Inicio Blog Páxina 1986

Así son os novos dispositivos móbiles da DGT que revisarán se o teu coche pasou a ITV.

0

A DGT puxo en marcha dende o pasado día 20 até o 26 de xaneiro, unha campaña especial para revisar o correcto estado dos vehículos que circulan polas estradas do país.

A medida enmárcase dentro da campaña de vixilancia e control das condicións do vehículo que se desenvolve durante esta semana e nas que se comprobarán pneumáticos, iluminación, parabrisas…

“O risco de falecer ou resultar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade, en relación con vehículos de menos de 5 anos”.

Esta é a principal premisa pola que a DGT estrea 30 dispositivos de lectura de matrícula automática para cotexar se o teu coche pasou ou non a inspección técnica de vehículos (ITV) obrigatoria para poder circular.

Esta situación preocupa moito á Dirección Xeral de Tráfico, motivo polo cal no calendario anual de campañas inclúese unha dedicada exclusivamente á vixilancia das condicións dos vehículos que circulan polas estradas. Esta nova campaña desenvolverase desde o luns 20 e prolongarase ata o domingo 26 de xaneiro.

Durante esta semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o resto de policías locais e autonómicos sumados á campaña, prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces, sinalización, parabrisas sen danos…

Ademáis da vixilancia presencial realizada polos axentes da DGT, este ano utilizarán uns novos sistemas de control e monitoraxe instalados na estrada (lectores de matrícula) para comprobar se os vehículos que circulan van coa ITV en vigor. En caso de detectar que un vehículo non a leva en vigor, procederase á correspondente denuncia.

Lector de matrícula para revisión de vixencia de ITV | Fonte DGT

Nas últimas verificacións telemáticas realizadas por Tráfico, detectouse que o 1,64% dos vehículos que circulaban non levaban a ITV en vigor.

As rodas

Aproximadamente máis dun millón dos vehículos, un 5%, circulan con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por baixo do mínimo legal de 1,6 mm; ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta e circular cunha presión errónea.

Ademais, os vehículos relacionados cun uso máis profesional como é o caso das furgonetas, presentan maiores índices de defectos nos pneumáticos.

As luces

A finalidade das luces dos vehículos non só é a de ver, senón tamén a de ser visto, xa que cada vehículo en circulación é, na práctica, un obstáculo para os demais, polo que a delimitación da súa presenza tamén é significativa.

A DGT aconsella prestar unha especial atención á utilización, mantemento e regulación dos faros, para conseguir, por unha banda, dispoñer de luz suficiente e, por outro, non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

Outros aspectos que serán revisados

Levar a matrícula ilexible é unha infracción grave cunha sanción de 200 euros e sen detracción de puntos, pero manipular a placa de matrícula para tentar eludir fraudulentamente a norma pode conlevar unha multa de 6.000 euros e a perda de 6 puntos.

Parabrisas: O condutor debe verificar que o parabrisas non presenta dano algún, xa que é unha peza fundamental na resistencia estrutural do vehículo e na eficacia do airbag ou dos sensores.

Permiso de circulación do vehículo no que figuran os datos técnicos do mesmo e os datos do seu propietario (ou unha autorización da Xefatura de Tráfico na súa ausencia).

Tarxeta da ITV e adhesivo correspondente, visible na lúa dianteira.

Os trens Monforte-Vigo e Ourense-Vigo entre os máis afectados pola folga de Renfe

A folga de traballadores convocada en Renfe e Adif por CXT que leva a supresión de 43 trens de media e longa distancia en Galicia, arrincou sen incidencias na madrugada deste venres, segundo sinalaron fontes do operador ferroviario.

A central cifra o seguimento da folga, convocada para denunciar a falta de persoal nos servizos ferrioviarios, no 40 por cento dos traballadores na comunidade. Os afectados polos paros en Galicia serán 34 trens de Media Distancia e nove de Longa Distancia, aínda que só en determinados tramos.

Entre os máis afectados están a longa distancia con destino a Pontevedra e Vigo, debido a que a composición do ‘Tren-hotel’ de Madrid desde Monforte a Vigo e os ‘Intercity’ de Ourense a Vigo non circularán.

O sindicato CXT, que destaca a “normalidade” coa que se iniciou a xornada, reclama cambios nas taxas de reposición para paliar a “falta de persoal” nos servizos. Neste sentido, denuncian que este mes de decembro un total de 29 trens que operan en Galicia foron substituídos por autobuses ante a ausencia de maquinistas.

(Imaxes) Así se atende en Urxencias aos pacientes infectados

Así é a chegada de pacientes infectados ás Urxencias do Álvaro Cunqueiro e así son atendidos:

Ambulancia chegando a Urxencias©Miguel Nuñez
Urxencias©Miguel Nuñez
Entrada en Urxencias©Miguel Nuñez

O Concello de Vigo cifra en tres millóns as persoas que visitaron o centro da cidade durante a tempada de Nadal

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou nun 82 por cento a ocupación hoteleira rexistrada durante a tempada na que estivo acendido a iluminación do Nadal (entre o 24 de novembro e o 12 de xaneiro).

O rexedor asegurou que, segundo datos do Concello, a ocupación hoteleira media durante o período invernal superou o 90 por cento durante as fins de semana. Así, puxo en valor que estes datos reflectisen un incremento dun 10 por cento en relación ás mesmas datas de 2018.

En concreto, o alcalde precisou que, de acordo co método municipal de cálculo instalado na árbore de Porta do Sol, tres millóns de persoas visitaron o centro da cidade na tempada do Nadal, un millón máis que o ano anterior.

Ademais, explicou que 170.000 persoas se desprazaron á urbe olívica durante a fin de semana no que se acendeu a iluminación, o último de novembro, así como que a afluencia durante a ponte da Constitución foi de 700.000 persoas. Mentres, apuntou que se rexistraron 750.000 visitantes na cidade entre o 26 e o 29 de decembro.

AFLUENCIA

Tamén precisou que, ao longo destas semanas, a casa de Papá Noel situada na rúa Príncipe recibiu 59.000 visitas, así como que máis de 20.000 persoas utilizaron o ‘Nadal bus’ e, ao redor de 8.000, o tren do Nadal. Mentres, o número de usuarios da nora instalada na Praza Compostela ascendeu a 152.000.

Adicionalmente, Abel Caballero precisou que o acto de apagado da iluminación do Nadal, celebrado este domingo, reuniu a 7.000 persoas na cidade olívica. Así, puxo en valor o retorno económico xerado grazas á iluminación do Nadal, que, segundo asegurou, triplicou o investimento realizado durante o primeiro fin de semana no que estivo instalado.

Ante esta situación, destacou a popularidade do evento que, ao seu xuízo, só “non lle gusta” a dúas persoas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a delegada territorial do Goberno galego na cidade, Corina Porro. Así, volveu denunciar que a Xunta destine “cero euros” á iluminación, mentres achega 60 millóns de euros ao Camiño de Santiago, que, segundo o rexedor, visitan “menos” persoas.

Tui celebra a XXXIX Regata do Miño, con récord de participación

0

Este sábado 26 de xaneiro celébrase a XXXIX Regata Miño Internacional – Copa Presidenta da Deputación, organizada polo Club Remo do Miño, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Remo.

Consta dunha distancia de 6 mil metros entre Currás, Tomiño, e Tui (fronte á rúa Olímpicos Tudenses). A proba baterá este ano record de participación con 271 remeiros e remeiras de 19 clubs galegos e portugueses e 44 embarcacións.

Na súa presentación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, indicou que se trata dunha proba “de gran tradición, espectacular, e consolidada, que conta cun atractivo indubidable porque reúne o deporte e a beleza do río”.

Apuntaba amais que é unha competición dun “deporte que hoxe forma parte consustancial da identidade tudense coma é o remo olímpico”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, sinalou que se trata dun evento que “pon de relevancia o Miño como un espazo de actividades deportivas e de lecer”. Ao tempo que aludiu a gran canteira de profesionais do remo e do kaiak que hai en Tui.

O presidente do Club Remo do Miño, José Luís Méndez, lembrou que o club Remo do Miño cumpre 45 anos, aproveitando para agradecer o esforzo e o traballo das directivas que fixeron posible esta realidade.

Os vicepresidentes do club, José Prada e Manuel Ángel González, foron os responsables de dar os datos técnicos da regata, que terá unha distancia de 6 mil metros dende Currás ata Tui. A primeira saída será ás 11.50h para o Catro Scull, e a última ás 12.40h. A entrega de premios está prevista para ás 13.30h. Os dous destacaron o feito de que por vez primeira competirá un 8 feminino, e entre os 271 inscritos hai 67 remeiras.

O glifosato, o polémico herbicida que a UE quere retirar do mercado

O glifosato é o herbicida que a maioría de países da UE quere eliminar debido ao “probable” risco canceríxeno deste químico. Así, a Organización Mundial da Saúde, OMS, sinala estudos que demostrarían a súa incidencia no sangue humano. O Parlamento Europeo prohibiu á comercializadora do produto, Monsanto-Bayer, que envíe lobbistas a ningún edificio oficial da UE. O motivo foi que Monsanto-Bayer non compareceu nunha comisión do Parlamento para aclarar as condicións do glifosato.

Máis en Galicia Confidencial.

Amigos do acusado do crime de Ana Enjamio: “Estaba obsesionado con ela”

Varios achegados de César A.O., que está a ser xulgado como presunto autor do asasinato da moxa enxeñeira Ana Enjamio, coincidiron en sinalar que estaba “obsesionado” con ela.

Así o trasladou un dos seus compañeiros de traballo e amigo, que declarou como testemuña ante o tribunal de xurado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, e que afirmou que César “estaba obsesionado” con Ana, á que se refería como “unha deusa”.

Esta testemuña, ademais, confirmou que César lle pediu que lle ensinase como utilizar unha aplicación no móbil para poder saber cales dos seus contactos estaban a manter conversacións (a Fiscalía sostén que o fixo para controlar a Ana e o seu exmozo Samuel, co que retomara o contacto).

Outra das compañeiras de traballo do acusado incidiu en que este estaba “moi namorado” da vítima e que quería manter a relación con ela, a pesar de que “unhas veces estaban xuntos e outras se deixaban”. “Era unha relación intermitente, pero era evidente que el quería estar con ela”, apuntou.

Outra testemuña, amigo de César, explicou ante o tribunal que “parecía demasiado obsesionado” con Ana, e que mesmo lle confesou que a seguiu cando ela estaba con Samuel. O acusado tamén lle contou que un día “se lle botou encima do coche” (a Ana) e non a deixaba saír.

SORPRESA “FINXIDA”

Por outra banda, dúas destas testemuñas, que son matrimonio e compañeiros de traballo de César, cos que coincidiu á entrada de Comisaría ao ir declarar horas despois do crime, sinalaron que, cando lle contaron a noticia de que atoparan a Ana morta, o acusado limitouse a exclamar: “Que movidón!”.

Un desas testemuñas precisou mesmo que lle causou estrañeza a súa actitude. “Era como sorpresa finxida. A miña muller tiña medo de que o culpasen a el, porque tiña todas as papeletas: foran parella e tiñan unha relación treboenta“, aseverou.

Na mesma liña, o xefe de Homicidios da Comisaría de Vigo, que tamén declarou como testemuña, explicou que, cando mantivo unha entrevista con César, esa mañá do 17 de decembro en Comisaría, non lle contou o motivo do interrogatorio, e limitouse a preguntarlle que fixera a noite anterior. “Non me preguntou o motivo, e pareceume raro. Parecía moi frío e moi distante”, declarou.

NOTA DE SUICIDIO E DILIXENCIAS DE INVESTIGACIÓN

Este mesmo axente referiuse á tentativa de suicidio de César A.O., horas despois de que estivese en Comisaría declarando, e á nota que deixou, na que pedía “perdón” aos seus achegados e tamén a Ana.

Segundo declarou este policía, este intento de suicidio prodúcese cando o acusado “vai tomando consciencia da magnitude do que fixo” e pide perdón á vítima porque “sempre que se lle pide perdón a alguén falecido é para aliviarse, é por algo que se lle fixo en vida”.

Con respecto ás dilixencias de investigación, esta testemuña, que foi o encargado de examinar o tráfico dos teléfonos de César e Ana (no caso da vítima a través dun cartón duplicado porque o seu móbil nunca apareceu), tamén explicou que, da análise das conversacións, deducíase que mantiñan “unha relación treboenta”, sobre todo desde o momento en que Ana tratou de romper con César e este “non atende a razóns e segue insistindo”.

Ademais, tras revisar as cámaras de videovixilancia dunha gasolineira próxima ao domicilio de Ana Enjamio (en cuxo portal se produciu o seu asasinato), a Policía comprobou que, sobre as 5,30 horas, quedou rexistrado o paso dun vehículo que, “polas súas características morfolóxicas”, podería ser un Renault Megane Coupé, o mesmo modelo que conducía o acusado.

Finalmente, este funcionario manifestou que, tras examinar as fotografías da cea de empresa na que Ana e César coincidiron esa madrugada, e tras falar con diversas testemuñas, comprobaron que o acusado lles entregou (durante un rexistro domiciliario) unhas pezas de roupa que non se correspondían coas que levaba entón.

HORA DE CHEGADA

O acusado do asasinato de Ana Enjamio declarou ante a Policía (e ratificouno ante o tribunal de xurado) que, a noite do crime, na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016, chegara á súa casa sobre as 5,30 horas, mentres que os seus pais dixeron á Policía que “chegou ás 7,00 horas, se duchou e marchou”.

Esta diferenza acerca da hora de chegada do acusado ten relevancia, dado que Ana Enjamio chegou á súa casa esa madrugada pouco despois das 5,00 horas e, sobre as 6,00 horas, o seu cadáver foi atopado por un veciño ao entrar no portal do edificio, na Avenida de Madrid.

APLICACIÓNS “ESPÍAS”

Unha testemuña policial detallou tamén que, ao analizar o teléfono de César, decatáronse de que este tivera no seu terminal (aínda que xa as eliminou) varias “aplicacións espía, de seguimento ou rastrexo”.

Así mesmo, indicou que tamén comprobaron que César tiña acceso, desde o seu teléfono móbil, ao correo electrónico persoal da vítima; e que o móbil de Ana tiña rexistrado o seu historial de localización ata o día 15 de decembro coma se, a partir desa data, “o desactivasen ou o borraron”.

Triste reconto en Mondariz: 159 hectáreas queimadas

0

Tras conseguirse finalmente extinguir de forma completa o incendio de Mondariz, chegou o momento de botar as contas. As estimacións do goberno galego falan de 3 técnicos, 55 brigads e 20 axentes, que empregaron 33 motobombas, un tractor e medios aéreos.

En canto á superficie afectada, divídese en 70 hectáreas de superficie arborada e 89 hectáreas de monte raso. O incendio controlouse ao mediodía do luns e tardou desde entón día e medio máis en extinguirse, ás 19:53 deste martes. Declarárase ás 18:15 horas do domingo.

Medio cento de veciños foron desaloxados, segundo estima a Xunta de Galicia.

GALERÍA.- Festa no Paseo de Alfonso de Vigo para reclamar unha peonalizacion sen túnel

Un garda civil fóra de servizo detén a un veciño da Guarda mentres roubaba nun establecemento

Un axente da Garda Civil que estaba fóra de servizo localizou a un veciño da Guarda (Pontevedra) cando acababa de roubar nun establecemento comercial e procedeu a detelo.

O axente regresaba á súa casa sobre as catro da tarde acompañado da súa familia cando sospeitou da actitude dunha moza, que actuaba de forma nerviosa e vixiante, nunha céntrica rúa da Guarda.

Ao darse conta de que se trataba da noiva dun veciño da localidade coñecido polos seus numerosos antecedentes policiais, o axente pediu á súa familia que continuase e baixou do coche para inspeccionar a zona.

Nese momento, escoitou un estalido similar á rotura dun cristal e ao inspeccionar a zona, localizou ao noivo da moza saíndo dun local comercial que tiña o cristal da porta roto.

O individuo levaba nas mans moedas e unha carteira de man, que se comprobou que contaba con documentación persoal. O garda civil, tras acreditar que era un axente da autoridade, detívoo no lugar e pediu telefonicamente axuda á patrulla de seguridade cidadá, que se fixo cargo do detido e trasladouno a dependencias do posto da Guarda, para iniciar as correspondentes dilixencias.

O arrestado foi posto este sábado a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Tui, que decretou o seu ingreso preventivo no centro penal da Lama.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed