Inicio Blog Páxina 237

Detido un veciño do Porriño que deu unha malleira a un septuaxenario para roubarlle

O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo detivo a un home de 42 anos, veciño do Porriño, con múltiples antecedentes penais e policiais, como presunto autor dun delito de roubo con violencia, lesións e omisión do deber de socorro. A detención produciuse en relación a uns feitos ocorridos o pasado 13 de maio no Paseo do río Louro, no Porriño, onde o sospeitoso presuntamente abordou a un home de 71 anos de idade, ao que propinou diversos golpes na cabeza e no corpo.

Cando o home estaba en estado de ‘shock‘, o investigado subtraeulle 150 euros, un teléfono móbil e documentación persoal, que logo arroxou ao río. Grazas á intervención doutra persoa que practicaba deporte na zona, o septuaxenario foi socorrido e trasladado en ambulancia ao centro de saúde, para ser atendido das súas feridas. O detido, xunto ás dilixencias practicadas, foron entregados no xulgado de instrución do Porriño, que acordou a posta en liberdade do investigado, coa medida cautelar de afastamento da vítima.

O festival de Cans 2025 arrinca coa retrospectiva internacional a Alejandro Loayza

A XXII edición do Festival de Cans arrinca este martes na aldea do Porriño coa retrospectiva internacional a Alejandro Loayza. A programación inclúe a proxección de 120 obras, das que 40 son estreas en Galicia. Moitas delas, apuntan nun comunicado, están marcadas por temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural.

Así, pasarán polo festival novas voces do audiovisual galego e cineastas xa consagrados como Alfonso Zarauza, que recollerá o Premio Pedigree de Honra de Cans, Ángeles Huerta, Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro ou Daniel Sánchez Arévalo, que protagonizará o coloquio cnetral no Torreiro o sábado ás 12.00 horas, entre outros.

A primeira xornada do festival comezará este martes ás 10.00 horas coa apertura da exposición ‘Cans senior’ no Centro de Día de Torneiros e a inauguración da rúa efémera á cineasta pioneira galega Cruz Risco, coa asistencia da actriz Isabel Risco, familiar da cineasta, e o investigador Xaime Varela, que protagonizarán un coloquio no Baixo de Carlos.

A tarde se centará na memoria histórica. Os asistentes poderán participar nunha visita guiada ás 17.00 horas á exposición ‘Reisiño, ou prisioneiro debuxante’, que pon o foco sobre a figura de Alfredo Bautista Alconero ‘Reisiño’ (1912-2000), no 25 aniversario do seu falecemento.

A HISTORIA DUN REPRESALIADO

Reisiño estivo preso catro anos na Illa de San Simón, onde sufriu a represión franquista e debuxaba a outros compañeiros presos no seu tempo libre. Ao redor da figura de ‘Reisiño’, proxectarase o documental ‘Aillados’, de Antón Caeiro, e posteriormente, se visionará en exclusiva as primeiras imaxes inéditas do filme ‘San Simón’, dirixido por Miguel A. Delgado.

Tamén este martes ás 18.00 horas proxectaranse os curtos nos que o cineasta boliviano Alejandro Loayza, ao que o festival dedica a súa retrospectiva, deixou o seu sinal como director de fotografía, e que ao mesmo tempo representan un escaparate de cortometrajistas latinoamericanos actuais. Ademais, o público poderá ver ‘Polvo’ do arxentino Emiliano Longo, ‘Dochera’, do boliviano Álvaro Manzano Zambrana e ‘Aicha’ do cineasta chileno Vinko Tomicic, premiadas en diferentes festivais latinoamericanos.

Este martes será ademais o último día para adquirir entradas en liña e só poderanse comprar fisicamente en Cans os días do festival. Para a sección de Ficción quedan as últimas 30 entradas dispoñibles e para Furacáns, 60.

Furtivismo, Gardacostas incauta máis de 300 cacharros ilegais para a captura de polbo en Oia


A pesar da veda e da parada biolóxica, a pesca ilegal segue sendo un problema nas costas galegas, especialmente no sur. Gardacostas de Galicia mantén unha loita sen descanso contra estas prácticas, e esta semana realizou un novo decomiso de aparellos prohibidos na zona de As Orelludas, en Oia, un punto habitual para este tipo de actividades ilícitas. 

Durante a intervención, a patrullera Punta da Guía localizou e retirou do mar 306 alcatruces (tamén coñecidos coma cacharros), un tipo de trampa ilegal para a captura de polbo. Ademais, no interior destes aparellos atopáronse 22 femias con ovos, unha práctica especialmente daniña para a conservación da especie. Os axentes devolveron ao mar uns 30 quilos de polbo capturado ilegalmente e levantaron a acta correspondente pola infracción. 

Esta acción prodúcese poucos días despois dunha das maiores incautacións do ano, cando Gardacostas interceptou máis de 2.000 aparellos prohibidos entre Cabo Silleiro e A Guarda. Na operación, na que participaron catro embarcacións, recuperáronse 2.073 *cacharros*, oito trasmallos sen identificar e 377 quilos de polbo, incluíndo 28 femias ovadas. Todo o marisco foi devolto ao mar, pero os responsables non puideron ser identificados. 

A Consellería do Mar recorda que a pesca do polbo está prohibida ata o 1 de xullo debido á parada biolóxica, unha medida clave para asegurar a recuperación da especie. Con todo, os casos de furtivismo seguen a multiplicarse. 

Este último operativo ocorre pouco despois doutra gran intervención preto de Cabo Silleiro, onde se identificou un barco portugués con 248 quilos de polbo e 865 trampas ilegais. Ademais, hai un mes detectáronse aparellos activos no Parque Nacional das Illas Cíes, e en abril xa se desarticulara un grupo de furtivos en As Orelludas usando a mesma técnica. 

A batalla contra o furtivismo segue aberta, e Gardacostas segue a reforzar a súa presenza nas zonas máis sensibles para protexer os recursos mariños.

OPINIÓN.- Tecnoloxía verde ou Capitalismo disfrazado

0

No encontro organizado polo Centro Tecnolóxico AIMEN no Porriño, máis dun centenar de representantes do sector aeronáutico europeo congregáronse para debater sobre o futuro dunha aviación máis sostíbel. Baixo un discurso do I+D+i, baseado na investigación, o desenvolvemento, a innovación tecnolóxica, a descarbonización e o liderado industrial, o evento preséntase como un escaparate do progreso tecnolóxico en favor do medio ambiente. Con todo, desde unha perspectiva crítica, urxe desmontar o relato dominante para revelar as contradicións estruturais que o atravesan. Lonxe de representar unha solución real á crise ecolóxica, esta narrativa pode encadrarse nunha lóxica de “capitalismo verde” que, en lugar de transformar o sistema, o reconfigura para perpetualo.

A sustentabilidade, no marco deste cume empresarial, exponse como unha cuestión técnica, limitada o desenvolvemento de novos materiais, sistemas de propulsión alternativos —como o hidróxeno— e procesos de fabricación máis eficientes. Esta visión reducionista evita toda reflexión de fondo sobre o modelo de mobilidade aérea global, o volume de tráfico aéreo innecesario xerado pola lóxica do lucro ou as consecuencias ambientais e sociais que implica manter unha industria dependente da expansión permanente. Actúase coma se chegase con cambiar o motor para que o vehículo do capitalismo continúe o seu traxecto. Porén, a verdadeira pregunta que deberiamos facernos é cara a onde nos está levando ese vehículo?

As 120 empresas protagonistas da xornada que se desenvolveu no Porriño —Airbus, GKN Aerospace, Collins Aerospace, entre outras moitas— non son alleas a esta estratexia de maquillaxe verde. Ao contrario, levan anos investindo no discurso da sustentabilidade para manter a súa lexitimidade pública, mentres os seus modelos de negocio seguen centrados na maximización do beneficio privado. O seu impulso por liderar “a transición ecolóxica” non nace dunha preocupación ética, senón da necesidade de adaptarse a un mercado global cada vez máis esixente en materia ambiental. Converter a sustentabilidade nun nicho de rendibilidade non é unha contradición para estas corporacións, realmente é o seu obxectivo.

Neste escenario, as pequenas e medianas empresas aparecen como actores subordinados, apenas integradas como provedores ou satélites tecnolóxicos nun sistema xerarquizado e dominado por grandes conglomerados. A cooperación industrial que se reivindica non responde a unha lóxica democrática nin redistributiva, senón á necesidade de manter a competitividade europea fronte a outras potencias globais. É unha lóxica de bloques económicos en pugna, non de alianzas sociais polo ben común. O Estado e as institucións públicas, lonxe de asumir un papel regulador ou transformador, actúan como facilitadores destas dinámicas empresariais, investindo diñeiro público en proxectos cuxo retorno social é, no mellor dos casos, dubidoso.

O discurso hexemónico da sustentabilidade evita ademais calquera cuestionamento ao dereito ao transporte aéreo como ben de consumo ilimitado. Non se discute a necesidade de reducir voos superfluos, fomentar alternativas ferroviarias ou reestruturar a economía en función das necesidades humanas e non do capital. No seu lugar, se glorifica unha modernización “verde” que permite seguir voando coa conciencia tranquila. Esta fuxida cara adiante non só é insuficiente, senón perigosa, pois converte a crise climática nunha oportunidade de negocio, desactiva a mobilización social e apraza as decisións difíciles que debemos asumir como sociedade.

A sustentabilidade real esixe máis que innovación técnica, implica unha transformación radical dos modelos de produción, consumo e mobilidade. Require planificar democraticamente que sectores deben decrecer, cales deben fortalecerse e como redistribuír o poder económico e político. Significa, en última instancia, poñer a vida no centro, non o mercado. Ningún cumio empresarial, por moi verde que pinte, pode cumprir con esta tarefa se non está acompañado por unha creba co paradigma extractivista e competitivo que domina a economía global. Mentres sigamos confiando nas solucións de quen se beneficia do problema, o futuro da aviación —e do planeta— seguirá sendo insostíbel.

O xurado declara culpable de asasinato por unanimidade ao acusado do crime da casa okupa de Vigo

O tribunal de xurado declarou culpable de asasinato por unanimidade a Fredy R.M., acusado o crime da casa okupa de Vigo, e viu probado que matou o seu compañeiro de vivenda, Johny A.A. cunha arma branca.

Nunha vista celebrada este xoves, e tras algunhas horas de deliberación (o obxecto de veredicto entregouse ao tribunal popular a media mañá), deuse lectura á resolución, na que os membros do xurado foron unánimes ao declarar culpable ao acusado de atacar á vítima cun coitelo e de facelo con intención de quitarlle a vida.

Igualmente, por maioría de 7 a 2, o xurado declarou probado que se produciu a circunstancia agravante de aleivosía, xa que a vítima non tivo posibilidade defenderse, ao atoparse en estado de embriaguez e, por tanto, vulnerable. Respecto diso, basearon a súa conclusión en probas como as localizacións dos teléfonos móbiles –que sitúan a vítima e acusado xuntos no momento dos feitos–, as probas de ADN, ou o sangue do falecido achada nas mans e roupa do procesado. Segundo sinalou o portavoz do xurado, Fredy R.M. non deu unha “explicación crible” do sucedido, senón que incorreu en “contradicións”.

De igual maneira, por unnimidade consideraron probado que o procesado tiña intención de acabar coa vida da vítima, polo tipo de arma “letal” que utilizou, pola repetición das feridas (catro coiteladas) e pola acometida a un órgano vital, como é o corazón. Con respecto á concorrencia da circunstancia agravante de aleivosía, o tribunal popular considéraa probada por maioría de 7 a 2. Así, os membros do xurado entenderon que a vítima non tivo oportunidade de defenderse, xa que se atopaba en estado de embriaguez e, por tanto, era vulnerable. Ademais, tampouco se acharon feridas de defensa no seu corpo.

Á vista do veredicto, a Fiscalía mantivo a súa petición de 20 anos de cárcere para o acusado por un delito de asasinato, mentres que a defensa (que pedía a libre absolución ou, subsidiariamente, unha condena por homicidio), solicitou a pena mínima para este caso, de 15 anos de prisión, ademais de pedir a reduccción da responsabilidade civil a 6.000 euros, “sen prexuízo dos recursos” que poida presentar.

O PP estuda privatizar a recollida de lixo en Baiona, tres anos despois de advertir que encarecería o servizo un 50%

O goberno do Partido Popular en Baiona anunciou a súa intención de privatizar o servizo de recollida de lixo, unha medida que contradí directamente as súas propias advertencias feitas en 2022, cando aseguraba que a externalización deste servizo público encarecería as tarifas para os veciños nun 50%.

De crítica a privatización

En 2022, portavoces do PP de Baiona alertaron en diversos medios de que a privatización do servizo de lixo suporía “un incremento do 50% no recibo” para os usuarios, argumentando que as empresas privadas priorizan os beneficios sobre a calidade do servizo. Porén, tres anos despois, o goberno que lidera o popular Jesús Almuiña está a promover precisamente esa mesma medida, onde xa se baralla a posibilidade de externalizar a xestión de residuos.

«El PP, que durante los 16 años que gestionó el Concello de Baiona siempre apostó por mantener la municipalización de este servicio de limpieza y basura, rechaza los argumentos del regidor y señala como culpable directo de este servicio deficitario al tripartito porque nada más llegar al Concello ya están pensando privatizar. Es inadmisible que quienes van de progresistas sean los mismos que ahora van a hacer pagar a los vecinos su inacción de estos cuatro años para ellos seguir viviendo mucho más cómodos”, valoran desde las filas populares.” afirmaban nun comunicado o Partido Poplar de Baiona en 2022.

«de llevarse a cabo esta pretensión del gobierno local, los baioneses tendrán que pagar más de un 50 por ciento en el recibo, todo un despropósito en este momento en el que los hogares ya viven asfixiados por el incremento de los precios y la precariedad laboral» engadían no comunicado.

Xustificación e críticas

Os responsables municipais do PP defenden a medida alegando “ineficiencias” na xestión pública e a necesidade de “reducir custos”.

En concellos onde xa se privatizou o servizo, as tarifas aumentaron ata un 27%, segundo datos de asociacións de consumo. Ademais noutros concellos a remunicipalización do servizo permitiu aforrar 400.000 euros anuais, un dato que contrasta coas afirmacións do PP sobre a maior eficiencia da privatización.

A banda de rock estadounidense The Black Keys actuará no auditorio de Castrelos de Vigo o 21 de xullo

A banda de rock estadounidense The Black Keys actuará no auditorio de Castrelos de Vigo o próximo 21 de xullo, nun concerto enmarcado dentro do programa Vigo en Festas organizado polo Concello. O alcalde, Abel Caballero, anunciou a duodécima confirmación dos concertos deste verán, cunha “banda fantástica” formada en 2001 por Dan Auerbach (voz e guitarra) e Patrick Carney (batería).

Sendo un dos grupos máis populares do “garage rock” na década de 2010, contan con 8,7 millóns de oíntes mensuais en Spotify. Únense así ao resto de artistas que visitará Castrelos este verán: Ana Belén (12 de xullo); Gente de Zona (17 de xullo); Trono (18 de xullo); The Black Keys (21 de xullo); Rozalén (24 de xullo); Coral Casabranca (26 xullo); Vanesa Martín (31 de xullo); Ópera A Traviata (1 de agosto); Jason Derulo (3 de agosto); Ópera Turandot (9 de agosto); UB feat. Ali Campbell (15 de agosto), e India Martínez (16 de agosto).

Aprobado o PXOM de Vigo polo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo ditaminou este venres favorablemente o documento do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cos votos favorables do PSOE, a abstención do PP e o rexeitamento do BNG.

Este trámite é o paso previo ao debate en pleno do documento, unha sesión que o alcalde, Abel Caballero, anunciou para a próxima semana, pero aínda non se fixou data.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor sinalou que, na Xerencia de Urbanismo, ocorreu “o que está a pasar desde hai tanto tempo”, en alusión ás posicións de ‘populares’ e nacionalistas’.

“Da cidade tira a cidade, co goberno local ao seu lado, pero non contemos nin co PP nin co BNG”, proclamou, tras lembrar que o novo plan prevé 50.000 vivendas (14.000 delas protexidas), espazos para dotacións e zonas verdes.

PXOM “MELLORABLE PERO NECESARIO”

Pola súa banda, o PP defendeu a súa “abstención responsable” xa que a novo PXOM “é mellorable, pero necesario”. Respecto diso, Luisa Sánchez sinalou que, nestes momentos, “hai que ter sentido de cidade” para evitar “paralizar” a cidade.

Con todo, matizou que a PXOM que defende o PSOE é “pouco ambicioso” e “nace collo”. Nese sentido, criticou que “limita a propiedade privada e a iniciativa empresarial”, recolle unha expectativa de crecemento poboacional “totalmente irreal”, contén “actuacións polémicas” e esquece a solución para as zonas inundables, entre outras carencias.

Ademais, Luisa Sánchez censurou que o novo Plan elaborouse “de espaladas á cidade”, con “falta de diálogo e transparencia”, e remarcou que, de feito, este venres a concelleira de Urbanismo “descartou convocar o Consello Social” da cidade para que se pronuncie sobre o documento. A iso súmase o feito de que os grupos aínda non coñecen a data exacta do pleno de aprobación definitiva.

“TRAMITACIÓN ANTIDEMOCRÁTICA”

Pola súa banda, o BNG tamén esixiu a convocatoria do Consello Social e censurou a “tramitación antidemocrática” da PXOM, de forma “absolutamente opaca e xorda” por parte do goberno de Abel Caballero.

O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, acusou ao goberno municipal de actuar con “rodete absolutista” para impor un modelo de cidade para os próximos anos “sen diálogo co tecido asociativo nin coas principais entidades da cidade”.

O edil do BNG advertiu de que “estamos ante unha estafa antidemocrática” pero tamén ante feitos que “poden pór en xaque a viabilida a nivel legal da novo PXOM”. Así, lembrou que o goberno local “ignorou” máis de 4.500 alegacións veciñais e introduciu “cambios substanciais” no documento, entre eles “a legalización dos chalés VIP de Cabo Estai” ou a “destrución da ‘carballeira’ da Barroca para construír o Vigo Area”.

Pérez Igrexas alertou contra a “evidente inseguridade xurídica” do novo Plan (que substituirá á PXOM de 2008, anulado polo Tribunal Supremo) e apostou, fronte a este modelo “gris de cemento e asfalto”, por un Vigo que vertebre barrios e parroquias, que non castigue á periferia, e que preserve os pulmóns verdes ante proxectos irracionais como a nova A-52 ou a PO-010, en definitiva “un urbanismo ao servizo dos veciños e do interese xeral”, e non de “os poderosos intereses dos de sempre”.

Suspenden a unha profesora polo seu “nivel docente moi limitado” e “falta de preparación” en Vigo

O xulgado do contencioso administrativo 2 de Vigo desestimou o recurso interposto por unha profesora interina de inglés e validou a resolución da Consellería de Educación que a suspendeu durante dúas semana e acordou a súa exclusión das listas de contratación por un ano.

Na súa sentenza, do pasado 21 de marzo, o xuíz sinala a “proporcionalidade” das sancións impostas á traballadora, que son “adecuadas a Dereito”, e lembra que a recorrente non presentou ningunha proba para defender a inocencia. Así, a profesora escusouse alegando descoñecemento, falta de preparación, ou a súa condición de novel na impartición da materia de inglés.

Aínda que o xuíz coincide coa reflexión da recorrente de que a administración debería mellorar na preparación dos docentes, tamén sinala que “o sistema é o que é”, e a profesora accedeu voluntariamente a ser incluída nas listas, polo que debería asumir o compromiso de cumprir as condicións para as que se lle designou profesora substituta.

Respecto diso, o maxistrado lembra que, aínda que “ninguén nace aprendido”, para o desempeño das obrigacións do docente que substitúe “nin se pode confiar en que a tarefa vaia a ser orientada por compañeiros, nin pode asumirse que no desenvolvemento da substitución descenda drasticamente o nivel de calidade e esixencia na impartición da docencia, polo mero feito de que non sexa impartida polo profesional titular e o labor do substituto limítese a aspectos básicos que cubran o expediente”.

Na sentenza recóllense as infraccións nas que incorreu a recorrente. Así, exponse que non respectou a confidencialidade debida ao desvelar datos dunha alumna á nai doutra e que, nunha reunión de tutoría sobre esta cuestión, chegou a perder as formas, con berros e golpes sobre a mesa.

Con respecto á súa función meramente docente, o xuíz sinala os problemas xa apuntados pola Inspección: incumprimento nos tempos de programación, descoñecemento da ferramenta PROENS, defiencia na técnica avaliadora, ou ausencia do deseño para o traballo de destrezas lingüísticas.

Ademais, recalca o método inadecuado de impartición das clases, xa que a profesora utilizaba principalmente o castelán na materia de inglés; que a docente chegaba tarde á aula; daba ordes contraditorias; ou pasaba “demasiado tempo sentada na cadeira”, de maneira que non había unha correcta vixilancia do desempeño dos alumnos.

En definitiva, sinala a resolución xudicial que o nivel docente era “moi limitado” e había unha “falta de preparación” para exercer a súa obrigación como profesora. Por iso, validou as sancións impostas pola administración educativa.

Queiman unha quincena de colectores no Parque Tecnolóxico de Valladares, en Vigo

Unha quincena de colectores arderon na madrugada deste venres no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares, en Vigo, segundo informa o 112 Galicia. Os feitos ocorreron na zona do Viario C do devandito polígono e foron varios os particulares os que alertaron sobre as 02.00 horas de que escoitaran varias explosións na zona e observaban lume.

De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deu aviso aos bombeiros, á Policía Nacional e á Local, que se desprazaron ao momento, confirmando que ardían varios colectores. Finalmente, os equipos de extinción indicaron que en total arderon ata 15 colectores por completo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed