Inicio Blog Páxina 2003

NitroFirex: o revolucionario proxecto para extinguir lumes desde o aire con avións non tripulados

O seu nome é NitroFirex e é un innovador proxecto que integra tecnoloxías da industria de defensa e tecnoloxías duais para desenvolver a -cada día máis necesaria-, capacidade operativa de extinguir os incendios forestais desde o aire e pola noite cun vehículo aéreo non tripulado deseñado especificamente para a devandita operación.

Desenvolto por un equipo de enxeñeiros e pilotos, Nitrofirex foi un dos proxectos premiados este ano no Concurso Europeo de Navegación por Satélite ( ESNC 2018, polas súas siglas en inglés).

Estes premios do ESNC 2018 entregáronse durante a noite do pasado martes durante o acto principal da Semana Europea do Espazo, organizada en Marsella pola Comisión Europea. O Proxecto Nitrofirex chegou a esta final do tras proclamarse vencedor da competición en Galicia que patrocina o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Avións non tripulados contra desastres naturais

Para solucionar as limitacións dos medios aéreos actuais que non permiten a operación nocturna (cando a temperatura ambiental e o vento baixan drasticamente), NitroFirex achega un novo concepto: Depósitos Planeadores Autónomos ( DPAs) non tripulados que conteñen o axente extintor e os que, tras ser lanzados desde a rampla traseira de avións de transporte ou helicópteros pesados, se dirixen autonomamente ao foco do incendio para descargar o seu contido con gran precisión e volver posteriormente á base. Esta operación realízase utilizando un pequeno motor reactor como propulsión o que permite a reutilización en espazos curtos de tempo.

Ademais da súa utilización na extinción de incendios forestais, Nitrofirex nace coa idea de ser utilizado en múltiples campos de acción: emerxencias atómicas, químicas e biolóxicas, axuda humanitaria, pragas e fumigación, loita contra verteduras de petróleo…

Imaxe da entrega dos premios do Concurso Europeo de Navegación por Satélite en Marsella (Francia).

En colaboración coa Universidade de Vigo, a Zona Franca de Vigo é a organizadora en Galicia do Concurso Europeo de Navegación por Satélite. Este concurso celébrase anualmente desde o ano 2004 e conta co apoio dos principais actores europeos relacionados coa navegación por satélite.

Este ano 2018, o Consorcio é por cuarta vez consecutiva o socio rexional en Galicia polo que Nitrofirex recibirá como premio un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, o que inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, etc.

En Marsella estivo a apoiar aos representantes de Nitrofirex a directora de Promoción Económica da Zona Franca, Rosa Eguizábal. Convidados pola organización para participar nunha rolda de investidores, tamén viaxaron desde Vigo a Marsella representantes de Gradiant, gañadores na anterior edición polo seu proxecto ALIVETOR.

Vigo e a súa gastronomía conquistan os ‘influencers’ da República Checa invitados pola Liga Santander

Se cadra, o rapeiro Tono S. e o presentador Jidrich Sidlo non son personaxes coñecidos por estas latitudes. Pero considéranse ‘influencers’ na República Checa, e veñen de visitar Vigo grazas a ‘LaLiga Santander Experience’, cun tour gastronómico no marco do Celta-Real Madrid.

Ámbolos dous coñeceron, nunha saborosa xornada, os mercados da cidade, e probaron produtos típicos da nosa cociña. Visitaron tamén o restaurante Silabario, na sede do RC Celta.

Susto co dinoseto/ Liga Santander

O de ‘LaLiga Santander Experience’ é un formato ben coñecido, que regresa renovado nunha nova tempada de 18 episodios. Cada capítulo dará protagonismo a humoristas, youtubers, chefs, periodistas, actores e actrices…

Edición anterior de LaLiga Santander Experience
As visitas suporán diferentes retos. Así, Tono S. tivo que crear un rap, e para inspirarse recibiu como regalo una camiseta firmada por todos os jugadores del RC Celta, tamén os seus paisanos Stanislav Lobotka e Robert Mazan. 

Os sindicatos demandan responsabilidades o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo polo aumento da siniestralidade

Un ano máis, este 28 de abril, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, convertiuse nunha data na que os sindicatos alzaron a súa voz en lembranza e recoñecemento público de todas as persoas traballadoras vítimas dun accidente laboral ou dunha enfermidade profesional.

Esta data tamén serve para denunciar e poñer en evidencia que os danos derivados do traballo son evitables e que tanto as empresas como as administracións teñen grandes
responsabilidades nesta materia.

Destacar o caso de Pontevedra, onde a suba da sinistralidade laboral foi dun 18,83% no 2017 respecto do 2016. Ademais, na provincia de Pontevedra tamén se rexistra unha
suba da sinistralidade de carácter mortal, ao pasar de 16 a 18 persoas falecidas, un
incremento dun 12,5%. Acompañado isto nesta mesma provincia dun aumento dos
accidentes leves, dun 19,6%, ao pasar de 8.007 no 2016 aos 9.576 no 2017.

Cabe destacar por outra parte o importante incremento da sinistralidade no sector da construcción ao pasar de 688 accidentes no 2016 aos 972 no 2017, e especialmente os
sinistros mortais que pasan de 1 a 5.

E, todo isto, sinalan dende os sindicatos, “a pesar da deficiencia e interesada catalogación dos accidentes: accidentes con graves consecuencias e longos períodos de recuperación notificados como leves e accidentes leves que non se rexistran. Figuras como o descanso preventivo ou os permisos retribuídos, que ocultan accidentes sen notificar, esténdense polas empresas deste país”.

“E o que é peor, cada vez máis traballadores renuncian ao seus dereitos para
recuperar a saúde por medo a perder o seu posto de traballo“, engaden dende UGT e CC.OO: “A sinistralidade laboral, xunto coa precariedade, segue a ser unha das grandes lacras do mercado de traballo deste país, ademais, nunha alta porcentaxe dos casos ambas van da man”.

Polo que respecta ás enfermidades profesionais, no 2017 reducíronse nun 2,54 respecto do 2016, ao pasar de 749 enfermidades rexistradas no 2016 ás 730 rexistradas no 2017. Cabe sinalar que pese a este descenso, aumentaron porcentualmente as enfermidades sen baixa nun 7,4% ao pasar de 324 no 2016 a 348 no 2017, mentres que as enfermidades con baixa minoraron nun 10,2 % ao pasar de 425 no 2016 a 382 no 2017.

Por xénero, dentro das enfermidades profesionais con baixa, destaca que se rexistra unha
declaración superior no caso das mulleres 194, fronte ás 188 dos homes. Isto, a pesar da
menor presenza das traballadoras no eido laboral.

Concretamente, tanto no caso dos homes como das mulleres as enfermidades do grupo II
nos sectores da industria e servizos son as máis declaradas, destacando no caso das
mulleres este último sector con 174 enfermidades rexistradas (99 con baixa), fronte ás 63
dos homes (24 con baixa).

O grupo II refírese ás causadas por axentes físicos. A gran maioría son orixinadas por trastornos músculo esqueléticos que, sobre todo, afectan ás costas, pescozo, ombreiros e extremidades superiores. Nos casos máis crónicos poden derivar en discapacidade ou imposibilidade para traballar.

UGT e CCOO consideran que urxe atoparlle unha solución ao problema que xeran os
trastornos músculo esqueléticos. Empezando por previr nas empresas a orixe do risco,
realizando avaliacións ergonómicas, implantando medidas preventivas e informando e
formando, tanto aos traballadores e traballadoras, como aos seus representantes.

CUSTE ASUMIDO POLO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE E NON POLAS MUTUAS

Outra das pezas deste quebracabezas son as enfermidades profesionais que supoñen un
custe para o Sistema público de saúde e para os traballadores. UGT e CC.OO consideran
que aínda se produce unha infradeclaración das mesmas porque moitas enfermidades
que teñen orixe laboral non son consideradas como tal.

Así é o caso das enfermidades profesionais de orixe multicausal e non exclusivo do traballo, como é o caso dos cancros e as enfermidades cardiovasculares. Ademais, no cadro español de enfermidades profesionais non se inclúe ningunha relacionada coa organización e a carga de traballo.

Dende UGT e CCOO insístesen en que esta infradeclaración das enfermidades
profesionais provoca que o custe da súa xestión sexa asumido polo Sistema público de saúde, en lugar de polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.

Ademais, segue a rexistrarse unha alta porcentaxe de enfermidades profesionais
declaradas sen baixa. UGT e CCOO consideran que isto pode deberse máis ao temor á
perda do emprego na situación actual que á aplicación de medidas preventivas no seno
das empresas e, por suposto, ao endurecemento das condicións para prescribir a baixa
que aplican as mutuas.

A CUT leva ao TSXG as medidas de extinción voluntaria de contratos en Stellantis, que ve un “despedimento encuberto”

O secretario da CUT, Vitor Mariño, acusou á dirección de Stellantis Vigo de buscar “adelgazar persoal e aumentar beneficios”, con medidas de adaptación que inclúen a extinción e suspensión de contratos de modo voluntario, coincidindo coa vista fixada este xoves no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a instancias deste sindicato por esta cuestión.

“O feito de acudir ao TSXG é para que se examinen se eses acordos poden supor un despedimento colectivo, aínda que sexa encuberto a través doutras fórmulas, se se considera que non ten esa condición haberá que seguir outros procesos para destapar esa fraude”, explicou o asesor xurídico da CUT, Brais González.

“Ver se ese acordo ten a cualificación de despedimento colectivo ou non, de selo sería nulo de pleno dereito”, apuntou tamén, precisando que suporía ter que readmitir ao persoal.

Sobre esta cuestión, o secretario da CUT, Vitor Mariño, lembrou que a empresa abriu unha negociación “baixo o paraugas” do acordo sobre a reforma das pensións “para xustificar unha serie de medidas”. Ademais, engadiu que incorporou “baixas voluntarias no centro de Vigo, indistintamente da idade, mesmo menores de 50 anos”.

Para a CUT, isto podería supor un “despedimento colectivo”. “Abren unha vía que entendemos que é fraudulenta”, sentenciou. Ademais, situou estas medidas no “obxectivo de reducir persoal” e de “aumentar” os contratos a tempo parcial.

En canto á vista fixada no TSXG, Brais González sinalou que o obxectivo da CUT é “tentar destapar o que son estratexias da empresa para ocultar a destrución permanente de emprego fronte aos compromisos adquiridos coa administración de mantelo”.

Segundo a dirección da planta do grupo Stellantis en Vigo, as medidas de adaptación de persoal, que inclúen a extinción e suspensión de contratos de modo voluntario, buscan afrontar “necesidades organizativas puntuais” e dar resposta a “intereses” persoais dos traballadores.

O Festival Primavera do Cinema de Vigo abre o prazo de presentación de filmes

O Festival Primavera do Cinema abriu a convocatoria de presentación de películas de produción galega ou lusófona de cara á celebración da súa décima edición, que terá lugar en Vigo entre o 7 e o 12 de setembro.

Segundo informou a organización, a convocatoria permanecerá aberta ata o próximo 30 de abril para pezas producidas a partir de 2019. En concreto, poderán presentarse tanto curtametraxes, longametraxes e videocips de produción galega como curtametraxes e longametraxes de países lusófonos.

O evento, que se celebrará no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e no Museo Marco, celebra este ano a súa décima edición, na que se elaborará “unha programación de alta calidade, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega”.

Así, ofreceranse títulos de xéneros cinematográficos e propostas estéticas “moi variadas” e daranse a coñecer títulos de referencia internacional. Ademais, “farase un esforzo” para realizar “actividades paralelas que enriquezan” o festival.

A organización indicou, finalmente, que nesta edición se abrirá unha sección específica para curtametraxes infantís, cuxo premio estará concedido por un xurado composto por nenos e nenas de entre 8 e 12 anos de idade.

Mobilización do persoal de limpeza do Álvaro Cunqueiro para pedir reforzos

O persoal de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo mobilizouse este venres para reclamar o reforzo do persoal (da concesionaria Acciona) e avanzou que, se o Sergas non atende ás súas demandas, as mobilizacións pasarán a ser diarias a partir da próxima semana.

Segundo informou o sindicato CIG a través dun comunicado, o comité de empresa denunciou que o incremento de protocolos e esixencias derivados da pandemia de COVID está a xerar unha sobrecarga de traballo aos empregados, e unha “tensión prolongada”, precisamente por falta de persoal.

A central nacionalista lembrou que, xa desde o pasado 13 de marzo, os traballadores estiveron pedindo a Acciona e ao Sergas que reforzase o servizo, tal e como se fixo noutros hospitais. “Pero no Álvaro Cunqueiro non se fixo nada, seguramente porque é un hospital privatizado, e as empresas que o xestionan non queren investir”, apuntou a CIG.

O comité sostén que as súas demandas son “razoables” e reclaman dúas persoas máis para a quenda de noite e 15 máis para o resto de unidades. Así, explicaron os representantes dos traballadores, neste momento encárganse só 6 ou 7 persoas da limpeza de todo o hospital polas noites.

A CIG denunciou que a resposta da empresa foi facer 6 novos contratos, co pretexto de que o Sergas “non demanda máis limpeza”, e pediron reunións tanto coa xerencia do hospital como coa propia concesionaria. A ese respecto, tamén criticaron a carencia de material de protección e denunciaron que están a limpar habitacións de enfermos de COVID levando “só unha máscara cirúrxica”.

Por outra banda, o sindicato confirmou a presentación dunha denuncia ante a Inspección de Traballo polo “intento” de Acciona de implementar un sistema de recollida de residuos COVID con caixas de cartón, en lugar de colectores de plástico habilitados para ese tipo de residuos.

Abel Caballero anuncia que porá o nome do Concello nos centros de día da Xunta

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que o Concello rotulará os centros de día da Xunta co anagrama municipal e que participará na súa xestión, xa que está obrigado a participar no seu financiamento, en base a unha “lei de abuso e matonismo” do Goberno de Feijóo.

Así o dixo sobre a sentenza que avala que o Concello teña que participar no financiamento deses servizos.

Segundo o alcalde, esa sentenza baséase nunha normativa autonómica que é “un abuso en contra de Vigo”, porque “lle obriga a pagar escolas infantís e centros de día” que son da Xunta de Galicia. “É unha lei de abuso e matonismo, para que Vigo pague unha parte das competencias da Xunta”, denunciou.

Abel Caballero constatou que isto é “un escándalo político” porque o Concello “non está” neses centros, nin participa na súa xestión.

Ademais, lamentou que, a pesar de que esa norma é, na súa opinión, inconstitucional, Vigo está en “situación vulnerable” porque non pode recorrer ante o Tribunal Constitucional. No entanto, confirmou que os servizos xurídicos municipais están “a estudar” a presentación de recurso de casación.

Neste escenario, Abel Caballero anunciou: “Vounos rotular inmediatamente (os centros da Xunta que cofinancia o Concello), e vou falar cos directores e directoras sobre a xestión”. “Se pago, exerzo”, advertiu.

Narcosubmarino, finalista do concurso da RAG para “palabra do ano”

0

Os termos ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño son o seis termos finalistas que aspiran a converterse en ‘Palabra do Ano 2019‘, segundo informa a Real Academia Galega (RAG).

O público poderá participar na votación virtual que se manterá abertas ata as 23,59 horas do 25 de decembro a través do ‘Portal das Palabras‘, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.

Ambas as entidades animan á cidadanía a participar na elección colectiva “da voz que mellor resuma o ano a piques de terminar ou que desatasque un tema de especial relevancia nos últimos doce meses”, subliña a RAG.

A fase de recollida de suxestións pechouse o pasado domingo con case 7.000 achegas que sumaron unhas 400 palabras diferentes. Moitos delas reflicten “igual que as finalistas ecocidio, quecemento global e feminicidio, a crecente preocupación social polo dano ambiental provocado pola acción humana e pola desigualdade de xénero”.

‘Terras Gauda’ reúne nunha exposición 1.435 carteis de 66 países de todo o mundo

0

A Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón alcanza este ano a súa 14ª edición, polo que reúne nunha exposición en Vigo 1.435 obras procedentes de 66 países de todo o mundo.

Así, segundo recolleu a organización nun comunicado, arte, paixón polo deseño, creatividade e comunicación entre diversas culturas son “a esencia da Bienal” que, desde Galicia, “abre unha porta á vangarda internacional do deseño gráfico”.

“Os 1.435 carteis de 66 nacionalidades plasman na impoñente exposición a diversidade gráfica e xeográfica, acenos de identidade deste certame. Ademais, reivindican a vixencia do cartelismo nunha sociedade globalizada como ponte de unión entre países”, subliñou.

A mostra estará na Estación Marítima de Vigo ata o próximo 20 de novembro aberta de luns a domingo en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 21,00 horas. Con todo, a entrega de premios será o día 22 de novembro.

Marea de Vigo considera que os orzamentos para 2020 xa veñen “viciados”

Marea de Vigo presentou unha emenda á totalidade dos orzamentos do Concello olívico, redactados polo goberno socialista, xa que, ao seu xuízo, as contas locais teñen que conter “non só partidas adecuadas para dar solución á correcta xestión dos servizos públicos”, senón ser o froito “dun proceso de participación e codecisión dos axentes sociais, veciñais e económicos”, entre outros.

“Por tanto, seguimos demandando abrir a elaboración do orzamento a metodoloxías participativas, a participación previa dos grupos da oposición e aos actores sociais que participan no Consello Social da Cidade”, indica o documento.

Segundo Marea de Vigo, este proxecto de orzamentos para o ano 2020 “xa vén viciado” da forma na que se redactou, no mecanismo no que se presentou publicamente, “a un medio de comunicación antes que aos grupos da oposición e ao resto de medios locais”, e mesmo, ao seu xuízo, “na actitude permanente de non aceptar ningunha das decenas de propostas presentadas polos grupos municipais que inhabilitan calquera intento de mellora”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed