A xunta de Goberno Local de Vigo aprobou o expediente para contratar unha asistencia técnica que elabore un estudo sobre a demanda do transporte urbano colectivo na cidade e establecer un proceso de modelización da rede de transporte urbano da cidade, cun gasto máximo autorizado de case 400.000 euros.
A proposta foi aprobada fóra da orde do día nunha reunión ordinaria do goberno, o pasado 31 de marzo, e o prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 4 de maio. No expediente de contratación exponse que o transporte público colectivo de Vigo está inmerso “nun proceso de recuperación” tras as “graves afeccións” provocadas no servizo pola pandemia de Covid.
Ademais, recollen os documentos, a concesión do bus urbano (que ostenta Vitrasa) está en situación de prórroga, acordada de forma extraordinaria, precisamente durante a pandemia, co que o contrato está en vigor ata xuño de 2025.
Nese escenario, considérase “necesario” iniciar as actuacións para “determinar os indicadores reais da demanda do novo modelo de mobilidade urbana” e así poder optimizar o transporte urbano de Vigo “para a próxima década”, todo iso tendo en conta que haberá que elaborar un novo prego para sacar de novo a concurso o servizo cando se acabe a actual concesión.
Por todo iso, e a expensas da incorporación de informes pendentes, a xunta de goberno acordou aprobar ese expediente de contratación, así como o prego de prescricións técnicas para executalo, redactado por itra empresa contratada o pasado ano.
O gasto máximo autorizado para ese estudo das liñas de transporte é de 399.682,93 euros e deberá incluír un informe sobre a concesión actual, realización dunha enquisa, elaboración dun modelo de simulación do transporte de Vigo, propostas de optimización da rede, etc.