Inicio Blog Páxina 2007

27.776 fotografías rexistran a presenza de arroaces na ría de Vigo

A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA puxo en marcha o pasado decembro o proxecto “TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000″, contando co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, a través da Convocatoria 2018 de concesión de axudas da Fundación Biodiversidad, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da biodiversidade terrestre, biodiversidade mariña e litoral, e o fomento da información ambiental.

TurGaSur está adherido ao LIFE IP INTEMARES, o maior proxecto de conservación mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa. O obxectivo xeral do proxecto TurGaSur é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Como obxectivos específicos de TurGaSur destacan a mellora do coñecemento sobre a estrutura social e o uso do hábitat da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur; avaliar e promover as áreas mariñas Rede Natura 2000 como elementos de importancia para a conservación da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur, e potenciar a participación social como ferramenta fundamental para a conservación das áreas protexidas e das especies ameazadas, mediante a participación en mostraxes científicos.

Para levar a cabo este proxecto e poder realizar os traballos de monitorización de cetáceos, a CEMMA conta con autorizacións administrativas expedidas por la Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, xa que os arroaces son unha especie protexida.

MOSTRAXES FOTOIDENTIFICACIÓN.

Unha das principais accións establecidas dentro do proxecto foi a realización de 20 mostraxes nas áreas Rede Natura 2000 da ría de Vigo e augas próximas.

Estas mostraxes realzáronse seguindo a metodoloxía de transecto liñal e fotoidentificación, e consistiron en percorrer as zonas de estudo para tratar de localizar as mandas de arroaces e realizar fotografías das súas aletas dorsais. Deste xeito, se pode chegar a identificar individualmente cada exemplar, mediante as marcas (escotaduras, cicatrices e feridas) propias e características que presentan na súa aleta dorsal.

As cinco áreas Rede Natura 2000 da ría de Vigo e augas próximas nas que se realizaron as mostraxes foron: ZEC Enseada de San Simón, ZEC Costa da Vela, ZEC Illas Cíes, ZEC Illas Estelas e ZEPA Espazo mariño Rías Baixas.

Durante estas 20 mostraxes, realizáronse un total de 116,3 horas de observación ao longo de 1089,5 km de transecto de mostraxe. Rexistráronse un total de 52 avistamentos de arroaces, realizándose rexistros da presenza da especie en todas as mostraxes. A duración total destes avistamentos foi de 28,2 horas. Durante este período de monitorización dos cetáceos tomáronse un total de 27.776 fotografías.

Nestas mostraxes cabe destacar especialmente a participación dun total de 38 persoas voluntarias, que recibiron formación técnica específica para participar nelas, e que pertencen ao equipo de voluntariado do proxecto, formado por 115 persoas. O voluntariado que participou nas mostraxes recibiu unha camiseta e un certificado de participación no proxecto, e non se limitou simplemente a acompañar ao equipo técnico da CEMMA, senón que tivo unha actuación e participación moi activas a bordo, grazas aos coñecementos adquiridos nas xornadas de formación técnica específica ás que asistiron.

CATÁLOGO DAS ALETAS

Nestes momentos, a CEMMA está a revisar e analizar os resultados obtidos nesta importante campaña específica que tiña como obxectivo profundizar no coñecemento do uso do hábital e da estructura social dos arroaces, “unha especie de cetáceo que vive moi preto de nós, pero dal cal aínda son descoñecidos moitos aspectos da súa bioloxía”, indican.

Está previsto que, a principios de outubro estea listo o Catálogo TurGaSur de fotoidentificación dos arroaces de Galicia Sur-Manual de boas prácticas de navegación, que constituirá unha ferramenta de grande importancia dentro da conservación da especie.

No catálogo se darán a coñecer as aletas dos 150 arroaces que contan cunha maior presenza nas augas da Rías Baixas. Grazas ás imaxes das súas aletas, será posible identificalos e recoñecelos, un a un, de xeito individual.

A Xunta cubrirá con persoal interino máis de 100 prazas da área Sanitaria de Vigo

A área Sanitaria de Vigo cubrirá 106 prazas de persoal sanitario e dous de empregados non sanitarios mediante nomeamentos de interinidade que comezarán a realizarse a próxima semana.

Segundo trasladou nun comunicado a xerencia da área sanitaria olívica, as prazas de centros de saúde e hospitais cubriranse a través de nomeamentos de interinidade en praza vacante ou nomeamentos de interinidade por substitución de titulares con dereito a reserva de praza.

Deste xeito, cubriranse 62 postos de traballo en Enfermaría, 36 en Coidados Auxiliares de Enfermaría, un en Enfermaría Especializada en Saúde Mental e outro na área de Farmacia. Ademais, ofreceranse dúas prazas de técnico superior en Imaxe para o Diagnóstico Clínico e catro de técnico superior en Laboratorio, así como unha de celador e outra de auxiliar administrativo.

En concreto, os interesados poderán consultar o seu número de orde nas listas de acceso libre e de promoción interna das prazas de Enfermaría e técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría mediante a Intranet da área sanitaria.

Esta medida enmárcase no Plan Estratéxico da área Sanitaria de Vigo, que busca o recoñecemento e o desenvolvemento dos profesionais, para o que aposta por unha redución da taxa de eventualidade.

O Porto de Vigo comparecerá como parte na causa do incendio en Bouzas

O presidente da Autoridade de Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, avanzou que esta entidade comparecerá como parte na causa do incendio ocorrido na dársena de Bouzas o pasado venres no que se calcinaron totalmente 13 vehículos.

López Veiga afirmou que esta decisión se debe a que o “comportamento” que o causou “non é aceptable” desde o seu punto de vista. Ademais, López Veiga avanzou que o Porto iniciará un expediente sancionador.

En concreto, apuntou que se atoparon varas de pirotecnia na zona, polo que é posible que fose o lanzamento deste material pirotécnico a causa do lume. No entanto, remarcou que as investigacións aínda se atopan en curso.

En relación ao suceso, relatou que tivo lugar despois de que unha furgoneta branca dunha pirotecnia se dirixise cara ao paseo marítimo de Bouzas, que se atopaba pechado ao paso cunha cadea, durante a celebración das festas do barrio vigués.

Así, explicou que, tras achegarse á zona do faro, foron arroxadas bombas de palenque a uns “20 ou 30 metros” da parte na que se atopaban os vehículos afectados, que cifrou en “40 ou 50” e dos que 13 quedaron totalmente calcinados.

Tamén confirmou que se puxo en contacto con PSA Peugeot Citroën, así como que a firma contaba cun seguro que podería cubrir os custos derivados dos danos, que poderían ascender a 1,5 millóns de euros.

Rueda subliña que a situación de Barreras é “moi complicada” e promete implicación da Xunta

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou que a situación do estaleiro vigués Barreras é “moi complicada”, á vez que comprometeu implicación por parte do Goberno galego “se realmente hai unha solución de futuro”.

Este mércores, en Lugo, Rueda lembrou a que o “sector naval, que pasou tempos moi complicados en toda Galicia, e especialmente na ría de Vigo, hai un tempo consolidouse e soubo reinventarse”.

En calquera caso, tras reivindicar que a Xunta “estivo aí, botando unha man (ao sector naval) moi importante nun momento decisivo”, apuntou que “agora é certo que unha empresa en concreto, Barreras, volve ter unha situación moi complicada”.

Respecto diso, sinalou que “onte –por este martes– houbo unha reunión onde participou a Xunta” e indicou que “transcendeu certo optimismo”.

Con todo, advertiu de que “a Xunta, que manexa recursos públicos de todos os galegos, segue mandando o mesmo mensaxe, está disposta a estar nunha solución pero unha solución que garanta non só o presente senón tamén o futuro de Barreras, que é tanto como dicir o futuro dunha parte importante do naval de Vigo”.

Así, apuntou que “o mesmo” que lle pide ao Goberno central é o que pretende a Xunta e que é o que quere facer “cando toque implicarse”. “Ímonos implicar se realmente hai unha solución de futuro”, resolveu.

Un motorista négase a facer a proba de alcoholemia despois de saírse da vía e sufrir un accidente

Axentes da Policía Local de Vigo, da Sección de Atestados, acudiron este mércores ás 18:50 da tarde á rúa San Paio á altura do numero 218, onde ao parecer un motorista tivera un accidente de circulación.

No lugar os axentes comprobaron que soamente había un vehículo implicado, tratándose do condutor dun ciclomotor de 33 anos de idade, e o seu acompañante, os cales resultaron feridos leves tras unha caída ao saírse da vía.

O mozo condutor presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos do alcol, polo que tras ser convidado á realización de próbalas pertinentes, este negouse a realizalas en todo momento, motivo polo que foi encartado en dilixencias xudiciais en calidade de investigado por un delito contra a Seguridade Vial.

Máis de 21.000 visitantes e 215 empresas na feira Mindtech de Vigo

0

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime, celebrou este xoves o éxito da primeira edición da feira Mindtech (Metal Industry and Techonologies International Trade Fair), que reuniu máis de 200 expositores e que este xoves se clausura no Instituto Feiral de Vigo.

O presidente de Asime (e presidente da feira), Justo Sierra, e o secretario xeral da organización e director de Mindtech, Enrique Mallón, fixeron balance do certame nunha comparecencia de prensa, na que trasladaron que uns 21.500 visitantes pasaron polo recinto feiral.

Estas cifras, destacaron, favorecen a continuidade da feira e apoian a iniciativa, que serviu para que centos de empresas expoñan os seus produtos e servizos nun novo foro chamado a ser “referencia do sector industrial do polo ibérico”.

Ademais das presentacións, encontros empresariais e eventos de ‘networking’ destes días, este xoves asinouse un acordo de colaboración entre Asime e o municipio de Celaya (México). Deste xeito, Mindtech estará presente con empresas galegas nas principais feiras desta rexión mexicana, e Celaya asegura tamén a súa presenza en Mindtech 2021.

O certame pechouse coa Mindtech International Conference, un programa de relatorios que, desde o martes, reuniu expertos internacionais en temas relevantes como ciberseguridade, fabricación aditiva ou condución autónoma.

Sierra afirmou que esta feira marcou “un antes e un despois” na industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas; mentres que Mallón resaltou que “cando unha feira se organiza desde o propio sector, o éxito está practicamente asegurado”.

Chandebrito inaugura o seu Bosque da Memoria ao son do himno galego

Chandebrito celebrou este venres a inauguración do seu Bosque da Memoria, tras unha serie de conferencias que comezaran o día anterior, para repensar os nosos montes e a súa xestión.

É este un monumento para non esquecer a traxedia dunha parroquia na que morreron dúas persoas no seu intento de escapar dos lumes que asolaron o territorio, e para traballar no futuro, por un modelo mellor de monte.

Durante a catástrofe, só unha pequena parte do monte comunal pertencía a eucaliptais, pero as propiedades privadas estaban cheas de eucaliptos, que supoñían o 90% da superficie arbórea.

A responsable de R.H. de C&A, o alcalde de Nigrán e mais o presidente da Comunidade de Montes, na inauguración do Bosque da Memoria/ Miguel Núñez

No acto, a responsable de Recursos Humanos de C&A para toda a península, Celina Bello, mostrouse feliz de ter “aportado o noso pequeno gran de area” a este proxecto: “Non nos interesa só vender roupa”. Desexou ademais que nunca se repitan situacións coma a vivida o pasado ano en Chandebrito.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, valorou a capacidade deste pobo de reconverter a situación, “pasando a ser protagonistas de como se debe xestionar un territorio”. “Non hai nada positivo nun incendio, pero dentro duns anos recordarán o cambio de Chandebrito a partir de aquel día, por un monte mellor”, salientou.

Tamén o responsable da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Manuel Vidal, tivo unhas palabras para os presentes, nun acto que selaron o himno galego, a cargo do Grupo  de Gaitas O Castro de Chandebrito, e mais a degustación de empanada, tortilla e viño caseiros.

Santiago competirá con Vigo en luces de Nadal

O goberno compostelán asegurou que “non quere competir” co alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre a iluminación de Nadal.

A xuízo de Martiño Noriega, concelleiro de Compostela Aberta, “Bugallo quere facerlle a competencia ao alcalde de Vigo”, coas luces de Nadal no canto de “darlle importancia” ás políticas que afectan á cidadanía.

Máis información en Galicia Confidencial.

Investigan a un home que tras sufrir un accidente coa súa muller intentou ser atropelado

0

A Garda Civil investiga por un delito de violencia de xénero a un home que sufriu un accidente de tráfico co vehículo no que viaxaba coa súa muller e que acabou por ser atropelado na Autovía do Morrazo, despois de supostamente tirarse sobre varios vehículos.

Este home foi trasladado ao Hospital Povisa de Vigo despois de ser finalmente arroiado por un vehículo, e de que irrompese na autovía do Morrazo, á altura de Moaña, e se tirase sobre os vehículos.

O 112 Galicia recibiu, pouco antes das 20:00 horas deste xoves, chamadas de varios condutores que deron a voz de alerta pola actitude deste home, que finalmente foi alcanzado por un vehículo.

VERSIÓN DA MULLER

Segundo informou a Garda Civil a Europa Press, a investigación está aberta por posible delito de violencia de xénero e por tentativa de suicidio. A muller deste home informou á patrulla de Tráfico que se desprazou até o punto do suceso de que o seu marido chocara “intencionadamente contra o vehículo que lles precedía”.

De acordo coa súa explicación, a continuación o home baixaría do coche e cruzou a mediana da autovía “coa intención” de ser atropelado. Aínda que varios condutores conseguiron esquivalo, finalmente foi arroiado.

Os bombeiros do Morrazo agregaron que, como consecuencia do primeiro impacto, cando o home chocou co seu vehículo contra outro, outra persona necesitou asistencia médica e tamén foi evacuada polo 061. O 112 indicou que, ademais de avisar aos servizos sanitarios e bombeiros, deuse aviso do ocorrido ás forzas da orde para que investiguen as circunstancias deste suceso.

As empresas familiares galegas moven 44 millóns de euros

A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) reivindicou este martes a súa achega do PIB da comunidade, así como a súa creación de emprego e o seu “investimento social” (mecenado, patrocinios e outras actividades sociais), que cifran en 44 millóns de euros.

Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo, o catedrático de Economía Aplicada, Santiago Lago, constatou que as boas cifras de crecemento da economía galega nos últimos anos débense, en gran medida, ao tecido empresarial que conforman as compañías familiares, que “actúan como estabilizadores da economía“.

Segundo apuntou, durante os anos da crise, estas empresas “despediron moito menos” que outras compañías, e “apostan máis polo país” na súa actividade, investimento e proxectos. “Se a Galicia vaille ben, é porque lles foi ben ás empresas familiares, que fixeron moitos esforzos”, concluíu.

En Galicia, máis dun 92 por cento das empresas son familiares, moi por encima do 88,8 por cento da media de España. Só Castela-A Mancha e Murcia superan en número ás empresas familiares galegas. Ademais, este tipo de empresas supoñen o 86,3 por cento do emprego do ámbito privado.

INVESTIMENTO SOCIAL

O presidente de AGEF, Víctor Nogueira, recalcou tamén a implicación das empresas familiares galegas coa súa contorna, e fixo fincapé na “rendibilidade social” que supón a localización destas empresas en Galicia.

A asociación cifra en 44 millóns o investimento destas compañías en mecenados, patrocinios e outras actividades sociais, e recalcou que o 80 por cento desas empresas xustifican ese investimento como un “compromiso co territorio”, mesmo por encima das vantaxes fiscais.

Nogueira, quen lembrou que o perfil da empresa familiar cambiou (creceron, profesionalizáronse e souberon buscar novos mercados), sinalou que “se bota de menos unha política de mecenado potente en España”.

REFLEXIÓNS SOBRE A SITUACIÓN ECONÓMICA

Por outra banda, con respecto á situación económica, Nogueira lembrou que os empresarios perciben “síntomas de desaceleración”, e sinalou a necesidade de buscar políticas “de longo prazo” e non “cortoplacistas” como, na súa opinión, se están a levar a cabo.

Así mesmo, reclamaron actuacións que “poñan en valor” ás empresas en xeral, e ás empresas familiares en particular; advertiron da importancia de xerar “seguridade xurídica” para atraer investimentos; e criticaron que a economía está “cada vez máis burocratizada” e a Administración ten “un peso excesivo”.

Finalmente, AGEF recalcou que se debe habilitar un “marco fiscal competitivo” para, entre outras cousas, fomentar a “localización” de empresas. “A única forma é aprobar un paquete de medidas para facer atractiva Galicia aos investidores. Que as empresas non só veñan, senón que queden”, sentenciou Nogueira.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed