Inicio Blog Páxina 2006

A especulación planea sobre o futuro de Povisa, o gran hospital privado de Vigo

A noticia caía como unha bomba. O Grupo Nosa Terra 21, propietario do policlínico POVISA de Vigo, estaría negociando a posible venda ao grupo Ribera Salud. Os traballadores non sabían nada. Así se desprede das conversas de Galicia Confidencial co comité de empresa.

As noticias máis recentes sinalan que xa pode existir acordo para a venda, que esta se pode materializar en horas ou días. Mais, por que Nosa Terra 21 vende Povisa? Existen motivos para deixar unha clínica que dá cobertura sanitaria a Vigo e comarca? Lembrar que hai case un ano este centro concertado coa Xunta de Galicia, recibía novas axudas do goberno galego. Aínda máis, o Sergas acordaba coa dirección da empresa a subministración de medicación ambulatoria para pacientes externos.

Concentración por unha solución para os traballadores de POVISA/ CIG

NOTICIAS SEN CONFIRMAR

O caso é que o nerviosismo ou polo menos a incerteza parece pairar sobre os e as traballadoras. Máis aínda cando o domingo se coñece pola prensa a existencia das negociacións entre Grupo Nosa Terra 21 e Ribera Salud. Para o outro día, luns 30, durante unha reunión entre comité de empresa e membros da dirección do hospital “din que a cuestión estaba pendente de Competencia, e ata o visto e prace aínda podería tardar, iso quere dicir que a venda era un feito de non ser que pasara algo no último momento” di Chus Neira da CIG.

“Agora mesmo estamos nunha situación de incerteza e de nervios, porque non sabemos nada da empresa que quere comprar” di Xurxo Cadral de CCOO. O representante sindical reafírmase en que a dirección do centro “nunca nos dixo nada sobre as negociacións, ningún directivo dixo nada e o conselleiro delegado foi preguntado hai poucos días se Povisa estaba en venda, a resposta foi non, mais que se sabiamos de alguén que lle puidese facer unha oferta, el escoitaba”.

Nalgunhas seccións do hospital concertado houbo reunións entre xefes de sección e traballadores, segundo informa Neira. “Algún dos xefes xa dicía que Povisa ía ser vendida a Ribera Salud, unha empresa que á súa vez, dependía dunha empresa norteamericana de moito prestixio e que estariamos ben”.

Durante a reunión do pasado luns non asistiu o conselleiro delegado, aí o comité de empresa pide outra reunión para cando si estea. Os membros da dirección presentes dixeron que se convocaría unha nova xuntanza para cando todo estivese asinado e arranxado o proceso de venda. Os representantes dos e das traballadoras xa pediron tamén xuntanzas cos grupos parlamentares, coa Xunta e Consellería de Sanidade e Sergas, pola parte de capital público que ten Povisa.

Desde Povisa só confirman a existencia de conversas, non confirman a venda do hospital. Apuntan ademais que comunicaran á Xunta estaren en conversas con Ribera Salud. Sobre os motivos que levan a negociar coa empresa valenciana, tampouco se pronuncian, mais que si seguen coas conversas e que non se anuniciará nada ata que todo estea asinado.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade anunciaba o pasado luns día 30 a reunión d conselleiro Vázquez Almuíña e o equipo directivo do Sergas. No comunicado posterior á reunión, a Consellería transmitía que “en caso de que as negociacións frutifiquen cun cambio de titularidade na propiedade do centro hospitalario, se garantan tanto a calidade asistencial na área sanitaria como o mantemento dos postos de traballo, tal e como se recolle nos acordos do Sergas cos actuais propietarios”. O departamento que dirixe Almuíña declaraba ademais ter o compromiso das dúas empresas de manteren os postos de traballo e a calidade asistencial.

Povisa/ Miguel Núñez

FUTURO

As intencións detrás da operación entre Nosa Terra 21 e Ribera Salud son descoñecidas. Non obstante, Galicia Confidencial púxose en contacto con Terra Nosa e non houbo resposta polo de agora. As motivacións poden ir desde “que queren traballar só no mundo da construción naval mais non chegamos a entender o por que” di Xurxo Cadral.

“A Xunta sabe o da venda, entón terá que dicir que sucederá a partir do 2022 cando remate o concerto, se continuarán as prórrogas, se vai manter o persoal, porque de palabra din que van manter persoal e condicións” di Chus Neira. Aínda así a idea entre o persoal de Povisa é que as cousas, durante uns primeiros momentos estarán da mesma maneira que agora.

En tal caso, se Ribera Salud se fai cargo de Povisa, herdará a negociación do convenio laboral que leva dez anos conxelado. As negociacións segundo o comité de empresa estanse facendo con Mediación, mentres as negociacións de compra-venda seguen. Povisa insiste en que non vai pronunciarse ata o seu debido momento sobre a posible subrogación de traballadores.

A asunción das prórrogas logo de 2022, considérase necesaria polos traballadores, como ven necesaria unha negociación para un novo concerto “por dous motivos, porque non hai onde meter os pacientes e outra que somos 1.500 traballadores e que ademais vive do diñeiro público, aínda que teña un pouco na sanidade privada” di Xurxo Cadral.

Un posible peche de Povisa a medio ou longro prazo para o comité de empresa é “complexo”. Basicamente desde CC OO apuntan que nin o Hospital Meixoeiro nin o Álvaro Cunqueiro poderían asumir os pacientes de Povisa. Se se dese o caso de peche “o Meixoeiro tería que volver ser un hospital xeral, con todo que significa” e o Álvaro Cunqueiro debería ser ampliado. Ademais diso habería que refacer toda a estrutura sanitaria da área de Vigo.

Comezan os traballos de reconstrución de vivendas na “zona 0” da explosión de Tui

A ‘zona cero’ da explosión da pirotecnia que tivo lugar o pasado maio en Paramos, en Tui, abriuse este xoves ao tráfico para permitir que comecen os traballos de reconstrución de vivendas, así como para mellorar o acceso dos residentes na contorna a esta parte do municipio.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, que asistiu á apertura da zona, detallou que, deste xeito, as obras de reconstrución que xa foron autorizadas poderán executarse sen impedimentos derivados do cercado da zona.

Tamén indicou que, durante o pleno do mes de abril, o Concello comprometeu unha nova partida de 857.000 euros para destinar á restauración das residencias afectadas pola explosión que non se condicionará en función de se se trata de primeiras ou segundas vivendas. Sobre este punto, Vázquez Padín sinalou que xa se pode proceder á solicitude das mesmas.

A este respecto, o presidente da Asociación de Afectados Paramos-Guillarei, Salvador García, valorou estas novas subvencións, aínda que remarcou que non entran espazos danados, como algúns alpendres. Tamén apuntou que o montante total recibido por vivenda non poderá superar os 250.000 euros, entre os que se inclúen as contías adxudicadas por parte do Estado, a Xunta e o municipio pontevedrés.

AXUDAS

Salvador García lembrou que, xunto ás novas subvencións comprometidas polo goberno local, sitúanse as axudas autonómicas, que podían superar os 100.000 euros, as estatais, que podían chegar a uns 15.000 euros de acordo cos ingresos familiares, e outro apoio municipal destinado a cubrir danos en mobiliario e enxoval.

Así mesmo, o arquitecto municipal Pablo Rivas avanzou que xa se concederon un total de nove licencias para reconstruír vivendas afectadas e que outras doce se achan en proceso de tramitación, aínda que se espera recibir máis solicitudes, que se deberán aprobar en xunta de goberno. En concreto, danáronse un total de 31 residencias.

SERVIZOS PÚBLICOS

Ademais, mediante o plan da Deputación de Pontevedra Depo-Remse, destinaranse 500.000 euros á provisión de servizos públicos na zona, que serán cubertos nun 85 por cento polo ente provincial, mentres que o 15 por cento restante asumirao o Concello. Así, soterraranse a conexión á rede eléctrica e a telefónica, así como o saneamento, e acometeranse traballos de pavimentación e de mellora do espazo público.

O alcalde indicou que os arquitectos municipais xa traballan neste proxecto, que deberá ser licitado e executado polo Concello antes de xuño de 2020, aínda que se espera levalo a cabo con anterioridade a esa data. En relación a este plan, o presidente da asociación de afectados advertiu da posibilidade de que a súa execución se atrase e que iso afecte os labores necesarias para poder reconstruír as vivendas.

Un home agrede á súa parella tras chegar ebrios el e un amigo ao domicilio

Axentes da Policía local de Vigo foron comisionados ás 04:55 horas deste domingo 11 de novembro para que se trasladasen a un domicilio da rúa Alcalde Gregorio Espino, onde unha muller fora agredida pola súa parella.

Chegados ao piso desde o que se solicitou o servizo, foron recibidos por unha muller de 34 anos de idade, que presentaba marcas de golpes na cara e no corpo. Manifestou aos Policías que a súa parella, co que levaba convivindo hai uns dous anos, chegara ao domicilio momentos antes, en estado ebrio e acompañado dun amigo.

Ela non quería que entrase na vivenda ningún amigo e así llo expresou á súa parella, que neses momentos comezou a discutir, agarrouna polo pelo e golpeouna tanto no rostro como no corpo.

A muller conseguiu defenderse do home, golpeándolle cunha cunca na cabeza, mentres se refuxiou na cociña, lugar desde o que requiriu o servizo policial. O home atopábase na cociña e presentaba un pequeno corte na cabeza. Os feitos determinaron a detención de D. R.V., por un presunto delito de violencia de xénero.

Vigo lidera o proxecto europeo Safeway para aumentar a seguridade do transporte ante eventos extremos

Trinta especialistas de oito países -España, Noruega, Suíza, Reino Unido, Holanda, Portugal, Italia e Polonia- participaron no campus de Vigo na reunión de lanzamento de Safeway, o primeiro proxecto europeo que lidera a Universidade de Vigo dentro dos programas marco de innovación da Comisión Europea (Horizonte 2020 e FP7).

Deste xeito, a Universidade de Vigo sitúase como referente no ámbito da enxeñaría civil e, en particular, consolida a importante actividade que os grupos de Xeotecnoloxías Aplicadas, Encomat e Tecnoloxías Enerxéticas veñen desenvolvendo neste ámbito nos últimos anos”.

Financiado con 4,5 millóns de euros, dos que 708 .00 corresponden á institución académica viguesa, o gran obxectivo deste proxecto é crear un sistema europeo de xestión de infraestruturas capaz de deseñar, validar e establecer métodos, estratexias, ferramentas e intervencións técnicas para aumentar de xeito significativo a resistencia e a seguridade da rede de estradas e de infraestruturas ferroviarias ante circunstancias adversas ou eventos extremos, desde inundacións ata secas, incendios forestais, terremotos ou corrementos de terra. Para conseguilo teñen por diante 42 meses de traballo –a data prevista de finalización é febreiro de 2022-.

Manuel Reigosa, novo reitor da UVigo, celebra unha “sintonía plena” con Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, transmitiu este martes o seu “desexo absoluto de cooperación” coa Universidade, e prometeu buscar fórmulas para “desbloquear” a débeda que a institución ten co Concello (polo pago do IBI) e tamén melloras no servizo de bus que conecta o centro urbano co campus.

Así o manifestou o rexedor após manter o primeiro encontro formal co novo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que tomou posesión do seu cargo o pasado venres, en substitución de Salustiano Mato.

Após o encontro, Caballero expresou a súa vontade de chegar a acordos co novo equipo de goberno da Universidade e colaborar “en todo aquilo que sexa posible”, porque a institución académica “é un dos elementos centrais da cidade”.

Nesa liña, o alcalde avanzou que buscará “a fórmula para desbloquear a débeda da Universidade co Concello”, e que o consistorio tamén quere “cooperar en proxectos de investigación”, como xa se está facendo no marco da candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade.

MELLORA DO TRANSPORTE

Por outra banda, asumiu a demanda do reitor de mellorar a conexión de bus urbano co campus, para que o transporte “sexa moito máis rápido, porque tarda moito tempo”. “Comprométome a que, na seguinte concesión (que sairá o ano próximo), faremos unha formulación para que o servizo sexa moito máis fluído e máis rápido”, engadiu.

Pola súa banda, o reitor celebrou que hai “sintonía plena” co alcalde, xa que os dous queren “construír unha mellor universidade”. Este acordo, engadiu, “é moi importante” e augurou que a relación terá un “bo futuro”, á vez que incidiu no seu desexo de que a UVigo estea “máis involucrada e teña máis presenza na cidade”.

Descenden as hospitalizacións con covid pero seguen altos os contaxios na área de Vigo

A un par de días de terminar o mes de xullo os novos contaxios de Covid-19 descenden a 1.077 en Galicia, aínda que se manteñen por encima do milleiro desde fai dez xornadas, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus aumentan a 277 –trece máis–, deles 35 en UCI. Pola súa banda, os casos activos increméntanse a menor ritmo ata os 18.776 e a taxa de positividade cae a un 9,5%.

Segundo os datos actualizados na mañá deste xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros de ata as 18,00 horas do mércores, recollidos por Europa Press, na área de Vigo descenden a dous os pacientes Covid en UCI e a 40 os doutras unidades –dous menos–.

MÁIS CASOS ACTIVOS

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 ascenden de novo e acumulan 36 xornadas consecutivas á alza, pero a menor ritmo, ata os 18.776, que implican 241 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (1.077) que altas (834), aos que se engade dous falecementos. Con respecto a fai sete días, Galicia rexistra unhas 4.800 infeccións activas máis que o pasado xoves, 22 de xullo, cando había 13.963 no conxunto do país.

Por áreas sanitarias, os casos activos aumentan en 34 e suman xa 4.412 casos.

MENOS CONTAXIOS

Os novos contaxios de Covid-19, a piques de concluír o mes de xullo, seguen desde o martes día 20 por encima do milleiro, pero descenderon a 1.077, o que supón 180 menos que os 1.257 da xornada anterior e a cifra máis baixa desde o inicio da semana que arrincou con 1.115.

En Galicia foron confirmados 1.113 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), deles, 254 na área de Vigo.

Marea de Vigo pide a gravación dos plenos municipais polo “baleiro de democracia” de Abel Caballero

Marea de Vigo alertou de “baleiros de democracia” na urbe olívica e urxiu a súa subsanación para garantir a participación cidadá nos asuntos públicos, para o que pediu a gravación dos plenos, a participación do alcalde, Abel Caballero, na totalidade das sesións e a creación dun “escano cidadán”.

A través dun comunicado, a concelleira Oriana Méndez afirmou que limitar a democracia a “un concepto que se refire só a un procedemento”, as eleccións periódicas, leva “baleirar o sentido” da mesma. Así, asegurou que “non garantir a visualización dos plenos do Concello por parte da veciñanza” e as “ausencias” do alcalde, Abel Caballero” a parte dos mesmos son “síntomas” desta “diminución”.

Tamén chamou a emendar o feito de que o rexedor “se levante” e abandone “a práctica totalidade” destas sesións da corporación municipal “pasados aproximadamente 10 minutos da súa presenza”, “desatendendo e en realidade desprezando as intervencións e propostas dos grupos políticos da oposición”.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Tras defender que a democracia debe basearse na “participación”, a “transparencia” e a repartición de poder, a edila recalcou a necesidade de articular vías que “garantan a participación da cidadanía na toma de decisións”. Por iso, Méndez lembrou que a súa formación defende a importancia de pór en marcha medidas como os orzamentos participativos que permitan que “as decisións que teñen que ver coa vida da xente” adóptense con “a participación directa da cidadanía”.

A candidatura do vigués Pedro Rey é a primeira que se formaliza para presidir a CEG

A candidatura do vigués Pedro Pablo Rey Vera foi a primeira en formalizarse de maneira oficial para concorrer á Presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

Segundo informa a patronal galega nun comunicado, este luns a CEG recibiu a candidatura oficial de Pedro Rei de face á asemblea electoral que se celebrará o 24 de novembro.

Rey Vera é vocal da Asemblea Xeral da CEG por CECAP-Galicia,presidente do Grupo CIP (Centro de Iniciativas Profesionais) e sociofundador da primeira universidade privada en liña de España (Udima).

Deste xeito, convértese no primeiro en oficializar a súa candidatura a falta de que outros como o ourensán José Manuel Díaz Barreiros decidan se dan o paso tras mostrar a súa intención de presentarse a estas eleccións.

A patronal galega leva case tres anos en situación de interinidade ao chegar ata en dúas ocasións á cita electoral sen que ninguén dese o paso de presentarse como candidato. Neste período foi o máximo responsable da confederación coruñesa, Antonio Fontenla, quen, por razóns de idade, exerceu como portavoz.

A alcaldesa de Moaña reclama máis medios sanitarios para a zona tras falecer dúas persoas nunha praia

0

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, reclamou unha maior dotación de medios sanitarios para a zona tras falecer un home e unha muller na praia da Xunqueira este domingo nun intervalo de dúas horas e incidiu en que no momento no que foron sacados da auga atopábanse próximos á beira.

En declaracións a Europa Press, a rexedora puxo en valor a “rápida” resposta dos socorristas que atenderon ás vítimas e, no caso da segunda, tamén dos bañistas que a axudaron en primeiro lugar.

En concreto, na tarde do domingo o CIAE 112 Galicia informou o falecemento dun home de 72 anos que foi atopado inconsciente flotando na auga sobre as 18,00 horas e do dunha muller de 68 anos que perdeu a vida case nas mesmas condicións sobre as 19,45 horas.

A alcaldesa detallou que ao home chegáballe a auga á altura dos xeonllos no momento do suceso, cando foi atendido rapidamente pola súa familia e, a continuación, polos socorristas. Mentres, a alcaldesa precisou que a muller acudira soa á praia, pero que no momento dos feitos foi axudada por varios bañistas que se atopaban na zona e, posteriormente, polos socorristas, cuxo posto atopábase enfronte.

Con todo, lamentou que, desde que se sacou solicitou a presenza dunha ambulancia medicalizada para atender á segunda vítima ata que se dipuso da mesma na praia pasasen 20 minutos. Así, sinalou que a comarca non dispón de ningunha e que a que chegou ao lugar dos feitos cando a vítima xa falecera procedía de Mos (Pontevedra).

DEMANDAS

Por iso, urxiu que se dote dunha ambulancia medicalizada á zona, que subliñou que se atopa a media hora dos hospitais máis próximos, situados en Vigo.

Así mesmo, Leticia Santos lembrou que durante a pandemia os profesionais do Punto de Atención Continuada (PAC) de Moaña concentráronse en Cangas e criticou que aínda non se reactivase este servizo na primeira localidade. Así, sinalou que esta situación levou que efectivos de Protección Civil tivesen que trasladar desde Cangas á praia da Xunqueira a un médico e unha enfermeira para atender á muller.

A rexedora tamén puxo en valor o traballo realizado polos socorristas que tentaron reanimar a estas persoas. De feito, destacou que Moaña dispón de seis destes profesionais en dúas praias e de dous patróns con capacidade para desprazarse nunha lancha de salvamento a outros areais.

Tamén incidiu nas dificultades que representa para os concellos acceder a estes profesionais e lamentou que a Xunta non articulase unha bolsa de contratación dos mesmos tal e como lle demandou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ademais, a alcaldesa destacou que o Concello promove accións formativas para estas persoas, unha actuación que “debería ser sufragada integramente” polo Executivo galego.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed