Inicio Blog Páxina 629

Incendio nun baixo comercial de Vigo iniciado cando ardeu unha batería

Efectivos de Bombeiros e da Policía Local de Vigo interviñeron nas últimas horas nun incendio rexistrado nun baixo comercial da cidade olívica, e cuxo orixe podería estar, segundo fontes policiais, nunha batería.

Os feitos ocorreron pouco antes das 22,30 horas deste mércores, cando o 112 avisou á Policía Local por un incendio nun baixo da rúa Tarragona.

Os axentes que se desprazaron á zona observaron, á súa chegada, as chamas no interior do establecemento, e alertaron aos bombeiros e ao propietario do local. Para non perder tempo, e dado que o responsable do establecemento aínda estaba de camiño, os axentes forzaron o enreixado de acceso para permitir o traballo dos servizos de extinción.

Unha vez apagadas as chamas, o mando de Bombeiros apuntou que todo sinalaba que a orixe do sinistro estaría nunha batería que comezara a arder. Os danos afectaron a unha parte do interior do local, e a varios dos produtos que tiña en venda.

Desarticulado un estaleiro de narcolanchas xunto ao Miño en territorio de Portugal

0

O Comando Territorial de Viana do Castelo, a través o Posto Territorial de Vila Nova de Cerveira, identificou a tres persoas e decomisado oito embarcacións de alta velocidade semirríxidas preparadas para navegar –para o transporte de droga– e sete en avanzada construción, así como seis moldes de embarcacións. Así o recolle un comunicado da Garda Nacional Republicana (GNR), recollido por Europa Press, con respecto a este operativo desenvolvido en Vilanova de Cerveira, xunto ao Miño, nun terreo próximo á fronteira con Galicia.

O dispositivo iniciouse por mor dunha denuncia por movementos “sospeitosos” no interior dun almacén, no que os axentes atoparon a tres homes que, ao percibir a presencial policial, “bloquearon a porta de entrada e encerráronse nas instalacións”.

Con todo, foi posible constatar que se trataba dun almacén adaptado para a construción e reparación de narcolanchas. Atendendo ás características do material detectado e a situación de “sospeita”, foron identificados os sospeitosos, tres homes con idades comprendidas entre os 40 e os 46 anos. Tamén se incautaron do material como medida cautelar.

Os feitos foron comunicados ao Tribunal Xudicial de Viana do Castelo e á Policía Xudicial. Estas actuacións contaron co apoio dos postos territoriais de Caminha e Valença, así como da estrutura de Investigación Criminal do Comando Territorial de Viana do Castelo.

O complexo de Vialia en Vigo queda sen subministración eléctrica pola avaría dun cable subterráneo

Unha avaría nunha arqueta provocou un incendio afectando a un cable subterráneo e deixou sen subministración eléctrica o centro Vialia de Vigo, e varias rúas, segundo confirmaron fontes de Naturgy e dos bombeiros de Vigo.

O fume que saía da arqueta fixo saltar as alarmas ao mediodía deste xoves, e ata o lugar desprazáronse efectivos do servizo extinción, así como persoal de Naturgy, que están a traballar para “illar” a avaría.

Fontes da empresa informaron de que a avaría mantén sen subministración ao complexo intermodal e comercial, e tamén están afectadas “rúas contiguas”. “Os técnicos traballan para restablecer o servizo canto antes”, engadiron.

O incidente ocasionou algúns problemas de tráfico pero non se rexistraron danos persoais.

Caballero: “O Goberno de España é un aliado fundamental desta cidade, como non sucedeu nunca na historia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este mércores un encontro co delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a quen trasladou a súa satisfacción polo apoio do Executivo de Pedro Sánchez á cidade, fronte á ausencia de investimento da Xunta e ao “sectarismo fanático” do presidente galego, Alfonso Rueda.

Esta é a primeira visita de Gómez Besteiro a Vigo como delegado do Goberno en Galicia, aínda que o encontro co alcalde non estaba na súa axenda pública nin na do rexedor. De feito, Caballero foi o único dos grandes alcaldes socialistas que non acudiu á súa toma de posesión o que se intrepretou como que Besteiro non tiña o apoio dos socialistas de Pontevedra. Por iso, a decisión do novo delegado do Goberno de verse con Caballero tenta amosar a “unidade do socialismo galego” con este nomeamento.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico sinalou que ambos, a quen une “unha amizade de moitos anos”, abordaron varias cuestións, especialmente os fondos da UE que están a chegar á cidade, vía Goberno de España, para diferentes proxectos, que cifrou en 50 millóns de euros.

Por outra banda, explicou Caballero, informou ao delegado sobre o papel de Vigo no PERTE da automoción, no do Naval ou o proxecto da planta de semiconductores; do AVE Vigo-Ourense por Cerdedo; do estudo para o abastecemento da auga; a nova autovía ao Porriño; ou o saída sur ferroviaria.

“Quíxenlle transmitir que o Goberno de España é un aliado fundamental desta cidade, como non sucedeu nunca na historia“, proclamou, e resaltou que, fronte a este apoio, a Xunta non destinou “nin un céntimo” de axudas europeas ao Concello de Vigo, o que tachou de “escándalo”. “Debe ser que o señor Rueda, no seu sectarismo fanático antiVigo, cre que Vigo non é Galicia”, engadiu.

O alcalde volveu a pór como exemplo a obra da senda ciclable de Beiramar, que se está executando con fondos europeos, algo que Xunta e Porto pretenden “ocultar”, pondo un “xigantesco cartel” para “simular” que a obra a paga o goberno galego.

O goberno de Vigo aproba contratar un estudo por un máximo de 400.000 euros para planificar o futuro bus urbano

A xunta de Goberno Local de Vigo aprobou o expediente para contratar unha asistencia técnica que elabore un estudo sobre a demanda do transporte urbano colectivo na cidade e establecer un proceso de modelización da rede de transporte urbano da cidade, cun gasto máximo autorizado de case 400.000 euros.

A proposta foi aprobada fóra da orde do día nunha reunión ordinaria do goberno, o pasado 31 de marzo, e o prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 4 de maio. No expediente de contratación exponse que o transporte público colectivo de Vigo está inmerso “nun proceso de recuperación” tras as “graves afeccións” provocadas no servizo pola pandemia de Covid.

Ademais, recollen os documentos, a concesión do bus urbano (que ostenta Vitrasa) está en situación de prórroga, acordada de forma extraordinaria, precisamente durante a pandemia, co que o contrato está en vigor ata xuño de 2025.

Nese escenario, considérase “necesario” iniciar as actuacións para “determinar os indicadores reais da demanda do novo modelo de mobilidade urbana” e así poder optimizar o transporte urbano de Vigo “para a próxima década”, todo iso tendo en conta que haberá que elaborar un novo prego para sacar de novo a concurso o servizo cando se acabe a actual concesión.

Por todo iso, e a expensas da incorporación de informes pendentes, a xunta de goberno acordou aprobar ese expediente de contratación, así como o prego de prescricións técnicas para executalo, redactado por itra empresa contratada o pasado ano.

O gasto máximo autorizado para ese estudo das liñas de transporte é de 399.682,93 euros e deberá incluír un informe sobre a concesión actual, realización dunha enquisa, elaboración dun modelo de simulación do transporte de Vigo, propostas de optimización da rede, etc.

O BNG de Vigo denuncia un “autogolpe urbanístico” por parte do concello

O BNG de Vigo presentou recurso de reposición contra o acordo da Xerencia de Urbanismo para suspender durante 3 meses o cómputo do prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), por considerar que se trata dunha decisión “ilegal”, adoptada de forma “unilateral”, sen sometela a ditame do Pleno e que “carece de motivación”.

Segundo confirmou o concelleiro nacionalista Xabier Pérez Igrexas, a suspensión dese prazo é “un verdadeiro autogolpe urbanístico” e vaise a traducir en “unha colosal inseguridade xurídica”, ademais de atrasar a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Pérez Igrexas asegurou que, ao contrario do que mantén o goberno local, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, “carece de competencias para adoptar esa resolución” e que o propio secretario do Concello advertiu de que debe ser sometida a debate no Pleno e contar con ditame do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, “que non foi consultado”.

O concelleiro do BNG lembrou que a vixencia do IOP está condicionada ao cumprimento duns prazos de tramitación da novo PXOM, e que a data tope para ter aprobado provisionalmente o plan urbanístico é o 18 de maio. Coa decisión da Xerencia suspéndese o cómputo do prazo, e o argumento do goberno local é a demora na emisión de informes por parte da Xunta de Galicia.

O Porto de Vigo homenaxea ás vítimas do Pitanxo coa instalación dunha placa cos nomes dos falecidos

O Porto de Vigo levou a cabo este mércores unha homenaxe ás vítimas do pesqueiro galego ‘Villa de Pitanxo’, que naufragou a 450 quilómetros de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022, coa instalación dunha placa que recolle os nomes dos 21 falecidos no accidente.

Así, un centenar de persoas achegáronse esta mañá ao Porto para lembrar aos mariñeiros que perderon a vida na traxedia. Entre eles, acudiron o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña; a delegada da Xunta en Vigo e candidata do PP á Alcaldía, Marta Fernández-Tapias; a terceira tenente de alcalde, Elena Espinosa, e os portavoces de Marea de Vigo e do BNG, Rubén Pérez e Xabier Pérez Igrexas, respectivamente.

Foi a portavoz das familias das vítimas, María José de Pazo, a encargada de tomar a palabra no acto, onde agradeceu ao Porto de Vigo o seu apoio “en todo momento” e puxo en valor o “inmenso significado” da placa instalada alí. Ela explicou que se colgou unha placa similar en cada unha das localidades onde residían os falecidos na ‘Vila de Pitanxo’, polo que agora falta por instalar unha en Canadá, lugar do naufraxio, que non levará a cabo ata 2024.

De Pazo puxo en valor o traballo dos mariñeiros e lamentou a loita que tiveron que facer as familias nos últimos meses para forzar ao Goberno a que se continúe investigando o sucedido e báixese ao pecio.

A ex secretaria de Estado de Economia con Rajoy, número dous da lista do PP en Vigo

0

A exsecretaria de Estado de Economía co goberno de Rajoy, Irene Garrido Valenzuela, foi presentada este mércores como número 2 da candidatura que encabeza Marta Fernández-Tapias polo PP para optar á Alcaldía de Vigo. 

Garrido, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora de Economía Financeira e Contabilidade na Universidade de Vigo, foi deputada no Congreso entre 2011 e 2019, e secretaria de Estado de Economía entre 2016 e 2018. Actualmente forma parte da dirección do PP na cidade olívica. É curmá da nai do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Nunha rolda de prensa este mércores, agradeceu a confianza do seu partido e da candidata, e afirmou que aceptou ir na lista electoral porque “é o momento”, coñece a situación da cidade, e aposta por formar parte dunha “representación útil, lonxe de populismos”. Así mesmo, eloxiou a Marta Fernández-Tapias, de quen destacou os seus “valores”, o seu “duro traballo” e o seu “inconformismo”. “Valora unha esencia fundamental de Vigo, que é a economía e a industria”, engadiu.

“ALGO NOVO QUE OFRECER”

Pola súa banda, a candidata á Alcaldía, puxo en valor a experiencia de Irene Garrido, e lembrou que o seu proxecto para Vigo “mira pola economía”, nunha cidade “cansa de anécdotas” e que quere un goberno local “que se preocupe do que de verdade importa, das cousas para comer, do emprego”.

A “folga histórica” dos profesionais médicos obriga a suspender unha de cada catro cirurxías

0

Os hospitais de Vigo, Lugo e Ourense celebraron na mañá deste martes senllas concentracións con centos de facultativos no marco da primeira xornada da folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) para pedir á Consellería de Sanidade que “inicie as negociacións” porque, ata o momento, todo foi “un paripé”.

Así o defenden, en declaracións a Europa Press, diferentes delegados sindicais da organización que convoca en solitario estes paros, que insisten na súa “man tendida” aos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para acabar cunhas condicións laborais que son “obxectivamente peores” que noutras comunidades autónomas.

A primeira protesta relacionada coa folga tivo lugar ás portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, con máis dun centenar de traballadores. O delegado de CESM, Enrique Fernández, celebrou a “importante” participación alcanzada, segundo as primeiras estimacións ofrecidas polo sindicato: preto do 100% en Cardioloxía, o 85% en Pediatría e o 80% de Anestesia, entre outras.

Os médicos internos residentes (MIR) tamén están a secundar a folga “masivamente” porque “son eles os que van sufrir as condicións laborais dos próximos 35 anos”. De feito, Fernández advirte que as xubilacións que se aveciñan pon de manifesto que “vai facer falta facultativos” e que vai haber “competencia” entre as distintas comunidades autónomas para reter aos profesionais recentemente formados. Neste contexto, denuncia que a política de recursos humanos do Sergas é “cortoplacista e miope”.

“Estamos a desexar sentarnos a negociar de verdade, non como o que houbo ata agora, que foron todo xeneralidades e vaguedades. Non ofreceron nada ata o mércores (pasado)”, explica o delegado de CESM desde a concentración no Cunqueiro, para afear que nos 40 días que deron á Consellería desde que anunciaron a folga, só trasladasen algunha proposta “a semana anterior”.

Entre as reivindicacións que motivan este paro, que non secunda ningunha outra organización, tampouco as que están representadas na Mesa Sectorial do Sergas (CIG, CCOO, UGT, CSIF e Satse), están a xornada de 35 horas semanais, a recuperación de tres días de descanso retirados como consecuencia da crise de 2008, os días 24 e 31 de decembro como moscosos e a posibilidade de que poidan cobrar o complemento específico os profesionais que exercen no Sergas e na privada.

CONCENTRACIÓN E FOLGA EN OURENSE

Pola súa banda, desde a concentración no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o delegado de CESM, Alberto Escobar, insiste na “man tendida” que teñen á Consellería para que “inicie a negociacion co mellor sentido construtivo”, posto que ata agora tivo “pouca vontade política”.

No CHUO, estima que o seguimento da folga durante a primeira xornada “foi masivo”. Segundo as súas cifras, o 60% das consultas quedaron aprazadas e, de 16 quirófanos que hai en total no hospital, “10 non funcionaron” e só seis estaban operativos e por servizos mínimos.

Stellantis & You inaugura as súas novas instalacións en Vigo, con máis de 5.000 metros cadrados

Stellantis & You, a división comercial comerciante polo miúdo do grupo automobilístico, inaugurou este martes as súas novas instalacións en Vigo, que contan con máis de 5.000 metros cadrados ao servizo dos clientes das marcas Peugeot, Citroën, Opel, DS Automobiles e Spoticar.

Situadas na Avenida de Madrid número 193, onde o consorcio conta xa con máis de 60 anos de experiencia, agora a compañía ampliou as súas instalacións para incorporar os servizos de venda e posventa de Opel e Spoticar, que se suman á oferta do resto de marcas que xa estaban dispoñibles.

“En total, este renovado hub automobilístico pon a disposición dos seus clientes máis de 5.000 metros cadrados. Un espazo atractivo e tecnolóxico pensado para ofrecer a mellor calidade de servizo a Vigo e a súa área metropolitana”, reivindicou a empresa.

Con espazos de exposición diferenciados por marcas, Stellantis & You Vigo dispón dun mesmo servizo de posventa para todas as firmas, co obxectivo de dar máis facilidade aos clientes.

Na presentación, o director de Stellantis & You Vigo, Carlos Miranda, puxo en valor o legado de máis de 60 anos co que conta o grupo na cidade, onde tamén dispón da fábrica que máis vehículos produce ao ano de todo o país. Ao evento tamén acudiu o director xeral de Stellantis & You España, o galego Alfredo Vila, que destacou a importancia de Galicia para a compañía.

Pola súa banda, o director de Comunicación e Relacións Institucionais de Stellantis, José Antonio León, subliñou as “cifras impresionantes” da factoría viguesa do consorcio automobilístico, que ensambla vehículos con “gran éxito comercial” como o Peugeot 2008.

El centrouse na aposta do grupo pola electrificación, producindo modelos 100% eléctricos no seu tres fábricas españolas (Vigo, Madrid e Zaragoza) e lembrou o investimento de 30.000 millóns de euros que Stellantis acometerá ata 2025 para desenvolver catro novas plataformas eléctricas, que permitirán coches con máis autonomía e menor tempo de recarga.

Presente en Vigo, A Coruña e Ourense, Stellantis & You é un dos maiores grupos de distribución de automóbiles de Galicia e do resto de España. No seu tres puntos de venda e talleres oficiais na Comunidade, xunto cun hub de distribución de pezas de recambio, dá emprego a 193 traballadores.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed