Ecoloxistas en Acción presentou denuncia ante a Fiscalía de Vigo solicitando que se abran dilixencias penais contra o Celta por un suposto delito conta o medio ambiente e contra a saúde pública, debido a unha “vertedura contaminante” procedente das instalacións deportivas do club en Mos.
A organización denunciou a existencia desta vertedura hai semanas, e asegurou que as augas procedentes da cidade deportiva conteñen tóxicos que se están vertiendo nas proximidades de traídas de auga veciñais das parroquias de Tameiga, Petelos e Sanguiñeda. Ecoloxistas en Acción puxo estes feitos tamén en coñecemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).
Segundo sinalou, o resultado das análiticas que encargaron a un laboratorio “reflicte unha altísima concentración de fecais e tamén a presenza de varios compostos químicos asociados a pesticidas e fertilizantes habitualmente utilizados no coidado e mantemento dos campos de fútbol”.
CONCELLO DE MOS
Cando a organización ecoloxista fixo pública a súa denuncia, o goberno municipal de Mos anunciou a realización de estudos pola súa banda, e acusou a Ecoloxistas de xerar “alarma” con intención política. Días despois, fontes municipais comunicaron que as analíticas realizadas por un laboratorio acreditado deron “un resultado óptimo, conforme á legalidade vixente”.
A entidade ecoloxista sinalou que a posición do goberno local non fai se non confirmar a súa denuncia, porque o Concello “recoñece xa que a tubaxe procede das instalacións do Celta“. Trátase, explicaron, dun emisario do aliviadoiro dunha cuba de recollida de augas residuais das regas”. Para a organización, “isto demostra que a vertedura non é inocua” e a propia CHMS “confirmou que a vertedura carece de autorización”, polo que abriu un expediente de investigación.
“A vertedura contaminante procedente de Afouteza é claramente un delito contra o ambiente, pero tamén un delito contra a saúde pública. A poucos metros, ladeira abaixo da vertedura, atópanse varios mananciais das traídas de augas, que corren un grave risco de contaminarse, se non o están xa“, advertiu Xaquín Pastoriza, desde Ecoloxistas en Acción. Finalmente, esta organización negou a validez da analítica encargada polo Concello, porque “se fixo días despois” de que se fixese pública a denuncia, cando o caudal da vertedura era moito menor que días anteriores.
Un vehículo avariado no túnel da Madroa, en sentido Tui, provocou retencións á primeira hora desta mañá na AP-9, ao seu paso pola cidade de Vigo.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, a Garda Civil deu o aviso da incidencia ás 7,35 horas. Tras iso, foron mobilizados, ademais, a Policía Local e o servizo de mantemento da estrada.
A incidencia provocou retencións na AP-9 sentido Tui pero non se rexistraron feridos.
A Asociación de Veciños de Teis lamentou que, tras pasar xa dous anos do incendio, o barrio continúa sen piscina municipal, criticando a “falta de capacidade de xestión” do Concello de Vigo. Nun comunicado, a organización explicou que o peche deste vaso obriga aos 1.500 usuarios das instalacións a desprazarse a outros barrios, afectando tamén as actividades extraescolares dos centros educativos.
Os veciños lembraron que en agosto de 2023, o alcalde, Abel Caballero, anunciou que comezara o proceso de reconstrución da pistica. “Nove meses despois, non se elaborou nin o proxecto de reconstrución”, reprocharon, lamentando que tampouco será este ano cando se realice a obra. A Asociación pediu que se recupere a piscina da ETEA, que foi cuberta polo goberno local en 2017, e que se inclúa a construción dun ximnasio e de pistas de pádel.
Bombeiros de Vigo concentráronse este domingo ás portas do parque central de Teis en honra ao bombeiro falecido este sábado na cidade olívica ao derrubarse unha parede mentres realizaba con outros compañeiros a revisión do estado dun edificio en malas condicións no que se alertou de que había un derrube na cuberta.
Os seus compañeiros, aos que se sumaron efectivos da Policía Nacional e da Policía Local –corpo do que a vítima formara parte con anterioridade– fixeron soar na súa memoria as sereas do parque e dos camións ás 12.00 horas. Tamén houbo aplausos e varios compañeiros tocaron a gaita en recordo de Sergio S.D., de 49 anos.
O concello de Vigo vive a segunda xornada de loito oficial decretado tras o falecemento deste bombeiro nuns feitos que sucederon sobre as 11,30 horas deste sábado no número 127 da avenida de Beiramar.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este martes que o Goberno de España deu luz verde ao proxecto de reforma da Avenida de Madrid, no que se investirán máis de 17 de millóns de euros, e incidiu en que o Concello “xa está no proceso de licitación” da obra. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico sinalou que o Executivo central xa asinou o proxecto de reforma desa vía, unha das principais arterias de entrada á cidade, e estao “remitindo” ao Concello.
A administración municipal, asegurou o alcalde, “xa está no proceso de licitación” das obras, uns traballos que, tal e como o propio Caballero informou fai un par de semanas, comezarán despois do próximo Nadal, é dicir, en 2025. O primeiro edil vigués lembrou que a reforma da Avenida de Madrid custará máis de 17 de millóns de euros (incluído o proxecto, que pagou o Goberno), dos que o Concello achegará uns 5 millóns, e o resto será sufragado pola administración central.
REFORMA INTEGRAL DUN TRAMO DA A-55
Por outra banda, o alcalde de Vigo avanzou que o Ministerio de Transporte está en proceso de licitar pola vía de urxencia un contrato de 6 millóns de euros para acometer a “rehabilitación integral” da autovía A-55 entre a cidade e O Porriño. O proxecto, asegurou o rexedor, inclúe tamén actuacións na VG-20 e nunha parte da A-52, e dado o procedemento de emerxencia os prazos para a súa execución serán “breves”. “De novo o Goberno de España atende as formulacións que lle facemos desde Vigo”, celebrou Caballero.
O curto ‘O Frío’ do director Pablo Dopazo foi elixida o xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción, ademais de levar o premio a Mellor Director e a Mellor Actor para José María Sanjurjo.
Tal e como informou a organización do certame, o curto foi premiado pola súa capacidade para “facer sentir a distancia, o desafecto e o frío”. A película, inspirada nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.
Así mesmo, no apartado de Animación o premio foi para ‘Alguén me chamou Serpe Negra’, que conta con guión e dirección de Borja Santomé. Mentres, o premio a Mellor Actriz nesta edición recaeu na protagonista do curto ‘Nai’, Andrea Vilariño, e o filme ‘To bird or not to bird’, do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns: Mellor Guión e Mellor BSO.
Por outra banda, o premio a Mellor Fotografía foi para ‘Ruovesi‘, un curto da directora e guionista Andrea Zapata. O galardón do xurado dos veciños a mellor curtametraxe de ficción/animación foi para ‘Aquarium’, da realizadora italiana Marguerita Morello. Esta última xornada do festival arrincou coas proxeccións de curtos das distintas categorías oficiais. Este mediodía, o público asistente tamén puido acudir ao coloquio co director David Trueba, convidado especial en Cans nesta edición.
Dúas persoas resultaron feridas leve durante o desaloxo dun edificio situado no barrio vigués de Cabral debido a un incendio rexistrado nun garaxe anexo, que afectou a varias vivendas. Tal como informou a Policía Local, os feitos ocorreron sobre as 04.20 horas, cando os axentes foron alertados da existencia dun lume na avenida Tranvía de Vigo.
Unha vez no punto, tanto os funcionarios locais como os axentes da Policía Nacional observaron que o garaxe dunha vivenda estaba totalmente envolvido en chamas. Ademais, tiveron coñecemento de que nos pisos superiores había familias durmindo.
“Para acceder ás plantas superiores do edificio era necesario utilizar unha escaleira exterior da edificación, a cal se atopaba cuberta de fume e chamas de lume que saían a través das ventás do garaxe. Ante o inminente perigo que ofrecía a situación e a rápida intervención necesaria, decidiron acceder ao edificio para desaloxar ás familias moradoras, subindo un membro da Policía Local en compañía dun axente de Policía Nacional”, explica o comunicado. A estes axentes uniuse un veciño residente no primeiro piso, que colaborou no desaloxo do resto de moradores, chamando porta por porta.
“A gravidade da situación obrigou a ter que envolver con mantas aos veciños evacuados e a ter que avanzar a niveis de chan para evitar así ser alcanzados polas chamas”, engadiron as mesmas fontes, que indicaron que saíron ata seis veciños, tres deles menores de idade. Ademais, dous foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro con lesións leves, debido a que un home tropezou ao tratar de saír do piso e unha muller precisou atención médica pola inhalación de fume.
Pola súa banda, o servizo de extinción de incendios sufocou as chamas e ventiló en inmoble, informando de que a orixe do lume podería ser unha furgoneta estacionada no garaxe, afectando logo a varias vivendas.
O alcalde da cidade, Abel Caballero así o anuncio en redes. “Quiero trasladar mi más sentido pésame a la familia del bombero fallecido esta mañana en acto de servicio. Mi reconocimiento por el gran trabajo que realiza todo el cuerpo de bomberos de Vigo. Hoy y mañana, luto oficial en la ciudad en señal de dolor y respeto”
Numerosas agrupacións de bombeiros amosaron o seu pésame tamén nas tedes sociais.
Un bombeiro perdeu a vida tras derrubarse unha parede mentres inspeccionaba o estado dunha vivenda no número 127 da avenida de Beiramar, en Vigo.
Segundo informou o 112, foi minutos antes das 11,30 horas deste sábado cando un particular, que se atopaba co bombeiro e a Policía Local, deu a voz de alarma.
Así, indicou que estaban a revisar un tellado cando unha parede do inmoble cedeu e caeu encima do bombeiro.
Ata o lugar acudiron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Policía Nacional. Unha vez no punto, os sanitarios só puideron certificar o falecemento do bombeiro
Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira ‘A ciencia que vén‘, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
O evento desenvolverase entre as 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra. Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da UVigo, esta feira científica forma parte do programa anual de actividades 2023/2024 do plan Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Baixo o lema de Inflorescencia, neste evento outórgase especial importancia ao papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis a posibilidade de achegarse ao labor das investigadoras da Universidade, e despois de celebrar en Vigo as súas dúas primeiras edicións, trasladase neste 2024 a Pontevedra.
CATORCE POSTOS NOS QUE ACHEGARSE Á BIOLOXÍA, Á ENXEÑARÍA OU Á HISTORIA
Física, bioloxía, enxeñaría, telecomunicacións, historia e medio ambiente constitúen as liñas temáticas dun evento que arrancará na mañá do venres 31 coa visita do estudantado dos CEIP Bacelos e Froebel aos postos nos que 14 grupos de investigación darán a coñecer o seu labor, abríndose pola tarde ao público xeral.
Entre outras propostas, esta expo-feira permitirá explorar as propiedades da contorna cunha cámara termográfica, da man do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintexc; ver mostras de tratamento de augas co grupo Biosuv e achegarse ás aplicacións clínicas de biomateriais e dispositivos biomédicos co grupo Novos Materiais FA3, tamén do Cintecx. O grupo XB2, do Centro de Investigación Mariña (CIM) proporá aos e ás visitantes construír unha dobre hélice de ADN con gominolas, mentres que o grupo de Filoxenómica do CINBIO levaraos a visualizar a estrutura do ADN a partir dun anaco de plátano.
Así mesmo, o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial, de atlanTTic, promoverá unha exhibición de pequenos satélites realizando manobras de balanceo, mentres que o Mapas Lab convidará a explorar a evolución da vida na Terra pintando réplicas en escaiola de fósiles ou participando nun “xogo de supervivencia”.
Este conxunto de actividades divulgativas permitirán tamén coñecer proxectos de investigación internacionais como Agrosus que, da man do grupo BEV1, levará a explorar a diversidade agroecolóxica de Europa. Do mesmo xeito, o grupo BiotecnIA promoverá unha serie de actividades centradas nas súas liñas de estudo sobre o aproveitamento de residuos producidos nas industrias e a obtención de produtos de alto valor a partir de insectos comestibles.
Ao mesmo tempo, esta expo-feira permitirá coñecer as investigacións que o grupo Geotech, do Cintecx, centra na monitorización de transporte con drons ou no desenvolvemento de ferramentas de dixitalización para a planificación de construcións. Neste abano de propostas insírese tamén o obradoiro no que o Post-Growth Innovation Lab convidará a crear pezas artísticas con “materiais inspiradores para o coidado medioambiental” e a piscina de bolas na que o Grupo de Ecoloxía Animal animará aos participantes a coñecer a biodiversidade do solo localizando bacterias, fungos e animais.
Da man do grupo Griles, será posible achegarse ás características da lingua de signos española e o contexto social e cultural no que se desenvolve, mentres que no espazo do grupo HC1 poderán observarse as flutuacións demográficas da provincia de Pontevedra e unha prospectiva de como será en 2100.
LIBROS, CONVERSAS E UN XOGO DE ROL
Xunto a esta serie de obradoiros e xogos, a feira contará cun espazo no que terán lugar dúas conversas centradas en libros divulgativos promovidos ao abeiro do plan Ciencia de Ida e Volta. En primeiro termo, ás 17.30 horas terá lugar unha presentación de ‘Quero ser unha investigadora 4’, na que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, manterá unha conversa con algunhas das protagonistas da publicación.
A continuación, integrantes dos grupos GETS-IT e Post-Growth Innovation Lab presentarán o ‘Minidicionario de xustiza social’. Tamén neste espazo, ás 19.00 horas terá lugar a charla ‘A alimentación do futuro? O papel dos insectos na industria alimentaria’, a cargo do investigador Nuno Muñoz, do grupo BiotecnIA.
En caso de chuvia, estas tres actividades trasladaranse ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, onde a partir das 17.00 horas terá lugar o xogo de rol ‘Alá ti!’, centrado nas consecuencias da crise climática. Promovido polo Post-Growth Innovation Lab, trátase da única actividade que require de inscrición previa e está dirixida a maiores de 16 anos.