InicioVigo e contornaVigoO Servizo de Oncoloxía da área de Vigo queda saturado ante o...

O Servizo de Oncoloxía da área de Vigo queda saturado ante o silencio do Sergas

Citas adiadas, tratamentos que non comezan... a saturación da sanidade viguesa comeza a estenderse a Oncoloxía, pero o Sergas garda silencio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Malos tempos para a sanidade pública. Os anuncios da Xunta prometendo máis centros de saúde ou un novo sistema de citas non conseguen silenciar o runrun crecente: que a Atención Primaria está colapsada e, detrás dela, van caendo as especialidades. A última da que se ten noticia é Oncoloxía, afectada por unha saturación que Galicia Confidencial puido certificar na área de Vigo pero que, de acordo con fontes do sector, estaría a sufrir atrancos en toda Galicia. 

O 15 de outubro, María R.B. desprazouse ao Hospital do Meixoeiro para recibir unha inxección inmunoterapéutica. A comezos de ano diagnosticáronlle un cancro de mama nas primeiras etapas. A quimioterapia foi ben –“atendéronme moi rápido”–, e a cirurxía resolveuse sen problemas a mediados de xullo. Os problemas comezarían ese venres 15. María soubo entón, da man da súa doutora, que a última etapa da intervención –radioterapia– comezaría tarde, e decidiu poñer unha reclamación ante o Sergas polas demoras indebidas.

A radioterapia adoita ser o último paso para dar por pechado este tipo de cancros. Diversas investigacións no eido concluíron que este tratamento debe comezar, como máximo, 12 semanas despois da operación. No caso de María R.B., o prazo cumpriuse o pasado venres 22, sen que a muller contara sequera cunha cita para comezar as sesións. O perigo está agora en que o cancro se volva a estender: “Se teño que volver pasar por quimio penso poñer reclamacións ata chegar a Frijolito; están xogando coa vida da xente”, apuntaba días atrás ao Galicia Confidencial. 

SISTEMAS “CADUCADOS”

No caso desta paciente da área de Vigo, os retrasos poderían deberse á falta de recursos físicos e non á deficiencia de persoal que veñen denunciando sindicatos e profesionais. María R.B. afirma que unha doutora apuntou á “caducidade” de dous aceleradores –as máquinas coas que se desenvolve á radioloxía– como orixe das longas listas de espera que sofre a área.

Na división de Vigo hai catro destes aceleradores: tres deles no Meixoeiro e un no hospital privado POVISA, co que a Xunta mantén un acordo para que absorba parte dos pacientes do Sergas. Unha das baixas tería tido lugar no centro privado e outra no público. Galicia Confidencial puido confirmar que o POVISA se atopa, neste momento, en proceso de substituír o seu acelerador radiolóxico, pero a Xunta, hermética, non deixou escapar unha palabra sobre a situación dos sistemas do Meixoeiro. 

A saturación viría dada, en palabras da mesma fonte, porque ante a falta de prestación no POVISA este optou por derivar pacientes –e tamén persoal– ao hospital público. O Meixoeiro tería rematado así cunha sobrecarga que María R.B. atribúe a unha posible falta de coordinación, xa que o reemprazo das máquinas –cando menos a de POVISA– se produce por cumprir o ciclo de vida útil, circunstancia que podería ter sido prevista. 

SILENCIO DA XUNTA

escurantismo que a Xunta adoita desenvolver no caso da sanidade pública redóbrase e colle forza no tocante aos tratamentos oncolóxicos. Estes non dependen do Sergas senón de Galaria, unha compañía pública pero con certa independencia que, en palabras dun cargo da plataforma Batas Blancas, “non rende contas ao Servizo Galego de Saúde”.

De aí que os sanitarios consultados por este xornal certifiquen o retraso pero non saiban da súa orixe, ao igual que acontece coas fontes contactadas por Batas Blancas. Esta plataforma destaca, á parte, o temor de moitos sanitarios da área viguesa a falar despois da sanción sufrida por Eva Maquieira, a que era xefa de Cirurxía Plástica do Álvaro Cunqueiro ata que se atreveu a criticar a falta de máscaras no hospital nos primeiros compases da pandemia. Pouco despois de publicar un post en Facebook denunciando a situación, o xerente da área viguesa, Julio García Comesaña, decidiu depoñela do posto por falta de confianza. Uns meses máis tarde, Núñez Feijóo nomearíao conselleiro de Sanidade.

MÁIS CASOS DE CANCRO

“Hai unha auténtica caza de bruxas”, destaca un cargo de Batas Brancas que opta non dar o seu nome, de acordo cos estatutos da asociación. Dende a plataforma destacan, á parte, que a saturación da área de Vigo se replica en boa parte das unidades oncolóxicas do territorio galego, tratándose dun problema xeral. “Nunca tantos casos de cancro se viron no Sergas”, destaca este mesmo cargo. Miguel Tizón, de CIG-Saúde na área, opina semellante: “cando falla a atención primaria cae a especializada, porque os primeiros diagnósticos tardan demasiado”, apunta. 

Aínda que nin o Sergas nin Galaria responderon ás cuestións do Galicia Confidencial, este xornal puido coñecer que a área de Vigo vén de habilitar unha quenda nocturna da radioterapia para tentar aliviar as demoras nos pacientes con tratamentos en curso. De igual forma, POVISA asegura que o novo acelerador radiolóxico estará funcionando “a mediados de novembro”. María R.B., da área de Vigo, dá pouco creto ás promesas da administración autonómica e ao “todo vai ben” dos cargos públicos. “Logo aínda saen os políticos dicindo que todo está como Dios. Será na súa casa, porque o hospital está ata arriba, de pasar alí horas e horas…”.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...