Inicio Blog Páxina 1536

Localizan os cans que atacaron e mataron varias ovellas en Gondomar

A policía Local localizou finalmente as cadelas soltas que atacaron a unha ovella e mataron a outra na parroquia de Chaín.

O domingo pola tarde estes cans, de xeito incontrolado, atacaron as ovellas dunha finca lindante na parroquia gondomareña. A Policía Local identificou e localizou os cans que calificou como “agresivos” e tamén deu co paradero da súa propietaria.

As dúas cadelas que protagornizaron o ataque ás ovellas en Chaín.

Pola súa parte a dona dos cans critica a actuación policial e defendeu nas redes sociais o caracter “tranquilo” dos cans, e culpou do sucedido a que alguén rompera o peche da finca, motivo polo cal os cans escaparon.

O luns interviron ditos animais por carecer de documentación e microchip, e foron traslados ao Centro de Acollida e Protección de Animais, (CAAN) da Deputación Provincial.

Cae unha avioneta ao mar na Guarda sen causar feridos

0

Unha avioneta caeu ao mar esta tarde de martes nas proximidades da praia da Lamiña, na Guarda, sen que se teña constancia de feridos, segundo informa o 112 Galicia.

A aeronave foi remolcada por unha embarcación ao municipio portugués de Caminha despois de caer na desembocadura do río Miño entre Camposancos e Caminha.

Foi unha persoa particular quen se puxo en contacto co 112 Galicia para dar conta dos feitos ás 16,50 horas. Foron avisados, entre outros, Policía Local da Guarda, Garda Civil, Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia.

Un policía fóra de servizo permite a detención dun vigués que furtou unha mochila na praia de Samil

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 42 anos de idade, J.J.F.G., como presunto autor dun delito de furto, tras subtraer a mochila dunha bañista na praia de Samil.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado venres pola tarde, cando unha dotación da Patrulla de Costa e Praias do 092 foi requirida por varios cidadáns, quen alertaron de que se cometeu un furto no areal.

Cando chegaron os axentes observaron que un home estaba a reter a outro, e que había unha muller nerviosa con eles. Esta señora explicoulles que se estaba refrescando na beira da praia, cando se decatou de que un individuo levaba a súa mochila.

Ante esa situación, a muller comezou a gritar e alertar ao resto de bañistas, entre os que estaba un axente de Policía Nacional fóra de servizo, que se botou a correr detrás do presunto ladrón e logrou interceptalo.

Novo ERE suspensivo aos traballadores de Maderas Iglesias, que non cobran o salario íntegro desde decembro

A empresa Madeiras Iglesias, dedicada á fabricación de tarima flotante, vén de expoñer a un ERE suspensivo aos seus 200 traballadores, segundo trasladou o comité de empresa este luns.

O comité de empresa convocou mobilizacións para rexeitar este novo ERE suspensivo anunciado pola dirección. A primeira terá lugar este venres día 25 cun paro de dúas horas entre as 13,00 e as 15,00 horas e cunha concentración diante das instalacións da empresa no Porriño.

“Non vemos unha saída á situación que estamos a padecer os 200 traballadores e traballadores que quedamos, a dirección segue sen aclarar cal vai ser o futuro da compañía”, manifestaron desde o comité de empresa, que insistiu en que o ERE “non é a solución”.

O comité de empresa de Madeiras Igrexas criticou a “actitude” do empresario e a “falta de implicación” da Xunta neste conflito.

Desde o comité deixaron claro que rexeitan este ERE, cuxa comisión negociadora se constituirá nos próximos días, e recordaron que se trata do noveno que presenta a empresa.

Tamén puxeron de relevancia que o persoal segue sen cobrar o seu salario íntegro desde o pasado mes de decembro e que o propietario de Madeiras Igrexas está a incumprir os acordos que lles permitiron desconvocar unha folga a finais do 2018.

A presidenta da Favec demanda por inxurias á edil de Benestar de Vigo para que se retracte publicamente

A presidenta da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec) de Vigo, María Pérez, presentou este mércores unha demanda de conciliación por inxurias e calumnias contra a concelleira de Benestar, Isaura Abelairas, na que solicita que se retracte publicamente porque, segundo as súas palabras, “ofendeu gravemente” ao colectivo que representa: “E represento bastante máis que eles”, afirmou en referencia ao goberno local.

“Non me gusta empezar o ano deste xeito pero xa que a concelleira Isaura Abelairas non se retractou das súas palabras non me quedou outra que presentar unha demanda de conciliación”, trasladou María Pérez ante os xulgados de Vigo. “Espero que nesa conciliación se presente e quede o tema aquí”, engadiu.

María Pérez instou á concelleira de Benestar a retirar as “acusacións” que verteu contra ela no medio dun cruzamento de declaracións no marco do desafiuzamento dunha muller vítima de violencia de xénero con tres menores ao seu cargo en Vigo. “É moi grave o que dixo”, esgrimiu a presidenta da Favec.

“Que se retracte de todas as súas afirmacións, sobre todo cando dixo que eu revelara as localizacións deses pisos porque en ningún momento revelei nada. Eses pisos estaban pechados porque alguén dixera onde eran. O resto que dixo non o teño en conta, dáme igual que diga que son do PP, de En Marea ou do BNG”, aseverou.

Pérez manifestou que o que dixo é que eses pisos “aparecían” na páxina web do Concello de Vigo e que se puxesen a disposición” de quen os necesitan. “Como así se puxeron agora creo que dous deles. Ese é o bo camiño”, reiterou.

“Queremos que senten connosco a falar do que está a pasar nesta cidade e que non o intenten tapar insultando aos que estamos aquí traballando polos demais altruistamente“, manifestou Pérez. “Cada día supéranse máis os do PSOE, incrible”, salientou.

“Está a intentarse vender unha cidade de luceríos e de Peter Pan e diso nada. Aquí hai problemas de emprego e de servizos sociais. E ao verse descubertos ante os cidadáns utilizan a calumnia. Que se tranquilicen un pouquiño, estamos só aquí para axudar”, proseguiu.

A presidenta da Favec argumentou que “o único” que fan as asociacións é “traballar gratis” para a xente que acode a eles “trasteada das administracións”. Pérez sostivo que “é aberrante que os políticos se dediquen a estas cousas, en lugar de atender ás familias que o están pasando mal”.

Este mércores presentouse a demanda por inxurias e calumnias e agora estase á espera do xulgado poña data para a conciliación.

Respecto ao desafiuzamento de Aicha E.F., vítima de violencia de xénero con tres fillos menores ao seu cargo, que foi paralizado antes de Nadal polo xulgado, a presidenta da Favec reiterou que “segue sen solución”.

O Concello de Vigo non se puxo en contacto con Aicha E.F. Así o confirmou ela mesma a Europa Press.”Foi a ver máis de 60 pisos e non é fácil, piden avais e nóminas e ela non ten traballo”, insistiu María Pérez, quen explicou que esta familia “está desesperada” ante a inminente data de execución do seu desafiuzamento o próximo día 17 de xaneiro.

“Están a mentir”, asegurou a presidenta da Favec sobre o goberno local. “O alcalde non para os desafiuzamentos”, agregou. Pérez explicou que as familias acoden á federación “porque non son atendidas como ten que ser” nas institucións. “Non pode ser o que está a pasar nos servizos sociais”, remachou.

Este mércores a presidenta da Favec estivo acompañada dunha familia que acudiu a eles o pasado 27 de decembro. “O 24 de xaneiro teñen unha orde de desafiuzamento e danlle cita nos servizos sociais do Concello o día 30”, anunciou Pérez.

Margias F.O.G., de 38 anos de idade, é de orixe cubana e leva 20 anos en España. “Hai un ano e medio a vida deume un revés”, sentenciou ela mesma ante os medios en Vigo. Ten tres fillos menores: un de 17 anos de idade, outro de catro anos de idade e un bebé de 11 meses. Dedícase á hostalería e a última vez que traballou o fixo “sen cobrar”. Este mércores pedirá un avogado de oficio para ver se se pode pedir unha prórroga do desafiuzamento.

Os axentes forestais toman as rúas de Vigo apoiados pola sociedade galega

Os axentes forestais de Galicia, en folga indefinida desde o día 1 de agosto mentres sofren uns “servicios mínimos” do 100%, manifestáronse hoxe en Vigo, seguindo unha ruta que partiu da Fonte dos Cabalos e 2,3 quilómetros despois chegou ao Monumento a Xules Venre, baixando por Gran Vía.

Desde o Comité de Folga insisten e que a negociación dun novo acordo non está pechada, pero este non será aceptado en caso de “non recoñecer a dignidade deste colectivo profesional”.

A manifestación contou co apoio de BNG, En Marea, PSdG (asistiron tanto o Secretario Xeral, Gonzalo Caballero, como o Deputado Abel Losada), Compromiso por Galicia, Agroma Sober, Esperta Monforte e concelleiros do PSdG en Vigo. A Federación Rural Galega (FRUGA) tamén fixo patente o seu apoio.

 
Ademais, estaba respaldada pola Asociación Profesional de Axentes Forestais/ Medioambietais de Galicia, a Asociación de traballadores contra incendios forestais de Galicia (ATRIFOGA), a Organización Galega de Comunidades de Montes, a Plataforma de Bombeiros Forestais de Galicia, o Comité de Empresa SEAGA, as Mancomunidades de Montes do Val Miñor, Vigo e Salceda de Caselas, e polas comunidades de montes de Coruxo, Meira, Vincios, Peitieiros, Chaín, Couso, Borreiro, Saiáns, Chandebrito, Sober…

O apoio das asociacións ecoloxistas, como Amigos da Terra, Arco Iris, Verdegaia, Asociación Animalista Libera, ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño), e da Asociación Muiñeiros do río Tripes, tamén está presente nesta loita, así como o dos Concellos da Guarda, Nigrán, Fornelos de Montes, Tomiño, O Rosal, O Porriño, Pazos de Borbén, Marín…

o manifesto

No seu manifesto, denuncian que “a Xunta de Galicia, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao patrimonio natural deste País. Os distintos gobernos do PP na Xunta de Galicia nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso político alá polo ano 1992, nin está sendo quen agora de revisar, aprobar e por en práctica un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galicia”.

Manifestación dos axentes forestais/ Miguel Núñez

“Asemade, o acontecido o pasado 15 de outubro, como consecuencia dos aterradores lumes que asolaron parte do País, ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar ó goberno da Xunta de Galicia. A combinación dun alarmante abandono do rural, escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario onde xa non soamente son os bens de carácter forestal / ambiental os que corren perigo, é a mesma cidadanía deste País a que de facto corre perigo”, subliñan.

A súa denuncia defende que “o actual goberno da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais, despreza aos empregados públicos deste sector, negándolle sistemáticamente unha adecuada formación, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer, dun xeito adecuado, un servizo público de calidade á cidadanía deste país”.

Gonzalo Caballero, a manifestación dos axentes forestais/ Miguel Núñez

Os Axentes Forestais, funcionarios públicos da Xunta de Galicia, teñen asiganadas por diversas lexislacións de carácter autonómico e estatal as funcións de policía e custodia do medio natural, o control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas de carácter continental, a xestión e ordenación dos recursos forestais e a concienciación en materia ambiental e da prevención e loita contra os incendios forestais.

Nesta última faceta, unha das súas funcións é a de exercer a función de Director Técnico da Extinción dos  incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo toda a amalgama de medios das diferentes Administracións, entidades públicas e privadas que participan nas labores de extinción dun incendio forestal en Galicia.

Manifestación dos axentes forestais/ Miguel Núñez

“Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que conleva un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel
europeo”, subliñan os axentes forestais.

En folga indefinida dende o día 1 de agosto, están a exercela cuns servizos “mínimos abusivos e denunciados perante a Administración de Xustiza polas organizacións sindicais convocantes, xa que para o departamento de Medio Rural están tódolos integrantes do colectivo designados para cumprir servizos mínimos, sendo así conculcado o exercicio dun dereito fundamental”.

Manifestación dos axentes forestais/ Miguel Núñez

A orixe do problema, engaden, é que “os Axentes Forestais son “os do monte” e para o actual goberno o monte nunca foi unha prioridade. O actual goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía”.

riscos laborais

As queixas dos axentes forestais, por unha banda, refírense aos riscos laborais, algo xa denunciado a Inspección de Traballo nas catro delegacións.

Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Aseguran que tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións, nin se lles formou en técnicas de afrontamento de condutas agresivas e conflitos nin en técnicas de captura de animais, coidados e forma de actuación.

Non se lles dotou de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado.

Ademais, “na entrada e saída das granxas ou explotacións gandeiras non se toma ningunha medida hixiénica que minimice riscos de contaxio de enfermidades nin a súa exportación fora da explotación. Nin se colocan calzas, funda ou se realiza ningún protocolo hixiénico”, engaden.

“O persoal tamén carece de formación en riscos biolóxicos derivados da manipulación de animais e cadáveres de animais. Non se dotou a cada oficina de redes e útiles para manipular animais silvestres; no caso das serpes non hai pinzas axeitadas para manipulalas, así como luvas para evitar mordeduras no seu manexo. Non se formou os traballadores en técnicas de captura, coidados e forma de actuación”, subliñaron.

Tamén se denuncia que “non se estableceu ningunha medida concreta para evitar problemas de saúde ou accidentes debido a temperatura ou outras variábeis climáticas, polo que o persoal non ten formación nin información para prever un golpe de calor ou hidratarse axeitadamente; os vehículos non teñen cadeas ou sistemas para evitar escorregamentos na neve, e moitos deles levan rodas de estrada para circular polo monte; e tampouco se organiza o traballo tendo en conta os rigores climáticos, e moitas veces trabállase en solitario xa que non se cobren permisos, vacacións, baixas nin vacantes, o que minguou considerabelmente o cadro persoal”.

“O persoal carece de cascos para evitar golpes por caídas de obxectos na realización de tarefas concretas ou na entrada en instalacións como obras de estradas, vías e infraestruturas hidráulicas ou cortas de árbores. Tampouco ten formación en primeiros auxilios nin evacuación“, lamentan os traballadores.

Nos escritos presentados na Inspección tamén se lembra que” a pesar de que o persoal de conservación da natureza traballa só moitas veces, no medio natural e en situación de illamento, non esta prevista ningunha medida de seguridade para detectar un problema de saúde ocasionado durante a actividade laboral ou un accidente”.

Finalmente, denúnciase que “os axentes forestais e ambientais teñen entre as súas funcións a de dirección técnica de extinción, polo que existe unha asignación temporal de reforzo no verán dalgúns axentes dende o servizo de conservación da Consellería de Medio Ambiente cara ao servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural”.

Solicitan máis información ao Porto de Vigo, que xa foi amoestado no pasado por falta de transparencia

En Marea ven de solicitar á Autoridade Portuaria de Vigo toda a información relativa ao estado e ás tarefas de mantemento realizadas nos últimos anos na zona na que se produciu o afundimento do Marisquiño.

A formación ve necesario “establecer a causalidade dun accidente que deixou preto de 500 persoas feridas; e en relación ao cal é preciso actuar con luz e taquígrafos para delimitar con claridade as responsabilidades detrás do acontecido”.

En Marea entende que “non é de recibo que as partes implicadas continúen botando balóns fora e eludindo dar explicacións claras e concisas que permitan esclarecer este suceso. Así as cousas, o voceiro da formación ten remitido á Autoridade Portuaria da Cidade Olívica un escrito no que solicita acceso ao expediente completo relacionado co festival”.

Luís Villares considera imprescindible revisar os termos da autorización concedida á organización do Marisquiño; así como todos os informes e requisitos técnicos relacionados con aspectos como o aforamento, a seguridade e a protección esixidos para a concesión dese permiso.

Do mesmo xeito, En Marea pide que a Autoridade Portuaria aporte toda a información relacionada coas inspeccións e as tarefas de mantemento realizadas nos últimos anos na zona do paseo e do peirao afundida; así como o montante económico destinado a eses traballos de conservación.

A formación tamén solicita acceso ao documento íntegro (incluíndo planos) do Convenio “Abrir Vigo ao Mar” de 1992, así como a información referida á execución do mesmo desde a súa sinatura, con mencións específicas dos gastos de reparación, mantemento, inspección e control por parte dos organismos competentes desde o ano 1992 ata o ano 2018.

Entre os documentos reclamados por En Marea figura tamén o Plan de Autoprotección do Porto de Vigo vixente, así como os escritos, oficios de remisión e informes técnicos remitidos pola Autoridade Portuaria a outras administracións e entidades públicas en relación co réxime de titularidade, obrigas de mantemento e situación xeral do peirao e da zona do afundimento.

A opacidade da Autoridade Portuaria de Vigo conta con precedentes, pois o ente que preside Enrique López Veiga xa foi amoestado no pasado, por resolución do Consello de Transparencia de Bo Goberno, pola súa falta de transparencia ao negarse a subministrar información.

“Un proceder que non pode nin debe repetirse nun caso de gravidade coma o do Marisquiño, que produciu cuantiosos danos persoais e está a ocasionar numerosas denuncias dos afectados”, selan.

A Zona Franca de Vigo, recoñecida polos Premios á Innovación na Xestión Pública polos indicadores Ardán

A Zona Franca de Vigo foi recoñecida cun accésit polos Premios á Innovación na Xestión Pública que outorga o Ministerio de Facenda e Función Pública polos indicadores Ardán, que identifican e divulgan boas prácticas empresariais en Galicia.

Así llo trasladou o director xeral de Gobernación Pública, Olivié Bayón Céspedes, ao delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, segundo trasladou este último organismo. Bayón Céspedes tamén lle avanzou a próxima publicación da orde na que o Ministerio concede esta distinción a proposta do xurado.

Pola súa banda, David Regades valorou o traballo do equipo de Ardán e todos os traballadores do Consorcio e afirmou que este recoñecemento ratifica que “os indicadores son un valor para as compañías” e reforzan a “alta consideración” que a sociedade ten dos mesmos e os informes elaborados no mesmo sentido.

En concreto, o Premio á Innovación na Xestión Pública busca recoñecer prácticas innovadoras en produtos, servizos e iniciativas que melloren a organización e os procesos de xestión.

A candidatura da Zona Franca de Vigo que obtivo o accésit céntrase nun modelo implantado en 2015 para identificar e difundir a “excelencia empresarial” en Galicia nos ámbitos da innovación, a economía circular, a igualdade e a xestión do talento.

O Goberno comeza a redacción do anteproxecto de novo viario para a conexión da A-52 coa N-120 en Ponteareas

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) iniciou a redacción do anteproxecto do novo viario de conexión entre a autovía A-52 e a estrada N-120 en Ponteareas, provincia de Pontevedra.

A estrada N-120 ao oeste de Ponteareas, soporta unha intensidade elevada de tráfico, debido á mobilidade que se xera entre este municipio e a área metropolitana de Vigo.

Por este motivo, é necesario estudar unha nova conexión coa A-52 na contorna da ligazón desta última coa estrada PO-403, permitindo así redistribuír os movementos, diversificando os tráficos existentes.

Os traballos definirán a alternativa máis adecuada para o novo viario, mediante o diagnóstico da situación da área de estudo e obtención dos posibles corredores para acoller a nova infraestrutura, a definición das alternativas de trazado e posterior selección da máis adecuada para os obxectivos fixados.

Así mesmo, desenvolverase a tramitación da avaliación ambiental correspondente. O orzamento estimado da actuación ascende a 7 millóns de euros, aínda que este valor irase axustando ao definirse a alternativa.

Política Social destaca o papel dos comedores sociais, sobre todo no Nadal

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou este sábado o comedor social La Esperanza de Vigo, ao que a Xunta de Galicia destina máis de 200.000 euros entre 2018 e 2020. Alí mantivo unha entrevista de traballo con representantes da entidade encargada da súa xestión, Casa Caridade-Fogar San José, para coñecer a súa situación e necesidades do centro.

No transcurso do encontro, Arturo Parrado destacou o papel de organizacións como esta polo seu papel na atención ás persoas máis vulnerables, especialmente nestas datas de Nadal. O director xeral subliñou que Vigo é unha cidade máis solidaria grazas aos servizos que se prestan os 365 días do ano o comedor La Esperanza.

Neste sentido, afirmou que esta entidade seguirá contando co apoio do Executivo galego na posta en marcha de iniciativas que loiten pola plena inclusión e pola axuda ás persoas máis vulnerables, un labor para o que estimou imprescindible a colaboración con todas as administracións involucradas.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed