InicioSucesosSuspenden a unha profesora polo seu "nivel docente moi limitado" e "falta...

Suspenden a unha profesora polo seu “nivel docente moi limitado” e “falta de preparación” en Vigo

Na sentenza recóllense as infraccións nas que incorreu a recorrente. Así, exponse que non respectou a confidencialidade debida ao desvelar datos dunha alumna á nai doutra e que, nunha reunión de tutoría sobre esta cuestión, chegou a perder as formas, con berros e golpes sobre a mesa

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do contencioso administrativo 2 de Vigo desestimou o recurso interposto por unha profesora interina de inglés e validou a resolución da Consellería de Educación que a suspendeu durante dúas semana e acordou a súa exclusión das listas de contratación por un ano.

Na súa sentenza, do pasado 21 de marzo, o xuíz sinala a “proporcionalidade” das sancións impostas á traballadora, que son “adecuadas a Dereito”, e lembra que a recorrente non presentou ningunha proba para defender a inocencia. Así, a profesora escusouse alegando descoñecemento, falta de preparación, ou a súa condición de novel na impartición da materia de inglés.

Aínda que o xuíz coincide coa reflexión da recorrente de que a administración debería mellorar na preparación dos docentes, tamén sinala que “o sistema é o que é”, e a profesora accedeu voluntariamente a ser incluída nas listas, polo que debería asumir o compromiso de cumprir as condicións para as que se lle designou profesora substituta.

Respecto diso, o maxistrado lembra que, aínda que “ninguén nace aprendido”, para o desempeño das obrigacións do docente que substitúe “nin se pode confiar en que a tarefa vaia a ser orientada por compañeiros, nin pode asumirse que no desenvolvemento da substitución descenda drasticamente o nivel de calidade e esixencia na impartición da docencia, polo mero feito de que non sexa impartida polo profesional titular e o labor do substituto limítese a aspectos básicos que cubran o expediente”.

Na sentenza recóllense as infraccións nas que incorreu a recorrente. Así, exponse que non respectou a confidencialidade debida ao desvelar datos dunha alumna á nai doutra e que, nunha reunión de tutoría sobre esta cuestión, chegou a perder as formas, con berros e golpes sobre a mesa.

Con respecto á súa función meramente docente, o xuíz sinala os problemas xa apuntados pola Inspección: incumprimento nos tempos de programación, descoñecemento da ferramenta PROENS, defiencia na técnica avaliadora, ou ausencia do deseño para o traballo de destrezas lingüísticas.

Ademais, recalca o método inadecuado de impartición das clases, xa que a profesora utilizaba principalmente o castelán na materia de inglés; que a docente chegaba tarde á aula; daba ordes contraditorias; ou pasaba “demasiado tempo sentada na cadeira”, de maneira que non había unha correcta vixilancia do desempeño dos alumnos.

En definitiva, sinala a resolución xudicial que o nivel docente era “moi limitado” e había unha “falta de preparación” para exercer a súa obrigación como profesora. Por iso, validou as sancións impostas pola administración educativa.

ÚLTIMAS

Caballero levará de novo ao pleno a proposta para que Xunta e Deputación financien voos desde Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Goberno municipal volverá presentar unha...

Flor Baena reclama ao Concello de Vigo unha homenaxe oficial ao seu irmán Xosé Humberto

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, reclamou ao Concello de Vigo...

A viguesa Vanessa Glemsel compite este sábado polo Premio Nacional de Poesía Viva

A poeta viguesa Vanessa Ferreira Rodríguez, coñecida artisticamente como Vanessa Glemsel, participará este sábado na...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...