Inicio Blog Páxina 595

Coñece todo sobre a esclerose múltiple en Vigo

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (Avempo) organiza este xoves, día 8 de xuño, unha xornada informativa sobre esta enfermidade, que levará a cabo na Fundación Saes e que contará con profesionais de Neuroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, como a neuróloga Elena Álvarez, o enfermeiro César Sánchez e a neuropsicóloga Marta Torrente.

Tal como informou Avempo, os especialistas ofrecerán resposta ás persoas con esclerose múltiple e ás súas familias sobre todas aquelas dúbidas que lles xurdan. Será a partir das 17:20 horas nas instalacións de Avenida de Europa,  onde está previsto que acuda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar.

Outra vez aplazado o xuízo contra a muller acusada por tocamentos a un menor en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra suspendeu este mércores o xuízo contra unha muller acusada dun delito de abuso sexual a un menor tras supostamente bicalo e realizarlle tocamentos en varias ocasións.

O motivo da suspensión foi a non comparecencia de varias testemuñas, porén, o xuízo celebrarase finalmente o próximo 23 de xuño ás 10:00 horas. Nun principio, a vista estaba programada xa para o pasado mes de febreiro, pero foi suspendida pola folga de Letrados da Administración de Xustiza.

Os feitos ocorrerían no centro de Emerxencias para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero da cidade olívica e, por eles, Fiscalía solicita 4 anos e 5 meses de prisión. O Ministerio público solicita tamén a prohibición de achegarse á vítima ou comunicarse a ela durante catro anos e a inhabilitación da muller para realizar algún traballo que leve contacto con menores durante polo menos tres anos tras a pena de cárcere.

Stellantis Vigo volve suspender parte da súa produción este mércores por falta de compoñentes

A factoría de Stellantis en Vigo suspenderá parte da súa actividade este mércores debido á “falta de aprovisionamentos“, segundo comunicou a empresa ao seu persoal.

Así, “por causa de forza maior“, comunicouse a suspensión de actividade do sistema 2 (o que monta as furgonetas das diferentes marcas do grupo) na quenda de noite deste mércores (a noite do mércores ao xoves).

A planta viguesa xa parou a súa actividade hai unha semana, tamén en sistema 2 e polo mesmo problema de subministracións. Estas paradas prodúcense días despois de que a empresa confirmase a contratación de centos de operarios para recuperar a quenda de fin de semana do sistema 2, a partir de setembro.

Aumentar as titulacións da UNED en Vigo, a última petición de Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avogou este martes por seguir aumentando titulacións na sede viguesa da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED): “O que temos non nos chega”.

Así o sinalou o rexedor durante a presentación dos cursos de verán da UNED na súa aula olívica, que nesta ocasión contará con dúas propostas. A primeira delas, titulada ‘Mulleres: Arte e Cultura na Idade Media e a Idade Moderna’. A segunda, ‘Redes sociais, tecnoloxías e metodoloxías emerxentes no ensino e aprendizaxe de linguas’.

Caballero puxo en valor a “crónica dun éxito anunciado” que foi a UNED en Vigo, que conta na actualidade con preto de 1.500 alumnos de grao e case 5.000 de cursos de extensión. A pesar diso, insistiu na necesidade de seguir sumando titulacións e docencia, algo que xa se planificou antes da pandemia pero que o coronavirus freou esta expansión. “Agora hai que retomalo no próximos catro anos”, subliñou.

Na presentación tamén estivo a presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen puxo en valor o financiamento da UNED por parte da administración provincial para expandir o coñecemento.

Preguntados sobre se agora, co cambio de goberno na Deputación, manteranse estas subvencións, Caballero lembrou que o convenio xa está asinado, polo que é de “obrigado cumprimento” nos próximos anos. “Deus libre ao Partido Popular e á Deputación de tentar castigar a esta cidade. Non saben o que lles vén enriba como o tenten”, sentenciou.

Capturan unha serpe duns 70 centímetros nunha vivenda de Vigo

Axentes da unidade UMIR, especialistas en medioambiente e intervención rural, da Policía Local de Vigo capturaron unha serpe duns 70 centímetros nunha vivenda da cidade.

Tal como informou devandito corpo de seguridade, os feitos ocorreron o pasado venres sobre as 13,50 horas, cando un particular alertou de que entrara unha serpe á súa casa e que o animal se escondeu nunha maceta.

Unha vez no punto, a propietaria do inmoble explicou aos funcionarios onde se ocultou o réptil, procedendo á súa captura, tratándose dunha serpe de escaleira. A partir de aí, os axentes trasladaron ao animal a un monte próximo para devolvelo ao seu hábitat natural.

Deteñen en Vigo a unha parella por unha discusión que rematou en senllas agresións

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, J.G.B., de 45 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir supostamente á súa parella, que tamén foi arrestada por golpear ao home cunha botella na cabeza.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do domingo, cando o 092 recibiu unha chamada dunha testemuña que aseguraba que estaba a escoitar berros e saloucos procedentes dun piso na rúa Fermín Penzol.

Unha dotación policial trasladouse ao lugar e atopouse no portal cunha muller esperando aos axentes. A muller explicoulles que tivera unha forte discusión coa súa parella e que el a agarrou fortemente dos brazos, tiroulle do pelo e que lle rompeu o teléfono móbil lanzándoo ao chan. Así mesmo, recoñeceu que “para defenderse” propináralle un botellazo na cabeza, antes de escaparse do domicilio.

Os policías tamén se entrevistaron co home, que recoñeceu a discusión e que relatou que a muller o agredira, aínda que non quería denunciala. Por estes feitos, os funcionarios procederon á detención do home, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, e tamén da muller, por un suposto delito de violencia doméstica.

INTENTO DE AGRESIÓN A UN POLICÍA

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, F.E.R., de 26 anos de idade, como presunto autor dun delito de atentado tras tentar agredir a un funcionario e resistirse a ser identificado.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do pasado sábado, cando unha patrulla que se atopaba na zona de Rolda Don Bosco observou a un grupo de tres novos. Ao decatarse da presenza dos axentes, un dos mozos ocultou rapidamente algo no seu peto (resultou ser unha bolsa con cocaína).

Os policías dirixíronse a eles, pero estes negáronse a identificarse e mostraron unha actitude desafiante, tentando mesmo abandonar o lugar. Un deles tentou propinar unha puñada a un dos policías, que logrou esquivar o ataque. Neses momentos foi inmobilizado e detido por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade e por desobediencia e resistencia.

O comité de Vitrasa confirma que continuará con paros parciais para reclamar melloras nas condicións laborais

O comité de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, confirmou que continuará levando a cabo paros parciais para negociar un novo convenio que recolla melloras nas condicións laborais, xa que o anterior documento caducou a finais de 2020.

Nun comunicado, a Confederación Intersindical Galega (CIG), que preside o comité, explicou que serán os días 6, 8, 9, 12, 16, 19 e 21 de xuño cando traballadores da compañía pararán entre as 07,00 e as 08,30 horas e as 13,30 e 15,00 horas.

Precisamente desde a sección sindical da CIG en Vitrasa quixeron saír ao paso tras as críticas vertidas pola empresa, que acusaba o persoal de facer coincidir os paros coas franxas horarias nas que se concentran gran parte dos desprazamentos.

“A dirección ten que entender que loxicamente o obxectivo de calquera folga é dar a maior visibilidade posible a un conflito, pero parece que queren que convoquemos os paros nas horas de descanso“, ironizou o sindicato.

Con todo, quixeron deixar claro que a “única responsable” de que se produzan estes paros é a empresa, “pola súa negativa a negociar calquera punto do convenio ata que non teña asegurado un reequilibro por uns viaxeiros que realmente non transportou”.

Unha “caca” flotante, a orixinal denuncia pola contaminación na Marisma do Val Miñor

A Colectiva Eco-artística Riquiñas en Acción decidiu lanzar unha escultura dunha caca xigante cerca da Ponte de Ramallosa, punto de encontro dos tres concellos do Val do Miñor para chamar a atención sobre o estado da Marisma de Foz. Esta iniciativa coincide con 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado este luns 5 de xuño. A caca xigante conta cunha pancarta que di: “A marisma da Foz é unha cloaca“.

As causas desta contaminación da auga está na Estación Depuradora de Augas Residuais de Gondomar, que recibe un caudal de augas fecais e pluviais que superan a capacidade da instalación e producen desbordamentos que acaban no río, na marisma e no mar. Esto provoca que, no que tempo atrás foi unha zona de traballo para as mariscadora, agora so sirva para recoller cebo.

A caca está fabricada nun 99% con materiais biodegradables e foi deseñada por diferentes artistas que buscan a reflexión e complicidade da cidadanía a través destas accións. “Esta obra é unha chamada de atención aos nosos gobernantes, un xeito de facerlles ver as nosas preocupacións da man da arte. Compre que tomen partido e busquen unha solución conxunta e responsable”, comenta un membro da Colectiva RAKA que piden a colaboración cidadá para a difusión da imaxe da obra nas redes sociais con #recuperaramarisma #raka_accion #diamundialdelmedioambiente.

Cáritas Diocesana Tui-Vigo presenta as contas de 2022 cun gasto de máis de 2 millóns de euros

Cáritas Diocesana de Tui-Vigo investiu máis de 2 millóns de euros durante o ano pasado co obxectivo de atender aos máis necesitados, segundo informaron en rolda de prensa o director do organismo, Gonzalo Davila, e o delegado episcopal en Cáritas, Javier Alonso.

Da súa Memoria de Actividades presentada este luns despréndese que os fondos que Cáritas recibe, tanto de entidades públicas como privadas ou de doantes particulares, investíronse en primeira atención, con máis de 746.000 euros, ademais de en infancia, adolescencia e familia, superando os 530.000 euros.

Pola súa banda, a institución tamén gastou máis de 95.000 euros en saúde e case 310.000 euros en emprego, ademais doutros 137.000 euros en voluntariado e acción no territorio. A cooperación internacionais (44.700 euros), a administración (77.700 euros) e os servizos complementarios (75.000 euros) foron outros gastos que Cáritas Diocesana Tui-Vigo tivo que afrontar en 2022.

Cortan desde este martes a ligazón entre a A-52 e a A-55 na ponte sobre o río Louro, en Mos (Pontevedra)

Este martes 6 de xuño cortarán ao tráfico a ligazón entre as autovías A-52 e A-55 por obras de conservación e mellora na ponte sobre o río Louro, no municipio pontevedrés de Mos.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) informou que van comezar as obras de substitución e mellora do sistema de contención de vehículos da marxe dereita da calzada da ponte sobre o río Louro, no quilómetro 14 da autovía A-55.

O corte ao tráfico do actual ramal de conexión producirase a partir das 12,00 horas deste martes e o tempo estimado de duración das obras é duns catro meses. Con todo, para asegurar a fluidez

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed