Inicio Blog Páxina 2002

Bombeiros do Baixo Miño denunciarán ante a Xunta a “precariedade” do sector

0

Unha vez máis, o achegamento do inverno marca o inicio dunha mala época para os bombeiros forestais de Galicia. Malia tratarse dunha das comunidades máis afectadas polos incendios, a administración autonómica desenvolve, ano tras ano, unha política de persoal baseada en contratos parciais e discontinuos; que este 2020 se saldará con 1000 despidos.

Ante esta circunstancia, os membros da Brigada Viladesuso -na demarcación sur de Vigo– veñen de presentar ante a Xunta de Galicia unhas 330 sinaturas solicitando unha reunión co Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

O obxectivo, instar ó Conselleiro a que poña fin ó clima de “inestabilidade laboral” que se respira dende hai anos no colectivo de efectivos laborais.Segundo relatan nun comunicado público, o reforzo estival de bombeiros, vixiantes e demais efectivos rematou o 10 de novembro.

Estes traballadores pasan agora a “engordar as funestas estatísticas galegas de desemprego invernal”, unha circunstancia que os efectivos ven pouco consecuente logo do “pobre balance” deste verán. E é que, para estes bombeiros forestais, os resultados “fatais” da provincia de Ourense convidan a unha “fonda reflexión” da que, ao ser ver, ten que saír como conclusión un “cambio de paradigma” no tocante á prevención e extinción de incendios.

8 MESES AO ANO

Así, consideran necesario adoptar unha “nova estratexia” que pasaría, en primeiro lugar, por implementar unha “prevención real” nos montes galegos “8 meses ao ano”, fronte ós 6 que hoxe en día dura o reforzo estival. Neste aspecto, consideran que os traballadores e traballadoras “de 6 meses” resultan ser un “suxeito de crucial importancia a incorporar cara o conxunto do ano”.

E é así, din, porque contan con “excelentes profesionais”, “cualificados, formados e experimentados ademáis de en múltiples campañas de verán”. “A súa función no operativo é certeramente eficaz na extinción”.Por iso demandan á Xunta a creación dun corpo “estable e profesional” de prevención cara o resto do ano que incida nunha “ampla superficie de territorio”. O obxectivo, din, non é outro que prever “catástrofes” como a acontecido na vila portuguesa de Pedrograo Grande, que levou por diante a vida de 64 persoas en 2017.

O Parlamento aproba a busca activa dun investidor para o estaleiro Vulcano

0

A Cámara galega aprobou de forma unánime –co apoio do grupo popular, socialista, do BNG, Grupo Común dá Esquerda e Grupo Mixto– buscar “de forma activa” un investidor para o estaleiro Vulcano e así evitar a súa liquidación total.

A proposta foi defendida este mércores pola deputada Luca Chao (Grupo Común da Esquerda), que demandou a procura activa de “un investidor que garanta a actividade naval e os postos de traballo do estaleiro” nun pleno no que a situación do sector industrial galego estivo no foco do debate.

Sobre este asunto coincidiron todos os grupos parlamentarios aos que Chao se dirixiu para argumentar que se finalmente non se atopa un investidor, o peche de Vulcano suporía un “durísimo golpe” para a industria naval galega.

Con todo, esta iniciativa tamén contaba con outra idea que foi rexeitada polo PPdeG e que pretendía crear unha mesa sectorial con estaleiros, industria auxiliar e sindicatos “para abordar unha política conxunta” do sector naval, que “só é importante para Feijóo cando hai que colleitar uns poucos votos”, aínda que sexa a través do “fume e a propaganda”, censurou a deputada.

Todo o grupo popular manifestouse en contra desta mesa, unha posición que xa anticipou a deputada Teresa Egerique (PP) ao responder a Chao co argumento de que o Goberno galego “non ten unha vara máxica” para cambiar a situación de Vulcano e que esa actuación significaría “dar falsas expectativas” á empresa e os traballadores.

En concreto, aludiu ás palabras do conselleiro de Economía, Francisco Conde, ao asegurar que a realidade é que “a débeda do estaleiro condiciona o seu futuro”. Neste sentido, tamén criticou que a oposición “sexa oportunista” con esta petición, mentres que o grupo popular e o Goberno galego afronta, “con prudencia e rigor” a problemática do estaleiro.

OPOSICIÓN

Pola súa banda, o grupo do BNG, que apoiou os dous puntos da proposta, criticou que a “precariedade e temporalidade” é a “industria 4.0 do PP”, forma parte da “industria low cost” na que tamén se inclúe o sector da automoción. Acusa o Goberno galego de “corresponsables” da liquidación de Vulcano.

Na mesma liña, Pancho Casal reclamou unha “acción estratéxica” para o conxunto do sector naval, que axunte os esforzos do Goberno galego e o central para que, por exemplo, non se poida cambiar o uso dos terreos, garántase o cobro das empresas auxiliares do sector e poña en marcha a creación dun centro de reparación naval.

A UVigo recibirá 3,6 da repartición do Fondo COVID estatal

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo público a repartición dos 10,9 millóns de euros do Fondo Covid correspondentes ao tres institucións académicas.

En concreto, a Universidade de Santiago recibirá 4,2 millóns de euros, a súa homóloga coruñesa tres e a institución viguesa uns 3,6 millóns de euros, segundo recolle o acordo alcanzado e consensuado coa administración galega

O destino destes fondos será facer fronte aos gastos derivados da COVID-19 nestas institucións. Para decidir a repartición, tívose en conta o numero de alumnos de grao e máster. O gasto baséase en programas ao que se deben axustar as propostas das universidades, estruturadas en melloras sanitarias, dixitalización e actuacións en infraestruturas.

Deste xeito, as contías destinaranse a paliar o sobreesfuerzo económico motivado pola pandemia e os gastos adicionais para manter a calidade da oferta académica e a investigación.

Estes 10,9 millóns que proceden do fondo creado por Real Decreto-lei 22/2020 do Goberno central, únense ao tres millóns facilitados pola Consellería con recursos propios.

Acusan ao alcalde de non gastar “suficiente” en luces de Nadal e piden alumear tamén a ría e as Cíes

Desde Compromiso por Galicia piden ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que o alumeado de Nadal chegue a todos os barrios e parroquias da cidade, así como á ría de Vigo e as Illas Cíes, incluso reclaman a participación dos concellos da contorna e da mesma xunta.

Para conseguilo, demandan tamén un aumento da partida nos orzamentos municipais, xa que consideran a mesma como claramente insuficiente, e é que segundo os seus cálculos, aproximados, “debería chegar ata os 6 millóns de euros anuais, ou 7 ou 9, o que mellor veña”.

Entenden os galeguistas que “as necesidades da nosa cidade pasan por ter todas as rúas alumeadas de festa e suficientemente adornadas nesta época festiva onde celebramos o antigo rito de saturnalia”.

O secretario local de Compromiso por Galicia, Cortés Alonso, acusou de feito ao alcalde de que “quere facer as cousas a medias, así non hai maneira”. Engadiu que “Vigo ben merece moitas mais luces, a nosa proposta incluso vai mais alá, deberiamos pedir ao alcalde que poña adornos e luces en toda a ría e que a pagaran a resto de concellos e tamén a Xunta. Hoxe coñecimos que as persoas de Vigo vamos a gastar mais de 1’5 millóns de euros, isto é un novo engano para a cidade, Vigo ben merece moito mais, que moito mais? infinito!!!”.

“O alcalde de Vigo non pode entender este gasto mínimo dos cartos públicos de todos para celebrar unhas datas tan especiais”, reflexionaron. Informan os galeguistas que “non entenden” como o alcalde non esixe tamén ao ministerio de Medio Ambiente “que engalane as Illas Cies para que foran contempladas desde toda a ría de Vigo con millóns de leds.

Recordan desde Compromiso que “as Illas Cíes son parte do noso concello e nunca se chegou a facer nelas ningunha inversión dirixida a esta vía de adorno de nadal”. Neste sentido, os galeguistas estarian “dispostos” a aprobar unha liña de crédito especial para chegar a solucionar o grave problema que, según eles, supón para a cidadania viguesa o alumeado de nadal.

Así, consideran o “escaso gasto” en luces de Navidad unha “herdanza do mandato en maioria absoluta de Abel Caballero e que o alcalde nunca foi quen de resolver, xa que nunca gastou os cartos necesarios neste ámbito e así nunca vai chegar a ser o mellor alcalde da historia de Vigo”.

Para máis, Cortés Alonso sinala que o alumeado de Nadal “debería ser acendido o máis tardar no dia de todos os Santos, para ter xa na cidade unha ambientación para a festa do Samaín ou Halloween, xa que estas festas tamén merecen un lucerío especial”.

Vigo, sexta gran cidade en España onde máis baixou a contaminación polo estado de alarma

A contaminación do aire urbano de Galicia caeu un 65,5% entre o 14 de marzo e o 30 de abril coincidindo co período de confinamento, tal e como reflicte o informe ‘Efectos da crise da COVID-19 na calidade do aire urbano de España’, elaborado por Ecologistas en Acción.

Para cuantificar estes datos, o estudo analizou os datos oficiais de dióxido de nitróxeno recollidos nas estacións urbanas de medición da calidade do aire existentes nas cidades da Coruña e Vigo durante os meses de marzo e abril de 2020, e comparounos cos dez anos anteriores.

Con iso, o informe cuantifica que, durante o período de alarma, a contaminación do aire urbano caeu un 61,5% de media, un descenso máis acusado en Vigo (64%) que na Coruña (59%).

A mellora da calidade do aire en Galicia “está a ser xeral, tanto nos centros das cidades como nas periferias urbanas”, apunta a asociación, en sintonía coas medidas xerais de limitación da circulación adoptadas.

Tampouco se detectan “grandes diferenzas” entre as diversas prórrogas do estado de alarma, nas que se aplicaron restricións de diversa intensidade, aínda que a caída da contaminación foi algo superior na media do mes de abril (60% na Coruña e 66% en Vigo) que na segunda quincena de marzo (57% na Coruña e 60% en Vigo).

Os niveis rexistrados durante o estado de alarma “son os máis baixos para os meses de marzo e abril” da media de toda a década en ambas as cidades. Ademais, explican os ecoloxistas, “mantéñense moi por baixo do valor límite legal e a guía anual da Organización Mundial da Saúde (OMS)”.

No total, das 26 cidades españolas de máis de 150.000 habitantes analizadas, as galegas atópanse entre as que se rexistraron maiores descensos. Vigo (64%) foi a sexta cidade onde máis caeu a contaminación, mentres A Coruña (59%) foi a undécima.

Decretan liberdade provisional para outro detido polo narcosubmarino de Cangas

0

A xuíza de instrución número 1 de Cangas ditou auto polo que decreta a liberdade provisional para outro dos investigados en relación co narcosubmarino afundido o pasado novembro á entrada da ría de Aldán con 3 toneladas de cocaína. Trátase de Iago R., que poderá saír de prisión previo pago dunha fianza de 50.000 euros.

Este investigado é o terceiro dos implicados neste caso para o que se decreta a liberdade provisional, despois de que a maxistrada tamén accedese, o pasado mércores, á excarceración de Enrique Carlos S. e Rodrigo H., en ambos os casos sen impor fianza.

No caso de Iago R., a xuíza entende que, aínda que hai indicios claros da súa participación nun delito de tráfico de drogas, en cantidade de notoria importancia, debe revisarse a medida de prisión provisional porque, unha vez avanzadas as dilixencias, aminorou o risco de fuga e de obstrución á acción da xustiza. No entanto, dada a gravidade dos feitos investigados, impuxo unha fianza de 50.000 euros.

Da investigación realizada ata agora, inférese que este implicado participou na operación do narcosubmarino axudando a outros procesados coa loxística, para o que acompañou a Iago Carlos S. a comprar as roupas e barriñas enerxéticas destinadas aos tripulantes do narcosubmarino. Previamente, ambos tentaron alugar unha embarcación para levar víveres á zona das Illas Cíes, e tamén un camión ou furgoneta para transportar a droga.

MANTEMENTO DA PRISIÓN PARA OUTROS DOUS DETIDOS

Mentres, a xuíza denegou a liberdade para outros dous investigados: Agustín A., un dos tripulantes do semisomerxible; e Iago Carlos S., fillo de Enrique Carlos S. En ambos os casos, a Fiscalía opúxose á excarceración.

No caso de Agustín, a maxistrada lembra que foi un dos tripulantes do narcosubmarino, en concreto, o que conseguiu darse á fuga cando os funcionarios policiais detiveron aos outros dous ocupantes do batiscafo que saíron da auga tras o afundimento (os dous de nacionalidade ecuatoriana). Este investigado foi detido unha semana despois, tras pasar ese tempo oculto nunha especie de cabana, nunha zona forestal de Cangas.

Pero a súa participación non se limitou, segundo a xuíza, só a tripular o narcosubmarino, senón que, nos meses previos, Agustín A. viaxara a Brasil, lugar desde o que, sospeitan os investigadores, se puido enviar a cocaína localizada no artefacto afundido.

Debido a que este home está “máis preto do núcleo da actividade investigada”, a maxistrada denegou a liberdade, en atención á gravidade dos feitos e porque entende que non concorren os motivos para modificar a medida de prisión provisional.

O “HOME DE ATRÁS, O ORGANIZADOR”

Do mesmo xeito, negou a liberdade para Iago Carlos S., que, segundo se recolle no auto, foi quen propuxo a Rodrigo H. participar na operación, e quen lle deu indicacións para que, na madrugada do 24 de novembro, estivese preto da entrada da ría de Aldán, co maleteiro do seu coche cheo de roupa seca e barriñas enerxéticas, para atender aos tripulantes do semisomerxible cando chegasen.

Ademais, as pescudas permitiron confirmar que este investigado era o que se comunicaba co batiscafo, en concreto, con Agustín, ao que chamaba a través dun teléfono satélite, ou ben realizaba contactos por correo electrónico. “Era o home de atrás, o organizador, moito máis que un encubridor”, recóllese na resolución xudicial.

A Policía rescata a un neno que quedara atrapado nun coche en Oia

0

Axentes da Policía Local de Vigo rescataron un bebé esta mañá. Ás 09:41 horas deste xoves, trasladáronse á zona de San Miguel de Oia, onde o neno, dun ano quedara encerrado nun vehículo, e ninguén conseguía abrir a porta.

O pai intentara tamén romper os cristais sen conseguilo, tendo ademais o temor
de que os fragmentos de vidro lesionasen ao pequeno. Chegada a patrulla ao lugar, comprobou que non existía ningunha forma de abrir o vehículo, xa que ambos
xogos de chaves estaban no interior.

Tomaron a determinación de romper o cristal do portelo dereito, utilizando o martelo
específico que forma parte da dotación dos vehículos patrulla. Unha vez roto o cristal, o pai recuperou ao neno, que non sufriu dano algún.

“Como anécdota curiosa, o pequeno atopábase chorando fortemente cando chegaron os policías, pero cando pareceu decatarse da súa presenza, deixou de chorar e permaneceu tranquilo”, lembran os axentes.

Adeus ao único zoo de Galicia?

Hai unhas semanas, o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, avisou de que estaba a plantexarse o peche do VigoZoo, situado na Madroa. “Non quero animais presos”, sentenciou, á vez que adiantou que o zoo convertirase nun centro de recuperación animal. Ante esta situación, a redacción de Xornal de Vigo subiu ata a Madroa para preguntar aos seus visitantes a súa opinión sobre o posible peche.

“ISTO XA É UN CENTRO DE RECUPERACIÓN ANIMAL”

Nada máis chegar á Madroa, falamos coa garda da entrada sobre o tema en cuestión. “A verdade é que aquí cada animal ten a súa propia historia” sinala.

Seguimos avanzando preguntando aos clientes que atopamos na entrada. Vemos a unha rapaza con dous nenos pequenos emocionados por ver os animais exóticos. Conversamos con ela, Cristina, quen comenta que “o zoo é propiedade do Concello, non puideron reformar porque están baixo un PERI”. Sobre os animais expostos, defende que “isto xa é un centro de recuperación animal, moitos animais son rescatados polo Seprona, non se compran“. “No zoo está a águia máis vella de España, que antes traballaba no aeroporto espantando ás gaivotas”, engade.

“Non me parecería ben o seu peche, hai exemplos de zoos ben xestionados coma o de Marsella” engade. “Penso que é unha cuestión de populismo de alcalde. Poderiase recalificar o chan e aumentar o tamaño do zoo” conclúe Cristina, que prosegue a súa visita ao zoo.

  • Burro

No parque do VigoZoo está Adrián cos seus dous fillos. Eles posúen o abono familiar. “Subimos case todas as fins de semana”, relata. “Estou en contra da exhibición dos animais, sobre todo dos que veñen de máis lonxe, pero daríame pena o seu peche“, explica. “Penso que mentres os animais estean en boas condicións non é algo tan malo. En España temos o exemplo de Cabárceno”, conclúe este cliente habitual das instalacións.

Tamén hai xente xoven que acode ao zoo de visita. É o caso de Elvira e Eduardo, que veñen desde Santander e da Coruña, respectivamente. “Co zoo educas os nenos sobre a natureza”, asegura Eduardo. En cambio, Elvira amósase ‘entre dúas augas’, xa que “o oso ou os animais grandes dan un pouco de pena; Gústame o zoo, pero estou co argumento entre medias”, asegura.

O casino de Vigo abrirá en 2019 grazas a unha “modificación” da lei e 5,5 millóns de euros de investimento

0

O novo casino de Vigo prevé abrir as súas portas antes de Semana Santa do próximo ano no Centro Comercial A Laxe, cun deseño “vangardista e moi moderno”, que contará con 5,5 millóns de euros de investimento e xerará uns 105 postos de traballo directos e 75 indirectos.

Así o comunicou este martes na sede da Xunta en Vigo o presidente do grupo Luckia e do Casino da Toxa, José González, despois de presentar este proxecto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Tal e como explicou González nunha rolda de prensa posterior, para este proxecto (que xa foi presentado previamente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero) contratouse a un arquitecto de orixe peruana que xa deseñou casinos en Las Vegas, Latinoamérica e Europa, e dentro de España en Bilbao e San Sebastián.

Sobre o proxecto de Vigo manifestou que está “preparado” para optar á licenza e, “se as cousas van ben” e a conseguen “nun prazo prudente”, antes de Semana Santa de 2019 o casino estará “a funcionar”. “É unha magnífica oportunidade para Vigo e a Xunta contar cun casino, que é un complemento de entretemento e lecer na cidade“, destacou.

Así as cousas, en canto á localización do casino, recoñeceu que estiveron “tempo buscando” e de feito valoraron “máis de 30” lugares. “Custou atopar un sen ningún problema”, admitiu, após o que indicou que finalmente deron co Centro Comercial A Laxe, que é “un sitio idóneo, con excelente localización”.

Respecto diso, remarcou que no centro comercial non hai veciños, está preto dos cruceiros e do norte de Portugal e atópase na área metropolitana; e o casino será “un bo complemento” porque impulsará os fluxos de xente e “revitalizará” o propio centro comercial. “É unha boa oportunidade para o centro comercial, o casino e a cidade”, apostilou.

O novo casino terá unha zona de xogos de 500 metros, con 80 máquinas de xogo e 12 mesas de black jack, ruleta, póquer e outros xogos. No entanto, o casino sumará en total máis de 2.000 metros contando co ‘back office’, que incluirá unha área de vixilancia e de conservación de gravacións, barra, restaurante e unha sala multiusos.

CAMBIO NA LEI

González puxo en valor a predisposición da Xunta a cambiar a lei para que puidese haber casino en Vigo, que, sostivo, “é a cidade de Galicia “máis importante economicamente e por poboación”, e ten “unha área de influencia moi importante”. “Merece e necesita ter un casino máis ca ningunha cidade de Galicia“, selou.

A colación diso, agradeceu o seu apoio á Xunta, porque “desde o primeiro momento entendeu que Vigo tiña que ter un casino”. O camiño “foi lento, pero dende o primeiro momento apoiou”, insistiu.

Pola súa banda, Rueda referendou que, “se todo vai ben e cúmprese o previsto, en menos dun ano o casino estará a funcionar” en Vigo, e con iso completarase “un longo camiño” que se iniciou ao abrir a posibilidade de cambiar a lexislación para permitir a apertura de máis dun casino por provincia.

Respecto diso, recoñeceu que “o camiño foi complicado, porque a propia actividade o é”, aínda que manifestou que se aprobou a modificación na Lei do Xogo coa esixencia de que se mantivese en funcionamento en Pontevedra o casino da Toxa. En concreto, autorízase aos casinos actuais a instalar unha sala adicional fóra do recinto e na mesma provincia.

O xogo ordenado e controlado é unha fonte de riqueza para a administración, crea postos de traballo e dinamiza a zona”, subliñou Rueda. A iso, González engadiu que o casino se centra en corresponder a un público que “demanda máis entretemento e socializar, e non tanto premios”.

Respecto diso, comentou que o 95% dos clientes acoden aos casinos “pensando que van gastarse un pequeno diñeiro e non van gañar”. Así, mantivo que as persoas van en primeiro lugar por entretemento, despois por socializar e finalmente porque cren que poden gañar.

Por este motivo, unido a que as persoas que optan a grandes premios participan noutros xogos como a lotaría, dixo que a tendencia é a outorgar premios pequenos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed