Inicio Blog Páxina 554

A delegada da Xunta pide a Caballero que “desbloquee” obras autonómicas por valor duns 50 millóns de euros

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, pediu este martes ao alcalde da cidade, Abel Caballero, tras a súa primeira reunión institucional (como delegada do goberno galego), que “desbloquee” proxectos autonómicos na urbe olívica por uns 50 millóns.

Así, segundo explicou en declaracións aos medios, Ana Ortiz puxo o foco, entre outras actuacións, na urbanización da ETEA e o desenvolvemento de proxectos do ámbito PS-1. Alí, a Xunta ten prevista un investimento de 12,5 millóns de euros para reformar a chamada Praza de Armas, instalar nova iluminación, acondicionar os espazos e outras melloras; a iso súmase unha residencia de maiores, financiada pola Fundación Amancio Ortega.

Pero, para acometer esas obras, é necesaria unha urbanización previa e, para esa urbanización, o Concello debe pór a disposición da Xunta, de forma temporal, o viario principal que vertebra o recinto, para acometer as canalizacións necesarias para os servizos, algo que non fixo a administración municipal.

Ana Ortiz tamén pediu ao Concello que poña a disposición da Xunta a parcela para a construción do IES de Navia, xa que existe un orzamento consignado de 14,5 millóns de euros para esa obra e non poden investirse sen a cesión do terreo.

Outras das cuestións abordadas foron o uso da antiga estación de buses da Avenida de Madrid, onde a Xunta proxectou a construción dun centro interxeracional (con escola infantil, atención a persoas maiores e entidades sociais), pero que necesita dunha modificación da PXOM; o “desbloqueo” do orzamento do Consorcio do Casco Lanuxe de Vigo, organismo rehabilitador participado nun 90 % pola Xunta e nun 10 % polo Concello; ou a sinalización (inexistente polo rexeitamento do goberno local) do Camiño Portugués pola Costa ao seu paso pola cidade.

Finalmente, Ana Ortiz trasladou a Caballero que “sería moi interesante” que os veciños de Vigo puidesen beneficiarse das vantaxes da rede de transporte metropolitano da Xunta, uns beneficios que si gozan os usuarios doutros municipios e que a cidade non ten ao non subscribir o convenio correspondente.

A delegada da Xunta mostrouse “optimista” acerca da recepción do alcalde ás súas peticións, aínda que evitou concretar se espera que sexan atendidas. En todo caso, subliñou que se trata de investimentos e proxectos “bos e moi necesarios para a cidade”, e destacou que o encontro se desenvolveu nun ambiente “moi cordial” e “institucional”.

“EU NON FAGO CESIÓNS”

Pola súa banda, o alcalde da cidade olívica, en declaracións aos medios tras a entrevista con Ortiz, respondeu á petición sobre a ETEA cunha proposta: que sexa o Concello o que, por medio dun convenio, execute as obras de urbanización, iso si, financiadas pola Xunta de Galicia.

O rexedor subliñou que o Concello non cederá o viario para que a administración autonómica acometa a urbanización das súas parcelas na ETEA. “Eu non fago cesións”, recalcou.

“Todo o que se faga no ámbito da cidade, faino o Concello, e se é competencia doutra administración, que achegue os recursos”, proclamou Caballero, que puxo como exemplo o convenio para a reforma da Avenida de Madrid, de titularidade estatal.

NAVIA E CASCO LANUXE

Con respecto ao IES de Navia, o alcalde volveu a repetir que a Xunta “o ten moi fácil” e só debe asinar un convenio co Concello. Así, lembrou os “moi malos precedentes”, como o ocorrido co centro de saúde de Bouzas, para o que o Concello cedeu os terreos: “a Xunta tardou 12 anos en construílo, e ao final reduciuno á metade”.

Mentres, sobre a negativa do Concello a aprobar o orzamento e o plan de investimentos do Consorcio do Casco Lanuxe, Abel Caballero afirmou este martes que a anterior delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, “non entendeu” a proposta municipal para o aluguer de locais no barrio histórico (o Concello pediu arrendar 15 locais para xestionalos desde a administración local, pero a Xunta negouse). Agora, o rexedor expuxo a Ortiz “pactar o orzamento” e mostrouse disposto a desbloquealo, se se busca “a unanimidade”.

Sobre a antiga estación de autobuses, Caballero reiterou que esa zona “necesita espazos verdes”, pero abriuse a “dialogar”. En todo caso, matizou que “non está claro de quen é ese chan” e advertiu de que “as decisións sobre o PXOM as toma o Concello”.

INTERLOCUCIÓN CO PRESIDENTE DA XUNTA

O rexedor olívico tamén destacou o ton cordial da entrevista coa delegada da Xunta, aínda que avanzou que, salvo cuestións puntuais e “con todo o respecto”, os contactos do goberno local con Ana Ortiz a partir de agora serán realizados coa concelleira Yolanda Aguiar. “A interlocución do alcalde é co presidente da Xunta”, proclamou.

Preguntado acerca de se reconsiderou a súa decisión de non reunirse o pasado outubro con Alfonso Rueda, na rolda que o presidente galego fixo cos rexedores municipais das principais cidades, Abel Caballero aclarou que, nese momento, rexeitou o encontro con Rueda porque “quería que fóra coa súa candidata”, en alusión a Marta Fernández-Tapias, que foi a aspirante do PP á Alcaldía de Vigo.

“Eu sempre teño a man tendida á Xunta. Todo o que faga en beneficio de Vigo, eu vouno a celebrar”, sinalou o alcalde, quen puxo como exemplo a Cidade da Xustiza, impulsada pola administración galega: “Encántame”.

A cidade deportiva do Celta está a ser construída nos montes comunais de Mos de forma ilegal, tal e como declarou o TSXG

A chamada cidade deportiva do Celta construída nos montes comunais de Mos foi declarada unha construcción ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentenza firme. O TSXG dictaminou que os campos e o edificio construído en solo rústico de especial protección carecía das licencias e permisos axeitados.

Esta construcción ilegal é o eixo central do proxecto Galicia Sport 360 que a Xunta de Galicia declarou proxecto de interese autonómico (PIA). Por iso, Ecoloxistas en Acción solicita a retirada da designación de proxecto de interese autonómico ao proxecto Galicia Sport 360 por ser unha construcción ilegal na súa orixe.

Subliñan que resulta especialmente vergoñento que o Real Club Celta celebre o centenario da súa fundación, o 23 de agosto, nun recinto declarado ilegal polos tribunais de xustiza, colocando a primeira pedra do proxecto Galicia Sports 360. Algo que, para Ecoloxistas en Acción, contrasta cos valores que reivindica o club: afouteza, solidariedade e compromiso, que van ligados á súa centenaria historia.

Aseguran que a afección celtista contempla con estupor as argucias dunha directiva máis preocupada en burlar a lexislación medioambiental para dar pelotazos urbanísticos que en construir un proxecto deportivo e social sólido no que os siareiros sexan escoitados e non meros espectadores pasivos. Porén, a directiva actual do Real Club Celta segue as orientacións do capitalismo máis salvaxe, que busca beneficios a costa de privatizar o común, despoxar ás comunidades e espoliar o territorio.

“A declaración de interese autonómico ao proxecto Galicia Sport 360 evidencia o intento de burlar a acción da Xustiza, de eludir a sentenza do tribunal superior de Galicia. Hai claros indicios de prevaricación por partes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes”, declara Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas.

Ecoloxistas en Acción fai un chamamento aos siareiros e siareiras do Celta a unirse á veciñanza comuneira de Tameiga e ás organizacións ecoloxistas no rexeitamento a un evento que tenta ser un lavado de cara dunha desfeita ambiental e urbanística nos montes de Mos, coa cumpricidade de Xunta e Concello mosense. “A Historia, o escudo e a camiseta celeste non merecen esta aldraxe”, recalcan desde a organización ecoloxista.

Stellantis detén unha das liñas de produción por falta de subministracións un día despois da volta de vacacións

A normalidade na volta á actividade da fábrica de Stellantis en Vigo durou só un día, xa que a falta de aprovisionamentos obrigou a suspender parte da produción só 24 horas despois da volta de vacacións.

Segundo informaron fontes da empresa ao persoal, “unha dificultade sobrevinda en aprovisionamento de pezas e no inicio de actividade dalgún dos provedores tras o período de vacacións” obrigou a parar a produción no sistema 2 (o que monta as furgonetas).

Deste xeito, cancélase a actividade na quenda de tarde deste martes nesa liña, así como na quenda de noite, e tamén na quenda de mañá deste mércores.

“A pesar de manter o fluxo tenso, está previsto reiniciar a actividade (para esta quenda) a partir das 14,00 horas deste mércores”, confirmaron.

O BNG pide que se explique a proxección de Caballero como “mellor alcalde do mundo” no concerto de Guetta

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo esixiu este luns “explicacións” ao goberno local e ao rexedor, tras a proxección, en pantalla grande e momentos antes de iniciarse o show de David Guetta en Castrelos, dunhas imaxes de Abel Caballero, enmarcadas pola mensaxe “o mellor alcalde de mundo”.

A través dun comunicado, o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que, nese concerto, celebrado na noite deste domingo, “cruzouse unha nova liña vermella na permanente política de culto á personalidade” de Abel Caballero que leva a cabo desde o Concello olívico.

O edil do BNG explicou que, nos momentos previos ao comezo do show, produciuse a “inaceptable” proxección dunha imaxe do alcalde, Abel Caballero, chegando á platea do Auditorio de Castrelos, onde miles de persoas esperaban o inicio do concerto. A imaxe estaba enmarcada por unha orla coa mensaxe “viva Vigo” repetido e, na parte inferior, o lema “o mellor alcalde do mundo” sobre a bandeira da cidade.

A xuízo de Pérez Igrexas, trátase dunha “basta utilización propagandística” na “campaña permanente dun alcalde que confunde a institución co partido, e reduce a cidade á súa persoa”. “Infelizmente, converteuse en algo normal a utilización por parte de Abel Caballero dos grandes concertos da cidade como a súa particular pasarela para a súa exhibición persoal”, constatou.

O portavoz do BNG lembrou que os concertos de Castrelos páganse con diñeiro público e as festas “non poden ser usadas como escenario para o ego imperial de Abel Caballero”, polo que o seu grupo esixirá “explicacións” e que se aclare se houbo unha “instrución” por parte da Alcaldía para a proxección desa imaxe.

VALORACIÓN DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde, nunhas declaracións aos medios, cualificou o concerto das últimas horas de “apoteósico, o nunca visto”, e cifrou en máis de 120.000 persoas a asistencia ao evento.

Caballero, que nesas manifestacións non se pronunciou sobre a polémica proxección da súa imaxe, puxo en valor que non se produciu ningún incidente durante o concerto, que foi “para a historia de Vigo e de Galicia”.

Con todo si houbo resposta do goberno local que, na tarde deste luns, enviou un comunicado desmarcándose desa proxección.

“En relación ás críticas sobre a proxección de diferentes imaxes nas pantallas do Auditorio de Castrelos durante o concerto de David Guetta, o goberno municipal aclara que non tivo vinculación algunha nin coa emisión nin co contido desa imaxe, nin directa nin indirectamente“, reza devandito comunicado.

David Guetta en Castrelos: case 17.000 euros por minuto por unha actuación cun son deficiente e un retraso maiúsculo

0

Un dispositivo de seguridade nunca antes visto. Un hospital de campaña despregado. Policía por todos os recunchos. Decenas de baños portátiles. Un cheo ata a bandeira. Público agardando dende o día anterior. Miles de persoas asándose ao sol da mediodía. Xente loitando por ser a primeira en acceder ao interior do recinto. Un millón de euros desembolsado das arcas municipais. Tres dj’s de teloneiros. Unha noite que prometía ser histórica en Vigo. E todo para que? Para que o dj francés David Guetta se fixese derrogar unha hora en saltar ao escenario, para que máis aló das gradas non se escoitase nada de nada e para que unha gran parte do público decidise marchar aos poucos minutos de comezar o concerto.

O artista francés saíu ao escenario ás once e media da noite, máis dunha hora despois do momento que inicialmente estaba previsto para a súa actuación, e media hora máis tarde da súa presentación por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que nesta ocasión cifrou a asistencia a Castrelos en 125.000 persoas. Unhas 125.000 persoas que se impacientaban a medida que pasaban os minutos e o afamado dj non saía. Pitos, moitos pitos se escoitaron ao longo da noite. E non era para menos, pois despois de tres horas de dj’s soando sen parar, durante esa hora de espera a música parou. 

Ao parecer, segundo informaron diversos medios, todo se debeu a que houbo que montar a mesa de Guetta antes de que este saise. Pero, non podía terse feito antes? Ou, polo menos, como sucedeu no caso doutros artistas en Castrelos, que se poña música de fondo para amenizar a espera. Moitos xa o estaban poñendo de volta e media nese intre, só facía falta escoitar á xente agolpada no auditorio ou abrir o Twitter, onde a frustración non facía máis que medrar a cada minuto que pasaba. Moitos consideraron tal xesto como prepotencia, pois certo é que non houbo ningún outro artista contratado este ano en Castrelos que fixese agardar máis de dez ou quince minutos aos seus fans. Unha falta de respecto. 

IFramePasadas as once e media, por fin apareceu David Guetta ante as tentas miradas de miles de espectadores, xa cansos de agardar. Mais a espera non mereceu a pena. Sacando ao público que pagara a súa entrada para acceder á pista (vendéronse 5.000 entradas que se esgotaron en oito minutos, e na reventa chegábanse a pedir 900 euros) e a aquel máis madrugador que puidera coller sitio nas gradas do parque, todos os demais ata o tiveron difícil para enterarse de que o dj francés saltara ao escenario. Non se ouvía nada. Pero nada de nada. Máis atrás das gradas, na zona de herba onde están as árbores e onde centos de persoas acamparan para ver a Guetta, non se distinguía nin cal era a canción que estaba a soar.

Máis dun xa dicía que igual era mellor levar a Panorama, porque de seguro que o son sería mellor. Como un dj de semellante nombre pode ter un espectáculo no exterior tan nefasto? Ninguén daba crédito do que estaba vendo. Bueno, vendo é unha forma de falar, pois ver víase ben pouco. As pantallas xigantes que sempre serviron para que o público da zona traseira puidese ver ao seu artista preferido, nesa ocasións non se usaron. Algunha que outra vez si se deixou ver a Guetta en pantalla, como se un flash, pero a maior parte do tempo simplemente se usaron a modo de foco, como unha luz máis de cores.

Así as cousas, foron centos as persoas que abandonaron o recinto de Castrelos moito antes de rematar o concerto, xa durante os primeiros minutos. Xente decepcionada que marchaba para a casa pensando que perdera o tempo ao estar agardando máis de catro horas por un Guetta que non estivo á altura do que se agardaba da noite. Quizáis si para o público das gradas e da pista, pero dende logo non para os demais, que eran moitos, moitos máis. E todo ese desastre polo módico prezo de un millón de euros, é dicir, de case 17.000 euros por cada minuto pinchando, e de case 300 por cada segundo que pasaba.

Unha veciña de Vigo trasladada ao hospital con síntomas por inhalación de fume tras un incendio na súa casa

0

Unha veciña de Vigo foi evacuada este luns ao Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade, con síntomas por inhalación de fume tras declararse un incendio na súa vivenda.

Segundo informou o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 14,30 horas, cando a propia veciña afectada chamou a emerxencias para solicitar axuda, xa que se declarou un incendio na cociña do seu domicilio, no número 20 da rúa Torrecedeira.

De inmediato deuse aviso aos bombeiros da cidade e á Policía Nacional e Local. Posteriormente, uníronse ao operativo os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á muller ao centro hospitalario. Na vivenda, ardeu a campá extractora e parte do mobiliario da cociña.

Dúas detencións por violencia de xénero e outra por vulnerar unha orde de afastamento en Vigo

A Policía Local de Vigo detivo a dous homes o pasado fin de semana por supostos episodios de violencia de xénero, e a outro por vulnerar unha orde de afastamento ditada por un xulgado penal da cidade.

Segundo informaron fontes policiais, á primeira hora da tarde do pasado sábado, o 092 recibiu unha chamada sobre unha suposta agresión machista na rúa Rosalía de Castro. Cando os axentes chegaron, a suposta vítima recoñeceu que tivera unha discusión co seu parella pero que non pasara nada, a pesar de que tiña un golpe no lado esquerdo da cara.

As testemuñas explicaron á Policía que o home, J.J.J., de 36 anos de idade, propináralle un bofetón á muller. Por estes feitos, os funcionarios procederon á detención do home.

Xa na madrugada do domingo ao luns, a Policía Local acudiu ao parque de Castrelos (onde se celebrou o concerto de David Guetta) tras recibir un aviso por unha agresión machista. Unha testemuña denunciou que vira a un home atacar á súa parella.

Os axentes entrevistáronse coa suposta vítima, que negou dita agresión e que xustificou as lesións que presentaba “por unha caída”. Con todo, en atención ao relatado pola testemuña, a Policía detivo ao sospeitoso, E.J.V.G., de 44 anos de idade.

Ademais, a Policía interveu tamén noutro episodio de violencia de xénero, ao mediodía do pasado xoves. Unha patrulla que prestaba servizo na zona peonil da rúa Urzáiz foi requirida por unha muller, que lles explicou que a súa parella a agrediu esa madrugada no domicilio familiar.

A vítima non puido precisar con que fora golpeada porque ela e a súa parella consumiran alcol, e tampouco lembraba o motivo da discusión. Segundo o seu relato logrou zafarse e fuxir, e foi refuxiarse a casa dunha amiga.

A muller explicou que xa sufrira agresións anteriores por parte do seu parella pero non se atreveu a denuncialo. Os policías acudiron ao domicilio pero alí non se atopaba o sospeitoso, que aínda segue sen ser localizado; e a muller foi evacuada a un centro médico.

VIOLENCIA FAMILIAR E QUEBRANTAMENTO DE CONDENA

Por outra banda, a Policía Local informou doutra intervención, na madrugada do domingo, cando dotación que patrullaba pola rúa Hernán Cortés, observou a unha parella discutindo. O home presentaba unha ferida sanguenta na boca, e a muller recoñeceu que ela o agrediu durante unha discusión para evitar que conducise unha motocicleta, porque consumira alcol. Por iso, foi detida por un suposto delito de violencia familiar.

Tamén na madrugada do domingo, o 092 recibiu un aviso para acudir á rúa Urzáiz, onde unha parella estaba a discutir na vía pública. Unha vez identificados, os axentes comprobaron que hai unha orde de afastamento, en vigor ata 2024, que prohibe ao home achegarse á muller por un delito de malos tratos no ámbito familiar, polo que foi arrestado como presunto autor dun quebrantamento de medida.

Xunta e UVigo abordan o uso de renovables para mellorar a eficiencia enerxética na institución académica

O secretario xeral de Industria da Xunta, Nicolás Vázquez, mantivo un encontro con responsables da Universidade de Vigo para abordar as liñas de colaboración entre ambas as partes e tratar futuros proxectos conxuntos, e no que se tratou, entre outras cuestións, o uso do hidróxeno.

Segundo explicou Nicolás Vázquez, Xunta e Universidade ven o hidróxeno como “un alicerce enerxético no futuro, cun elevado potencial de xeración en Galicia”. Na reunión, na que participaron o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luís Míguez, e o adxunto ao reitor, Jacobo Porteiro.

Ademais do uso de hidróxeno, Xunta e UVigo falaron tamén dos plans enerxéticos levados a cabo pola institución académica ata este momento, e os que prevé impulsar no futuro, baseados no uso de enerxías renovables para a produción térmica e eléctrica, ademais da implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética.

O Mosteiro de Oia acolle o 29 de agosto un concerto de música instrumental no festival Sinsal

O Mosteiro de Oia, en Pontevedra, acollerá o 29 de agosto un concerto de música instrumental, no marco do festival Sinsal SON Estrela Galicia 2023, que se traslada da illa de San Simón ao citado recinto. Esta xornada de peche da edición deste ano incluirá un concerto de música clásica da man do ensemble As Donas e a posibilidade de participar nas actividades paralelas de descubrimento e interacción co patrimonio histórico, cultural e natural. Será cunha visita guiada ao propio mosteiro e unha experiencia inmersiva ao mundo submarino da ría de Vigo “mediante a realidade virtual”, explica a organización.

O comité de Metalships anuncia folga indefinida polo desmantelamento do estaleiro, tras 7 novos despedimentos

O comité de empresa do estaleiro vigués Metalships&Docks confirmou este luns a convocatoria de folga indefinida para os próximos días para denunciar o “desmantelamento” das instalacións, no barrio de Teis, e tras coñecer o despedimento doutros 7 traballadores (un xefe de buque, a directora financeira, e toda a sección de tubaxe, entre eles, dous membros do comité).

Así o trasladou José Antonio Fernández Vila, o que fora presidente do comité ata hai un ano e medio, cando foi despedido (atópase á espera de resolución do seu recurso). Segundo denunciou, os despedimentos comunicados pola empresa o pasado venres, son unha manobra para acabar coa acción sindical.

Fernández Vila explicou que estes despedimentos son “un paso máis” na estratexia de “desmantelamento” do estaleiro por parte da propiedade e da dirección, e subliñou que, nos últimos 3 anos, foron despedidos case unha trintena de operarios, xa que a intención da dirección é “quedar só con 12” traballadores.

Nese escenario, explicou que o estaleiro leva anos tentando sobrevivir coa súa actividade centrada na reparación, sen novos encargos de construción e “non hai plan industrial”. Por iso, concluíu, “se a propiedade non quere investir, e bota aos seus traballadores, isto dura o que dura”. “É inconcibible que a un empresario, con estas instalacións, e operando en chan público, permítanlle facer o que está a facer”, engadiu, e reclamou ás administracións “que tomen cartas no asunto”.

Fernández Vila advertiu de que o comité “non vai consentir” que se siga por esta senda, e lamentou que o dono de Metalships, Manuel Rodríguez (presidente do Círculo de Empresarios) deixou pasar a oportunidade de vender o estaleiro a Gondán, unha firma “solvente”, por “avaricia”, por reclamar máis diñeiro do que vale.

Por todo iso, os traballadores convocaron para este luns unha xornada de paro e avanzaron a convocatoria dunha folga indefinida, coa previsión de rexistrala este mesmo luns para que sexa efectiva a partir da semana que vén. Ademais, fixeron un chamamento aos sindicatos UGT e CIG, así como ao resto do sector, para mobilizarse e evitar a desaparición dunha empresa emblemática da construción naval na ría de Vigo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed