Inicio Blog Páxina 1987

Acusan ao SERGAS de trasladar doentes contaxiosos con outros enfermos na mesma ambulancia

Dende o sector de Transportes da FGAMT-CIG aseguran que o Sergas está a incumprir de xeito consciente o decreto de transporte sanitario, “ao permitir que doentes infectocontaxiosos sexan trasladados en ambulancias colectivas conxuntamente con outros enfermos. Dende a central lembran que xa lle advertiran ás distintas EOXI dos riscos que esta práctica pode supoñer para os condutores, as súas familias e a poboación en xeral”.

Dende a CIG lembran que “remitimos escritos e mesmo mantivemos xuntanzas coas distintas EOXI para abordar as condicións nas que se leva a cabo o manexo de pacientes con enfermidades infectocontaxiosas”.

De feito, sosteñen que nas propias EOXI lles confirmaron que o Sergas autorizaba o traslado destes doentes en ambulancias colectivas xunto con outros enfermos, algo totalmente prohibido segundo a normativa (RD 836/2012), tal e como sinala o comité de empresa.

“O problema é que o Sergas non inclúe o persoal de ambulancias no protocolo de seguridade que si lles aplica os traballadores dos hospitais, así que nos atopamos con que os traballadores do transporte sanitario poñen en risco a súa saúde, a das súas familias e a da poboación en xeral ao estar en contacto con doentes infectocontaxiosos”, explica o responsábel do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza.

“tampouco está a viaxar ningúen cos enfermos na parte de atrás da ambulancia”

E isto é así porque “o Sergas non os considera persoal sanitario xa que non traballan directamente para o servizo público, polo que se rompe a cadea de protección que hai que aplicar con este tipo de doentes, orixinándose un problema de saúde pública ademais de laboral”.

Como exemplo cita o que sucede na área de Vigo, “onde temos constancia de tres casos de pacientes con doenzas deste tipo que son levados a diálise aos que se lles aplica o protocolo de illamento no hospital, pero que tanto no transporte de ida como no de volta comparten vehículo con outros enfermos”.

Aínda que estes non son os únicos incumprimentos do decreto de transporte sanitario. Segundo denuncia Pastoriza, os doentes con osíxeno, con soro, ou en padiola terían que viaxar tamén sós na ambulancia e non con outros pacientes tal e como se está a facer.

“Como tampouco está a viaxar ninguén cos enfermos na parte de atrás da ambulancia para poder atendelos no caso de que lles suceda algo durante o traxecto, como pasou recentemente na Coruña”, conclúen.

A Xunta adxudica a redacción do proxecto que permitirá a mellora da presa de Eiras, que abastece a Vigo e a súa área

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto que permitirá a mellora das instalacións da presa de Eiras, que abastece a Vigo e a outro nove municipios da súa área.

Segundo recolleu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nun comunicado, a adxudicataria desta actuación, á que se destinou un investimento de 6.000 euros, foi Eptisa Servizos de Enxeñaría, S.L. e o prazo de execución será de dous meses.

En concreto, tras a realización de visitas semestrais ao encoro, Augas de Galicia demandou a redacción dun proxecto constitutivo que detalle os traballos necesarios debido a que estas actuacións exceden o mantemento ordinario.

Deste xeito, substituiranse as partes obsoletas da instalación eléctrica e instalarase un sistema que permita regular e medir cunha maior precisión o caudal ecolóxico para verificar o cumprimento do establecido no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa.

Así, a Xunta indicou que busca garantir a “seguridade” e o “correcto mantemento” da presa e lembrou que permanece á “espera” de que o Concello de Vigo pronúnciese sobre a súa proposta de convenio pola que o municipio olívico asumiría a súa xestión.

A Zona Franca de Vigo comprométese a financiar a subestación eléctrica que demanda PSA

O delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades, comprometeuse a que esta entidade financie a construción da subestación eléctrica que demanda PSA Citroën no marco dunha reunión que mantivo co seu director, Ignacio Bueno.

Neste sentido, Regades trasladoulle as xestións que realizou o Concello co Ministerio de Transición Ecolóxica para conseguir que autorice o investimento necesario para acometer a traída da rede de alta tensión á cidade, segundo precisou o Consorcio Zona Franca de Vigo nun comunicado.

Ademais, Regades expuxo a Bueno distintas localizacións para resolver a problemática das prazas de aparcadoiro para vehículos particulares e de mercadorías na zona. A este respecto, a entidade pública avanzou que os emprazamentos serán estudados por diferentes departamentos técnicos para elixir a solución máis adecuada.

Así mesmo, o Consorcio Zona Franca de Vigo detallou que tratou co Goberno local a mellora de infraestruturas e ampliación do polígono co obxectivo de abordar a tramitación urbanística necesaria para iso, así como a súa posterior execución.

O Camiño Portugués pola Costa impulsa o turimo en Vigo e no Baixo Miño

O turismo na provincia de Pontevedra creceu o pasado ano, especialmente, no sur. Así o confirmou o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, que informou de que o número de turistas que visitaron Vigo no primeiro trimestre de 2018 foi de 72.905; mentres que as pernoctaciones tamén aumentaron, até alcanzar case as 140.000.

En canto ao xeodestino Vigo-Baixo Miño, tamén se rexistraron incrementos no número de visitantes (un 12 por cento máis) e no de pernoctacións (un 6 por cento máis). Segundo destacou o delegado da Xunta, entre outros factores, foi decisivo o impulso ao Camiño Portugués pola Costa, que se converteu na cuarta ruta xacobea por número de peregrinos, alcanzando os 1.400.

Ignacio López Chaves e a directora xeral de Turismo, Nava Castro / xunta.gal

Finalmente, Castro e López-Chaves tamén avanzaron os datos turísticos na provincia de Pontevedra, onde o número de visitantes creceu un 7,9 por cento, até alcanzar os 190.000 viaxeiros; mentres que as pernoctacións experimentaron un incremento do 9,2 por cento, até chegar ás 365.000.

GALICIA

Pola súa banda, máis de 636.000 turistas visitaron Galicia no tres primeiros meses de 2018, o que supón un 1,7 por cento máis que no mesmo período do ano pasado, segundo os datos publicados polo INE e que foron presentados en Vigo pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves.

Eses 636.000 visitantes, que realizaron case 1,2 millóns de pernoctacións (un 10 por cento máis), “consolidan os bos resultados” de turismo en Galicia obtidos en 2017″, dixo Castro que destacou as cifras do primeiro trimestre do ano. “Confirman que se fianza a desestacionalización” nesta actividade, e que os visitantes que chegan á comunidade galega procedentes do estranxeiro son cada vez máis numerosos. Os datos trasladados este xoves mostran un incremento do 8,8 por cento nos turistas nacionais e dun 15,4 por cento nos procedentes doutros países.

Por outra banda, Nava Castro tamén destacou o “excelente comportamento” do turismo rural, cuxa demanda se incrementou nun 45 por cento nos primeiros meses de 2018. O número de turistas que elixen este servizo aumentou nun 31 por cento, e a estancia media aumentou un 11 por cento.

O pesqueiro ‘Nuevo Confurco’ atraca en Vigo cun posible caso de covid-19 a bordo

O pesqueiro ‘Nuevo Confurco’, da armadora viguesa González Parada, atracou a medio día deste xoves no Porto de Vigo, procedente de Gran Sol, tras interromper a súa ‘marea’ de pesca ao detectarse a bordo un posible casos de Covid-19, segundo confirmaron  fontes da casa armadora e da Autoridade Portuaria.

O arrastreiro, de bandeira española, atopábase en augas do Mar de Irlanda e, tras comprobar que un tripulante tiña síntomas de padecer a infección por coronavirus, optou por pór rumbo de regreso á terminal viguesa.

Fontes da armadora explicaron que “non houbo incidentes” durante a súa estancia en augas irlandesas e que o ‘Nuevo Confurco’, que ten 11 tripulantes, volveu a casa “por precaución”. Así mesmo, confirmaron que todos os mariñeiros están vacinados.

A tripulación foi recibida á súa chegada ao Porto Pesqueiro polo presidente do organismo, Jesús Vázquez Almuíña, que se interesou polo estado dos mariñeiros e púxose a disposición do armador do buque.

Os mariñeiros foron sometidos a probas PCR por parte de persoal do hospital Vithas de Vigo e atópanse á espera dos resultados.

GROMO NOUTRO BARCO

Dáse a circunstancia de que outro pesqueiro deste mesmo armador, o ‘Manuel Laura’, atracou a pasada semana en Vigo tamén procedente de Gran Sol. Nese caso, confirmáronse 9 positivos por Covid entre os 12 tripulantes, e tres dos afectados tiveron que ser ingresados (aínda que xa recibiron o alta).

O ‘Manuel Laura’ chegou a atracar no porto irlandés de Castletownbere, pero regresou a Vigo sen recibir atención médica a pesar de solicitala ás autoridades dese país, ante a sospeita de que había tripulantes contaxiados. Así o denunciou o sindicato CIG, que pediu a Xunta e Goberno central que investiguen as circunstancias desa “expulsión” e un posible incumprimento do Regulamento Sanitario Internacional.

A aparición de catro cabalos mortos e cinco feridos nos montes de Oia provoca o berro das asociacións animalistas

A aparición de catro cabalos mortos, presumiblemente a golpes con obxectos contundentes, e doutros cinco feridos nun monte situado no termo municipal de Oia, volveu a poñer o foco sobre a desprotección que sofren estes animais na comunidade, tendo en conta que a Lei de Benestar Animal de 2017 excluíu aos équidos do seu ámbito de protección.

Para a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, entidades que levan un ano desenvolvendo unha campaña para dotar a Galicia da primeira Lei de Protección Equina, esta hipotética norma podería ser un primeiro paso en firme para combater prácticas específicas de crueldade que reciben os animais, como a colocación de cepos, cadeas e cordas nas súas patas ou a completa desregulación existente sobre espectáculos.

Cabalos/ Miguel Núñez

A norma tamén podería dotar de medios económicos, humanos e técnicos a “loita” contra os malos tratos a gando equino, como o caso do Monte de Oia, “onde se evidencia un claro desprezo pola vida dos animais e unha intencionalidade por causar o maior dano posible”, subliñan.

Os animalistas esperan que a investigación da Garda Civil poida finalizar coa identificación e a preceptiva investigación xudicial ou administrativa contra os causantes. Os responsables poderían enfrontarse a un delito de malos tratos animais, con penas de prisión de ata un ano e a inhabilitación para a tenencia, comercio ou profesión relacionada con animais por un máximo de 36 meses.

En Change.org existe unha petición cidadá con máis de 161.000 firmas reclamando medidas efectivas de protección para os cabalos no territorio galego.

O Círculo de Empresarios de Galicia expresa a súa preocupación pola dispersión das instalacións portuarias de Vigo

O Círculo de Empresarios de Galicia presentou unha serie de suxestións ao Plan Estratéxico do Porto de Vigo que inclúen un “reforzo” do sistema portuario galego a través da conexión entre a Plisan (Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves) e o Porto Seco de Monforte.

Así mesmo, o Círculo propón á Autoridade Portuaria de Vigo “minimizar ao máximo o impacto urbano” da conexión entre Bouzas e o saída sur da cidade e abordar “un plan sectorial de accesos que incida nas infraestruturas de transporte e Porto en Vigo e en Redondela.

O Círculo remitiu esta semana ao Porto as súas achegas ao citado documento no que traballa a entidade portuaria, que foron elaboradas polo Foro de Urbanismo e Infraestruturas da institución empresarial.

No seu documento de suxestións, o Círculo expón ao Porto que as súas cifras en volume de transporte de mercancías por ferrocarril “son moi pobres” e colócano” á cola dos portos españois”.

Unha situación que podería derivar en conxestión “se non se desenvolve un adecuado proxecto de transporte ferroviario”, apuntan, “e verse agravada pola próxima construción da plataforma loxística de Vila Nova de Famalicãou que dará servizo a Leixõé”.

Neste sentido, o Círculo considera que o plan do Porto de Vigo pode “contribuír a bosquexar un proxecto que garanta volume suficiente de carga ferroviaria desde Galicia”. Por iso aposta pola conexión entre a Plisan e o Porto Seco de Monforte vía Ourense, “xa que Monforte tamén dá saída aos portos de Ferrol e A Coruña vía Lugo”.

Por outra banda, o Círculo considera conveniente que a Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo “analicen conxuntamente” unha opción intermedia para o proxecto de construír unha ponte na ensenada de Bouzas cunha vía que iría en túnel pola avenida de Europa e seguiría por Coia e Travesas ata enlazar co saída sur da cidade á altura da avenida de Madrid.

“Un trazado intermedio”, sinalan desde o Círculo, “podería minimizar o impacto urbano, á vez que permitiría analizar a executabilidade técnica do proxecto atendendo ás cotas e pendentes”.

Deste xeito, para a entidade empresarial “o desenvolvemento dun trazado óptimo entre Bouzas e o saída sur pode constituír a base dun proxecto metropolitano de viaxeiros inicialmente posible dado que as interferencias co transporte de mercancías serían mínimas”.

Finalmente, o Círculo mostra a súa preocupación pola dispersión das instalacións portuarias de Vigo e os consecuentes custos que esta circunstancia trae consigo para as empresas.

Por iso, o Círculo aposta por “solucións estratéxicas a longo prazo” e expón ao Porto “a posibilidade de traballar nun plan sectorial de accesos a Vigo, de carácter supramunicipal, que contemple as actuacións necesarias en materia de comunicacións”.

Este plan sectorial de accesos tería unha “especial incidencia”, segundo apuntan desde a institución, “nas infraestruturas de transporte e porto” tanto en Vigo como en Redondela.

Detido en Vigo tras entrar na vivenda dunha muller, que tivo que refuxiarse no baño

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de Marrocos, M.E.G., de 35 anos de idade, como presunto autor dun delito de violación de morada, tras introducirse na vivenda dunha coñecida, a pesar de que ela lle requiriu para que se fose. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite deste mércores, cando unha muller chamou ao 092 para alertar de que unha veciña súa estaba a pedir auxilio porque un home entrara na súa casa.

Cando chegaron os axentes á casa, comprobaron que o portal de acceso estaba pechado e rubiron o muro para entrar. Unha vez no xardín saíu ao seu encontro unha muller, moi nerviosa e incapaz de articular palabra, en estado de ansiedade. Segundo explicou, estaba a facer tarefas domésticas no seu domicilio cando viu a silueta dun home no xardín. Ao cabo dun momento deuse conta de que era un home ao que coñecía, aínda que facía máis dun ano que non o vía nin tiña contacto con el, e comezou a gritarlle para que se fose.

Lonxe de irse, o home foise achegando a ela e entrou na vivenda, polo que a muller refuxiouse no baño e chamou á súa veciña para pedir axuda. Os policías comprobaron que o sospeitoso se atopaba nese momento na vivenda, no salón, e procederon á súa detención por un suposto delito de violación de morada.

Andrés Touceda, mestre montador de moscas: algunhas delas levan 300 horas de traballo

Andrés Touceda, veciño de Vigo, é un experto montador de moscas para a pesca, máis coñecido fóra das nosas fronteiras que dentro. As súas pezas son tan realistas que necesita centos de horas de elaboración para acadar un resultado que chame a atención non só dos peixes, senón tamén do espectador.

P- Como chegastes a esta afección?

R-  Gustábame a pesca con mosca, e coma calquera outro intentaba facer imitacións para enganar ás presas.

A tradición da montaxe de moscas remóntase aos exipcios, que colocan plumas nos anzois. En toda Europa e Asia está rexistrada historicamente a montaxe de moscas artificiais para a pesca.

En canto á difusión deste coñecemento, en Europa destacou o Manuscrito de Astorga, o cal explica que moscas funcionan e cales non, entre outros aspectos clave da práctica. O manuscrito orixinal, que estaba en posesión de Franco, perdeuse, segundo alegan os seus herdeiros, ao queimarse o pazo de Meirás.

Andres Touceda
Andres Touceda, experto montador de moscas realistas /Miguel Nuñez

P- Existen outras versións do acontecido?

R- Si. Outras voces, en cambio, defenden que o manuscrito orixinal vendeuse. Outro volume de referencia é “O perfecto pescador”, de orixe inglesa, algo anterior. A literatura inglesa é importante porque tiveron unha gran cantidade de colonias, así coma diñeiro e tempo para dedicar a hobbies. Así que aprenderon moito sobre a técnica adecuada para a pesca con mosca, e difundiron o seu coñecemento por Europa, influíndonos enormemente.

Pero son coñecementos baseados nos ríos ingleses, moi distintos do resto. Si que son parecidos a algúns dos ríos da provincia de Lugo, parados e con lodo no fondo, pero no resto de Galicia, en cambio, estes son moi curtos e con moita pedra.

Moscas realistas de rio
Moscas creadas por Andres Touceda /Miguel Nuñez

P- Entón, comezou a buscar un sistema adaptado á nosa contorna.

R- Ao comezo, eu utilizaba, seguindo a tradición, insectos acuáticos, sempre cunha base de montaxe tradicional con plumas. Co tempo, comezaría a empregar os materiais modernos que ofrece a tecnoloxía, plásticos cunhas características fantásticas.

Pero ademais un día, tentando pescar con moscas tradicionais, despois de toda a xornada non tivera éxito. Porque a tradición non contaba cos insectos terrestres, coma os escaravellos. Pero ese día utilicei un e cambiou totalmente a miña visión do asunto, polo éxito, ao fin, daquelas capturas.

Moscas de Rio
Moscas do Experto Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Hai varios tipos de moscas?

R- Existen gradacións; os cebos que só imitan a forma, os que intentan achegarse un chisco máis á realidade e os que directamente buscan reproducila.

Utilízanse moito as plumas porque teñen debuxos moi similares á pel de varios insectos. E o obxectivo é imitar a un insecto, un pez, ou unha rata; reproducir, sexa cal sexa, a comida dos peces.

E a norma non escrita mandaba utilizar moscas de río, sendo o camiño de Santiago unha vía de transmisión importantísima. O peregrino baixaba desde Europa pescando nos ríos, e a súa tradición arraigou.

Andres touceda dando unha charla
Andres Touceda dando unha charla sobre a sua pasion as moscas realistas de rio /Miguel Nuñez

P-Unha tradición que non era tan válida para Galicia.

R- Eu decateime de que os nosos ríos son moi distintos e as nosas troitas estaban acostumadas aos grilos, os escaravellos, saltóns… Ao ser ríos con fondo de pedra, e regulados por centrais hidroeléctricas, que os secan durante horas, os insectos métense no leito e cando chega a riada pode que non dispoñan de tempo para escapar. Así que o hábito alimentario das troitas galegas cambiou.

Pesca Moscas
Moscas Realistas do experto Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Como conseguiches abrir unha senda propia?

R- Investiguei información canadense e estadounidense, busquei o meu propio material e esforceime en construír o meu camiño. Despois dalgúns malos intentos, comezo a ensinar en sociedade a miña obra, intentando innovar e crear sempre novos patróns, non imitar.

Tendo en mente reproducir do xeito máis fiel posible o tacto, a forma, a textura dos insectos; para que, cando o peixe sinta o anzol na boca, non o cuspa. Os primeiros foron horrorosos, cada vez volvéronse máis cribles.

Moscas Realistas para pesca
Moscas Realistas de Andres Touceda /Miguel Nuñez

P- Continúan a ser moscas para a pesca?

R- Non, xa non pesco sequera. Cheguei  ao punto de non querer enganar aos peixes, senón a min mesmo,  acudín ao hiperrealismo. As miñas mantis non valen para a pesca porque levan 300 horas de traballo, non compensa por unha troita.

Realizo determinadas pezas se mo piden por encargo, por exemplo para exposicións, como fixen libélulas para o museo británico. Suso Cubeiro, ilustrador de contos, propúxome facer unha nécora, un camarón e un pez.

Moscas Realistas de pesca
Moscas Realistas de Andres Touceda/Miguel Nuñez

P- Que é o máis compricado de montar?

R- As alas son o máis difícil do insecto, imitar a súa cor e transparencia. A primeira mantis relixiosa que fixen foi sen alas, porque non sabía como elaboralas. Ata dous anos despois non descubrín o segredo.

P- Cal é a maior regla da montaxe de moscas?

R- Que nada vai pegado, todo vai con fíos. Se pegas algo con cola, estás facendo trampa, é a solución rápida. Hai que romper a cabeza. Tamén con barro poderías facer moldes, pero sería modelado de arxila, que non ten nada que ver, nin require dos mesmos coñecementos e habilidade.

Vin a montadores americanos colocar pezas con Loctite a un saltón. Ou facer patas cun arame. Pero iso é unha pequena estatua, non montaxe realista. Estiven de xuíz en concursos e a unha peza que acadou o primeiro premio eu lle din un 2, porque para min iso era outra cousa, dar volume a unha peza de arame.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed