O alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxo este mércores a primeira pedra da biblioteca do barrio de Teis, 12 anos despois de anunciala, e asegurou que será como a biblioteca municipal Neira Vilas, é dicir, que non só terá postos de lectura, senón que contará con fondos e con servizo de préstamo. O rexedor olívico, acompañado polos concelleiros María José Caride, Carmela Silva, Javier Pardo e Patricia Rodríguez, deu o pistoletazo de saída para a construción desta infraestrutura cultural, no espazo que ocupaba un antigo ambulatorio (e tras a cesión do mesmo por parte da Tesouraría da Seguridade Social), e cun investimento de algo máis dun millón de euros.
Caballero puxo en valor o “proxecto arquitectónico excepcional” da nova biblioteca, que contará con 86 postos de lectura, grandes espazos acristalados e zonas verdes. O prazo de construción é de pouco menos dun ano, segundo sinalou o alcalde, que insistiu en que a de Teis será “unha biblioteca en sentido estrito“, “exactamente igual que a Neira Vilas, que é biblioteca e sala de lectura, esta vai funcionar exactamente desa forma”.
ANUNCIO, CESIÓN DA PARCELA E ADXUDICACIÓN
O alcalde anunciou a construción dunha biblioteca en Teis no ano 2014, aínda que non foi ata 2018, xa con Pedro Sánchez no Goberno central, cando se asinou a cesión do antigo ambulatorio (aínda que o Concello pagou uns 200.000 euros pola parcela). En marzo de 2025 o goberno local aprobou o proxecto e en decembro adxudicou a obra. Ao longo deste tempo, tanto os veciños como os grupos da oposición, esixiron que a nova instalación sexa unha verdadeira biblioteca, con servizo de préstamo, dado que o proxecto construtivo aludía a unha mera sala de lectura.
GRUPOS DA OPOSICIÓN
A portavoz municipal do PP, Luisa Sánchez, ante as palabras do alcalde, celebrou a súa “rectificación” e o feito de que a biblioteca de Teis funcionará como a outra biblioteca municipal, e expresou a súa confianza en que o rexedor “por unha vez diga unha verdade”. “Pero polo si ou polo non estaremos vixiantes para que se cumpra o que dixo”, aseverou. Nese sentido, lembrou que o proxecto licitado e adxudicado tan só contempla “mesas e cadeiras, pero nin fondo de libros nin servizo de préstamo“, que é o que define a unha biblioteca de verdade e o que desde un principio viñeron demandado os veciños do barrio.
A portavoz do PP lamentou que, durante unha década, Abel Caballero fixo “oídos xordos” ás reclamacións dos veciños de Teis e tamén ás peticións que realizou o grupo municipal para que rectifique. “Mesmo o levamos ao pleno de Vigo, onde o goberno de Caballero votou en contra de construír unha auténtica biblioteca”, sinalou e lembrou que a cidade conta cunha única biblioteca de titularidade municipal, a Neira Vilas, o que supón unha infradotación cultural por número de habitantes que deixa a Vigo “á cola de Galicia e de España”.
Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, pediu ao rexedor “que deixe de tomar o pelo aos veciños de Teis” co que denominou como “biblioteca fake” e insistiu en que o proxecto aprobado polo goberno local é o de “unha sala de lectura sen nada para ler”. Así mesmo, incidiu en que o documento, titulado ‘Proxecto de edificio para uso de sala de lectura‘, “non cumpre os requisitos técnicos para ser unha biblioteca real, limitándose a un espazo multiusos sen fondos bibliográficos, servizo de préstamo nin persoal cualificado”.
“Despois de máis de 12 anos de anuncios e promesas, o que se vai a construír en Teis é unha sala de lectura e non unha biblioteca, un espazo con mesas e cadeiras pero sen nada para ler”, remarcou, e avanzou que o BNG pediu ao goberno local que informe sobre “cantos exemplares vai ter o fondo de libros e canto persoal bibliotecario vai ter asignado”.
