InicioEconomíaPSA Vigo perdeu á metade dos seus traballadores en dez anos, case...

PSA Vigo perdeu á metade dos seus traballadores en dez anos, case 6.000 persoas

CC.OO. lanza unha campaña contra a vulneración de dereitos laborais en ETT e Centros Especiais de Emprego.

PUBLICADO O

Un estudo sobre o emprego na automoción galega, elaborado pola Federación de Industria de CC.OO., cifra en 3.549 os empregos perdidos neste sector na última década, un descenso que, en gran medida, débese á redución de persoal da factoría de PSA na cidade olívica.

Así o detallou o responsable de Industria de CC.OO. en Vigo, Celso Carneiro, nunha rolda de prensa, na que, xunto a outros cargos dos sindicatos, deu a coñecer os datos deste informe.

Carneiro explicou que o estudo se fixo a partir das cifras de emprego propio (sen contar as subcontratas nin os traballadores de ETT) de algo máis de 200 empresas, no período 2008-2018, e que, segundo esas cifras, o sector pasou de 25.425 traballadores en 2008 a 21.885 dez anos despois.

Segundo sinalou, a drástica redución de persoal propio na factoría de PSA Vigo é a principal causa deste cómputo negativo, xa que, nese período de dez anos, a fábrica pasou de 11.107 empregados a 5.991 (5.675 operarios menos). De feito, se non se contase ao persoal de PSA, as cifras globais do sector darían un resultado positivo de 2.126 empregos novos (contando ata abril de 2019).

Celso Carneiro subliñou, con respecto á construtora automobilística que, a pesar da rebaixa de persoal propio, a planta está agora en niveis de produción similares aos de hai unha década, e incidiu en que a diferenza está no elevado nivel de contratacións a través doutros mecanismos.

Así, puxo o acento no gran volume de contratos realizados a través de Empresas de Traballo Temporal (ETT), empresas multiservicio e, no caso concreto de PSA, dos chamados Centros Especiais de Emprego (CEES), como Ilunion.

OFENSIVA CONTRA A PRECARIEDADE DAS ETT

Segundo explicou David Casal, presidente do comité do CTAG, desde 2009 ata a actualidade, a contratación mediante ETT creceu nun 350% na provincia de Pontevedra, pasando dun milleiro de contratos aos máis de 4.000 actuais (dos que a metade son operarios da automoción).

Tanto Casal como Carneiro denunciaron as “enormes dificultades” que o sindicato ten para solicitar información sobre as condicións laborais destes traballadores (que desempeñan o seu labor en empresas como Gefco, Benteler ou Akwell), pero avanzaron que os datos aos que tiveron acceso pon de manifesto que “se vulneran os seus dereitos” en “empregos de peor calidade”.

David Casal indicou que os principais incumprimentos que sofren estes traballadores son a contratación en fraude de lei (contratos de obras e servizo que non atenden á súa causalidade, concatenación de contratos eventuais, ou cobertura de actividade indefinida), exceso de xornada ou ausencia de vacacións, inclusión sistemática en categorías profesionais inferiores, ou salarios por baixo de convenio (detectáronse diferenzas de soldo de ata 600 euros mensuais), entre outras irregularidades.

A ese respecto, a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, constatou que “se lles fai trampa aos traballadores, pero tamén hai unha fraude á Seguridade Social”, porque estes empregados non cotizan como debesen. “Os seus dereitos vulnéranse sistematicamente, con mañas legais e ilegais”, criticou.

Por iso, CC.OO. porá en marcha unha campaña para denunciar estes feitos e obrigar a ETT e a empresas a cumprir a legalidade. Así, aínda que esta ‘ofensiva’ nace no sector da automoción, estenderase ao resto da industria, e comezará coa recompilación de información a través dos delegados nos centros de traballo, para solicitar daquela unha reunión coa Inspección de Traballo e articular denuncias contras as ETT, polo que fixeron un chamamento á implicación do resto de sindicatos.o mesmo cuestionou que Ilunion cumpra o cociente de 75 por cento de traballadores con discapacidade no seu persoal.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...