Inicio Blog Páxina 537

O BNG pide o apoio das administracións para “blindar” a continuidade de Conxemar e reclamar unha sede de FAO

O BNG reclamou este venres o apoio das administracións para “blindar” a continuidade da Feira Conxemar en Vigo, así como a mobilización dos recursos necesarios para que a cidade poida contar cunha oficina da FAO, tal e como o Goberno de España avanzara en xullo do ano pasado.

Así o trasladaron a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda; o portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas; e a deputada autonómica, Carmela González, tras manter un encontro co presidente e a directora xeral de Conxemar, Eloy García e Yobana Bermúdez, respectivamente.

Ana Miranda manifestou o apoio do BNG á Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados de Conxemar, que celebrará a súa 24ª edición entre o 3 e 5 de outubro no Instituto Feiral de Vigo, e explicou que a próxima semana, no Parlamento Europeo, trasladará ao ministro Luís Planas a importancia deste evento. Segundo subliñou, o peso de Vigo “é moi diferente” ao doutros lugares pesqueiros, polo que instou a todas as administracións a apoiar “unha das feiras máis importantes do mundo”.

Respecto diso, puntualizou que o BNG “defende o que fai Conxemar”, é dicir, “a promoción, venda, boa calidade e boa rastrexabilidade dos produtos galegos“, e explicou que, por iso, presentaron varias emendas no informe de organización común de mercados de produtos da pesca e a acuicultura nesa liña. Por outra banda, Miranda prometeu tamén trasladar ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a importancia de Vigo conte cunha oficina da FAO.

FEIRA QUE “PON A VIGO NO MAPA”

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén manifestou o apoio á feira de Conxemar, que “pon a Vigo no mapa” e reclamou ás administracións “que despreguen un maior esforzo para blindar a continuidade” deste evento “estratéxico”, “para que siga sendo un emblema da cidade“.

Por outra banda, manifestou a “preocupación” do BNG por que non se materializou a apertura dunha oficina da FAO en Vigo, máis dun ano despois de que o Goberno ofrecese a este organismo da ONU o seu apoio para crear no Porto de Vigo a oficina da Rede Global de Portos Azuis.

Nese sentido, anunciou que o BNG promoverá unha declaración institucional no Concello de Vigo para que reclame “a todas as administracións, empezando polo Goberno de España”, a instalación desa sede, porque “é o momento de pasar das palabras aos feitos” e porque “hai que mobilizar recursos e non chega con boas intencións”.

A Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais avala o servizo previsto para Vigo

0

A Unidade de Vixilancia de Edificios Xudiciais avalou o servizo de seguridade previsto pola Xunta para a Cidade da Xustiza de Vigo, a pesar das queixas rexistradas por sindicatos. Así llo trasladaron os responsables desta unidade, por parte da Policía Nacional, Vicente Rivero, e da Garda Civil, Miguel Estévez, ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, nunha reunión mantida este venres.

Para eles, a seguridade da Cidade da Xustiza “está garantida e conta con todos os efectivos necesarios” conforme ao convenio co Ministerio de Interior asinado en 2018 e que foi actualizado en decembro. Eles apuntaron que non é necesaria vixilancia presencial durante 24 horas. Nun comunicado, a Xunta lembrou que tras a inauguración das novas instalacións, concentráronse nunha única sede todos os servizos xudiciais vigueses, excepto o Rexistro Civil, pasando de seis sedes xudiciais a dúas.

Por este motivo, reorganizouse o servizo de vixilancia para dar resposta aos actuais riscos. “Pódese garantir que o servizo prestado é superior ao que se facía de forma individual nas antigas sedes. En concreto, prestan os seus servizos nos dous edificios de Vigo, en combinación co de Redondela, 20 efectivos“, sentenciou o Goberno galego.

Todo iso a pesar de que precisamente a CIG-Servizos convocase para o vindeiro luns, día 18 de setembro, unha concentración en rexeitamento ao novo concurso de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade nos edificios xudiciais de Galicia e en concreto no de Vigo, criticando que os pregos do contrato non contemplan unha dotación económica suficiente para cubrir os gastos salariais do persoal que vai ser subrogado e que o concurso non dá resposta ás necesidades de vixilancia e seguridade das instalacións.

Detido un home con antecedentes no GRAPO por disparar unha pistola durante unha discusión nun parque

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, Manuel B.G., de 69 anos de idade, tras exhibir e disparar un arma de fogo durante unha discusión relacionada cos seus cans, na contorna do parque de Castrelos.

Os feitos ocorreron pasadas as 18,30 horas deste xoves, cando a Policía recibiu unha alerta para acudir a este parque, por unha discusión entre dous homes motivada no parque caniño de Castrelos, e despois de que un deles sacase un arma de fogo e realizado disparos (un dos disparos impactou nunha árbore), sen alcanzar a ninguén.

Ao lugar acudiron en primeiro lugar efectivos de Policía Local, que acordoaron a zona, e localizaron ao sospeitoso na rúa Enrique Alonso Xalueiro, preto do paseo do río Lagares. Posteriormente membros da UDEV da Policía Nacional presentáronse no lugar e fixéronse cargo da investigación.

Segundo informaron fontes policiais, o suposto autor dos disparos, un home con antecedentes relacionados coa organización terrorista GRAPO, desfíxose da pistola nunha zona algo afastada de onde se produciu a discusión e mantense a procura da arma, que aínda non foi localizada.

O detido foi trasladado primeiro a un centro médico e durante o traxecto, informaron fontes policiais, o home non deixou de repetir que “ía matar” ao home co que discutira. Posteriormente, foi levado á Comisaría de Policía Nacional onde este venres se lle tomará declaración, antes de polo a disposición do xulgado de garda.

Un estudo na costa de Bueu con participación do CSIC, premio Ig Nobel de física

Persoal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través dos Centros Oceanográficos de Baleares e Vigo do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM)), participou nun estudo sobre bioturbulencia na costa de Bueu, cuxos resultados se publicaron en Nature Geoscience en 2022, e que foi distinguido co premio Ig Nobel de física.

Así o informan os promotores, tras a cerimonia de entrega en relación a un estudo distinguido pola revista Annals of Improbable Research para recoñecer aquelas investigacións que “primeiro fan rir á xente e despois pensar”.

“Este traballo foi posible grazas á colaboración entre institucións e a un enfoque multidisciplinar que combina aproximacións metodolóxicas diversas nos campos da física e a bioloxía”, explican en relación a un traballo que buscou determinar “que axentes e procesos eran os causantes dos incrementosde turbulencia”.

Para isto, indican. fíxose uso da ecosonda acústica instalada no buque oceanográfico Ramón Margalef do Instituto Español de Oceanogrfía (IEO), que rexistrou ecos concorrentes cos incrementos de turbulencia atribuíbles a agregacións de pequenos peixes peláxicos e as mostraxes de plancto.

Stellantis Vigo di que comeza a “estabilizarse” a produción

0

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis recuperará a partir deste sábado unha quenda de fin de semana, no que traballarán unhas 700 persoas, segundo anunciou a compañía.

En concreto, a partir de agora o sistema 2 da planta olívica volverá operar tamén sábados e domingos, producindo vehículos comerciais lixeiros para as marcas Citroën, Fiat, Opel, Peugeot e Vauxhall.

A cuarta quenda do sistema 2, implantado por primeira vez en 2018, recupérase tras ser suspendido en outubro de 2021 a consecuencia dos problemas de aprovisionamento derivados da pandemia. “No contexto actual, aínda que persisten certas dificultades, as previsións de produción comezan a estabilizarse para dar resposta a unha alta demanda dos modelos fabricados, que son líderes no mercado europeo”, subliñou Stellantis nun comunicado.

De luns a venres, fabrícanse máis de 1.200 unidades destas furgonetas na planta viguesa, representando algo máis da metade dos 2.300 automóbiles que a fábrica produce cada xornada. O novo equipo ensamblará ao redor de 670 unidades máis cada xornada de fin de semana.

O BNG lamenta a “falta de respostas” sobre a PXOM no encontro co equipo redactor

0

O BNG de Vigo lamentou que a reunión celebrada este xoves entre os grupos políticos municipais e o equipo redactor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) foi “decepcionante” e non serviu para “dar resposta” ás moitas incógnitas que afectan á tramitación do plan.

O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que este encontro se produce despois de dous anos desde a última reunión e “tras moitos meses de insistencia”. Con todo, criticou, que nin o equipo redactor nin a concelleira de Urbanismo, María José Caride, deron explicacións “claras” sobre as “cuestións verdadeiramente importantes” do novo PXOM.

O concelleiro do BNG lamentou que o goberno local non aclarase as súas intencións con respecto ás máis de 4.000 alegacións presentadas ao documento, a falta de concreción sobre o prazo de aprobación provisional, “ao que a responsable de Urbanismo limitouse a afirmar que será en outubro”. “Polas respostas ofrecidas, volvemos constatar que non hai disposición real por corrixir esa opacidade, deixando claro que o novo PXOM continuará na escuridade dos despachos, e que non hai interese en promover o consenso político e social”, criticou Pérez Igrexas.

“REUNIÓN ENRIQUECEDORA”

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, sinalou que a reunión deste xoves foi “absolutamente interesante e enriquecedora”, e que o equipo redactor trasladou aos grupos políticos “todo o traballo que se fixo” ata conseguir un borrador que logrou todos os informes favorables, entre eles os de Patrimonio e a avaliación estratéxica ambiental, dos que non dispuña o anterior Plan.

Caride tamén puxo de manifesto que quedou constatado que Vigo é a única cidade que non recolle no súa PXOM ningunha intervención prevista nin ningunha actuación viaria por parte da Xunta, o que demostra a “discriminación” do goberno galego. Con respecto ás alegacións, a concelleira socialista confirmou que son case 4.500, das que o 65 % foron presentadas por particulares por cuestións individuais, de maneira que non afectan ao modelo de cidade do PXOM. Con todo, sinalou que o goberno local ten “a vontade” de incorporar todas as suxestións que sexan posibles.

Por outra banda, tras insistir en que este Plan se fixo “con absoluto rigor e con todas as garantías legais e xurídicas”, afeou ao BNG que propuxo “non esperar” ao informe de Patrimonio “e tirar para adiante”, fronte ao que o goberno municipal optou pola “prudencia”. Finalmente, reiterou o compromiso de ter o PXOM aprobado provisionalmente “este ano”. De feito, nas últimas horas, en declaracións remitidas aos medios, fixou en 3 meses o prazo para ese trámite.

Ante estas declaracións, desde o BNG criticaron as “mentiras e falsidades” que dixo Caride, aclarando que é “rotundamente falso” que o Bloque propuxese non esperar ao informe de Patrimonio e lembrando que unha parte importante das alegacións do partido ao novo PXOM están relacionadas precisamente coa protección do patrimonio. Ante este “descaro”, Igrexas proporá que as próximas reunións se leven a cabo de forma “pública”, para que situacións como estas non se repitan.

Conxemar ultima preparativos para unha feira “histórica” cun 11,4 % máis de expositores

0

A Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) ultima preparativos da XXIV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, que será “histórica” ao contar cun 11,4 % máis de expositores que o ano pasado e 1.300 metros cadrados netos máis.

Nun comunicado, a organización reivindicou que o evento volverá situar a Vigo como a capital mundial dos produtos do mar conxelados durante unha semana, coa celebración do XI Congreso Internacional Conxemar-FAO, que terá lugar o próximo 2 de outubro, e posteriormente a feira, que arrincará o día 3 e ata o 5.

“A feira, consolidada como unha das máis importantes do mundo, presenta nesta edición unha potente renovación de imaxe, moito máis actual e acorde á súa nova comunicación”, subliñou Conxemar, que explicou que se racionalizaron espazos para aumentar a superficie expositora, que abarca 37.000 metros cadrados brutos no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Así, empresas de 45 países acudirán ao evento, con representantes de Tanzania, Uganda, Kenia ou Emiratos Árabes Unidos como novas incorporacións, que se suman a outros países como Turquía, Grecia, Países Baixos ou Mauritania, que asistirán por primeira vez como pavillón de país.

Un día antes, como xa vén sendo habitual, levarase a cabo o XI Congreso Conxemar-FAO, que se marcou como fin acordar solucións enfocadas á transformación azul e á sustentabilidade de toda a cadea de valor. O programa do Congreso contempla o debate sobre seis grandes eixos: a transformación azul e a necesidade de repensar a cadea de valor dos produtos do mar, a importancia da integridade de marca, o futuro da pesca e os seus modelos de xestión, a responsabilidade social na cadea de valor, as estratexias de negocio, e rastrexabilidade e consumidor.

Algúns dos relatores confirmados que exporán os seus puntos de vista son María Sapiña, xerente de Medio de Mercadona; Marcelo Vasconcellos, fishery officer de FAO; Andy Hickman, presidente de Sexa Alliance (Seafish), ou Nuno Cosme, director corporativo de Sustentabilidade de Nueva Pescanova.

Reigosa destaca o “éxito” da UVigo por conseguir 1,1 millóns das axudas de Transportes á formación

O reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, puxo en valor o “éxito moi destacable” da institución ao conseguir 1,1 millóns de euros das axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a formación en materia de dixitalización e sustentabilidade no ámbito do transporte e a mobilidade.

Tal como explicou Reigosa, repartíronse un total de 9,9 millóns de euros, dos cales a UVigo fíxose con case o 10 % dos fondos totais da convocatoria, sendo todo un “éxito”, segundo destacou en rolda de prensa. “Fomos capaces de competir nunha convocatoria de concorrencia aberta do Ministerio de Transportes a un programa no que se podían presentar todas as universidades, tanto públicas como privadas”, reivindicou o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo (DUVI).

E mostrou o seu orgullo de que a UVigo fose unha das 16 universidades seleccionas, sendo a cuarta mellor valorada. Así, a Universidade organizará seis cursos, dous deles impartidos en Vigo e os outros catro no campus de Ourense. Estes centraranse en tecnoloxías de dixitalización aplicadas á loxística industrial, na innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, na transformación áxil das organizacións, nas infraestruturas de datos aplicados ao sector do transporte, na dixitalización do sector e loxística e na comunicación dixital para a mobilidade.

Persoal laboral de Política Social pide a separación de usuarios con doenzas mentais e a incorporación de máis persoal

0

Persoal laboral da Consellería de Política Social en Pontevedra concentrouse este xoves en Vigo para pedir máis profesionais para os centros de maiores e unha separación de pacientes con patoloxías psiquiátricas.

Tal como reivindicou a presidenta do comité na provincia de Pontevedra, María Luisa Alonso (CIG), o “gran problema” que na actualidade teñen as residencias é que nelas, ademais de anciáns, tamén se ingresan pacientes con patoloxías psiquiátricas ou adiccións.

Para ela, os pacientes psiquiátricos están “moi mal atendidos” nestas instalacións, xa que non dispoñen de profesionais como psiquiatras para tratalos. Ademais, reducen o benestar dos maiores, xa que se rexistraron roubos nalgúns centros e mesmo unha agresión sexual a unha traballadora nun centro de Vigo.

“Non hai persoal con formación para estas patoloxías. Para un ancián as súas pertenzas son o máis sacro e rexistráronse roubos. Nos últimos meses da súa vida con esta angustia, con persoas máis novas, con forza, pensamos que non poden compartir espazo”, subliñou Alonso en declaracións aos medios de comunicación.

Por iso, solicitou unha división de pacientes e máis persoal para os centros que, segundo ela, atópanse cuns cocientes de empregados e usuarios “moi curtos”, xa que en moitas ocasións non se substitúe o persoal que falta ou as reducións de xornadas.

Detido en Vigo por bater na cara da súa parella varias veces mentres discutían no interior dun coche

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas a un veciño da cidade, S.S., de 31 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras golpear repetidamente na cara á súa parella mentres discutían no interior dun coche.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron pasada a medianoite do mércores, cando un veciño chamou ao 092 para alertar de que estaba a ver desde a súa xanela a unha parella discutir no interior dun coche parado na rúa Doutor Canoa.

Ata o lugar desprazouse unha dotación, que identificou a ambos. Tanto o home como a muller recoñeceron que mantiveran unha discusión pero non admitiron ningunha agresión. O home negou golpear á súa parella, a pesar de que a muller presentaba o pómulo esquerdo inchado, e ela asegurou que a ferida non fora provocada por el.

Con todo, a testemuña que alertou á Policía ratificouse na súa versión, e asegurou que non só vira a discusión, senón que observara ao home golpeando á muller repetidas veces na cara. Por estes feitos, a Policía procedeu á detención do home.

AGRESIÓN MUTUA

Por outra banda, a Policía Local tamén informou doutra intervención esa noite, cando acudiu a unha vivenda da rúa Doutor Corbal, avisada por veciños que escoitaran unha forte discusión e mesmo, a través da xanela, viran como unha muller lanzaba obxectos a un home.

Unha vez no domicilio, os axentes entrevistáronse con ambos. A muller, R.F.R., de 41 anos de idade, explicou que discutira coa súa parella por chegar tarde a casa e que se empuxaron mutuamente.

Por outra banda, o home, R.G.D., de 35 anos de idade, recoñeceu a discusión e explicou que a súa parella lle golpeou na cabeza; para defenderse, el empuxouna. O home tamén explicou aos axentes que a súa muller consome habitualmente bebidas alcohólicas e “ponse violenta”, e que xa no pasado, debido a diversas denuncias por violencia, perderan a custodia da súa filla.

No momento dos feitos, a filla menor de ambos estaba no domicilio, e manifestou aos policías que os seus pais “se agriden a diario” e que nesa ocasión golpeáronse mutuamente. Por estes feitos, procedeuse á detención do home por un suposto delito de violencia de xénero, e á muller por un suposto delito de violencia no ámbito familiar.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed