Inicio Blog Páxina 1537

Vídeo: A Zona Franca de Vigo presenta uns orzamentos de máis de 340 millóns de euros

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, presentou os orzamentos desta entidade para o próximos catro anos, que se deberán aprobar no pleno deste martes. Segundo detallou, suman máis de 340 millóns de euros e estarán centrados na promoción económica na cidade.

Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo, Regades avanzou que se trata dos orzamentos da Zona Franca con “máis presenza na cidade” dos “últimos anos” e detallou que, entre as partidas, contémplanse 20 millóns de euros para a ampliación do Polígono de Balaídos, unha iniciativa que, segundo lembrou, demandou a planta de PSA Peugeot Citroën radicada no mesmo.

Tamén concretou que se destinarán máis de 6 millóns a outras actuacións no parque industrial. Así, concretou que se instalarán electrolineras na zona, ademais de realizarse melloras relacionadas coas zonas de aparcadoiro, a seguridade e a eficiencia enerxética.

Regades sinalou que tamén se consignaron 17 millóns de euros para o World Car Center, que se situará entre a avenida Portanet e a rúa Val Miñor, e subliñou a importancia deste proxecto en relación co sector do automóbil.

Abel Caballero na Zona Franca de Vigo / Miguel Núñez

INSTALACIÓNS

Así mesmo, apuntou que se destinarán 6 millóns de euros a aumentar o espazo dispoñible nas instalacións da Zona Franca en Bouzas, para o que xa se iniciaron as conversacións pertinentes coa Autoridade Portuaria. Deste xeito, buscarase crear máis naves na zona e aspirarase a dobrar o chan dispoñible co que conta a Zona Franca na cidade.

David Regades indicou que se consignaron ademais 70 millóns de euros para a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTL), cuxas obras se espera que se inicien o próximo ano debido a que os informes pertinentes foron “favorables”.

ESPAZO DISPOÑIBLE NA PLISAN

Ademais, avanzou que en novembro deste ano estarán dispoñibles 250.000 metros cadrados na PLISAN, que en 2020 ascenderán a 400.000. A ese respecto, afirmou que empresas relacionadas co sector pesqueiro, o alimentario e a automoción xa se mostraron interesadas nas instalacións, en cuxo proxecto a Zona Franca investirá ao redor de 68 millóns de euros. Adicionalmente, sinalou que se crearán 14 naves no Polígono de Porto do Molle, en Nigrán, co obxectivo de “facilitar o emprendemento”.

Abel Caballero e David Regades na zona Franca de Vigo / Miguel Núñez

O delegado do Estado na Zona Franca detallou así mesmo que se destinarán 6 millóns de euros ás obras de adecuación do antigo edificio do Reitorado para crear un “espazo de emprendimiento” no que se instalarán oficinas, salas de reunións e un pequeno auditorio. Ademais, avanzou que se actualizará o parking robotizado para convertelo nun aparcadoiro convencional e insistiu no seu interese en unilo co da Praza da Estrela para dotar á zona de 500 prazas máis de estacionamento.

Adicionalmente, concretou que se destinarán 22 millóns de euros á converter unha zona de Teis onde se atopaban as naves de Campsa, nun parque con uso residencial e un aparcadoiro grazas a unha modificación da PXOM vixente, o de 1993.

No marco das actuacións de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) da entidade, reformarase un edificio para acoller a sede da Fundación Síndrome de Down. Tamén se destinarán 30 millóns de euros á dotación de máis chan industrial ao Polígono da Pasaxe, 7 millóns de euros ao proxecto da Panificadora e 14 millóns de euros ao centro de transporte.

O presidente do Consorcio da Zona Franca e alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo en valor estes orzamentos e a xestión realizada por Regades durante o último ano, así como a súa aposta polo investimento para proporcionar chan industrial á cidade.

Sinaí Giménez enfronta penas que suman máis de 50 anos de cárcere

Sinaí Giménez, coñecido como ‘rei dos xitanos de Galicia’ e varios dos seus familiares e achegados enfróntanse a penas que suman máis de 50 anos de prisión, en dous xuízos que se celebrarán en próximos días por supostos delitos de lesións, atentado e obstrución á xustiza.

Así, o xulgado do Penal número 1 de Pontevedra acollerá os días 25 e 26 de xuño unha vista na que se piden en total 27 anos de cárcere para Sinaí Giménez e varios membros da súa familia, coñecidos como ‘os Morones’, por agredir a varios gardas civís e un avogado ás portas do xulgado de Tui (Pontevedra), en abril de 2014.

Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, o 30 de abril dese ano concentráronse “decenas de persoas” na praza fronte ao edificio xudicial tudense, á espera do traslado de dous detidos que supostamente ameazaran ao patriarca da familia, Olegario Giménez.

Nun determinado momento, Sinaí Giménez propinou varios empuxóns a un axente de paisano que estaba a gravar imaxes do lugar; así mesmo, foi atacado o avogado dun dos supostos agresores de Olegario Giménez, cando saía do edificio.

GOLPES A AXENTES E AO AVOGADO

Nese momento, segundo o ministerio público, Juan Paulo G.J. ordenou a distintas persoas alí presentes, entre os que se atopaban os acusados D.J.G. e María Consolo G.J. e S.G.J., menor de idade nesa data, que “fosen a por el” . O letrado tamén foi insultado e arroxáronselle botellas de auga.

Ante esta situación, dous axentes de paisano que se atopaban na zona, identificáronse e acudiron ao lugar. Despois de que un deles suxeitase a tres dos investigados, agarrárono, empuxaron e golpearon para que S.G.J. puidese soltarse e, unha vez que o conseguiu, agrediu na cabeza ao axente e fuxiu.

Como resposta, un grupo de persoas abalanzouse sobre os axentes “empuxándolles e golpeándolles”, segundo recolle a Fiscalía. A acusación describe tamén nos seus escrito golpes cun paraugas a un dos axentes, patadas, empuxóns e outras agresións.

PETICIÓN DE PENAS

Por estes feitos, que a Fiscalía cualifica como delitos de atentado contra axentes da autoridade e obstrución á xustiza, pide, para Sinaí Giménez, penas que suman catro anos e medio de prisión; para o seu irmán Juan Paulo G.J. solicítanse seis anos e medio de prisión e o pago de multas por máis de 4.400 euros. Ás mesmas penas enfróntanse D.G.J. e M.C.G.J..

En canto a M.G.J. e S.G.J., a Fiscalía demanda un ano e medio de prisión e unha multa de 160 euros, para cada un deles. Finalmente, e en concepto de responsabilidade civil, o Ministerio Público pide que tres dos acusados indemnicen en 9.000 euros a un dos axentes agredidos, e en 2.000 euros a outro. Pola súa banda, o avogado agredido xa renunciou no seu día a exercer medidas ou reclamar indemnización.

LIORTA NO MERCADILLO DE CANGAS

Por outra banda, a Fiscalía tamén formulou escrito de acusación contra 12 feirantes xitanos (sete deles do grupo coñecido como ‘zamoranos’, e outros cinco dos ‘Morones’), aos que considera autores de diversos delitos de lesións, por unha liorta que tivo lugar no mercadillo de Cangas do Morrazo (Pontevedra).

Segundo o informe do ministerio público, os feitos, que se xulgarán entre o 1 e o 5 de xullo en xulgado Penal 2 de Pontevedra, sucederon na mañá do 16 de outubro de 2015, cando o acusado Sinaí G.J. iniciou unha discusión co acusado Enrique L.S. porque este instalara o seu posto de venda no mercadillo de Cangas ocupando dous metros máis de extensión. A nai de Sinaí, Flora J.G., tamén lle recriminou esa actuación e foi golpeada coa tarima do posto nun costado.

A partir de aí iniciouse unha liorta con golpes de barras de ferro, empuxóns e outros ataques, na que se implicaron máis dunha decena de persoas, entre elas os 12 acusados, e outros familiares dun ou outro bando que acudiron a auxiliar aos feridos e que foron, á súa vez, golpeados.

Como consecuencia da multitudinaria pelexa, resultaron feridos de diversa consideración varios feirantes, tanto do grupo ‘zamorano’ como da familia dos ‘Morones’. A Fiscalía atribúe aos acusados diferentes delitos de lesións.

No caso dos ‘zamoranos’, o ministerio público pide para Enrique L.S., Javier D.X., e José Luís J.E., tres anos e medio de prisión para cada un. Ademais, para estes e os outros catro acusados deste grupo (Luís L.S., Felipe S.J., Faustino J.B., e Manuel Jesús J.B.), pide multas que suman 8.100 euros, e que indemnicen aos feridos do ‘bando’ contrario en máis de 7.000 euros.

Por parte dos ‘Morones’, a Fiscalía solicita condenas que suman 24,5 anos de prisión. A maior pena, de 14 anos de cárcere, pídea para Sinaí G.J.; mentres que reclama 10,5 anos de cárcere tamén para a súa irmá María Consolo G.J.

Para estes e o resto de acusados (María Amelia C.M., Miguel Anxo V.B., e Rafael F.G.) reclama multas que suman 9.000 euros, e que indemnicen aos ‘zamoranos’ en máis de 20.700 euros.

CAUSAS PENDENTES

Ademais destas causas, Sinaí Giménez ten algúns procedementos xudiciais pendentes. O máis importante instrúese nun xulgado de Cangas, contra el e varios membros da súa familia, por supostos delitos de ameazas, branqueo de capitais, tenencia ilícita de armas, etc. (investigación relacionada coas supostas coaccións a feirantes).

Así mesmo, o chamado ‘rei dos xitanos de Galicia’ tamén está pendente da instrución iniciada nun xulgado de Salamanca, tras a súa detención (xunto a Miguel Anxo V.B.) cando foi interceptado levando nun coche 3 quilos de haxix, o pasado 14 de maio de 2019.

Por outra banda, a Garda Civil busca a un dos irmáns de Giménez, Juan Paulo, como presunto autor dun tiroteo ocorrido na madrugada do 19 de maio en Torneiros, O Porriño. Algunhas testemuñas identificaron a esta persoa como o individuo que entrou nun centro multiusos (onde se celebraba unha festa familiar de gintanos’zamoranos’) e realizou varios disparos que, de rebote, alcanzaron nas costas a un mozo de 18 anos e na cara a unha menor de 15 anos de idade.

A Universidade de Vigo ofrecerá a alumnos e profesores un “campus residencial” en Baiona

A Universidade de Vigo chegou a un acordo co Concello de Baiona (Pontevedra) e cos comerciantes e empresarios desta localidade para ofrecer aos seus estudantes e profesores aloxamento durante o curso nesta vila, a prezos alcanzables, e con servizo de bus directo entre Baiona e o campus universitario vigués.

A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña; e o alcalde de Baiona, Anxo Rodal, presentaron este xoves esta iniciativa, que se plasmará nun convenio de colaboración entre as partes implicadas.

Segundo explicou Marcos Comesaña, este “campus residencial” en Baiona ofrece aloxamento aos estudantes a prezos que roldan os 70 euros mensuais, ben en vivendas, ben en establecementos hoteleiros. Ademais, os estudantes disporán dun servizo de bus directo ao campus de Vigo, por 25 euros ao mes.

O responsable de Aceba apuntou que, aínda que o proxecto arrinca con 70 vivendas e uns cen prazas hoteleiras, irase adaptando á demanda, e ten marxe de crecemento. De feito, lembrou que, en Baiona, hai uns 700 pisos que están “baleiros” todo o ano, excepto o mes de agosto.

Pola súa banda, o alcalde desta localidade, Anxo Rodal, convidou aos estudantes a aloxarse en Baiona e a gozar, ademais da tranquilidade, da contorna, as instalacións deportivas, a biblioteca, ou as posibilidades de lecer.

A vicerreitora Natalia Caparrini incidiu en que esta iniciativa permite achegar a Universidade a un dos municipios da comarca, e non só vai dirixida a estudantes, senón que pode interesar tamén a profesores, investigadores e alumnos de intercambio.

C’s aposta por outro empresario, Javier Alonso, en Vigo tras o non do ex conselleiro Javier Guerra

O empresario e actual portavoz de C’s na provincia de Pontevedra, Javier Alonso, será o candidato da formación á Alcaldía de Vigo nas próximas eleccións municipais do 26 maio.

Así mesmo, Javier Alonso preséntase como ‘número 2’ do partido ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, unha candidatura que encabeza a xornalista Beatriz Piñeiro.

Deste xeito, Alonso sucederá ao empresario Jorge Portela, que foi a aposta da formación laranxa para a Alcaldía de Vigo nos comicios municipais de 2015.

A lista electoral de Ciudadanos para a urbe galega complétase con Ramón Abal, membro da xunta directiva do partido na cidade olívica, Raquel Álvarez, Noemí Fernández, Modesto Comesaña, Josefa Casado e Miguel Comesaña, entre outros.

A Guarda presenta a súa axenda de verán: Festas do monte, concertos, xadrez, balonmán, gastronomía…

A Casa dos Alonso acolleu a mañá deste martes a presentación da nova axenda de actividades para o verán 2018 na Guarda. A concelleira de Cultura, María Elena Baz, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, foron os encargados de dar a coñecer a  programación cultural, gastronómica e deportiva da que poderán gozar veciñas, veciños e visitantes dende xuño e ata setembro deste ano.

Segundo destacou o rexedor local, nesta axenda conflúen os eventos organizados polas distintas asociacións e entidades locais, aquelas impulsadas por institucións provinciais ou autonómicas e as organizadas polo propio Concello. O resultado é, destacou Lomba, «unha intensa programación pensada para satisfacer a todos os públicos» durante a época estival.

Nesta liña, a edil guardesa valorou positivamente o traballos das distintas asociacións e colectivos que «contribúen a encher unha axenda cultural e de ocio de 4 meses» de duración, “cunha oferta variada e de calidade” que xa comezou coas tradicionais alfombras florais a pasada fin de semana e continuará este sábado e domingo coas festas parroquiais de San Antonio.

No eido cultural, Baz destacou os concertos das populares «Noites no Castelo», no que este ano contaremos coas actuacións de Ardentía e Milladoiro  (21 de xullo); e a continuidade dos concertos de «Música nas prazas», con tres novas datas para gozar dos mellores grupos locais nos espazos públicos da vila (22 de xuño, 24 de agosto e 7 de setembro).

Pensando nos máis cativos, a programación inclúe espectáculos infantís e familiares, así como cinema nas rúas, un Campamento Urbano con actividades educativas e de ocio e un Campus Deportivo de Fútbol. Para goce de toda a familia, ademais, continuarán as visitas teatralizadas polo casco antigo da vila, se ben cunha nova posta en escena e guión renovado.  

Segundo adiantou Elena Baz, o 20 de xullo inaugurarase unha nova exposición na Casa dos Alonso dedicada a todos os guardeses e guardesas. Baixo o título «Así somos», a mostra estará formada por fotografías nas que se retrata a vida na vila, con imaxes das súas festas e a cultura propiamente guardesas nas que os protagonistas son os veciños e veciñas.

No deportivo, Antonio Lomba destacou dúas actividades de nova creación: o Campionato Galego de Balonmán Praia, que se celebrará na praia do Codesal o 14 de xullo; e o I Festival Internacional de Xadrez A Guarda, do 22 ao 30 de setembro.

A axenda inclúe as festas máis populares e tradicionais da vila como as Festas do Monte (do 6 ao 13 de agosto), a IV Galifornia Beat (4 de agosto) e a a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que ocupará o entorno do Porto durante a primeira fin de semana de xullo (6, 7 e 8 de xullo).

Con todo, e segundo engadiron os representantes municipais, cómpre subliñar  a ausencia de celebracións tradicionais como as de San Roque, a Festa da Guía ou a Festa do Avó, aínda coa programación sen pechar.

A axenda de actividades poderá recollerse dende hoxe mesmo na Casa do Concello, o Centro Cultural, a Estación Marítima e as Oficinas Municipais de Turismo. Ademais, estará dispoñible na páxina web do Concello da Guarda para a súa consulta e descarga.

Unha tese da UVigo defende os beneficios do galego na educación infantil

Unha tese elaborada no marco da UVigo defende os beneficios de alfabetizar a cativada en galego mesmo en contornas castelanfalantes. Esa é a conclusión do traballo desenvolto pola xa doutora en Estudos Lingüísticos Marta Díaz, que nos últimos anos  desenvolveu un extenso traballo etnográfico sobre o vínculo entre o galego e a ensinanza tomando como base unha aula de educación infantil da área de Navia, en Vigo.

Segundo apunta a investigadora, decidiu escoller unha aula desta área –en particular do centro Alfonso D. Rodríguez Castelao– en tanto que se trata dunha das zonas máis castelanizadas da cidade olívica. A conclusión do traballo é que os primeiros anos de escolarización son chave para a adquisición de idiomas porque a rapazada “non etiqueta” as linguas e a aprendizaxe é “natural e espontánea”.

“Para eles son formas de comunicación, independentemente do código empregado”, apunta a investigadora, que no seu traballo con estes 25 rapaces da área viguesa tirou como conclusión a importancia de que o achegamento á lingua se desenvolva de xeito máis amplo e natural, e “non só nun número reducido de materias, como sucede cando inician a educación primaria”.

Con todo, o estudo –titulado Socialización bilingüe infantil nunha escola de Vigo (Galicia). Estudo lonxitudinal de nenos de 4 e 5 anos de contornas familiares castelán-falantes alfabetizados en galego: análise etnográfico-interaccional das prácticas alfabetizadoras na aul— incide na importancia de que o galego estea presente no marco da escolarización infantil, xa que o castelán, pola súa calidade de “lingua maioritaria”, “non o perderán nunca e é o noso labor defender e empurrar o galego, é a nosa obriga e o que lle debemos”.

DESBOTAR”FALSAS CRENZAS”

O estudo desenvolveuse ao longo de dous cursos escolares nos que a investigadora acudiu a diferentes sesións das aulas de 4 e 5 anos e, tomando como mostra un grupo de 25 alumnas e alumnos, examinou as súas rutinas, levou a cabo gravacións de son, tomou notas etnográficas e realizou fotografías dos espazos e das actividades. 

Como posible aplicación práctica da tese, a autora vén de suxerir a creación dun “manual de pragmática” sobre o uso do galego na etapa da educación infantil. Noutras palabras, “un manual de prácticas para socializar aos nenos e nenas empregando como lingua vehicular o galego”. O obxectivo pasaría por desbotar “falsas crenzas existentes na sociedade”, como “a idea de que aprender dous idiomas de xeito simultáneo pode xerar confusión na cativada ou que aprender lingua galega pode ser negativo nas seguintes etapas educativas”. 

Caballero defende desde a FEMP incluír o persoal do SAF como “prioritario” no plan de vacinación

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, trasladou este mércores na reunión do Consello Interterritorial de Saúde a demanda de que se inclúa aos traballadores do Servizo de Atención a Domicilio (SAF) como “prioritarios” no plan de vacinación contra a COVID-19.

Segundo informou o propio Concello olívico a través dun comunicado, Abel Caballero sinalou na reunión a necesidade de inmunizar de forma preferente a este persoal, “xa que son profesionais que atenden a persoas vulnerables”.

Así mesmo, o rexedor e presidente da FEMP volveu a insistir, ante o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e os representantes dos departamentos de Sanidade das diferentes Comunidades Autónomas, en que é necesario “apoiar aos sectores que están a soportar maioritariamente o pese desta crise”, como son hostalaría e comercio.

Buscan unha menor desaparecida en Vigo desde hai case dúas semanas

A familia e achegados de Paula Lafuente Román solicitan colaboración cidadá para dar co paradoiro desta menor desaparecida en Vigo desde hai case dúas semanas.

A alerta, difundida por SOS Desaparecidos e a Garda Civil, indica que esta moza de 16 anos falta da súa casa na cidade olívica desde o 9 de novembro.

Segundo a descrición achegada, Paula Lafuente ten 16 anos, mide 1,65 metros de altura, é de complexión delgada e ten os ollos verdes e o pelo negro.

O xulgado admite o preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

A letrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou este luns un decreto no que informa ao estaleiro Hijos de J. Barreras da admisión do preconcurso de acredores, segundo informaron fontes do TSXG.

Trátase dun mero trámite, que se fai poucos días despois de que o estaleiro presentase neste xulgado a solicitude do preconcurso. Unha vez formalizada esa solicitude, a empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores ou, no caso de que non o alcance, entrar en concurso de acredores.

A solicitude de preconcurso permite ao estaleiro gañar tempo para negociar a súa débeda e, ao mesmo tempo, ‘protexerse’ dun concurso forzoso, que implicaría o nomeamento dun administrador, e ao que podería instar algún dos seus acredores.

Mentres tanto, traballadores do estaleiro, da industria auxiliar e a propia Xunta mantéñense á expectativa sobre o posible cambio na propiedade de Barreras que, de momento, está maioritariamente en mans de PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX), cun 51 por cento das accións.

Todo apunta a que o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton The Yatch Collection) se fará coa maioría de accións de Barreras e, de feito, varios representes deste fondo levan días ‘auditando’ a empresa.

Neste escenario, Barreras ten varios contratos en carteira (por valor de máis de 800 millóns) e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu insistir este luns en que “hai que ser prudentes” e esperar a que o propio estaleiro expoña as súas “alternativas” para completar os encargos que ten pendentes.

A ese respecto, Conde incidiu en que a implicación da Xunta no futuro do estaleiro está condicionada a que haxa un proxecto “viable” e a que se dea unha “solución integral”, que inclúa rematar a carga de traballo no estaleiro e tamén os traballos da industria auxiliar.

Por outra banda, unha trintena de empresas desa industria auxiliar constituíu unha plataforma e pediu reunirse con representantes da Xunta, de Pymar e do propio estaleiro. Estas empresas condicionaron a súa volta ao traballo en Barreras a ter garantías de que van cobrar.

Un programa analizará a presenza de mulleres en consellos de administración de Galicia

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, detallou que esta entidade impulsa un programa que, desde este venres e durante un ano, analizará a presenza das mulleres en consellos de administración de empresas radicadas en Galicia.

Durante a presentación deste proxecto, denominado Programa Conselleiras de Galicia, indicou que se desenvolverán distintos debates nos que participarán homes e mulleres durante os próximos doce meses. O primeiro deles tivo lugar este venres en Vigo a porta pechada tras a presentación e contou coa participación da conselleira de Cellnex e Telecom, Marieta do Rivero.

Nese contexto, detallou que o proxecto buscará identificar as “barreiras” que “frean” o acceso do xénero feminino aos consellos de administración e propor medidas que o faciliten. Ademais, sinalou que o programa aspira a aplicar técnicas de investigación cualitativa, a analizar casos de éxito e a propor accións que poida desenvolver a Zona Franca para “contribuír ao avance das empresas de Galicia”.

Regades incidiu no feito de que as mulleres só representan o 20 por cento dos integrantes dos Consellos de Administración de empresas cotizadas españolas e o 14,3 por cento dos directivos. Mentres, só supoñen un 7,7 por cento dos conselleiros de empresas a nivel europeo e un 5,7 dos postos de dirección. Así, remarcou a importancia do novo proxecto debido a que non existen datos respecto de Galicia.

Tamén apuntou que o Foro Económico Mundial indicou que serán necesarios 217 anos para conseguir a paridade entre homes e mulleres, unha situación que, ao seu xuízo, require “acelerar” o proceso, unha acción na que se enmarca o proxecto presentado.

ACCESO A ALTOS CARGOS

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, incidiu no feito de que as mulleres supoñen o 58 por cento dos titulados uiversitarios e, con todo, teñen maiores dificultades para acceder aos altos cargos. Por iso, resaltou a importancia de identificar as causas desta situación. Tamén avogou por promover a matriculación de mulleres nos graos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía debido a que os postos de traballo que se crearán no futuro están relacionados con estas ramas nas que aínda a presenza feminina é minoritaria.

A maiores, Marieta do Rivero mostrouse preocupada polo baixo número de directivas en España que, na súa opinión, inflúe na porcentaxe de mulleres en Consellos de Administración. Así, incidiu na necesidade de demostrar que “queda moito por facer” para alcanzar a igualdade.

Tamén puxo en valor o desenvolvemento do proxecto para poder identificar a situación das mulleres en empresas en Galicia, analizar as súas causas e, así, “acelerar” o proceso de integración destas nos consellos de administración.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed