Inicio Blog Páxina 6

Desaloxada a antiga nave de Pescanova en Beiramar por orde xudicial tras anos de abandono e risco

Axentes da Policía Local de Vigo, coa colaboración de efectivos da Policía Nacional, procederon este luns ao desaloxo da antiga nave de Pescanova en Beiramar, unhas instalacións frecuentadas por persoas sen fogar, en cumprimento dun auto xudicial. A nave leva anos sen actividade e nela pasaban a noite persoas en risco de exclusión. Ante os riscos existentes e as condicións de falta de salubridade, o Concello requirira en numerosas ocasións á propiedade para que adoptase medidas de seguridade, pero esas actuacións non chegaron a executarse.

MÁIS DE VINTE PERSOAS EVACUADAS SEN INCIDENCIAS

No operativo desenvolvido este luns, que se levou a cabo sen incidencias, foron evacuadas da estrutura máis dunha vintena de persoas. Ata o lugar desprazouse tamén persoal dos servizos sociais municipais para ofrecer ás persoas desaloxadas recursos de hixiene, comedor e albergue, ademais de citas para derivalas aos servizos axeitados, segundo explicaron fontes do Concello.

O CONCELLO ACUDIU AOS XULGADOS TRAS OS INCUMPRIMENTOS DA PROPIEDADE

Despois de requirir sen éxito á propiedade para que pechase e asegurase a nave, o Concello acabou acudindo en febreiro pasado aos xulgados para poder actuar de forma subsidiaria sobre o inmoble. Nun auto do 26 de marzo, o Tribunal de Instancia de Vigo, sección do contencioso-administrativo, praza 2, autorizou a execución forzosa da resolución municipal que ordenaba aos propietarios adoptar medidas de protección e o tapiado dos ocos.

UN INMOBLE EN ESTADO RUINOSO E CON RISCO PARA A VIDA DAS PERSOAS

O xulgado considera que concorren os requisitos para permitir a entrada e o desaloxo da nave, ao tratarse da “morada dunha pluralidade indeterminada de persoas que residen nel de modo supostamente irregular” e que “se atopa nun estado precario de conservación”. “En particular, os informes técnicos municipais poñen o acento no mal estado da edificación, ruinoso, con perigo de desprendemento de cornixas e fachadas”, expón o auto. Neste sentido, a resolución xudicial subliña que “resulta indispensable por esta orde o desaloxo total do inmoble, e posteriormente, o tapiado dos seus accesos”, xa que o simple precinto sería insuficiente para acadar “o propósito último desexado, que é preservar a integridade e a vida das persoas”.

INCENDIOS, PELEXAS E MESMO A APARICIÓN DUN CADÁVER

O xulgado incide tamén en que os informes policiais incorporados á causa “poñen de manifesto as numerosas incidencias que xeran os frecuentes conatos de incendio que tiveron lugar no edificio, as pelexas, incluso a aparición dun cadáver”. Esta última referencia alude ao achado, o pasado novembro, dun home falecido tras precipitarse desde unha altura no interior das instalacións. Tras o desaloxo das persoas que se atopaban na nave, a Policía Local permaneceu custodiando a zona para evitar novos riscos e á espera de que se executen os traballos de tapiado do inmoble.

SOS Sanidade Pública reivindica a Primaria como o “núcleo” do sistema sanitario

O portavoz de SOS Sanidade Pública na área sanitaria de Vigo, Manuel González Moreira, reivindicou a Atención Primaria como “centro” e “núcleo” dun sistema sanitario público “eficiente” e non como unha simple “porta de entrada”. Así o sinalou ante os medios de comunicación nunha das concentracións convocadas pola plataforma en toda Galicia no marco da celebración do Día Mundial da Atención Primaria.

González Moreira puxo en valor a importancia dos centros de saúde para o correcto funcionamento de todo o sistema e denunciou a situación que viven actualmente. “O problema é que a Atención Primaria centra a súa actividade na promoción da saúde, pero na saúde non está o negocio. O negocio está na enfermidade, por iso se está deixando deteriorar a Primaria para dar paso a sistemas baseados en modelos asistencialistas centrados na sanidade privada“, engadiu o portavoz.

PROTESTA CONTRA O “DECRETAZO” NOS PAC

Decenas de persoas concentráronse ante o novo centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo para reclamar máis orzamento para a sanidade e unha planificación eficiente e estrutural do servizo. Con berros de “Sen persoal non hai sanidade” ou “Menos inventos e máis investimentos“, os manifestantes tamén protestaron pola intención da Consellería de Sanidade de modificar a normativa dos Puntos de Atención Continuada (PAC), que pasarían a traballar os sábados pola mañá.

A plataforma esixiu á Xunta unha negociación co persoal antes de sacar adiante o decreto exposto. Os representantes de SOS Sanidade criticaron que a falta de persoal é un problema actual, pero consecuencia directa das políticas sanitarias que se executaron nos últimos 15 anos. A mobilización concluíu cun chamamento a manter a aposta por este servizo fundamental para garantir a equidade no acceso á saúde.

Un estudo do IEO revela o ADN ambiental como unha ferramenta clave para a monitorización de cetáceos

Un estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), no que tamén colabora o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), analiza o potencial do ADN ambiental (eDNA) como ferramenta innovadora para a monitorización de cetáceos. Este material xenético, liberado polos organismos a través de células, feces ou pel ao medio ambiente, pode extraerse de mostras de auga, chan ou aire. O traballo, publicado na revista Marine Environmental Research, compara os resultados obtidos mediante esta análise cos derivados da metodoloxía tradicional de mostraxe visual, avaliando a súa concordancia a diferentes escalas espaciais.

Os resultados amosan que o eDNA constitúe unha ferramenta valiosa para estudar a diversidade e distribución de cetáceos, especialmente a escalas espaciais intermedias, complementando a información obtida mediante avistamentos. Segundo explica Miguel Álvarez, primeiro autor do estudo e investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, o ADN ambiental permitiu detectar especies como a orca, o calderón común e o zifio de True, que non se avistaron durante a campaña, achegando así información adicional á mostraxe visual.

Ademais, o patrón de distribución espacial obtido mediante este método amosou unha alta coincidencia cos avistamentos para as especies máis frecuentes, como o rorcual común, e proporcionou novos datos sobre a presenza do golfiño listado, unha especie habitualmente infrarrepresentada nos rexistros visuais. A investigadora responsable do estudo, Paula Suárez, sinala que estes resultados reforzan o papel do eDNA como unha ferramenta complementaria clave, especialmente relevante para o seguimento de especies raras, esquivas ou difíciles de detectar, contribuíndo a mellorar o deseño de estratexias de xestión e conservación máis eficaces.

A investigación desenvolveuse no marco da campaña europea SCANS-IV, a maior iniciativa dedicada á monitorización de cetáceos no Atlántico Norte. Durante esta campaña colléronse 258 mostras de auga en 129 estacións ao longo dunha extensa área oceánica de 270.684 quilómetros cadrados, o que constitúe unha das maiores coberturas espaciais en estudos de ADN ambiental aplicados a cetáceos ata a data. O traballo contou co financiamento da Fundación Biodiversidade e fondos Next Generation da Unión Europea.

Caballero presume da décima Escoba de Platino e proclama Vigo como “a cidade máis limpa de Europa”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou a consecución da décima Escoba de Platino para a cidade olívica, que definiu como un “referente” en limpeza, ata o punto de afirmar que “somos a cidade máis limpa de Europa”. Así o sinalou o rexedor nun audio remitido aos medios de comunicación, no que informou de que Vigo volveu ser galardoada con esta distinción que outorga Ategrus e que recollerá nunha cerimonia que se celebrará en Madrid o vindeiro 10 de xuño. Caballero subliñou que a cidade obtén este recoñecemento de carácter bienal desde 2008. Segundo explicou, este premio responde ao labor dun servizo de limpeza que abrangue máis de 2.300 quilómetros en todo o termo municipal, dos cales 1.634 corresponden ao ámbito rural.

Alternativas na Xustiza denuncia 9 millóns bloqueados nos xulgados do Civil de Vigo pola falta de persoal

O sindicato Alternativas na Xustiza denunciou este luns que a falta de persoal para tramitar as execucións provocou a acumulación de 9 millóns de euros nos xulgados do Civil de Vigo, ante a “pasividade” da Xunta e malia que, segundo sostén, a Administración autonómica xa fora “avisada” deste problema cando entrou en funcionamento o novo modelo de Oficina Xudicial.

Nun comunicado, Alternativas na Xustiza sinalou que, tres meses despois da posta en marcha do novo sistema, “os números deixan en evidencia” esa “pasividade da Xunta”, así como a acumulación de cartos e a paralización das execucións. O sindicato lembrou que, antes da entrada en vigor do novo modelo, xa advertira ao conselleiro Diego Calvo e ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, de que o persoal destinado a tramitar a execución civil no tribunal de instancia “era insuficiente”.

MÁIS DE 9 MILLÓNS PENDENTES E 29.000 EXECUCIÓNS SEN RESOLVER, SEGUNDO O SINDICATO

Segundo denuncia a organización, esa falta de traballadores —xestores, tramitadores e letrados da Administración de Xustiza— fixo que, entre as 13 prazas que existen na cidade, haxa máis de 9 millóns de euros pendentes de tramitación. Así mesmo, asegura que a 31 de marzo de 2026 había en Vigo máis de 29.000 execucións pendentes de resolver.

Alternativas na Xustiza advirte tamén de que o número de letrados xudiciais destinados a dirixir os equipos de traballo é “ridículo”, con profesionais que teñen que xestionar cinco prazas xudiciais e cinco contas bancarias. Na práctica, sempre segundo a versión do sindicato, o 100 % das execucións correspondentes a 2026 están sen incoar, o que se traduce en máis de 1.300 demandas “totalmente paralizadas”. Ademais, afirman que hai máis de 9.300 escritos presentados pendentes de tramitar.

CRÍTICAS POLA ELIMINACIÓN DE REFORZOS

Alternativas denunciou igualmente que a Xunta “aproveitou” a implantación da nova Oficina Xudicial para “suprimir o persoal de reforzo que apoiaba ao xuíz de reforzo desde 2021 ata o 31 de decembro de 2025”. Tamén lle reprocha ao Goberno galego que “non fixo nada para lograr que o Ministerio de Xustiza mantivese o letrado xudicial de reforzo”.

A XUNTA NEGA RECORTES DE PERSOAL E CUESTIONA AS CIFRAS

En resposta a estas denuncias, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes puntualizou que a área de execución do Tribunal de Instancia de Vigo conta con 54 persoas, “as mesmas que, en proporción, tramitaban a execución nos antigos xulgados, polo que non se reduciu persoal algún”.

De feito, desde a Consellería insistiron en que, “coa implantación da nova oficina xudicial incrementouse o persoal no Tribunal de Instancia de Vigo”. Por outra banda, tamén negaron que existan 29.000 execucións “paradas”, ao asegurar que “a estatística do CGPJ reflicte que no Tribunal de Instancia de Vigo as execucións pendentes non chegan a 24.000”.

O PP ALERTA DA PERDA DO OITAVO XULGADO DE INSTRUCIÓN

Pola súa banda, o PP de Vigo denunciou que a desaparición da praza 8 de instrución deixará á cidade “infradotada e nunha situación caótica“. A presidenta local do partido, Luisa Sánchez, lamentou que, malia o alto volume de causas, o Ministerio de Xustiza “arrebata recursos” a Vigo ao transformar o oitavo xulgado no novo de Violencia sobre a Muller sen repoñer a unidade de instrución. O xuíz titular permaneceu vinculado á sección, pero o inminente traslado da xuíza do 7 obrigará ao maxistrado a cubrir esa vacante, eliminando de facto o reforzo que existía desde xaneiro.

Sánchez cargou contra o alcalde, Abel Caballero, por “incumprir” as súas promesas sobre un novo decreto que debía blindar esta oitava praza. “O verán pasado asegurou que o Goberno central o tería listo para outubro. Agora xa di que a ver se a finais de maio ou xuño, un atraso de máis de medio ano que non sabemos se se cumprirá”, criticou. Para os populares, a marcha da maxistrada deixará a área nunha situación de saturación que supón unha “inxustiza coas vítimas e cos funcionarios“, que teñen que facer fronte a unha maior carga de traballo e acumulación de procesos pendentes. “Vigo merece unha xustiza rápida e digna”, concluíu Sánchez ao reclamar a reposición inmediata da praza.

DÚAS VERSIÓNS ENFRONTADAS SOBRE O IMPACTO DA NOVA OFICINA XUDICIAL

A polémica deixa dúas interpretacións totalmente opostas sobre o funcionamento da nova estrutura xudicial en Vigo: a do sindicato, que fala de bloqueo, diñeiro acumulado e colapso por falta de medios, e a da Xunta, que nega recortes, defende que incluso se reforzou o persoal e rebaixa o alcance real da acumulación de asuntos pendentes. A disputa chega apenas tres meses despois da entrada en funcionamento do novo modelo, nun momento no que os seus efectos prácticos comezan a ser avaliados tanto polos profesionais da xustiza como pola propia Administración.

Colas quilométricas na AP-9 tras un accidente nos túneles da Madroa

Un novo accidente entre dous coches á entrada dos túneles da Madroa na AP-9 ao seu paso por Vigo provocou colas quilométricas que afectaron á circulación na Ponte de Rande e deixou unha persoa ferida con dor nunha perna.

Segundo fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron sobre as 07.30 horas no punto quilométrico 152 da autoestrada, á altura dos túneles da Madroa en dirección Aeroporto. A pesar de que nun principio a persoa que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias indicaba que non parecía haber feridos e que as persoas implicadas estaban fóra dos coches, finalmente un dos condutores chamou asegurando que tiña dor nunha perna e necesitaba asistencia médica.

Por iso, desprazáronse até o lugar Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e o Servizo de Mantemento da autoestrada.

Rescatan a un home borracho que caeu por un terraplén de 8 metros na Avenida do Aeroporto

Un operativo a cargo dos Bombeiros de Vigo e un amplo despregamento policial acudiu, na madrugada do domingo, ao rescate dun home que se precipitou por un terraplén dunha altura de oito metros na Avenida do Aeroporto. Tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

O incidente ocorreu ao redor das 01.20 horas. Fontes do parque vigués, que descoñecen os motivos da caída, descríbena como unha “operación un pouco complexa”, que finalmente “saíu ben“. Para iso, mobilizaron dous camións: un deles, un vehículo escaleira, co que tiveron que realizar unha ponte guindastre. Ademais, utilizaron unha padiola para o rescate.

O home estaba “ebrio” e “alterado” no momento no que se precipitou, en base ao relato de axentes da Policía Local. Os mesmos estiveron presentes no transcurso da operación xunto a outros efectivos da Policía Nacional. Tamén acudiu persoal do 061, que trasladou ao home ata o centro hospitalario.

O BNG de Vigo esixe o fin das incidencias “diarias” no tren tras o peche de Guixar

O BNG de Vigo esixiu a Renfe e a Adif que poñan fin “de forma inmediata” ás incidencias diarias que sofren os servizos ferroviarios da cidade. Segundo a formación nacionalista, esta situación agravouse tras o peche provisional da estación de Guixar, empeorando as condicións de transporte para os usuarios vigueses.

Nun comunicado, o portavoz local do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que moverse en tren desde ou cara á urbe se converteu en “unha proba de resistencia e de paciencia” que a veciñanza non ten por que soportar. O voceiro subliñou que non se trata de problemas puntuais, senón duns “malos tratos estruturais” que evidencian a falta de atención e investimento nun servizo básico para a maior cidade de Galicia.

Pérez Igrexas destacou que estes problemas xeran unha “especial frustración e cabreo” entre a cidadanía que depende do ferrocarril para os seus desprazamentos habituais. O portavoz municipal insistiu en que Vigo representa o exemplo claro do “déficit histórico” que sofre Galicia desde hai décadas en materia de infraestruturas ferroviarias.

Neste sentido, o representante do BNG denunciou a insuficiencia das frecuencias e a falta de prazas en determinados horarios, así como a impuntualidade que afecta aos trens de media distancia e rexionais. O concelleiro remarcou que os vigueses merecen “máis e mellor” e advertiu de que xa non valen escusas nin xustificacións por parte das operadoras e responsables das infraestruturas estatais.

Caballero estala contra a Xunta polos voos de Vigo: ve unha “burla” ofrecer promoción sen garantir rutas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou este venres como unha “burla” a proposta da Xunta de destinar 100.000 euros por cada ruta aérea captada desde os aeroportos galegos, cun límite de dúas por terminal, e subliñou que non se pode promocionar un destino cando “non hai voos” para chegar a el. “De novo a Xunta de Galicia está a rir desta cidade, burlándose da cidade de Vigo”, proclamou o rexedor en declaracións remitidas aos medios, nas que reivindicou a importancia de Peinador para o mantemento da actividade industrial, da economía e do turismo na cidade e na súa área de influencia.

“Somos unha gran cidade de actividade económica en toda Galicia. Somos a principal cidade turística de toda Galicia. E temos unha enorme demanda de afluencia. Pero non hai voos”, lamentou Caballero, que citou destinos como Londres, París, Barcelona, Bilbao, Valencia ou Sevilla, conexións que, ao seu xuízo, a cidade “necesita”. Tras volver denunciar que o Goberno galego “está a pagar voos” desde Santiago, criticou que agora a Xunta sosteña que non vai financiar rutas, senón facer publicidade en destino. “É dicir, van dicirlle a Barcelona que viaxe a Vigo sen avións”, ironizou.

Por outra banda, o alcalde cualificou de “ridícula” a contía proposta pola Xunta para esa promoción turística e lembrou que o custo real de operar unha ruta aérea é moi superior. “O custo diso van ser millóns (…), e sen voos. Pero para que fas publicidade sen voos? Que van vir facendo autostop?”, insistiu. Caballero incidiu en que, “se non se paga”, non hai conexións aéreas. “Ou cren que as compañías as van poñer pola cara bonita da Xunta? Non”, afirmou.

“Van anunciar algo que non existe, ‘Voa a Vigo’ sen voos. Isto é unha broma”, proclamou, ao tempo que cargou tamén contra a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) por defender que Santiago sexa o principal aeroporto galego de conexións internacionais. “Por que Santiago si e Vigo non?”, preguntou. Finalmente, o rexedor concluíu que estas “estupideces” e “necedades” responden a que “non queren que haxa voos a Vigo e desde Vigo”. “E servilmente o Clúster e a CEG póñense ás ordes da Xunta de Galicia porque lle teñen medo”, rematou.

Ferida grave unha nena de 10 anos tras caer desde o balcón da súa vivenda en Vigo

Unha menor de 10 anos resultou ferida grave na noite deste pasado xoves tras precipitarse desde o balcón da súa casa en Vigo. Segundo fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron arredor das 23.30 horas, cando un particular solicitou asistencia médica para atender unha nena que acababa de caer desde unha vivenda situada no canellón de Núñez, na cidade olívica.

A raíz do aviso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizou os servizos sanitarios do 061-Galicia, así como efectivos da Policía Nacional e da Policía Local. Finalmente, unha ambulancia trasladou con vida a menor a un centro hospitalario de Vigo. Fontes da Policía Nacional, tamén consultadas por Europa Press, confirmaron o sucedido e explicaron que o caso se está a investigar, en principio, como un feito accidental, ao apuntar que a menor tería caído desde o balcón da súa propia vivenda.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed