PharmaMar , a empresa herdeira de Zeltia e con varias fábricas no Porriño, anunciou que conta cun composto terapéutico que está en fase de investigación para tratar o actual brote de coronavirus, denominado Covid-19, co propósito de confirmar o seu funcionamento en “cuestión de semanas”.
Así o avanzou o presidente da farmacéutica de orixe galega, José María Fernández, nun encontro coa prensa, no que explicou que se trata da aplidina, un medicamento para o cancro hematolóxico que xa está aprobado en Australia e en fase de aprobación en Taiwan, Nova Zelandia e Corea do Sur. Toda a información no Galicia Confidencial.
O Salón de Plenos do Concello de Cangas acollerá este venres un coloquio sobre ‘O futuro do xeito e da pesca artesanal galega na Unión Europea’. Nel se informará das negociacións que se están levando a cabo nas institucións europeas e que poden poñer en perigo a arte pesqueira do xeito, que a Comisión Europea xa intentou prohibir no ano 2014. Unha situación que se retomou agora co novo Regulamento sobre a Conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas.
“A día de hoxe, a proposta da Comisión sigue sendo que a dimensión da malla para pescar especies peláxidas pequenas con redes de deriva como é o xeito sexa 50 milímetros e a nosa emenda para modificar isto non foi aprobada, igual que tampouco o foron outras presentadas por outros eurodeputados no mesmo sentido”, asegura a este respecto a eurodeputada Lídia Senra, organizadora destas xornadas. Nelas tamén intervirán o patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa; a 2ª tenente de alcalde e concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local por Asemblea pola Unidade (ASpUN), Ánxela Vizoso Marcos; e o 3º tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Urbanismo e Patrimonio por Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), Mariano Abalo Costa.
No coloquio tamén se abordará a modificación do Regulamento de Control que agora mesmo está a debate no Parlamento Europeo e outras Resolucións aprobadas polo Parlamento Europeo como a que inclúe que en augas interiores, a pesca accidental artesanal quede fora de cotas. Así, abordaranse posibles medidas a tomar para que a Comisión e o Consello leven a cabo esta recomendación.
“Senra leva tempo loitando para que se inclúa a especificación do uso de mallas de menos de 40 mm para a pesca da sardiña e chama a todo o sector a informarse e a mobilizarse na Galiza para facer forza e poder blindar esta exixencia, pois, do contrario, o sector podería verse moi afectado”, indica a súa formación nun comunicado.
Co acto deste venres en Cangas, a eurodeputada dá comezo a unha serie de coloquios públicos nos que abordará esta cuestión. Así, tamén está organizado xa un coloquio similar para o sábado día 22 de setembro en Cambados e o venres 5 de outubro, pola tarde, en Rianxo. Con estes coloquios, preténdese dar continuidade á campaña de información e sensibilización, despois de que xa numerosos concellos aprobasen durante o verán mocións municipais en apoio ao xeito e a favor de presionar tamén á Xunta e ao Estado español para que se preocupen por estas cuestións.
O conflicto da limpeza no Hospital Álvaro Cunqueiro vai a máis. Logo das numerosas protestas dos Técnicos de Cuidados Auxiliares de Enfermería (TCAEs) ante a esixencia por parte da dirección do centro que se encarguen tamén de tarefas de limpeza, e a folga convocada o pasado xoves, o Sergas contraataca nos medios de comunicación.
Así, a través dunha información publicada polo Faro de Vigo a dirección do centro denuncia que traballadores do hospital e dunha concesionaria privada “síntense vexados e acosados” e que iniciará unha investigación.
A través dun comunicado, o Sergas asegura que “un reducido grupo de traballadores está a realizar accións que atentan contra a dignidade das persoas, obstaculizando o traballo” doutros profesionais con “comentarios inapropiados, mofas e insultos por estar a realizar as súas funcións”. Segundo publica Faro de Vigo, a dirección do centro explica tamén que persoal de lavandaría, limpeza e restauración -que xestiona a concesionaria- presentaron queixas “por interferencias no exercicio da súa actividade, que está a ser boicoteada con impedimentos e actos de vandalismo”.
Xerente e auxiliares de enfermeria do Álvaro Cunqueiro / Miguel Nuñez
Sinala que “fan referencia á mala praxe operativa levada a cabo por algunhas TCAEs” e pon como exemplo o uso de bolsas rotas, ou depósitos de roupa manchada de sangue e materia orgánica fose dos espazos habilitados a tal fin ou o baleirado de xerras de auga diante do propio traballador de restauración solicitándolle a continuación novas xerras cheas…”.
OS TRABALLADORES DA LIMPEZA NÉGANO
Unhas graves acusacións que os propios aludidos na información non quixeron pasar por alto. Así que a través das redes sociais, os traballadores da limpeza pídenlle á xerencia do SERGAS que “por favor”, non os utilice como “arma arreboladiza” contra o colectivo de auxiliares de enfermaría , tal e como aparece publicado no Faro. “Nin nos sentimos sentimos vexados, nin nos sentimos acosados, nin presentamos ningunha queixa como colectivo contra ninguén respecto diso”, indican.
“Independentemente de que pedimos que se respectasen os nosos dereitos laborais (tras meses e meses esperando unha solución), as compañer@s TCAEs do Álvaro Cunqueiro, teñen todo o noso apoio e comprensión nas súas reivindicacións. E máis, vendo como se xestionaron os feitos”, apuntan no comunicado feito público nas redes. “Se houbese algún tipo de rozamento individual entre o persoal de ambos os servizos, consideramos que entra dentro da normalidade da convivencia diaria”, engaden.
Por iso, cualifican de “desinformación” as declaracións publicadas no Faro, así como o envío masivo de cartas ameazando con sancións e xulgados ao seu propio persoal en lugar de buscar un acordo. “Quizais non axude moito a crear un bo ambiente de traballo entre persoas de servizos que colaboramos a diario”, apuntan. “Pedimos, por favor, imaxinación para buscar solucións sen tentar enfrontarnos. Moitas grazas”, conclúen.
CONFLICTO COA LIMPEZA
O persoal da empresa de limpeza, subcontratada pola Empresa Concesionaria, que traballa no Hospital Álvaro Cunqueiro, leva xa máis dun ano denunciando que non ten persoal suficiente para facer o seu traballo, tal e como recolleu Galicia Confidencial. Unhas tarefas que non estaban recollidas no prego de condicións licitado polo SERGAS (a recollida de bolsas de roupa sucia).
As e os auxiliares de enfermaría do Álvaro Cunqueiro protestan no centro sanitario / CIG
Despois de intentar unha negociación coa Empresa Concesionaria e coa Xerencia do SERGAS, que se negou a falar do tema, obtiveron un laudo que recoñece que non tiñan entre as súas funcións realizar este traballo. Por iso, a Xerencia do hospital quere que sexan as auxiliares de enfermaría as que se encarguen dese traballo.
CIG-SAÚDE
Pola súa banda , CIG-Saúde considera “intolerable” a actitude da Dirección da EOXI de Vigo no conflito de competencias xurdido pola imposición do transporte de bolsas de roupa sucia ás Auxiliares de Enfermaría. “A Xerencia da EOXI de Vigo ven de demostrar coas últimas declaracións feitas na prensa que lonxe de querer solucionar este conflito opta por desacreditar a un colectivo cuxa profesionalidade está de sobra demostrada”, engade.
Por iso, considera “dunha enorme irresponsabilidade” que o máximo responsable da área sanitaria viguesa se dedique a difundir nos medios de comunicación información para desacreditar a un colectivo de máis de 500 persoas e di que é “unha desafortunada decisión” que non fai máis que complicar a solución do conflito.
CIG-Saúde considera que a actual Xerencia non é un interlocutor válido para resolver este conflito e pide ter unha reunión co conselleiro de Sanidade para solventalo. “Consideramos que este conflito é consecuencia do modelo sanitario escollido polo goberno de Partido Popular, que ben a demostrar dúas cousas de suma gravidade: a primeira a súa aposta pola privatización dos servizos públicos esenciais e a segunda a súa incapacidade de xestionar os numerosos conflitos xurdidos neste hospital como consecuencia desa privatización”, apunta.
SEN INFORMACIÓN
Por outra banda, fontes do Hospital Álvaro Cunqueiro non quixeron remitirlle información a Xornal de Vigo. O pasado xoves, durante a protesta dos auxiliares, traballadores deste medio tentaron falar con Félix Rubial para coñecer a súa opinión. Asegurou que non tiña problema en facelo pero dixo que era a xerencia do complexo hospitalario a que o tiña que autorizar.
“Xa vos coñecemeos”, foi a resposta unha vez postos en contacto coa xerencia, ao tempo que indicaron que non ían facer declaracións e que, en todo caso, enviarían un comunicado aos medios. Un comunicado que nunca chegou a esta redacción e que agora aparece publicado no Faro de Vigo.
Dende a Asociación vegana “No Como Animales” piden a máxima difusión do caso de Ron, un can que leva atado sete anos, o que xa foi denunciado ás autoridades viguesas e apareceu nos medios de comunicación.
“Nós difundimos para exercer presión social e animamos a todos e todas a facer o mesmo, a ver si por vergoña o Concello de Vigo actúa dunha vez e deixa de ofrecer esta esperpéntica imaxe”, declararon dende a Asociación.
“Sabemos que moitos dirán: por que non o colle alguén e o saca de alí? Non pensamos que sexa tan sinxelo. O can é grande, leva moitos anos atado e estará cun nivel de estrés e medo importante, polo que sacalo non sería sinxelo. Ao mesmo tempo, tería que lograr un adoptante moi responsable que traballase con el e lle fixera coñecer unha vida diferente”, enumeran.
E engaden que, “por se fora pouco, o peor é que incluso conseguindo isto, o seu dono podería coller outro can e encadealo de por vida, polo que é fundamental conseguir que as leis sexan mucho más estrictas, para liberar a Ron”.
DIVISIÓN DE OPINIÓNS
Técnicos especialistas da Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber , denunciaron hai uns días p estado dun can “con pouca hixiene, rodeado de lixo e os seus propios escrementos e malvivindo atado a unha cadea parcialmente oxidada”. Unhas circunstancias nas que levaría ao redor de 7 anos. Tras a denuncia desta entidade, a Policía Local e un veterinario acudiron ao lugar pero non consideraron degradante a súa situación, nin motivo de sanción ao seu dono.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou este venres que a súa formación “focalizará” as súas demandas de investimento nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2022 na implantación das proximidades e a modernización da rede ferroviaria en Galicia.
Así o trasladou despois de manter unha reunión con membros dos comités de Renfe e Adif, que se celebrou na estación de Guixar en Vigo, e na que tamén participaron a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, e o concelleiro do BNG no Concello olívico, Xabier Pérez Igrexas.
Rego subliñou que, tras escoitar aos representantes dos traballadores, constátase o “abandono” do servizo e as infraestruturas ferroviarias en Galicia, que acumula “un atraso considerable” na modernización da súa rede interna en comparación con outros territorios. Ademais, lembrou, Galicia non conta cunha rede de proximidade, “algo difícil de explicar” para un Goberno central que presume de multiplicar a partida para modernizar este servizo. “Nin un só euro vén para Galicia, porque aquí non temos proximidades”, sinalou.
Por iso, incidiu en que, de cara aos investimentos territorializados que se recollan no PGE de 2022, a actuación do BNG vaise a focalizar en lograr fondos para a modernización da rede ferroviaria interna e a implantación das proximidades, todo iso coa “perspectiva” de que se transfira á administración autonómica esa rede de transporte.
AUMENTO DE FRECUENCIAS
Por outra banda, reiterou a súa demanda de que se aumenten os servizos e apuntou que, “co pretexto da pandemia”, suprimíronse frecuencias e conexións que aínda non se recuperaron, o que provoca que, nalgúns casos, os trens (especialmente na liña entre Vigo e Santiago) vaian “colapsados”.
“Hai que ser consecuentes, estamos de acordo en que hai que avanzar na transición ecolóxica e que iso, no ámbito da mobilidade, é apostar polo ferrocarril. Pero para poder apostar hai que ter as infraestruturas adecuadas e servizos suficientes”, proclamou.
“PROPAGANDA” FRONTE A SERVIZOS
Pola súa banda, o concelleiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, lamentou o “abandono” dos diferentes gobernos centrais no que respecta ao servizo ferroviario da cidade e a súa área.
A ese respecto, referiuse a a inauguración, o pasado xoves, do Centro Comercial Vialia-Estación de Vigo, un acto “con gran propaganda” no que o alcalde, Abel Caballero, comparou ese complexo coa estación de Atocha ou con algunhas estacións de Londres. “Pero Vigo necesita unha estación con servizos ferroviarios, e o que se inaugurou foi un gran centro comercial, mentres seguimos con poucas frecuencias e poucos servizos (…), non entendo o motivo de celebración”, apostilou.
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un home de 61 anos de idade, sen domicilio coñecido, como presunto autor dun intento de atraco nunha farmacia. Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a pasada tarde, cando o 091 recibiu un aviso por un intento de atraco nunha farmacia. Unha patrulla que se atopaba preto dirixiuse á zona e, polo camiño, foi requirida por un home que lles facía acenos.
Esta persoa indicou aos axentes que estaba a seguir a un individuo que acababa de tentar cometer un atraco e fixo indicacións aos policías para que puidesen interceptalo. Finalmente, os funcionarios localizaron ao sospeitoso, e ao cachealo descubriron que levaba unha navalla oculta entre as súas roupas.
Segundo relatou unha empregada da botica, estaba a atender a zona de público cando un home se lle achegou ameazándoa cunha navalla, mentres lle esixía que lle entregase todo o diñeiro. Ela tratou de explicarlle que non podía abrir a caixa polo sistema que ten.
Nese momento, un compañeiro de traballo que se atopaba no almacén achegouse e o atracador fuxiu do lugar á carreira, perseguido por ese empregado. O sospeitoso foi detido e trasladado a dependencias policiais, onde se comprobou que lle constan 19 antecedentes, varios deles por roubo con intimidación. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda.
O Centro de Día Vigo-Teis (Atalaia), xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (Xunta de Galicia) empezou o ano 2020 sen o servizo de limpeza externa que viña tendo desde a súa posta en marcha no ano 2008. O servizo de limpeza axudaba a manter o centro en condicións adecuadas. Era realizado nas horas en que o centro permanece pechado ás persoas usuarias.
Desde o 2 de xaneiro, “as tarefas foron asignadas a persoal de atención directa ás persoas maiores que son usuarias do centro de día. Isto supón unha sobrecarga laboral considerable e que a limpeza teña que ser realizada en momentos inadecuados, nos que se está facendo uso das instalacións”, sinalan as traballadoras do persoal de limpeza. Ademais “non permite garantir as condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade para usuarios e traballadores”, engaden.
“É inviable atender persoas con necesidades especiais e ao mesmo tempo estar fregando suelos, cuartos de baño ou sacar o lixo ao contenedor”, lamenta o persoal. Desta maneira, demandan que se restauren as condicións que se viñan dando ata o 31 de decembro de 2019.
O Grupo Ecoloxista ADENCO acaba de recibir notificación da proposta de sanción da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao concello de Ponteareas polos verquidos da depuradora ao espazo protexido río Tea, denunciados no seu momento pola entidade ecoloxista do Condado e que supuxeron a apertura dun expediente sancionador ao concello.
Na resolución, a Confederación constata a realización de verquidos ao cauce do Tea desde a depuradora da Moscadeira superando os valores límite de concentración de verquido e causando danos ao dominico público hidráulico.
Por estas actuacións, propón unha multa ao concello de Ponteareas de 22.900 euros polos verquidos e de 3.435 euros por danos no dominio público hidráulico, rexeitando todas as alegacións realizadas polo concello.
O Organismo de conca sinala que existen circunstancias agravantes no expediente sancionador, concretamente a reiteración na conduta infractora, xa que o concello de Ponteareas ten sido sancionado por infraccións similares e a afección a un espazo protexido incluído na Rede Natura, a Zona de Especial Conservación Río Tea.
Verquido no Tea/ Adenco
Esta sanción ao concello de Ponteareas súmase a outras vinculadas co río Tea que se teñen imposto nos últimos anos á entidade municipal. Desde ADENCO lémbrase que as multas, que xa ascenden a ducias de miles de euros, págaas toda a veciñanza e son froito da mala praxe municipal.
Nese senso, como leva facendo desde fai anos, o Grupo Ecoloxista esixe ás autoridades competentes que se solucionen dunha vez estes vertidos da depuradora ao río Tea e se depuren responsabilidades. Desde o Grupo Ecoloxista agárdase que non se volten repetir feitos como os que motivaron a proposta da sanción por parte da Confederación.
Varios colectivos veciñais, asociacións culturais e partidos políticos da oposición en Salvaterrado Miño están en pe de guerra contra o concello por querer crear un gran museo do Viño que custará case 600.00 euros nun espazo cultural e patrimonial como son as coñecidas como “Covas de dona Urraca”, no Castelo de Salvaterra. Este espazo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é famoso, precisamente, por ter sido residencia dunha das grandes raíñas galegas, dona Urraca, e por ter sido lugar de importantes batallas, tanto no Medievo como na Edade Contemporánea.
Así, os colectivos SCD Condado, Lazoiro, BNG e PSOE aprobaron un manifesto e iniciaron unha campaña na que critican que o concello pretende agora realizar un novo Museo do Viño nun espazo patrimonial no que non estaba previsto. De feito, lembran que o municipio xa recibira fondos europeos Feder por valor de 199.761 euros que utilizou na coñecida como Casa do Conde, tamén dentro do propio castelo de Salvaterra, para realizar precisamente un “Museo-Exposición Casa do Viño”. Unha obra que, despois de realizarse, leva case catro anos pechada. Os dous complexos ocuparían, prácticamente, a totalidade de todo o castelo.
Oposición e entidades veciñais critican a dilapidación de fondos públicos en proxectos “iguais” e denuncian que a nova iniciativa museolóxica pretende ocupar todo un edificio. Isto implicaría pechar as coñecidas como Covas de dona Urraca –ou Minas de dona Urraca–, o que impediría, por exemplo, realizar actividades culturais como as que se desenvolven na actualidade neste edificio, situado no espazo amurallado, e mesmo vodas.
FIN DE ACTIVIDADES CULTURAIS
Actualmente o primeiro andar do edificio utilizase para actividades das distintas asociacións. Alí realízase o coñecido festival de Poesía do Condado ou exposicións e actos sobre a memoria e o patrimonio local. Ata o mes pasado a Deputación de Pontevedra tivo alí unha exposición dos achados castrexos do sur da provincia.
Covas de dona Urraca, no castelo de Salvaterra | Fonte: Concello de Salvaterra
As covas de dona Urraca son un conxunto arquitectónico de gran beleza do século XVII. Recibe este nome en recordo á estancia que utilizou a monarca Dona Urraca durante a batalla que mantivo coa condesa Teresa de Portugal. O proxecto de creación dun segundo museo do viño, elaborado polo arquitecto José Antonio Martín Curty, ten un custo de 239.414 euros nunha primeira fase e de máis de 300.000 nunha segunda fase.
PROMOCIONAR O VIÑO
Segundo recolle o proxecto, que foi aprobado por decreto do concello sen ningún tipo de acordo coa oposición, o obxectivo do Goberno popular é “ubicar o Museo da Enoloxía do Condado do Tea nunha edificación de propiedade municipal no casco urbán, no Concello de Salvaterra de Miño, capital do viño do Condado do Tea, para dar a coñecer e poñer en valor os viños e a súa elaboración, constituíndo un recurso turístico relacionado co viño como elemento característico da zona”.
Precisamente, a xustificación do equipo popular que goberna o municipio é pola importancia do sector vitivinícola, nun termo municipal no que hai 18 adegas. A súa intención é facer dese museo do viño o lugar onde se poidan ver todas as referencias que se elaboran en Salvaterra. O obxectivo final –igual que xa se anunciara para a Casa do Viño no Pazo do Conde– é “facilitar información sobre a zona e os procesos de produción do viño”.
DIÑEIRO DA XUNTA
Pero o que chama a atención deste proxecto é o financiamento que recibe por parte da Xunta. De feito, a case totalidade dos cartos procederán de distintos departamentos galegos. O Concello de Salvaterra só aportará 941,42 euros. O resto serán de Turismo de Galicia, a Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Vicepresidencia da Xunta. O primeiro ente aportará 106.00 euros e os dous últimos, 100.000 euros.
Covas de dona Urraca, no castelo de Salvaterra, onde se pretende facer o Museo do Viño | Fonte: Concello de Salvaterra
E neste proxecto chama a atención a participación da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que dirixe Alfonso Rueda. Hai quen ve nesta axuda un criterio político, dada a condición de Rueda como presidente do Partido Popular de Pontevedra e a súa intención de poder optar á Presidencia da Deputación de Pontevedra.
CRÍTICAS
“Non é lóxico que este proxecto teña entrado por decreto. Por iso nos mobilizamos”, apunta Xosé Antón Outeiro, “Tití”, portavoz do BNG en Salvaterra, que non entende como se quere facer un novo museo do viño cando xa se gastaron 200.000 euros noutro proxecto case idéntico que “está pechado”.
“Non estamos en contra do museo do viño pero si que se monopolice todo o inmoble das minas de dona Urraca e que se lle pechen as portas á actividades de colectivos de Salvaterra e da comarca”, apunta Tití en declaracións a GC. O voceiro do BNG recoñece que o viño representa unha actividade económica importante na comarca que que xera moitos postos de traballo, pero entende que xa hai espazos museolóxicos que poden cumplir a tarefa dese museo, como é a Casa do Conde.
“Por iso nos opoñemonos a que todo un BIC se acapare para facer esta infraestrutura e que se peche para amosar actos da nosa historia e patrimionio. O patrimonio é de todos e non se pode pechar case todo o castelo para facer un museo monográfico”, denuncia.
“DELIRIO DE GRANDEZA”
“Isto é outro delirio de grandeza do alcalde, como outros aos que nós ten acostumado e que quedará para disfrute de catro”, apunta pola súa banda Rocío Bernárdez, voceira municipal do PSdeG. Así, destaca que se van investir 600.000 euros nun megaproxecto que logo van ter que soster os veciños de Salvaterra. “E como se gasta semellante cantidade de diñeiro niso cando aínda case nin temos o saneamento feito”, quéixase en declaracións a GC.
“Agora resulta que queren montar un museo do viño nun lugar de referencia para toda a cidadanía e que nos custou moito recuperalo”, di ao lembrar que ata fai relativamente pouco a fortaleza era propiedade da familia Alba. “Ao final vai pasar igual que a casa do viño que está pechada desde hai tres anos e que se abre só baixo petión dalgúns vips”, denuncia.
Tamén fontes consultadas de Lazoiro din que non se trata de oporse á construción dun Museo do Viño, porque ninguén se opuxo cando se anunciou que se ía facer na Casa do Conde. “Pero un goberno non pode anunciar da noite para a mañá que todos os edificios das murallas van pasar a un único uso sen posibilidade de seguir sendo gozados polo resto dos veciños”, critican.
Este pasado venres, o concello organizou unha xuntanza cos hosteleiros para informar do proxecto. Non se convidou nin a oposición, nin aos colectivos sociais e culturais da comarca, que decidiron asistir pola súa conta. E alí deon a súa versión, lembrando que hai un imoble ao carón de onde queren facer o novo museo do viño no que se gastaron 200.00 euros e que está pechado. E que os gobernantes de Salvaterra “non fan o que prometeron”, nin miran “pola posta en valor do patrimonio que tamén é unha fonte de diñeiro e turismo”.
A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) de Vigo para a reordenación do Barrio do Cura levará a pleno este venres para a súa aprobación extraordinaria.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o alcalde, Abel Caballero, indicou que tras darse luz verde á modificación do plan na Xerencia Municipal de Urbanismo, este venres celebrarase un pleno extraordinario para ratificar o cambio e desbloquear a urbanización da zona.
Despois, o previsible acordo que adoptará este venres a corporación municipal –o grupo de goberno conta con maioría absoluta– publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Deste xeito, o rexedor explicou que os promotores estarán en condicións de presentar os proxectos de urbanización e de compensación ante o Concello. Así, confiou en que os traballos comecen “en menos dun ano”.
Noutra orde de cousas, Abel Caballero visitou as obras de demolición da antiga cafetaría Camaleón do paseo da praia de Samil con motivo do seu comezo.
A este respecto, precisou que os traballos se desenvolverán durante dúas semanas, o que permitirá que o areal gañe uns 600 metros cadrados de espazo verde. Ademais, subliñou que os operarios valoraron o derrube da estrutura ante o “estado de deterioración” do cemento.