miña infancia”.

‘Periferia’ son 500 páxinas sen puntos e aparte: “Intentaba describir o ritmo frenético da cidade, asfixiar aos lectores. E estaba escrita nunha mestura de galego e xerga brasileira. Foi arriscado, tivo éxito de crítica pero non se correspondeu coas vendas. É difícil de ler”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Nestes días tenta compaxinar o seu labor de autora co traballo como camareira, algo que, recoñece, resulta complicado: “E unha cousa é escribir relato e outra novela. Os relatos son amantes e a novela un matrimonio. Os amantes excitan, pero xa vas ao seguinte. Pero no matrimonio tes que estar presente día tras día. É moi difícil construír unha novela traballando cinco días á semana”.

Presentación do libro de Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Defende a forma sobre o contido para esta arte: “Creo que a historia é o de menos, o que importa é a maneira de contar. Podes narrar como un home viaxa en bus, e facelo xenial. Calquera tema pode valer para a literatura, o máis absurdo, vulgar e cotiá”.

Iolanda leva 5 libros publicados, o primeiro con 25 anos, xa se define como ‘escritora tardía’: “Nada escribira antes, agás a lista da compra. Comecei como unha terapia persoal, algo co que sanarme, pura comunicación, a ver se atopo alguén que me entende”.

Anteriormente fixera teatro a nivel ‘amateur’: “Na literatura non tes que chegar a acordos con ninguén, como nun grupo teatral ou musical, que hai que consensuar e debatir. Na literatura xa podes esnafrarte só”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

Primeiro foron relatos breves, logo un poemario, despois chegou a novela ‘Periferia’ e o éxito de crítica, á que seguiu un período de ‘sequía creativa’ que durou 8 anos. Si escribía, pero non culminaba as obras para publicalas. Entón decidiu acometer o que define como ‘suicidio laboral’ e deixar o traballo. Así foi como chegaron as súas seguintes dúas obras, agora este ‘Natura’ (Galaxia, 2018).

Sobre os best-seller, ironiza: “Eu sinto envexa de non dominar a técnica para vender moito, e con esa pasta poder facer logo un libro que me entusiasme. A verdade é que non me produciría pracer escribir a ese xeito, pero tampoco coñezo as ferramentas”.

Iolanda Zúñiga/ Miguel Núñez

O seu derradeiro libro está baseado nunha novela que lle abraiou, ‘A estrada’ de Cormac McCarthy, adaptado á gran pantalla con Viggo Mortensen. Neste senso, recoñece grandes influencias para a súa obra no cine e tamén na música, cos cantautores e as súas letras, destacando por riba de todos a Silvio Rodríguez.

Lamenta que agora se valoren aspectos “extra artísticos”, estéticos, “que un teña Instagram, cousas dese tipo. Non é honesto. Rosalía ten talento, pero todo o que a rodea é o 50%”.

O Celta confirma dous positivos por coronavirus

O Celta e o Real Valladolid confirmaron este xoves que detectaron casos positivos, dous no conxunto vigués e un no valisoletano, tras as probas realizadas antes de iniciar a pretemporada.

Varias informacións indicaron este mércores a existencia destes dous positivos no equipo vigués, pero este non fixo oficial ningún deles ata que o presidente Carlos Mouriño foi preguntado este xoves en rolda de prensa, aínda que non desvelou os nomes dos afectados.

“Estes dous xogadores volvéronse a facer os test e esperemos que saian favorables. Son asintomáticos, de moi leve incidencia, e esperemos que dean negativo e poidan incorporarse inmediatamente”, sinalou o dirixente.

Así, lembrou que son “tremendamente rigorosos” e que non podía dicir quen eran os dous futbolistas. “Esa é unha cuestión do laboratorio, que o comunica directamente a LaLiga e esta non ten a obrigación de dicirnos os nomes”, advertiu, asegurando que xa tiveron outro xogador que deu positivo “fai moito”.

Ata o momento, nos últimos tres días, trece clubs, oito de LaLiga Santander (Celta, Valladolid, Athletic, Osasuna, FC Barcelona, Real Betis, Deportivo Arabés e Granada CF) e cinco de LaLiga SmatBank (RCD Espanyol, SD Huesca, RCD Mallorca, CD Tenerife e a UD Las Palmas), anunciaron casos positivos.

De todos eles, o Athletic Club informou dun total de seis, mentres que Real Madrid, Sevilla, Atlético de Madrid, CF Fuenlabrada, UD Almería e Real Zaragoza tamén comunicaron positivos nos últimos días.

Feijóo promete agora estabilidade laboral ao persoal sanitario

0

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu o seu erro e o de distintas consellerías no anuncio do controvertido cheque regalo de 250 euros para que os profesionais sanitarios. Con todo, aproveitou durante a rolda de prensa do Consello da Xunta deste xoves para anunciar que estudan “incentivos” e mellorar as condicións laborais dos profesionais do Sergas en canto lle cheguen as axudas Covid do Goberno central.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA

“É evidente que houbo unha explicación pésima e moi desacertada, comezando or min”, dixo Feijóo ao ser preguntado polas críticas de todo o sector sanitario –asociacións, sindicatos ou colexios profesionais– contra o chegue dos 250 euros. Así, destacou que este bono “non ten que ver co sector sanitario”, senón que tiña como fin impulsar o sector turístico.

“Tentamos impulsar medidas para diminuir o impacto económico“, dixo ao tempo en que insisitiu en que “non se explicou ben” e, polo tanto, “non se entendeu ben”, por parte dos sanitarios. “Pido diseculpas porque non era esa a nosa intención”, recoñeceu.

MEDIDA ELECTORAL?

Con todo, Feijóo tentou enmendar este “erro”, anunciando novas medidas para estabilizar a situación laboral dos sanitarios. Precisamente, todos os colectivos deste sector, sen excepción, criticou que se dean bonos regalo, pero non se estabilice as condicións laborais nas que se atopan moitos profesionais.

Por iso, e a unhas horas do arranque da campaña, Feijóo anunciou que mellorará estas condicións e que, tanto as consellerías de Sanidade como de Facenda, están xa estudando propostas en materia de “incentivos e estabilidade laboral” para todo o colectivo sanitario. “Pero para iso temos que saber o que nos tocará do fondo de 16.000 millóns de euros prometidos polo Goberno para paliar os efectos da Covid-19”, dixo. 

“Cando saibamos o que nos toca, miraremos o que podemos facer e presentaremos unha proposta que será discutida na mesa sanitaria cos sindicatos”, engadiu.

Marea de Vigo afea ao goberno local que non abrise liñas de axudas a pemes e autónomos

O grupo municipal Marea de Vigo afeou este venres ao goberno local que encabeza Abel Caballero que a cidade olívica “é das poucas grandes cidades” do país que non puxo en marcha liñas de axudas a pequenos empresarios e autónomos, por exemplo, os do sector da hostalaría.

Nunha rolda de prensa telemática, o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, apuntou que cidades como Lugo, Ferrol, ou Valencia, si activaron eses mecanismos de axuda, e advertiu de que “está moi ben” facer reunións con expertos, ou cos representantes dos diversos sectores, “pero non hai unha liña directa de axudas“. “É momento de porse a traballar, as grandes declaracións están ben, pero é buscar titulares e non porse ao concreto”, engadiu Pérez Correa.

Por outra, Marea de Vigo propuxo tamén a creación dun servizo que facilite a conciliación e a reincorporación paulatina de traballadores, especialmente mulleres, no marco da ‘desescalada’ tras o confinamento do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus.

Segundo apuntou a concelleira Oriana Méndez, o xa existente servizo de atención á infancia a domicilio podería servir de “modelo” para pór en marcha un servizo similar. A ese respecto, lembrou que os menores de 6 anos non van volver ás clases no que queda de curso e iso, entre outras cuestións, fai “imperiosa” a necesidade de facilitar esa conciliación.

CONCESIONARIAS

Finalmente, Rubén Pérez volveu incidir en que o goberno local debe aclarar que indemnizacións se van dar ás empresas concesionarias, porque se acolleron a ERTE e gran parte dos salarios (o principal custo nas explotacións dos servizos) son asumidos polo SEPE, ademais de que se aforrarán as cotizacións á Seguridade Social mentres dure o estado de alarma.

Nese sentido, cuestionou novamente por que non se decretou a suspensión deses servizos, para que os salarios, seguros ou alugueres fosen asumidos polo Concello. “Sería perverso que se lles pagase indemnizacións cando o 80 por cento dos seus custos o están aforrando”, indicou.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed