Inicio Blog Páxina 1994

O incendio do polígono da Granxa, baixo control

0

Gracias ao labor de tódolos efectivos, a situación no incendio do polígono industrial A Granxa, no Porriño, atópase fóra de perigo. Aínda non foi posible apagar o lume, mais non hai risco de que se estenda e ocorran males maiores.

Incendio A Granxa/ Miguel Núñez

Chegaron bombeiros de Vigo, Vilagarcía ou O Morrazo, ademais da Policía Local e gardas forestais, e o 112 empregou un helicóptero. O incendio, máis concretamente, acendeu na nave dunha empresa de reciclaxe de residuos metálicos, Alumisel.

Incendio A Granxa/ Miguel Núñez

Por fortuna, aos danos materiais non hai que sumar mortos nin feridos, en principio e segundo as principais axencias de comunicación. Na nave en cuestión acumulábase abundante chatarra como se pode apreciar na última foto.

As causas agochadas detrás dos incendios que asolaron Galicia o pasado outubro

Xa pasou medio ano dende a traxedia acontecida o pasado outubro nos nosos montes e os portugueses, e os expertos aínda discuten e dubidan das causas daquel conflito. A dificultade para atopar un motivo concreto lévaos a afirmar que poderían ser moitos.

Na área de Vigo hai 13 comunidades de montes, e as máis afectadas polos incendios do pasado verán foron Matamá, San Andrés de Comesaña, Valadares, Coruxo e Chandebrito. O monte de Coruxo ardeu case na súa totalidade, de 247 hectáreas de bosque, perdéronse co lume o 90% delas. E falamos co presidente da súa Comunidade de Montes, Antonio Ocampo. “Ademais do tempo, houbo mans negras”, asegura.

Tralo incendio, Antonio Ocampo estivo 8 días ingresado por insuficiencia respiratoria. E como tantos outros, os seus pensamentos volvéronse negros. Tamén queimou os pés, e os tivo que levar vendados durante un mes.

O seu monte estivo ardendo durante un mes e unha semana: “hai zonas de turba (carbón) que poden seguir ardendo. Apagas por riba do chan, pero aínda segue o lume por debaixo da terra, así que levantas pola mañá e está todo cheo de fume”.

Operarios talan o eucalipto queimado en Coruxo / Miguel Núñez

Dicir un culpable resulta moi delicado e difícil, confírmao o presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal: “Non creo que foran os madereiros. Foi moita madeira en pouco tempo, o mercado saturouse, rompéndose o equilibro entre oferta e demanda. E diso non se beneficiou ninguén. Eu non son de teorías conspiranoicas. Teño algunha idea, pero sería especular. A pequena escala houbo incluso xente que se entregou á policía, fora un despiste. Pero a grande escala poden ser moitas cousas”.

No primeiro momento falábase de tramas criminais, pero este argumento parece perder forza co tempo. “En Vigo pensabaque estaban actuando pirómanos, non sei se era verdade o non, pero dende logo as cascas de eucalipto poden chegar igual”, asegura.

Tratouse dun incendio de dimensións insospeitadas, polo que tentaremos poñer sobre a mesa cales son os factores que explican tal alcance. Así, en palabras de Gregorio Álvarez, Presidente da Comunidade de Montes de Valadares: “O último incendio que lembro en Vigo foi hai máis de 30 anos, e para nada semellante. Desta vez foi imposible, apagabas polo chan e ardía polas copas. Nunca vira nada parecido en tantos anos que levo”.

Tamén nega as conspiracións: “Hai moita lenda sobre os incendios, que se os gandeiros, para recalificar terreos, os cazadores… E de todo hai na viña do señor, pero non creo en tramas, xa o dixo o outro día o fiscal Xeral de Galicia, a maioría dos incendios son por despiste dalgún paisano”.

Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, defende que “era imposible predecir o que aconteceu, foi insólito. Nunca ardera en Vigo, senón na Cañiza, As Neves… E igual cada dez anos, nas Neves por exemplo ardeu en 1996, 2006 e 2016”.

factores climáticos

En primeiro lugar, non podemos esquecer que os incendios de outubro de 2017 ocorreron no marco dunhas condicións climáticas especialmente adversas. Galicia levaba moitos meses de seca, e neses días fortes ventos e unha baixa humidade axudaron de forma determinante á propagación do lume.

Levaba moito tempo sen chover, e facía tanto vento, lembra Gregorio Álvarez, que nin sequera a auga que botaban dende os hidroavións, era moi útil, posto que non caía onde debería.

O cambio climático sería clave, defende Uxío González, “igual que ocorreu o ano pasado, pode pasar outro. Foi en outubro. En verán non sería tan malo, porque non hai folla seca. O cambio climático alonga o verán, e un clima de vintetantos graos en outubro é propenso para o lume”. 

neglixencia administrativa

Defende Uxío González que “é incrible que a Xunta, a administración autonómica, o 30 de setembro mandara á xente á casa. Intentaron difuminar co da trama, pero é unha neglixencia súa como para ir aos tribunais, facer que os brigadistas terminen contrato en setembro e contratalos de novo o 18 de outubro, inconcebible despois dun dos veráns máis secos da historia de Galicia. Se estiveran os brigadistas traballando no Galiñeiro cando comezaba o incendio, coas avionetas, non tería ocorrido nada. Unha vez que arrincou, foi imparable”.

Porque logo xa é moi tarde: “Unha vez que hai tanto lume é normal que todo o mundo se vexa desbordado, chega un momento que non sabes a onde ir, e a policía, a garda civil e os bombeiros marchan a defender ás vivendas. Pero ao lume hai que atacalo antes. Logo os medios van ás casas e os montes son abandonados, e quedan esnaquizados. O que pasou en Portugal, que morreron 70 e pico persoas, puido pasar en Vigo. E a culpa é da Xunta, o seu resposable de montes leva moitos anos alí”.

as especies pirófilas: o eucalipto

Segundo os expertos, unha das causas da ola de incendios serían especies invasoras e pirófilas coma o eucalipto, aínda que matizan de forma diferenciada outorgándolle maior ou menor influencia.

Ocampo define ao eucalipto coma “unha árbore cuxa semente necesita calor para crecer, necesita lume, e vén de Australia, onde os nativos queiman a terra en determinados momentos para que medre”.

Necesitaríanse franxas de protección (espazos de bosque con outro tipo de especies arbóreas coma as frondosas, que ao ser húmidas reteñen o lume, ou zonas sen vexetación) para illalos, porque “o eucalipto e o pino son puro lume, iso arde en calquera momento”.

Engade Gregorio Álvarez que “as cascas de eucalipto son finas e lixeiras, e o vento as leva coma avións, metros e quilómetros, iso o vin eu cos meus propios ollos. O lume avanzaba tan rápido que pasou por moitas árbores sen chegar a afectalas”.

Por outra banda, para Uxío González, “estase inculpando ao eucalipto máis do debido. O que si que é certo é que ten moita continuidade, e debese facer cada certos metros un corte. Outra barbaridade é o eucalipto enriba dos tellados das casas do rural. Foi unha gran sorte que só morreran dúas persoas directamente e unha de forma indirecta. Puido ter sido unha catástrofe aínda maior”.

o abandono do rural, os pobos e o campo

“Gástase diñeiro en apagar incendios pero moi pouco en previr. E á variola gañouse grazas á vacuna preventiva“, defende Ocampo. Empréganse millóns de euros na extinción, pero o problema de fondo podería ser a gran cantidade de propiedades no monte en estado de abandono, e a fuxida do campo en xeral.

Traxedias coma a acontecida lembra agora a importancia e o perigo que supón que a poboación se acumule nos grandes núcleos urbanos, e de investir no coidado do monte. De tal xeito, pregúntase Ocampo: “Canto se gasta en praias coma a de Samil? Eu creo que hai que darlle o mesmo valor aos montes periurbáns, que son zonas de ocio, ademais do seu efecto fixador de CO2. De feito, as empresas relacionadas coa producción de C02 deberían investir en nós con algún tipo de imposto, xa que nós o retemos. Un dos grandes fixadores de CO2 era o placton, e tamén o estamos eliminando”.

De tódolos xeitos, o coidado dos montes e a creación de cortalumes pode resultar inútil: “O cortalumes máis grande que hai en Galicia é a autopista, e foi saltada polo lume, segundo din, mesmo saltou o Miño para chegar dende Portugal… ”

O Presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal, apunta nesa mesma dirección: “Hoxe en día, a xente vai á industria e cada vez miramos menos ao monte, se queres leña pagas 200 euros e xa cha traen a casa. E claro, descoidamos as fincas. Non se che ocorre ir ao monte a máis que dar un paseo, cando antes a xente vivía do monte, que daba de comer a moitas persoas”.

Eran outros temos e modos de vida, nos que eran prácticas cotías “ir apañar toxos ou piñas e vendelos en Vigo por unhas pesetas, para traer peixe. A xuventude vai cada vez menos a limpar fincas, e tampouco podemos olvidar o papel do gando, antes había ovellas que facían a labor de limpeza dos montes…”

Montes de Coruxo, tras os incendios / Miguel Núñez

Para Vidal, esta é a causa principal, o descoido do bosque, “tamén do comunal pero sobre todo das propiedades privadas”. Gregorio Álvarez, en cambio, defende que “non é tanto a limpeza dos montes, porque o monte non é un xardín, senón onde viven os alimaliños, coas excepcións dos cortalumes, ou preto das estradas”. Ter pouco eucalipto tampouco sería infalible:”nós temos poucos, e incendio avanzou, por arriba co vento, polas copas”.

Do abandono, para Uxío González, somos todos culpables: “Ninguén se pode escaquear. Hai moitísimos propietarios privados en abandono absoluto, a Administración galega delega nos concellos e ninguén fai nada”.

Polo tanto, “a Xunta o que non pode dicir agora é que foi mala sorte, ou culpar a tramas incendiarias, escudarse no terrorismo, independentemente que non existan diversos intereses. O problema está na cantidade de monte privado, a metade dos seus propietarios non saben nin onde é a súa finca, falece a xente maior e seus herdeiros non coñecen a propiedade”.

E resume, de xeito esclarecedor: “Ata que se viu o lume enriba das casas, non se fixo nada”. Por último, engade: “Se a xente volvera ao monte como hai 40 anos, que estaba coma unha patena, non había un toxo que cortar, que se buscaban para facer abono… Era unha cadena totalmente distinta. Agora as comunidades de montes temos cada vez máis carga”.

dificultades legais

“Non é xa só as árbores, é que se poñen en risco vidas, moitas veces por intereses espúreos”, lamenta Ocampo. Pero, cales son eses intereses? Cales son os culpables? Madereiros, cazadores, gandeiros? Mesmo no pasado narcotraficantes teñen prendido lume para despistar a acción das forzas policiais.

“O incendio non foi casual, aínda que non lle poda botar a culpa a ninguén. É imposible que nun só día o incendio chegara ao centro de Vigo”, asegura Ocampo. Pero en calquera caso, lamenta a dificultade de atopar os culpables, ou que incluso “houbo incendios que demostrouse quenes foron os causantes, como en Salvaterra, e quedaron absoltos”.

“Os incendios son tan fáciles de provocar que plantas lume á mañá nunha ladeira do monte e subiu coma a escuma pola tarde, en verán”, recoñece.

“Xa existen unhas leis moi estritas, o malo é que non hai quen aplique esa lexislación, porque políticamente non é moi correcto dicirlle á xente que corte as súas árbores, e logo botámonos as mans á cabeza, e pensamos que deben cambiarse as leis, cando a realidade é que xa existen pero non se están aplicando”.

utilización do lume

Outro punto importante sería o emprego do lume para diversas tarefas, práctica moi común na nosa terra: “Hai en Galicia un culto ao lume, todo o mundo queima, é unha enfermidade. Para limpar o toxo dunha finca, prenden lume e listo”, defende Ocampo, e advirte: “O monte é a nosa supervivencia e o noso futuro. E estamos poñéndoo en risco. Dentro de pouco, a praia do Bao estará inundada”. No 2016 houbo máis de 300.000 queimas autorizadas e comunicadas en Galicia.

 

Rescatan en Vigo unha muller á que lle caeu encima unha cama abatible

Axentes da Policía Local de Vigo e efectivos do servizo de bombeiros da cidade rescataron a unha veciña de 39 anos de idade que quedou atrapada cando unha cama abatible lle caeu encima, golpeándolle a cabeza e fracturándolle un brazo.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado sábado pola mañá, cando diversas testemuñas se puxeron en contacto co 092 para alertar de que estaban a escoitar berros de socorro nun piso da rúa Teixugueiras, no barrio de Navia.

Unha dotación trasladouse á zona e localizou o inmoble de onde procedían os berros pero, ante a imposibilidade de entrar no domicilio, os axentes avisaron os bombeiros, que lograron acceder ao interior da vivenda a través dunha xanela, usando unha escaleira mecánica.

No piso atopábase a muller, atrapada baixo a cama abatible, que se soltou da súa ancoraxe na parede e caer encima, deixándoa inmobilizada e con feridas. Unha vez liberada, a muller foi trasladada en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, cunha ferida aberta na cabeza e co brazo dereito fracturado.

A Xunta investiga as obras do Concello de Vigo para habilitar un parque de bombeiros en Coruxo

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, iniciou actuacións para esclarecer unha denuncia acerca dunha posible infracción por parte do Concello de Vigo nas obras de remodelación que se están levando nas instalacións da antiga depuradora de Coruxo, para habilitalas como parque de bombeiros provisional.

Así, a APLU recibiu unha denuncia que sinala que esas obras, que se realizan nunha parcela de titularidade municipal pero que está en dominio público marítimo-terrestre, se realizan sen a autorización da administración competente, neste caso, a Dirección Xeral da Costa e o Mar.

Por iso, dirixiuse ao Concello de Vigo para solicitar información respecto desas obras, que foron adxudicadas por medio dun contrato menor, por 48.300 euros. A través dun escrito con data do 5 de maio, a APLU reclama información sobre “a existencia de título habilitante de natureza urbanística que ampare as obras obxecto de investigación”.

Fontes municipais sinalaron que o Concello non ten constancia dese requirimento, e apuntaron que esas obras consisten na adaptación dun espazo para acoller aos bombeiros que actualmente están nos baixos do estadio de Balaídos. Trátase dunha solución provisional ata que se constrúa o novo parque de bombeiros nunha nave da rúa Esturáns, onde se investirá ao redor dun millón de euros.

Agtamar-UPTA pide que as Comunidades sumen máis actividades ao plan de rescate a autónomos e pemes

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada en UPTA, reclamou este xoves que se autorice ás Comunidades Autónomas a ampliar o número de actividades económicas que poidan beneficiarse das axudas do Real Decreto 5/2021 para autónomos e pemes, e advertiron de que “miles” de negocios están excluídos dese ‘rescate’.

Así, tras criticar a “intolerable lentitude” do Ministerio de Economía para ordenar ese plan de 7.000 millóns, denunciaron que segue sen saberse “de que maneira poderán acollerse” ás axudas os “miles de autónomos con códigos CNAE distintos aos incluídos no BOE”.

Neste escenario, e “dada a urxencia do momento”, instaron a que se autorice aos gobernos autonómicos a aumentar o número de actividades e apuntaron que as peculiaridades das actividades económicas que se desenvolven nas diferentes Comunidades Autónomas “son razóns máis que suficientes para que desde estas administracións póidanse concretar, de forma acertada, aquelas que quedaron fóra da listaxe”.

Segundo avanzou a asociación, está “a traballar coa Xunta de Galicia” para que, no momento en que se asine o convenio co Ministerio, póidase publicar “canto antes” a orde de axudas. Nese marco, Agtamar remitiu á Consellería de Emprego e Igualdade unha relación de 31 códigos CNAE que, ao seu xuízo, deberían ser admitidos nas bases desas subvencións.

De feito, o presidente da organización, Eduardo Abad, insistiu en que “estas axudas deberían ser universais para todos aqueles autónomos, pequenas empresas e profesionais que hantenido unha drástica redución de facturación ao longo deste período pandémico”.

Así mesmo, pediu que a distribución dese apoio económico se faga “en función da porcentaxe de perda de facturación”, e non por orde de chegada de solicitudes ata que se esgoten as partidas. Nese sentido, a asociación propuxo que se reserve a metade da dotación para aqueles negocios que perderon máis do 60 por cento de facturación, e o resto de axudas para as empresas e autónomos que perdesen entre o 30 e o 60 por cento.

“De non facelo baixo este procedemento, podémonos atopar que autónomos con porcentaxes de diminución de facturación por encima do 60 por cento queden sen axudas, e outros cun 31 por cento poidan acollerse sen dificultades“, advertiu Eduardo Abad.

Entre as actividades que a asociación propón para que se inclúan na relación de beneficiarias do rescate están varias de artesanía, como a fabricación de tecidos téxtiles, a marroquinería, o forxado, a fabricación de instrumentos musicais, ou a creación artística e literaria; actividades comerciais, como o comercio polo miúdo de xogos e xoguetes, as tendas de souvenirs ou o comercio ligado a feiras e espectáculos; servizos como a barbaría; ou actividades de educación e servizos sociais sen aloxamento.

UGT denuncia “discriminación” na vacinación de persoal de Cedro en Vigo

UGT en Pontevedra denunciou que persoal de distintos colectivos que traballan na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Vigo (CEDRO) están a sufrir “discriminación” respecto da vacinación fronte ao covid-19.

Nun comunicado, o sindicato remarcou que mentres os sanitarios, terapeutas, psicólogos, traballadoras sociais e persoal de farmacia “xa foron vacinados”, hai outro persoal que aínda non o foi e que continúa realizando os seus labores “sen ningún tipo de protección”.

En concreto, referiuse ao persoal de limpeza, seguridade, administración, educadores e monitor de ximnasia, para os que reclamou “que cese xa a discriminación”. Que “en todos os centros sanitarios e sociosanitarios leve a cabo a vacinación de todo o persoal, sen ningún tipo de exclusión”, reclamou.

Primeiros apoios ao peche da Favec contra o desaloxo da súa sede

Novo episodio na polémica da sede da FAVEC. A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) demandaba semanas atrás unha “solución” ao Concello de Vigo ante unha situación que podería deixalos na rúa. Como xa informou Xornal de Vigo, o “desaloxo” da FAVEC tería que ver coas obras de reforma que se están a levar a cabo no seu edificio da Praza da Princesa.

As demandas de solucións por parte da Federación concretáronse nunha mobilización ante o Concello trala que, explican, non recibiron resposta algunha do consistorio. Ante este silencio, a FAVEC decidiu que procedería a se pechar no edificio baixo o aviso de que non marchará do lugar mentres non reciba unha alternativa.

Ante estas circunstancias, o movemento asociativo da cidade olívica vén de recibir as primeiras mostras de apoio ao peche. Os azos chegaron da Asocición Cidadá Galega No Ollo do Furacán, que emitiu un comunicado para manifestar o seu “profundo malestar polos feitos que están a desenvolverse nestes días na Praza da Princesa”

A plataforma viguesa recorda así que a FAVEC “vén desenvolvendo unha morea de actividades neste local dende os tempos no que o Alcalde Carlos Príncipe dotara a FAVEC deste recurso”. Por iso se solidariza co peche e insta ao concello olívico a achegarlles un local “axeitado e alternativo con garantía de estabilidade no tempo” no caso de que o desaloxo teña lugar.

Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra recoñecen os malos datos sobre COVID nas súas áreas

0

Os alcaldes de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra mantiveron este xoves encontros co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que lles trasladou a preocupación da Xunta polos malos datos de evolución do coronavirus nestas áreas, algo que os rexedores tamén constataron, á vez que garantiron que acatarán con “lealdade” as medidas que impoña o comité clínico se son necesarias.

Así, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que, tras “pasar revisión” aos datos da pandemia co conselleiro, constatou que a situación na cidade “está a empeorar” e que a incidencia, situada hai uns días en 220,7 casos por 100.000 habitantes, está a aumentar a razón de “20 ao día”. “Levamos moitos días cos contagios aumentando de forma continuada e, aínda que é certo que comparado con outras cidades estamos singularmente por baixo, seguimos empeorando”, afirmou, e engadiu: “O virus está a entrar en Vigo con forza e, sen prudencia, ímolo a pagar en vidas e na economía”.

Neste contexto, e despois de que o conselleiro lle trasladara a posibilidade de que o comité clínico aposte por medidas restritivas, o rexedor olívico aseverou que vai avalar ” e apoiar” calquera medida ditada pola autoridade sanitaria, desde a “lealdade”, porque “o primeiro é a saúde da xente de Vigo”.

Ademais, volveu a facer un chamamento á “prudencia” e a “responsabilidade” dos cidadáns, para adoptar todas as medidas de prevención e respectar o uso das máscaras, o lavado frecuente de mans e a distancia social.

Por outra banda, Abel Caballero trasladou a Julio García Comesaña a súa demanda de que se incrementen as probas PCR que se fan cada día, e de que se duplique o número de rastreadores (e se axilice a súa actuación).

Ademais, incidiu, é necesario reforzar a Atención Primaria na cidade, porque está “complemente saturada” e os seus profesionais “desbordados”, e ofreceu espazos, se fosen necesarios, para que se poida illar a persoas contaxiadas que non necesitan hospitalización.

Segundo os últimos datos publicados polo Sergas (actualizados ás 18,00 horas deste mércores), en Vigo hai 1.624 casos activos de COVID-19. Ademais, 74 persoas permanecen hospitalizadas, das 8 están en Unidades de Coidados Intensivos.

CHAMAMENTO Á PRECAUCIÓN EN LUGO

Pola súa banda, noutro encontro, os responsables de Sanidade trasladaron á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que a incidencia na cidade sitúase ao redor dos 341 casos por 100.000 habitantes, “un pouco por encima da media galega” e na liña das cidades da comunidade, segundo indicou ela mesma.

Méndez recoñeceu que estes datos, “evidentemente, non son bos”, polo que pediu aos cidadáns que teñan “a máxima cautela e precaución” ante o virus.

A “previsión” da Xunta, apuntou a alcaldesa, é que “pode ser que se aumenten as restricións” para frear a segunda onda de contagios, polo que a rexedora volveu a “incidir na responsabilidade individual para o éxito colectivo” e garantiu o seu cumprimento. “É imprescindible a colaboración de todos para controlar a pandemia”, ratificou.

Así mesmo, desde o Concello de Pontevedra confirmaron que o conselleiro informou este xoves ao alcalde de que “o número de positivos está a aumentar” na cidade, polo que “é posible que se adopten outras medidas restritivas”. A día de hoxe, a cidade do Lérez ten 329 casos activos, cun incremento de 24.

EVOLUCIÓN “PREOCUPANTE”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, admitiu tras a reunión con Sanidade que a evolución do coronavirus neste municipio nos últimos días “é preocupante, debido á incidencia e á porcentaxe de positivos no test PRC practicados”, así como outros indicadores que manexa a Xunta e que hai “crecido por encima” do habitual.

Mato lembrou que será “a Dirección Xeral de Saude Pública e o comité clínico” os que tomen este venres decisións respecto diso, polo que non descarta que “se poida tomar algún nivel de restrición maior”.

“Tal e como vin facendo estes últimos días e meses, estou a disposición da Consellería de Sanidade para, a través dos servizos municipais e do ámbito das nosas competencias, poder apoiar ao resto de Administracións para facerlle fronte á pandemia”, ratificou Ángel Mato.

BNG cualifica de “frívolo” que “a preocupación” do alcalde de Vigo sexa o Nadal e non a pandemia

O portavoz do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tachou de “frívolo e irresponsable” que “a única precupación” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, sexa a programación do Nadal en lugar da evolución da curva de contagios por COVID-19 na segunda onda da pandemia.

Así se pronunciou o concelleiro do BNG en declaracións remitidas aos medios despois de que Abel Caballero anunciase este venres que se mantén a campaña do Nadal na cidade e avanzase algunhas das medidas que se adoptarán durante a mesma.

A este respecto, Xabier P. Igrexas criticou que “a preocupación de Caballero sexan as carrozas da Cabalgata e non os autobuses cheos ata a bandeira, que non permiten gardar a máis mínima distancia interpersoal para desprazarse con seguridade”.

Aínda que sinalou que pode entender a importancia que o goberno local “quere dar ao Nadal como evento de cidade”, insistiu en que o que “debería preocupar a Abel Caballero” non é o desenvolvemento deste evento, senón centrarse “na evolución da curva de contagios”.

Nesta liña, o edil do Bloque remarcou que o problema non reside en que a Xunta se equivoque “por mala intención ou por impericia” na asignación da cor de Vigo no mapa de niveis de alerta, senón que en dez días incrementouse en 200 o número de casos activos na zona.

Así as cousas, volveu a instar o goberno local a convocar ás forzas políticas da corporación municipal a unha reunión para abordar a situación e propor medidas que permitan despregar un plan de continxencia.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed