O maxistrado da Sala número 2 da sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Vigo anulou o peche dun protocolo de acoso escolar nun centro educativo ao considerar que se incumpriron os prazos legais establecidos.
Desta maneira, o xuíz estimou parcialmente o recurso da familia que impugnara a decisión do colexio de pechar o protocolo de prevención, detección e tratamento do acoso escolar. Segundo informa o despacho Dobarro & Asociados, a sentenza, á que tivo acceso Europa Press, anula a comunicación de peche do protocolo e as actuacións previas que a sostiñan, ao apreciar varios incumprimentos da normativa aplicable, entre eles a vulneración dos prazos regulamentarios establecidos para a investigación preliminar e a omisión do procedemento corrector que debera terse incoado unha vez apreciados indicios dunha posible situación de acoso escolar.
“A sentenza destaca que o propio equipo encargado de analizar os feitos chegou a concluír inicialmente que existían indicios dunha posible situación de acoso, circunstancia que, segundo razoa o xulgado, obrigaba á apertura do correspondente procedemento corrector previsto na lexislación autonómica. Con todo, ese procedemento nunca chegou a incoarse, e as actuacións remataron cunha decisión de arquivo adoptada á marxe das esixencias legais”, lamenta o despacho de avogados nun comunicado.
Para o letrado Cristóbal Dobarro, a resolución “pon de manifesto a importancia de que os protocolos de protección de menores se tramiten con absoluto respecto ás garantías legais, especialmente cando están en xogo situacións que poden afectar ao benestar e á integridade do alumnado”. Malia todo, a sentenza non é firme, xa que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
