Stellantis Vigo volve suspender parte da súa produción este mércores por falta de compoñentes

Imaxe do interior da contorna de Stellantis Vigo / STELLANTIS VIGO

A factoría de Stellantis en Vigo suspenderá parte da súa actividade este mércores debido á “falta de aprovisionamentos“, segundo comunicou a empresa ao seu persoal.

Así, “por causa de forza maior“, comunicouse a suspensión de actividade do sistema 2 (o que monta as furgonetas das diferentes marcas do grupo) na quenda de noite deste mércores (a noite do mércores ao xoves).

A planta viguesa xa parou a súa actividade hai unha semana, tamén en sistema 2 e polo mesmo problema de subministracións. Estas paradas prodúcense días despois de que a empresa confirmase a contratación de centos de operarios para recuperar a quenda de fin de semana do sistema 2, a partir de setembro.