A Sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo condenou ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a indemnizar con máis de 52.000 euros a unha traballadora que encadeou contratos durante 17 anos ata que conseguiu unha praza fixa nunha oposición en 2025. Na súa sentenza, o xuíz recoñece o “abuso da contratación temporal” que sufriu a empregada, polo que determina que “debe compensarse”.
O maxistrado insiste en que o cómputo da experiencia como mérito no proceso selectivo non é suficiente para paliar o abuso, porque se valora tamén a outros que non sufriron esa situación. Así mesmo, sinala que a convocatoria dun proceso selectivo tampouco é reparadora cando participan persoas que non sufriron tal abuso e, ademais, os afectados poden perder o seu emprego se non superan as probas correspondentes.
Ante esta situación de “precariedade” que viviu a muller durante 17 anos, o fallo determina que “procede recoñecer a indemnización solicitada”, despois de que a vítima asinase o contrato da súa nova praza cun documento no que reclamaba a compensación por todos os anos nos que traballara como “persoal laboral indefinido, non fixo”.
A sentenza engade que a normativa nacional establece o dereito dos traballadores a percibir unha compensación polo abuso derivado do incumprimento dos prazos máximos de permanencia. Esta indemnización debe ter en conta a natureza das funcións, o número e a duración acumulada dos contratos, as vantaxes económicas que a traballadora podería obter de non producirse o abuso e o prexuízo pola situación de incerteza.
Por iso, o fallo estima integramente a demanda interposta pola traballadora e condena ao CSIC a pagarlle 52.104,99 euros máis os intereses. Con todo, a sentenza non é firme, xa que cabe interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
