InicioEconomíaO xulgado admite o preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

O xulgado admite o preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

A empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores.

PUBLICADO O

A letrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou este luns un decreto no que informa ao estaleiro Hijos de J. Barreras da admisión do preconcurso de acredores, segundo informaron fontes do TSXG.

Trátase dun mero trámite, que se fai poucos días despois de que o estaleiro presentase neste xulgado a solicitude do preconcurso. Unha vez formalizada esa solicitude, a empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores ou, no caso de que non o alcance, entrar en concurso de acredores.

A solicitude de preconcurso permite ao estaleiro gañar tempo para negociar a súa débeda e, ao mesmo tempo, ‘protexerse’ dun concurso forzoso, que implicaría o nomeamento dun administrador, e ao que podería instar algún dos seus acredores.

Mentres tanto, traballadores do estaleiro, da industria auxiliar e a propia Xunta mantéñense á expectativa sobre o posible cambio na propiedade de Barreras que, de momento, está maioritariamente en mans de PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX), cun 51 por cento das accións.

Todo apunta a que o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton The Yatch Collection) se fará coa maioría de accións de Barreras e, de feito, varios representes deste fondo levan días ‘auditando’ a empresa.

Neste escenario, Barreras ten varios contratos en carteira (por valor de máis de 800 millóns) e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu insistir este luns en que “hai que ser prudentes” e esperar a que o propio estaleiro expoña as súas “alternativas” para completar os encargos que ten pendentes.

A ese respecto, Conde incidiu en que a implicación da Xunta no futuro do estaleiro está condicionada a que haxa un proxecto “viable” e a que se dea unha “solución integral”, que inclúa rematar a carga de traballo no estaleiro e tamén os traballos da industria auxiliar.

Por outra banda, unha trintena de empresas desa industria auxiliar constituíu unha plataforma e pediu reunirse con representantes da Xunta, de Pymar e do propio estaleiro. Estas empresas condicionaron a súa volta ao traballo en Barreras a ter garantías de que van cobrar.

ÚLTIMAS

Condenados a 5 e 4 anos de cárcere os dous acusados de dar unha malleira a dous mozos na rúa Hernán Cortés de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou aos...

Deteñen en Vigo un home por agredir ao seu fillo de 13 anos cun cinto e unha botella de plástico

Un home, P.A.V.S. de 43 anos de idade, foi detido na tarde deste pasado...

Os traballadores de Vitrasa protestan durante o acto da Constitución e Caballero sae escoltado por Policía Nacional

Os traballadores de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, trasladaron este martes as...

Máis de mil vigueses xa teñen representación no caso do Cártel dos Coches con 40.000 afectados en Galicia

A oficina de Vigo do despacho BGI LAW representa xa a máis de 1.000...