Inicio Blog Páxina 1535

Samuel González, de Honky Tonk Discos: “Dás por feito que teño paixón pola música?”

Honky Tonk Discos (Rúa Falperra, Vigo) abriu en 1997, cando as tendas de segunda man eran raras de ver na nosa cidade, e ocorría o contrario que agora, a xente non quería os vinilos e os vendía, regalaba ou tiraba, polo auxe do CD.

A idea foi esa, abrir unha tenda pensando sobre todo nos vinilos de segunda man, posto que había moitos. Agora as tornas cambiaron: era case impensable traballar sen un formato, o cedé, case residual hoxe en día.

A recuperación do vinilo, asegura Samuel, vai moi asociada ao desastre do CD: “A xente pensa: se quero un formato físico, elixo o vinilo, que ten valor. O CD perdeuno, salvo que decidas coleccionalos. En cambio o vinilo, ademais do tema nostálxico, cun bo equipo é sorprendentemente, a pesar de ser tan antigo, mellor que nada, insuperable”.

Ao mesmo tempo, recoñece o rol que xoga Internet: “É unha ferramenta perfecta para coñecer”. En definitiva, os tempos cambian e o vinilo segue alí, manténdose, iso si, “de forma minoritaria, cunhas cifras a anos luz das dos 70, 80 e 90. A xente está conectada e nin descargan xa, para que? Para encher a memoria do teléfono?”

 

Discos honky tonky© miguel Nuñez
Portadas de dous discos “míticos” na tenda de música Honky Tonky / Miguel Núñez

Comezaron só con segunda man, agora teñen segunda man e tamén novo. O vinilo supera por moito en facturación ao disco, asegura Samuel, dono do establecemento: “Agora mesmo todo, dende Metallica a Beyoncé, sae en vinilo. Nos 90 e a comezos de século moitas cousas só saíron en CD, pero houbo un gran regreso”.

De feito, asegura, están saíndo en vinilo obras reeditadas que no seu momento publicáranse só en CD: “Coma o Agila de Extremoduro, un dos máis vendidos do rock español, que no seu momento a discográfica non considerou necesario publicalo en vinilo. Ao final están detrás as compañías. Nese momento decidiron non sacalo e se o querías aguantábaste, e agora como o disco está morto regresa un formato que abandonaran, pero ten a vantaxe, ademais de seu son, de que non se pode piratear”.

As tendas de música enfróntanse a multitude de dificultades: “Agora metéronse as multinacionais e as cadeas tamén, e é imposible competir. Ademais é cada vez más difícil conseguir discos de segunda man bos, quedan poucos, porque a xente xa é consciente do seu valor, ademais Internet tamén cambiou que cando tiñas que comprar e vender algo tiñas que ir a unha tenda, agora podes facelo en calquera plataforma en rede”.

se tivera unha tenda de zapatos, pensarías que son un apaixonado do calzado?

Para Samuel, o formato para escoitar música é o vinilo: “Que tamén hai que ter en conta a situación e comodidade de cada un. Se traballas de comercial e estás dez horas no coche, escoitarás música alí. Iso si, a min non se me ocorre por cancións en casa co ordenador, aínda que por suposto entendo que ter un equipo bo e unha colección é algo caro, e coa crise…”

Afectoulles a recesión, a falta dunha gran tradición cultural, e que por exemplo o libro teña un  IVE reducido pero a música non, co 21%: “Non ten moito sentido. Considérase ocio, non cultura. Non creo que fora vender moito máis, pero paréceme inxusto”.

Samuel Gonzalez © Miguel Nuñez
Samuel González, experto en rarezas musicais. Leva anos vendendo música no Honky Tonky, mítica tenda da rúa Falperra de Vigo.

Dende o principio entendeu a tenda como algo aberto nivel de xéneros: “Ter unha tenda só para uns poucos estilos pódese facer en cidades grandes, e con sorte. Non é viable en Vigo, unha tenda só de música negra, ou de metal, ou hip hop e electrónica…

Samuel plantexou unha pregunta curiosa, sobre un prexuízo quizais inevitable: “Das por feito que teño paixón pola música? Se tivera unha tenda de zapatos, pensarías que son un apaixonado do calzado?”.

E que entende el pola música?: “Son tantos anos que xa escoito de todo, o vexo doutra maneira. É un tema máis de conectar co artista, sen barreiras de estilos. Eu non son do indie, nin do metal, nin punk nin nada. Non sei o que me gusta, depende de etapas e circunstancias. Veñen nenos de 15 anos e anciás de setenta e intento que atopen algo na música”.

Discos © Miguel Nuñez
Discos de Roger Waters e Óscar Avendaño / Miguel Núñez

Anos de experiencia descubrindo, desfrutando e ofrecendo obras de arte: “Ao principio non che gusta que custe traballo ao oído un disco, pero agora escoito algo e se me entra fácil de primeiras xa sei que está ben pero o poño dúas veces máis e aburriume. Prefiro escoitar algo e que se me preguntaran se me gusta, diría: non o sei. E que esa dúbida me leve a escoitalo outra vez, e outra. Outros din: ¡que raro!, e xa cortan con iso”.

Samuel aprende tódolos días, cos seus clientes: “Todos temos prexuízos ou equivocámonos. É máis interesante aprender que dar leccións”.

A UVigo clausura o seu proxecto de xestión unificada de biobancos mariños en Europa

O proxecto ‘European Blue Biobank’ (EBB), liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, celebrou este martes a súa clausura, logo de tres anos de traballo materializados nunha base de datos, un manual de boas prácticas e unha guía para usuarios finais.

Cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o proxecto arrincou en 2017 coa misión de sentar as bases para unha xestión unificada dos principais biobancos mariños de Europa e avanzar na xestión acorde á normativa vixente de ‘Access & Benefit Sharing’ (ABS) e as regulacións derivadas do Protocolo de Nagoya.

Así, o CIM coordinou o traballo de 20 socios de seis países diferentes, consolidando esta iniciativa como a primeira do mundo en coordinación transnacional de biobancos mariños. Segundo indicaron, trátase dun labor que “pode resultar complexo, xa que cada país ten as súas propias regras e protocolos”.

Entre os principais avances está a base de datos ‘Trace’, un catálogo en liña para a procura de recursos biolóxicos mariños que poden ser fornecidos polo biobanco de ‘EBB’. Ademais, desenvolveuse unha ferramenta, denominada ‘Track’, para xestionar e dar acceso aos datos de mostraxes e mantemento de recursos biolóxicos.

Así mesmo, deseñouse un manual cunha guía de boas prácticas para que as coleccións e biobancos poidan cumprir coa lexislación de ABS e creouse unha guía paso a paso destinada a usuarios finais –academia e industria–.

Os investigadores deste proxecto destacaron que “parte dos resultados e produtos xerados neste proxecto terán unha vida máis longa dentro da European Marine Biological Resource Centre (EMBRC), sendo este o legado que o proxecto ‘EBB’ deixará a esta infraestrutura europea de investigación mariña”.

Unha catedrática da UVigo, no top da ciencia

0

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González recibiu o galardón Women CEO na categoría muller e ciencia.

Mediante este premio búscase pór en valor o traballo das mulleres na ciencia, segundo trasladou nun comunicado a universidade. Así, esta catedrática resaltou que a obtención deste recoñecemento representa “un orgullo” para “visibilizar a dedicación das mulleres na investigación científica”.

A organización Women CEO foi fundada en 2011 e acolle a empresarias e profesionais de ámbitos variados. O seu obxectivo é a creación dunha rede colaborativa e a posta en valor das mulleres que ocupan postos directivos ou exercen como referentes na súa área de especialización.

Pola súa banda, esta inmunóloga do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da UVigo recibiu este recoñecemento de modo virtual no mesmo mes no que obtivo o Premio Executivas 2020. Ademais, en 2018 foi galardoada nos Premios Muller Científica e foi finalista nos Women Innovator 2017 da Comisión Europea.

En concreto, González conta con vínculos coa Sociedade Española de Inmunoloxía e lidera un grupo que desenvolve varios proxectos de inmunoloxía no Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (Cinbio). Ademais, exerce como académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia desde 2019 e foi creadora da empresa NanoInmunoTech.

As treboadas causan importantes inundacións en Vigo

As treboadas seguen en Galicia, que computou ao longo deste luns 158 raios, tras rexistrar 2.381 na pasada pasada xornada e inundacións nalgunhas localidades como Vigo.

Así o recolle o observatorio de Meteogalicia, que reflicte que, ata as 17,00 horas deste luns, en Galicia computáronse un total de 158 raios.

Así mesmo, en Vigo, na pasada noite, unha tromba de auga con episodios eléctricos alagou varias rúas da cidade. En concreto, segundo informou a Policía Local, nas rúas Sanjurjo Badía, Isaac Peral, Doutor Carracido, e Julián Estévez, saltaron as tapas da rede de sumidoiros, obrigando a unha rápida intervención polo risco que a situación supuña para o tráfico.

Cale Doutor Canoa viuse alagada ao non soportar a rede de sumidoiros o volume de auga descargada. Na rúa Julián Estevez, un condutor viuse atrapado pola tromba, sendo rescatado por bombeiros.

A intensa choiva tamén propicio unha bolsa de auga no interior do túnel de Beiramar.

Arbo, Crecente, As Neves e Salvaterra piden que se abra xa a veda da lamprea como en Portugal

1

Os alcaldes de Arbo, Crecente, As Neves e a Alcaldesa de Salvaterra mantiveron este sábado un encontro para tratar sobre a reapertura da pesca tradicional da Lamprea no tramo do Rio Miño e no Rio Tea.

Como consecuencia da decisión adoptada polo Consello de Ministros Portugues, donde se autoriza a partires do día 4 de maio a reapertura da pesca tradicional nas pesqueiras na marxe esquerda internacional do Rio Miño, os alcalde e a alcaldesa dos catro municipios tamén lle piden ao Goberno español que fga o mesmo.

Na reunión os rexedores e a rexedora, decidiron remitir un escrito conxunto dirixido á Delegación do Goberno en Galicia solicitando a reapertura da temporada de pesca tradicional nas “Pesqueiras” do tramo internacional do Miño, tendo en conta que este tipo de actividade esta considerada como pesca tradicional con destino autoconsumo.

Os alcaldes e a Alcaldesa entenden que se se autoriza o desprazamento persoal para coidar de animais e a actividades relacionadas coa agricultura para autoconsumo, a pesca da lamprea debería estar dentro desta categoría.

Os alcaldes e a alcaldesa confían en que nestes días se aclare este asunto e dende o goberno de España se teña en conta esta pesca e os pescadores poidan acudir a pescar nas pesqueiras ou nas estacadas, sempre cumprindo coas recomendacións sanitarias.

O alcalde denuncia que o Concello de Vigo sufraga o 30% do custo de dúas escolas e tres centros de día da Xunta

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que o Concello sufraga o 30 por cento dos gastos derivados do funcionamento de dúas escolas e tres centros de día da cidade de titularidade autonómica.

Caballero sinalou que o Executivo autonómico reclamou ao Concello 305.000 euros para “cofinanciar” os custos das escolas infantís de Valladares e Palencia, “que son exclusivas” do Goberno galego, o que tachou de “abuso de poder”.

Ademais, criticou que o Consistorio afronte un pago de 350.000 euros para sufragar parte dos custos dos centros de día de Teis, Coia e Valladares.

Ante esta situación, Caballero denunciou que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, utilice a “maioría” absoluta obtida nas últimas eleccións autonómicas “en contra da cidade”.

CENTRO DE SAÚDE

Noutra orde de cousas, volveu reprobar que o centro de saúde do que disporá o barrio de Bouzas ocupará un espazo de 600 metros cadrados fronte aos 1.300 expostos inicialmente, así como que non contará con servizo de Pediatría.

A ese respecto, criticou que, dos 2,5 millóns de euros orzamentos cando se comezou a barallar o proxecto, só se investiron 1,3 millóns de euros e puxo en valor que o Concello destinase 700.000 euros á adquisición dos terreos nos que se situará o centro de saúde.

Por outra banda, o alcalde avanzou que esta semana se comunicará á concesionaria do abastecemento e o saneamento da auga que non se lle prorrogará a concesión e apuntou que xa se constituíu un comité técnico para a redacción dos pregos do novo contrato. Ademais, este xoves aprobarase a apertura do trámite de consulta pública para o novo regulamento do servizo.

Marea de Vigo acudirá ao Valedor se o alcalde non lles entrega o plan de seguridade do carril bici

Marea de Vigo ameazou este martes con acudir ao Valedor do Pobo se o goberno local da cidade olívica, presidido por Abel Caballero, non lles entrega o plan de seguridade do carril bici antes do 31 de outubro.

“O carril bici está decidido sen un criterio técnico e improvisando as medidas recomendadas pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para este tipo de vías, pero a carencia dun informe de seguridade adaptado á realidade do proxecto e das rúas pola que transita supón un serio risco para os usuarios, vioandantes e condutores de transporte público colectivo e taxistas, xa que o carril transita, de forma inexplicable, paralelo á liña do Vitrasa, co evidente risco de impacto entre as bicicletas e vehículos de gran tonelaxe como son os autobuses”, lamentou o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Neste sentido, Pérez esixiu nun comunicado que as cuestións de seguridade “estean sempre presentes” nas actuacións que implican mobilidade e actuacións en vía pública.

“Dito plan ten que ser previo ao proxecto de obra, polo que a súa inexistencia constituiría unha grave irregularidade. Solicitámolo hai un mes e aínda non tivemos resposta, esperamos que non sexa porque efectivamente non existe, xa que suporía un grave incumprimento legal”, sentenciou Marea de Vigo.

Suspendida a procura do bañista desaparecido na praia de Samil

A procura do novo bañista desaparecido o pasado domingo na praia viguesa de Samil suspendeuse debido á carencia dunha denuncia respecto diso e á falta de indicios.

Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo a Europa Press, este martes mobilizouse por última vez a patrulleira ‘Río Guadalupe’ do servizo marítimo da Garda Civil.

En concreto, foi un mozo que se estaba bañando con este home de 25 anos o que alertou da súa desaparición tras advertir que non aparecía na superficie da auga despois de mergullarse.

Como consecuencia, mobilizáronse efectivos de Salvamento Marítimo, Gardacostas, Protección Civil, Bombeiros, 061-Urxencias Sanitarias e Policía, aínda que non se puido atopar ao novo. Ademais, o operativo reactivouse este luns pola mañá e, ao mesmo, incorporáronse Mergulladores do GEAS (Grupo Especial de Actividades Subacuáticas) da Garda Civil.

Na procura tamén participaron dúas embarcacións de Protección Civil, unha patrulleira da Garda Civil, efectivos de bombeiros de Vigo, e o helicóptero ‘Pesca 1’ de Gardacostas de Galicia.

PSA Vigo perdeu á metade dos seus traballadores en dez anos, case 6.000 persoas

Un estudo sobre o emprego na automoción galega, elaborado pola Federación de Industria de CC.OO., cifra en 3.549 os empregos perdidos neste sector na última década, un descenso que, en gran medida, débese á redución de persoal da factoría de PSA na cidade olívica.

Así o detallou o responsable de Industria de CC.OO. en Vigo, Celso Carneiro, nunha rolda de prensa, na que, xunto a outros cargos dos sindicatos, deu a coñecer os datos deste informe.

Carneiro explicou que o estudo se fixo a partir das cifras de emprego propio (sen contar as subcontratas nin os traballadores de ETT) de algo máis de 200 empresas, no período 2008-2018, e que, segundo esas cifras, o sector pasou de 25.425 traballadores en 2008 a 21.885 dez anos despois.

Segundo sinalou, a drástica redución de persoal propio na factoría de PSA Vigo é a principal causa deste cómputo negativo, xa que, nese período de dez anos, a fábrica pasou de 11.107 empregados a 5.991 (5.675 operarios menos). De feito, se non se contase ao persoal de PSA, as cifras globais do sector darían un resultado positivo de 2.126 empregos novos (contando ata abril de 2019).

Celso Carneiro subliñou, con respecto á construtora automobilística que, a pesar da rebaixa de persoal propio, a planta está agora en niveis de produción similares aos de hai unha década, e incidiu en que a diferenza está no elevado nivel de contratacións a través doutros mecanismos.

Así, puxo o acento no gran volume de contratos realizados a través de Empresas de Traballo Temporal (ETT), empresas multiservicio e, no caso concreto de PSA, dos chamados Centros Especiais de Emprego (CEES), como Ilunion.

OFENSIVA CONTRA A PRECARIEDADE DAS ETT

Segundo explicou David Casal, presidente do comité do CTAG, desde 2009 ata a actualidade, a contratación mediante ETT creceu nun 350% na provincia de Pontevedra, pasando dun milleiro de contratos aos máis de 4.000 actuais (dos que a metade son operarios da automoción).

Tanto Casal como Carneiro denunciaron as “enormes dificultades” que o sindicato ten para solicitar información sobre as condicións laborais destes traballadores (que desempeñan o seu labor en empresas como Gefco, Benteler ou Akwell), pero avanzaron que os datos aos que tiveron acceso pon de manifesto que “se vulneran os seus dereitos” en “empregos de peor calidade”.

David Casal indicou que os principais incumprimentos que sofren estes traballadores son a contratación en fraude de lei (contratos de obras e servizo que non atenden á súa causalidade, concatenación de contratos eventuais, ou cobertura de actividade indefinida), exceso de xornada ou ausencia de vacacións, inclusión sistemática en categorías profesionais inferiores, ou salarios por baixo de convenio (detectáronse diferenzas de soldo de ata 600 euros mensuais), entre outras irregularidades.

A ese respecto, a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, constatou que “se lles fai trampa aos traballadores, pero tamén hai unha fraude á Seguridade Social”, porque estes empregados non cotizan como debesen. “Os seus dereitos vulnéranse sistematicamente, con mañas legais e ilegais”, criticou.

Por iso, CC.OO. porá en marcha unha campaña para denunciar estes feitos e obrigar a ETT e a empresas a cumprir a legalidade. Así, aínda que esta ‘ofensiva’ nace no sector da automoción, estenderase ao resto da industria, e comezará coa recompilación de información a través dos delegados nos centros de traballo, para solicitar daquela unha reunión coa Inspección de Traballo e articular denuncias contras as ETT, polo que fixeron un chamamento á implicación do resto de sindicatos.o mesmo cuestionou que Ilunion cumpra o cociente de 75 por cento de traballadores con discapacidade no seu persoal.

Porto de Vigo avisa que abril “non vai ser bo” pola crise que xa freou o tráfico marítimo

Os efectos da pandemia de coronavirus e da crise sanitaria global xa empezaron a notarse no Porto de Vigo, cuxo informe de xestión correspondente ao mes de marzo xa reflicte, a partir da segunda quincena, efectos como o descenso de tráfico ro-ro (automóbiles).

Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, nunha rolda de prensa telemática, ao termo da reunión do Consello de Administración do Porto.

Segundo informou, desde mediados de marzo reflíctese a paralización do tráfico ro-ro na terminal de Bouzas, do mesmo xeito que a paralización dos tráficos da autoestrada do mar. No informe do mes pasado, no entanto, evidénciase un aumento na mercadoría xeral e en tráfico de colectores, mentres que a pesca fresca “comportouse ben”. “O parón de Citroën está a notarse moitísimo”, lamentou.

Con respecto ás previsións, López Veiga avanzou que “o mes de abril non vai ser bo” e o porto será “duramente golpeado” en actividades como o tráfico de cruceiros. Así mesmo, constatou unha importante caída no tráfico de ría, debido ao confinamento e á paralización de actividade en moitas empresas.

López Veiga indicou que o informe de xestión sinala que as cifras de marzo e as acumuladas son “positivas”, pero este “quizá sexa o último mes en que podamos sorrir”, e sinalou tamén que se formularon as contas de 2019, que reportan perdas de medio millón de euros, debido a que o Porto tivo que facer unha provisión pola promoción de parcelas a prezo baixo na Plisan.

Esa provisión de perdas débese a que non se venderon todas as parcelas ofertadas. Sen este condicionante, apostilou o presidente portuario, o resultado sería positivo, ao redor de 2,3 millóns de euros.

OBRAS NAS AVENIDAS

Por outra banda, indicou que o Porto prevé iniciar este verán as obras para remodelar a zona das Avenidas que se afundiu durante a celebración dun concerto no Festival Ou Marisquiño de 2018.

A intención é comezar “canto antes” os traballos, cun investimento duns 5 millóns de euros, aproveitando que este verán os espazos non serán ocupados por eventos (tanto O Marisquiño como o VigoSea Fest foron cancelados este ano), e tendo en conta que “xa se extinguiu” o convenio da actuación ‘Abrir Vigo ao Mar’. Para poder acometer esa actuación, o Porto debe modificar o seu plan de investimentos, e contar para iso coa autorización de Portos do Estado.

Segundo incidiu López Veiga, ademais destas obras, o Porto ten previstas outros investimentos, como a de mellora da eficiencia enerxética na lonxa. En total, a Autoridade Portuaria ten dispoñibles “uns 20 millóns de euros” para iniciar traballos en canto acabe o estado de alarma e as tramitacións administrativas permítano.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed